11, Abril 2015

Uxío Rodríguez, a quen o BNG anunciara semanas atrás como o seu candidato á alcaldia do Concello de Piñor, concurrirá ás eleccións municipais encabezando unha Agrupación de Electores.

Tamén se desvinculan do BNG a maioria dos integrantes que tiñan comprometida a súa participación na candidatura nacionalista. O motivo son os desacordos das últimas semanas co propio BNG, según explican no seguinte comunicado, que reproducimos integramente.

Comunicado da Agrupación de Electores de Piñor

A mediados do 2014 o BNG de Piñor dirixiuse a Uxío para propoñerlle encabezar a candidatura por este Concello.

Presentada a proposta á asemblea do grupo de Piñor no mes de Novembro, aceptouse por unanimidade.

A línea de traballo que se acordou baseouse na renovación, incorporación de xente nova,dispoñibilidade, equilibrio territorial ( representación de todalas parroquias ) e relevo xeracional.

Despois de varias xuntanzas o candidato presenta unha lista que se aproba co apoio maioritario, casi unánime (coa única oposición de dous membros do BNG). Con posterioridade esas mesmas persoas insisten en impoñer a un deles no segundo posto.

Dáselle traslado á organización do BNG, insistindo en que hai risco de ruptura por esa imposición contra a maioría. A Organización non ofrece alternativa ningunha. Finalmente, o Grupo en asemblea asina un acordo que se lle traslada ó BNG, ó que tampouco resposta.

Chegados a esta situación o grupo que viñamos traballando baixo as siglas do BNG en Piñor, comunicamos a nosa desvinculación do BNG-Asembleas Abertas, optando por presentar a lista aprobada como unha Agrupación de Electores.

9, Abril 2015

A corporación aprobou, coa abstención dos socialistas, o prego de bases que regulará a concesión do contrato para a xestión do servizo municipal de axuda a domicilio.

Increméntase siñificativamente a cantidade económica que o concello carballiñés destinará ao mantemento deste servizo, pasando dun orzamento de 226.000 euros que se viñan orzamentado para este fin, aos 407.000 euros do contrato futuro, o que siñificará un importante aumento de horas na prestación deste servizo municipal.

O pleno atendeu unha moción de urxencia do grupo socialista para demandar da Xunta a apertura da Residencia de Tempo Libre durante todo o ano. O grupo socialista aceptou unha transacccional do Partido Popular e finalmente acordouse instar á Xunta de Galicia a que reciba a unha delegación do concello do Carballilño para buscar puntos de encontro cara a dinamización destas instalacións.

Tamén, por unanimidade, aprobouse unha moción do PSdeG contra a privatización dos Rexistros Civís.

A sesión plenaria foi aproveitada polos extraballadores do matadoiro para facer patente a súa protesta pola tardanza na convocatoria do concurso público para a concesión da explotación destas instalacións.

O pleno iniciouse coa toma de posesión da nova concelleira  Remedios Castro Covela, que apenas a dous meses por diante para concluir o actuál mandato municipal, sustitúe no grupo socialista a Maria Josefa Pérez, que presentara a súa renuncia no pasado mes de Xaneiro.

8, Abril 2015

Os nacionalistas incorporan esta proposta ao seu programa electoral e compromentese a traballar neste proxecto, que comezaría polos contactos cos alcaldes de concellos próximos que estarían en condicións a sumarse a esta iniciativa "como Boborás, Leiro, Beariz ou Avión, entre outros".

O candidato á alcaldía Chema Ferreiro subliñou que éste "é un proxecto tan laborioso como ambicioso, que pretende darlle un novo pulo a O Carballiño nun marco de amplas posiblidades para o turismo, o termalismo, a natureza e o emprego".

Nesa mesma liña tamén se pronunciou Marco Antonio Reboredo, número dous da candidatura do BNG no concello do Carballiño "tratase de facer políticas con miras de futuro, a longo prazo, apostando por un desenvolvemento sustentable do territorio".

Unha Reserva da Biosfera, distinción que concede a UNESCO, é unha área de ecosistemas -na actualidade están declaradas un total de seis en Galicia- na que se promove a investigación, asi como a educación ambiental e a sensibilización, unha área xeográfica na que promóvese a conservación dos recursos naturais e o desenvolvemento económico e social das comunidades locais, tendo en conta as necesidades sociais, culturais e económicas dos seus habitantes.

5, Abril 2015

O nefasto inicio de partido do Arenteiro, xa perdia 3-0 aos 25 minutos, que serían 4-0 ao descanso, condenou aos verdes á derrota na súa visita a Vigo. O Alertanavia aproveitou a paxara dos carballiñeses durante a primeira parte, e por se fora pouco, dous erros de bulto do colexiado santiagués Vidal Fonseca, para sentenciar o partido.

CD Arenteiro: Pachi, Gele, Lois, Ocampo, Dani Arbo, Dafonte, Martín Pérez, V. Gallego, Choco, Marcos Sotelo e Brais. Tamén xogaron Sanginés, Carlos, Manu e Dani Vázquez.

Goles:

1-0. Minuto 3. Pérdida de balón do Arenteiro no medio campo e os vigueses lanzan un ataque rapidísimo que culmina Victor.

2-0. Minuto 10. Dafonte golpea defectuosamente un balón dentro da área que termina atrapando Pachi, nunca pode haber intención de cesión, que sí interpreta o árbitro. Barciela executa maxistralmente o libre indirecto.

3-0.Minuto 25. Outra xogada na que o árbitro volve ser protagonista. Falta clara sobre Dafonte, que queda tendido no chan no centro do campo, os vigueses continuan o xogo e o Arenteiro, outra vez mal en defensa, facilita o terceiro gol local, obra de Kiko.

4-0. Minuto 39. Outra moi confusa xogada, o axudante de banda levanta a bandeirola sinalando unha falta sobre un dianteiro local, o árbitro -aquí acertou- aplica a lei da ventaxa e Borjita, con algo de fortuna, introduce o balón na portería de Pachi.

4-1. Minuto 66. Falta sobre a meta local que lanza Sanginés e Dani Arbo, peinado cara atrás, fai o gol da honra.

O Partido: Primeira parte "horribilis" do Arenteiro, superado en todas a liñas polo Alertanavia, que independientemente dos favores arbitrais fixeronse merecedores de ir ao descanso co partido resolto. Na segunda parte, os verdes despertaron da sesta - o horario das catro da tarde era bastante propicio- e puderon marcar algún gol máis do conseguido por Dani Arbo, pero non era a tarde do Arenteiro. Para esquecer.

2, Abril 2015

Por segunda tempada consecutiva os verdes xogarán as seminfinais da copa Deputación, desta vez tras vencer a domicilio ao Nogueira de Ramuín, nun partido que se complicou para o Arenteiro no minuto 32 da primeira parte ao quedarse con 10 xogadores no campo pola expulsión de Dafonte, por doble cartón amarelo.

CD Arenteiro: Pachi, Gele, Dani Arbo, Ocampo, Pana, Dafonte, Bardelás, Victor Gallego, Sanginés, Manu e Marcos Sotelo. Tamén xogaron Martín Pérez, Dani Vázquez, Brais e Lois.

Goles:

0-1. Aos corenta segundos de partido, gol olímpico de Marcos Sotelo, coa colaboración do meta local, ao que se lle escapou o balón.

1-1. Minuto 19. Bruno, casi sin ángulo, introduce o balón na portería de Pachi.

1-2. Minuto 75. Golazo de cabeza de Dani Vázquez a pase de Gele.

1-3. Minuto 85. Brais pelexa un balón que despois sirve sobre Bardelás, que marca a placer.

O Partido: Nin xiquera ía un minuto de xogo cando o partido se puxo de cara co gol olímpico de Marcos Sotelo, non obstante nin moito menos foi impedimento para que o Nogueira buscase con fé o gol do empate, que chegaría tamén pronto, no minuto 19. Depois, en apenas catro minuto sucedense dúas xogadas claves, primeiro no m. 28 o árbitro trágase un clarísimo penalti sobre Sanginés, e a renglón seguido, no m. 32 deixa ao Arenteiro con 10 xogadores por doble amararela a Dafonte. Cando pior parecía que se poñia o partido para o Arenteiro foi precisamente un momento de inflexión, xa que a partir dese instante o Arenteiro controlou por completo o partido, máis aínda despois de que ao cuarto da segunda parte tamén se quedase o Nogueira con 10 sobre o campo por explusión de Patas, tras unha moi fea acción sobre Marcos Sotelo. Despois sucederinase as ocasións de gol a favor do Arenteiro, aínda que houbo que esperar ao m. 75 para que marcase Dani Vázquez o segundo da tarde e deixase practicamente sentenciada a eliminatoria, á que o gol de Bardelás puxo a guinda.

1, Abril 2015

O servizo de emerxencias estará operativo a partir do lúns dia 6 de Abril, según concretou o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, unha vez que se completou o procedemento para a autorización admistrativa e a contratación do personal.

O servizo terá ámbito exclusivamente municipal, polo que é único dentro das súas características en Galicia, aínda que no caso de requerirse dende a central de emerxencias podería actúar fora do municipio.

O concello carballiñés destina ao pagamento de salarios 129.329 euros, os traballadores contratados son 12, en base á lista de contratación saída do concurso de selección feita o ano pasado para esta mesma finalidade. Daquéla, os contratos foran por 3 meses de duración, agora terán vigor durante 9 meses, ata o 31 de Decembro.

 

31, Marzo 2015

A Mancomunidade Turistica Terras do Avia, integran os concellos de Boborás, Leiro, Ribadavia e O Carballiño, ven de presentar unha aplicación que permite unha visita virtual pols catro municipios.

A APP ofrece ao visitante unha guia virtual, na que se inclúe un percorrido virtual de 360º por máis de 25 monumentos de intereses no ámbito dos catro concellos que forman parte da mancomunidade.

Prema no arquivo adxunto para coñecer a APP Terras do Avia.

30, Marzo 2015

A convocatoria de primarias de "Fai O Irixo" resolveuse coa proclamación de Florentino Pérez Bernández como candidato á alcadia  para as vindeiras eleccións municipais no concello do Irixo.

Nos seguintes postos desta candidatura veciñal figuran Silvia Fernández, Antonio Nogueira, Digna Fernández, Victor Gil, Kevin Cela, J. Alexandre Taboada, Fina Fernández e José A. Nogueira.

A candidatura está formada "por persoas que representan ben a poboación do Irixo, mulleres, persoas xubilidas, xente nova, e hai representantes de todas as zonas do concello, o que garantirá que todos os sectores terán xente próxima para informar dos seus problemas e achegar ideas e solucións para afrontalos", subliñan.

27, Marzo 2015

Os valdeorreses aproveitaronse dos fallos defensivos dos verdes para levarse de forma inobxetable os tres puntos do Estadio de Espiñedo, que rexistrou un extraordinario ambiente, completandose o aforo do graderío, arredor de mil afeccionados. Os do Barco, lider destacado da categoria, regresaron sabedores de que a terceira división está cada xornada máis preto, mentres que os do Arenteiro, resignados, ao ver como se rompía unha racha de 9 partidos consecutivos sen perder.

C.D. Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, D. López (M. Sotelo, m. 61), Escudero, Pana, Dafonte, M.Pérez, Sanginés, Choco (Ocampo, m. 61), Manu (Bardelás, m.70) e V. Gallego (Brais, m.70).

Goles:

0-1.  Minuto19. Rodri aproveita un erro da retaguardia do Arenteiro, Marcos Nieto despexa en primeira instancia pero o rexeite vaille a cabeza do dianteiro barquense que adianta ao seu equipo.

0-2.Minuto 23. Segundo fallo defensivo do Arenteiro e outra vez Rodri, como Perico por su casa, entra na área local e fai o segundo.

1-2. Minuto 33. O mellor gol da tarde, centro medido de Sanginés sobre a área e expléndido cabezazo de Manu.

1-3: Minuto 58. Outra vez Rodri, ante a pasividade do porteiro e a defensa do Arenterio.

1-4. Minuto 81. Penalti cometido por Ocampo que transforma Javier Recaman.

O Partido: Os erros de bulto na parte de atrás dos verdes facilitaron a victoria do Barco, que non necesitaron facer un gran partido, para levarse os tres puntos. O Arenteiro logrou meterse no partido co gol de Manu, aínda con moito tempo por diante, pero á volta de vestiarios, os valdeorreses sairon mellor e na segunda parte impuxeron unha superiordiade no terreo de xogo que non foron capaces de lograr nunha primeira parte moi nivelada. 

26, Marzo 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, comprometeuse a facer unha aposta firme e decidida polo turismo da vila ao chegar ao goberno, con varios proxectos como a recuperación dos paquetes turísticos nos hoteis, o deseño dunha rede turística cos concellos da comarca, a potenciación do termalismo, a natureza e o patrimonio histórico e cultural e a creación da marca Carballiño Calidade.

 Así o avanzou o candidato nunha rolda de prensa xunto ao concelleiro Manolo Dacal, na que ambos destacaron que a promoción turística é un dos motores fundamentais para a dinamización económica e o progreso futuro do Carballiño.

 Dacal lamentou “os catro anos perdidos co goberno de Marnotes” nos que non só non se fixo xestión en promoción turística, senón que se deixaron totalmente abandonados puntos fundamentais para o turismo local como son o Parque Municipal, o Museo Etnográfico, o Cámping, ou as rutas de sendeirismo, como o Camiño dos Arrieiros.

 O concelleiro criticou que Marnotes tampouco foi capaz de presentar novos reclamos, ao non poñer en marcha ningunha oferta cultural ou de ocio, mentres outros puntos de referencia como a Residencia do Tempo Libre, permanecen pechados.

Sinalou que o goberno do PP só se centrou na promoción da Festa do Pulpo, que a pesar de ser importante, non pode ser a que concentre todos os esforzos do Concello. Así, preguntouse por qué non houbo o mesmo interese na promoción da Festa dos Maiores, que se deixou esmorecer, ou en programas como os Xeodestinos e Galicia Central, ou iniciativas como a Mancomunidade de Terras do Avia.

Ante a proximidade da Semana Santa, os socialistas tamén lamentaron a única promoción do turismo relixioso, agradecendo á Cofradía do Carballiño o seu esforzo neste eido, pero que non é incompatible cunha proposta de ocio e turismo do Concello que pode incluír outras actividades ou ofertas hoteleiras.

Fumega avanzou que unha das iniciativas que o PSdeG levará a cabo ao chegar ao goberno será a oferta de paquetes turísticos de actividades e aloxamento para fins de semana e datas festivas, xa que “é un investimento que ten retorno e que dinamiza a hostalaría e o comercio, non é un investimento improdutivo como outros moitos que leva feito o goberno do PP”.

Destacou tamén a importancia do termalismo e avanzou o obxectivo de incluír ao Carballiño no programa europeo de Saúde Termal. “Se queremos apostar polo turismo termal e de natureza, temos que dinamizar os balnearios e a Residencia do Tempo Libre e non podemos ter os espazos naturais abandonados”, sinalou.

O  candidato socialista propón ademais o deseño dunha rede turística en colaboración cos concellos da comarca, xa que “temos unha enorme riqueza de patrimonio histórico, natural e gastronómico” con lugares de gran atractivo como o Mosteiro de Oseira ou o Castro de San Cibrán, que poden ir acompañados dunha oferta que faga que os visitantes non veñan un só día.

Para elo, avanzou a creación da marca  “Carballiño Calidade” e da creación dun Servizo Municipal de Turismo que será o encargado de organizar por exemplo visitas didácticas de centros escolares, feiras temáticas ou propostas como os domingos gastronómicos; acompañado da promoción axeitada do Cámping municipal e da aposta polas empresas turísticas locais e a súa profesionalización.

“Non  podemos quedarnos quietos cando O Carballiño encabeza o paro e a perda de poboación desta provincia”, dixo e destacou a importancia de superar a barreira dos 15.000 habitantes, “un obxectivo que só pode vir acompañado da revitalización económica, que está directamente ligada ao turismo”. Por elo, defendeu que “en lugar de mirar para outro lado, como fixo o goberno actual, os socialistas temos clara  a importancia do turismo para dinamizar a economía, e dedicaremos os recursos e esforzos necesarios para conseguilo”. 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS