9, Outubro 2014

Nota informativa do Concello

Tal e como anunciara o alcalde do Carballiño, tras a publicación na web municipal do avance do PXOM , ao pasar a tempada estival,  o concello organiza charlas informativas sobre este avance en todas as parroquias do municipio, así como nas asociacións veciñais do municipio.

Esta primeira charla tivo lugar no  centro social de Cabanelas, e a ela asistiron o alcalde do Carballiño, o edil de Obras, e o arquitecto municipal. O obxectivo desta charla, e das posteriores, é a de dar a coñecer a todos os veciños os termos do avance, explicado por técnicos competentes nesta materia, para poder obter o maior número de suxestións por parte dos veciños e propietarios de terreos e edificacións en cada zona.

Con este achegamento directo aos veciños o alcalde pretende achegar a este avance, que non terá que presentarse na Xunta de Galicia ata finais de 2015, o maior número de ideas e, sobre todo, a opinión que cada veciño e propietario poida ofrecer da súa zona xa que, ao ser os que mellor a coñecen, poder realizar un traballo participativo e o máis próximo ao usuario.

Estas charlas sucederanse todos os martes e xoves. Para este 9 de Outubro ás 20:00 horas no local social de Banga. A semana que ven, o martes 14 terá lugar en Baron e o xoves 16 en Sagra, para finalizar este primeiro período de charlas o martes 21 en Mesego e o xoves 23 en Partovia. Todas as charlas terán lugar no local social de cada parroquia, ás 20:00 horas.

Dende o concello solicítase a presenza do maior número de veciños, para poder achegar o maior número de opinións a este. Non obstante os veciños que non poidan acudir a estas charlas, poderán informarse directamente no departamento de Obras do concello carballiñés.

Comunicado dos Socialistas

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño cuestiona as xuntanzas veciñais que iniciou esta semana o goberno local para explicar nas parroquias o  PXOM, ao considerar que non son máis que un “paripé” que Marnotes decidiu facer despois de meses escondéndose para non enfrontarse aos veciños e tras negarse a anular o proxecto.

Marnotes demostra que os intereses da cidadanía non son a súa prioridade, xa que mentres o PSdeG leva meses reuníndose cos veciños para informalos sobre o plan, o alcalde vaino facer cinco meses despois do anunciado.

Ademais da súa falla de palabra, Marnotes amosa unha falla de respecto absoluta polos veciños, xa que vailles a informar sobre un proxecto que tanto el como outros membros do seu goberno recoñeceron que é un desastre, pero que se negan a retirar.

Así, no pasado pleno extraordinario o PP perdeu a oportunidade de recoñecer o seu erro e empezar de novo, como propoñía o PSdeG, evitando os graves prexuízos que este ordenamento urbanístico causa a moitos veciños.

De feito, soamente na parroquia de Seoane presentáronse xa mais de 600 suxestións a este proxecto, que se converterán despois en alegacións, o que demostra o descontento existente con  e da unha idea do volume de alegacións que se van recoller. A isto hai que engadir os miles de sinaturas recollidas no Carballiño e parroquias do rural pedindo a retirada do proxecto do PXOM.

Por elo, non se entende a arrogancia deste grupo de goberno, ao que non lle importan os problemas que o PXOM lle causa aos cidadáns. Por unha banda, recoñece que o plan é desastroso pero non é capaz de tomar a decisión de paralizalo e volver a comezar de cero, cuns criterios claros e cun reparto máis xusto das zonas urbanizables, como propuxo o PSdeG.

Tampouco se entende que un alcalde que é arquitecto técnico e un concelleiro de obras que ten dedicación parcial no Concello e por tanto un soldo todos os meses, non fosen capaces de facer un seguimento do desenvolvemento do plan nestes tres anos e dos prexuízos que ía causar á maior parte da cidadanía.

.

 

 

6, Outubro 2014

As contratacións irregulares, ao menos 60, según recolle a querela da Fiscalia Superior de Galicia, levaronse a cabo no concello do Carballiño dende o ano 1999 en adiante e durante os mandatos nos que Pachi Vázquez exerceu como alcalde do Carballiño "sobre todo nos anos 2003, 2004 e 2005, nos que se viñan realizando un gran número de contratacións de persoal laboral no concello para labores de competencia municipal".

Según considera a Fiscalía os feitos "son constitutivos de cinco delitos de prevaricación continuada" e engade que "esta forma de realizar constratacións laborais supoñía unha forma de actuar sistemática no concello do Carballiño entre alcalde e concelleiro de persoal, con coñecemento mútuo, de maneira absolutamente arbitraria  atendendo exclusivamente a afinidades de tipo político, persoal ou de outro tipo non recollido no ordenamento".

O documento xudicial explica que as contratacións realizaronse "con absoluta e consciente omisión dos máis elementais principios que rexen a contratación pública".

O TSXG admitíu a trámite a querela da Fiscalía, soliitando a declaración do excalde do Carballiño, e na actualidade deputado autonómico, en calidade de "imputado".

Ademáis, a Fiscalía solicita ao Parlamento de Galicia a acreditación de Pachi Vázquez como deputado, a declaración testifical da Secrataría do concello do Carballiño, asi como de algúns dos traballadores que foron contratados durante esa etapa.

A investigación da Fiscalía iniciouse en xuño de 2013, despois dunha denuncia presentada no Xulgado do Social de Ourense por unha traballadora municipal, á que o concello carballiñés rescindira o contrato de traballo.

Pachi Vázquez proclama a súa inocencia a través dun comunicado

O exalcalde remitíu aos medios de comunicación un escrito no que afirma mostrarse sorprendido "porque a punto de cumplirse dez anos de ter sido alcalde do Carballiño se estea investigando agora a miña xestión naquel periodo" e engade que "sorprende, sobre todo, que esto se produza dias despois de anunciar a miña candidatura ás primarias do PSdG-PSOE para optar á alcaldia de Ourense".

Tamén afirma Vázquez que "esta denuncia non ten base legal, e que todo quedará totalmente aclarado porque, insisto, a miña xestión no concello do Carballiño foi impecable dende o punto de vista normativo tanto no que atinxe aos contratos como no resto da xestión municipal".

Marnotes outorgalle a "presunción de inocencia"

No transcurso dunha entrevista nesta emisora de radio e preguntado sobre este asunto, o actuál alcalde do Carballiño subliñou que "nin o grupo de goberno nin o Partido Popular teñen que ver con esta decisión xudicial, que foi iniciativa a Fiscalía". Marnotes dixo que "neste como noutros casos, e neste tamén o primeiro é creer na presunción de inocencia e deixar que a xustiza actúe".

O rexedor non ten aínda claro as posibles consecuencias que esta decisión xudicial pode ocasionar tanto ao Concello do Carballiño como aos traballadores afectados "algúns deles seguramente xa xubililados pero outros moitos aínda en activo", manifestou.

5, Outubro 2014

Noutro partido máis demostrase que ata o rabo todo é touro. Do 2-0 do Arenteiro sobre o Pontellas no minuto 90, pasamos ao 3-1 final no marcador, con dous goles no tempo de desconto, un para cada equipo. Segunda victoria consecutiva dos verdes en Espiñedo na preferente autonómica.

C.D. Arenteiro: Marcos Nieto, Carlos Escudero (Gele, m. 57), Diego López, Lois, Pana, Dafonte, Sanginés (Cote, m. 73), Victor Gallego, Dani Vázquez, Bardelás (Manu, m. 70) e Marcos Sotelo (Alex Santiago, m.81).

Goles:

1-0. Minuto 29. Dani Vázquez, libre de marca, cabecea a placer tras recibir o balón rexeitado dun defensa do Pontellas.

2-0. Minuto 45. Sanginés envia un centro ao que non acerta a rematar Dani Vázquez, pero sí Marcos Sotelo que chega coa caña preparada para marcar o segundo da tarde para o Arenteiro.

2-1. Minuto 91. José reduce distancias aproveitando a confianza da retagarda local.

3-1. Minuto 93. Gran xogada personal de Pana que pon un balón de ouro a Victor Gallego, que finiquita o encontro.

O Partido: Comezou mellor para o Pontellas que aos 6 minutos pudo adiantarse no marcador ao cometer a defensa verde un absurdo penalti, pero a pena máxima era neutralizada nunha magnífica intervención polo meta local Marcos Nieto enviando o balón a córner. Non se desconpuxo o cadro visitante, mentres o Arenteiro xogaba bastante precipitado. Asi ata o primeiro gol local, que cambeou o ritmo do partido ata o intermedio. Trala reanudación, o Pontellas tratou de achegarse á área local, aínda que sen lograr levar perigo real. Xa na recta final do partido, o Arenteiro pudo sentenciar en dúas accións de Dani Vázquez e Manu, encontrandose con sendas boas intervenciós do porteiro do Pontellas, Israel. Cando o tempo estaba cumplido chegarían os outros dous goles, un para cada equipo, e tres puntos que suman os verdes no seu casilleiro.

4, Outubro 2014

A casa da cultura do Carballiño acolleu o acto de presentación dos candidatos do Partido Popular para os comicios municipais do mes de maio de 2015.

Os actuais alcaldes de Beariz -Manuel Prado-, Boborás -Cipriano Caamaño-, O Carballiño -Argimiro Marnotes-, San Cristovo de Cea -José Luis Valladares-, Punxín -Manuel Vázquez-, O Irixo -Manuel Penedo-, e San Amaro -Ernesto Pérez- optarán a reelección nos seus respectivos concellos.

Tamén repite como candidato dos populares en Piñor, Luis González, que xa foi cabeza de cartel neste municipio en 2011.

A cara nova dos populares nestas vindeiras eleccións municipais é a de Alejandro González como candidato á alcaldia de Maside, tralo falecemento durante o actúal mandato municipal do que fora cabeza de lista do PP no concello de Maside en 2011, Casimiro Campo.

3, Outubro 2014

A oficina municipal de turismo situada na praza da Alameda pechou esta semana, unha vez que finalizou o período subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia, contabilizando durante estes meses máis de 2.000 visitas solicitando información turística da vila, a comarca e Galicia en xeral.

No informe realizado polas dúas técnicas de turismo que estiveron á fronte da oficina, destaca que a procedencia dos visitantes ao Carballiño durante os meses de verán eran, maioritariamente, de Galicia, aínda que se observou un aumento de visitantes procedentes doutras comunidades como Madrid ou Cataluña. Este número non é o total dos visitantes que tivo O Carballiño durante estes meses, xa que doadamente puideron ser máis do dobre, son soamente os que pasaron pola oficina municipal a solicitar información.

Neste sentido, a procedencia dos visitantes nacionais foi, en primeiro lugar Galicia, en segundo lugar Madrid e en terceiro lugar Cataluña. Logo, outras comunidades das que viñeron visitantes foron País Vasco, Andalucía, Valencia, Castela e León, Asturias, Castela a Mancha, Navarra, Murcia, La Rioja, Extremadura, Cantabria, Canarias, Baleares, e Aragón.

Sobre os visitantes procedentes de fóra do territorio nacional, Francia segue sendo o de maior número de visitantes, xunto con Portugal, seguidos de Alemaña e Arxentina. No que se refire á idade media dos visitantes, os maiores de 50 anos foron os que máis acudiron á vila, seguido da franxa de idade entre 40 e 50 anos, do que se detecta que é o turismo familiar o que máis atrae O Carballiño.

A maioría destes turistas chegaron ao carballiño en coches particulares, aloxándose principalmente na Residencia de Tempo Libre, nos hoteis e hostais da vila, e no cámping municipal.

No que se refire á información solicitada por estes turistas, a Veracruz segue sendo un dos puntos de atracción máis importante, e polo que máis preguntan todas as persoas que visitan O Carballiño, seguido moi de preto da solicitude de información sobre a Festa doPulpo, o Parque Municipal, e o museo etnográfico. Cabe destacar tamén o interese mostrado pola maioría dos visitantes, na tradición gastronómica da zona (con especial referencia ao polbo á feira).

Por último, do informe presentado, recóllese tamén que o número de visitantes que descubriron O Carballiño grazas ás novas tecnoloxías, internet principalmente, aumenta considerablemente, sendo as páxinas da Festa do Pulpo e do propio concello, as que máis turistas atraeron durante este verán.

Con todos estes datos, os responsables de turismo do concello doCarballiño, comproban que a expansión deste sector na vila pasa por manter as accións cara a aumentar e fixar o turismo familiar, acudindo ás feiras e certames onde este sector sexa o principal destinatario. Así mesmo acrecentar a información e difusión dos monumentos carballiñeses, principalmente o templo da Veracruz, para o que se está a estudar a posibilidade de colocar carteis informativos sobre esta obra de Pazos e, polo seu posto, seguir impulsando a Festa do Pulpo e o polbo a feira, como principal atractivo para os visitantes, e perfecto embaixador do Carballiño dentro e fóra do territorio español.

Así mesmo, e á vista deste informe, continuar a campaña de difusión da Residencia de Tempo Libre, sen abandonar o apoio aos hoteis e hostais da vila en cantas accións desenvolvan como colectivo ou a título particular.

2, Outubro 2014

Tratase dun curso práctico que "responde á demanda recollida na área da muller e especialmente dirixido a mulleres xóvenes de cara previr situacións de risco", apuntou a concelleira de Igualdade e Benestar Social Purificación Alberte.

O curso terá unha duración de 12 horas, desenvolveráse os sábados, e no mesmo ensinaránse técnicas doadas de aprender e executar ante as agresións máis comúns, en base á practica do HAP-KI DO "que non é un deporte de combate, é puramente defensa persoal", aclarou a concelleira. As incripcións poden facerse no local de Servizos Sociais, na rúa Faustino Santalices.

Doutra parte, este mesmo departamento municipal organiza un "curso de capacitación política e técnica para o persoal do concello" que ten como finalidade desenvolver as capacidades básicas para detectar a existencia de desigualdades na sociedade, e asi ir incorporando a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito das competencias municipais.

30, Setembro 2014

A sesión, convocada a instancias dos socialistas, propiciou o debate e tratamento plenario da problemática que afecta ás traballadoras do servizo municipal de axuda a domicilio e o conflicto laboral que manteñen coa empresa concesionaria do mesmo. O grupo socialista requeríu, sen éxito, ao goberno municipal para que se comprometera "na procura dunha saída e que retire a concesión á empresa ante os seus reiterados incumprimentos, que levaron ás traballadoras incluso á folga".

Outra das demandas á que puxeron voz os socialistas foi a relativa á reapertura do matadoiro, o concelleiro Adolfo Nogueira criticou "as continuas e falsas promesas incumplidas" que despois de dous anos manteñen inactivas estas instalacións. O alcalde carballiñés confirmou que a Xunta de Galicia xa autorizou ao concello para que poida convocar o concurso público que adxudicará a explotación destas instalacións, aínda que sigue pendiente a autorización de sanidade.

O PSdG tamén trasladou ao grupo de goberno "o gran descontento por un PXOM que non só condena ao rural á súa desaparición, senón que ademáis carece de claridade na aplicación dos criterios técnicos". Por elo, pediron ao goberno municipal que proceda á retirada deste proxecto. Dende o PP recordaron "que foron precisamente os socialistas os que encargaron a reforma deste plan" e o alcalde Marnotes anunciou un reaxuste nos prazos para a presentación inicial do futuro planeamento urbanístico, que se amplia agora ata finais de 2015.

As protestas contra o incremento de taxas no conservatorio profesional de música do Carbaliño e nas escolas deportivas foron outros argumentos que utilizaron os socialistas neste pleno para criticar a xestión do goberno municipal do Partido Popular.

28, Setembro 2014

Igual que o domingo anterior en Valadares, tamén en Gondomar, o Arenteiro volvía perder o partido co tempo cumplido. Coas táboas no marcador, Quiroga enviou un balón ao longueiro. Antes, o Gondomar marcara de penalti e empatara Dani Arbo para o Arenteiro, que volveu sufrir a arbitraxe escandalosamente caseira do árbitro pontevedrés José Piñeiro, que expulsou con vermella directa a Canexón- no banquiño- e Dani Arbo. 

CD Arenteiro: Marcos Nieto, Ocampo, Diego López, Dani Arbo, Pana, Dafonte, Victor Gallego, Bardelás, Sanginés, Dani Vázquez e Marcos Sotelo. Tamén xogaron Alex Santiago, Gele e Quiroga.

Goles:

1-0. Minuto 62. Suposto penalti na área local que transforma en gol Alex Rei.

1-1. Minuto 72. Libre directo sobre a portería local, Dani Arbo cun tiro raso e potente logra o empate.

2-1. Minuto 92. Tras unha boa intervención de Marcos Nieto, que rexeita en primeira instancia, o balón chega a Dani Hermida que axusta o segundo pau e marca o gol da victoria para o Gondomar.

O Partido: Con dúas partes ben diferenciadas, unha primeira de claro cor verde, o Arenteiro xogou máis e mellor que o seu rival, pero non logrou adiantarse no marcador. Na segunda parte, o Gondomar foi impoñendo o seu xogo, aínda que sen crear perigo ante a portería carballiñesa. Pola contra, o Arenteiro, unha vez que logrou o empate, pudo adiantarse por dúas veces, primeiro nun man a man co porteiro de M. Sotelo, que resolveu ben o cancerbeiro local, e despois cun cabezazo de Quiroga que petou no longueiro e foise fora. Á marxe do infortunio, e dalgúns detalles negativos -como a expulsión de Arbo-, a cara positiva é a dun equipo que polo visto esta tarde en Gondomar sigue indo a máis.    

27, Setembro 2014

A Casa da Cultura de O Carballiño,  acolleu o Congreso Local do Partido Popular do Carballiño.

A única candidatura que se presentou foi a encabezada por Argimiro Marnotes Fernández, que acadou o 97,73% de apoio dos compromisarios que depositaron os seus votos no proceso electoral interno dos populares.

Durante a súa intervención, o recén reelixido presidente local non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecer a todos os asistentes ao congreso local o apoio amosado cara a candidatura que preside. De feito, avanzou que a nova Xunta Local do PP de O Carballiño está integrada por 48 persoas, “un equipo amplo e heteroxéneo onde aunamos diferentes perspectivas, inquedanzas e sensibilidades, co cal abarcamos un certero reflexo do que precisa a cidadanía desta vila”.

Tamén lembrou Argimiro Marnotes, reelixido como presidente local, que a primeira vez que presidiu o PP local, en 2010, “tamén constituimos un equipo amplo e fumos encadenando victorias electorais en todos e cada un dos procesos aos que concurrimos”. Por iso mesmo, o obxectivo a curto prazo “é seguir traballando en facer partido, fortalecer o noso equipo e apuntalar a nosa hexemonía no que a preferencias políticas dos cidadáns de O Carballiño se refire”.

Neste senso tamén se pronunciou o secretario xeral do PP de Galicia, Alfonso Rueda, quen agradeceu "o intenso traballo que realizan os populares da Vila do Arenteiro".

Xa no discurso de clausura do Congreso Local de O Carballiño, o presidente provincial dos populares ourensáns, Manuel Baltar, destacou "a fortaleza do PP a nivel local presidido por Argimiro Marnotes" e recalcou que o PP "é unha garantía de éxito para acadar melloras na calidade de vida no Carballiño, onde a cooperación, o traballo, a xestión e as ideas son o básico deste proxecto”.

25, Setembro 2014

A entidade cineclubista carballiñesa inicia a nova tempada con varias novidades. Entre elas,a ampliación do equipo directivo de Cineclub Carballiño, sendo esto de vital importancia, xa que supón a chegada de xente xove con ideas frescas que, de seguro, van contribuír a unha mellor e máis variada programación e a unha maior capacidade para facer actividades ao longo do ano.

Ademáis, os responsables do Cine Club afirman contar "cun maior e decidido apoio por parte do Concello do Carballiño, que esperamos continúe e incluso se incremente no futuro. Este apoio danos unha estabilidade e seguridade que cremos imprescindible á hora de desenvolver os nosos proxectos".

Cara o público, outra das novidades para a nova tempada é que este ano "so podemos vender bonos de socio ou entradas para cada sesión.NON haberá bonos anuais nin mensuais, debido a que nolo esixe o ICAA (Instituto do Cine e das Artes Audiovisuais), dependente do Ministerio de Cultura, que nos obriga a ter un cómputo de entradas en cada sesión mediante un sistema de taquilla no que non ten cabida a existencia de bonos", aseguran.

Os prezos das entradas seguirán sendo "moderados", 5 € para traballadores,. 3 € para parados, xubilados e estudantes.Este ano seguirán vendendo durante as sesións, libros e películas, pero tamén camisetas e mochilas cun deseño especial que inclúe o logo do Cineclube. Tamén farán rifas para entrar no sorteo de lotes de libros, películas en DVD e Blu - Ray, camisetas e outros materiais relacionados có cine. Coa súa venda pretendese recadar fondos e tamén dar publicidade e visibilidade ao  traballo que desenvolve o Cine Club.

Finalmente, trataráse de potenciar o cine infantil e xuvenil.  Estes dias atrás programouse un ciclo que tivo lugar nas festas do setembro en colaboración coa comisión de festas, ao que asistiron 314 espectadores en catro sesións, "o cal foi un resultado satisfactorio para nós. A nosa intención é que poida haber polo menos unha sesión ao mes durante o outono e o inverno, e tamén algún ciclo máis coincidindo coas épocas de vacacións dos rapaces e rapazas", informan dende a entidade cineclubista.

A nova tempada abrese este venres no auditorio do Carballiño coa proxección da película "NYMPHOMANIAC ll", en sesións ás 20 e 23 horas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS