24, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O I Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU), organizado polo Xacobeo 2010, levará durante os días 3, 4 e 5 de setembro ó concello de Cea a formacións musicais de distintos puntos do mundo que participarán nun evento novidoso co baile como protagonista. O innovador proxecto pretende convertir a Cea no escaparate das mellores orquestras a nivel mundial. Desta maneira, o evento, acollerá orquestras de distintos tipos e procedencias, ata un total de 11, entre as que se encontran a Orchestre National de Barbès (Francia), a Billo's Caracas Boys (Venezuela), Roy Paci & Aretuska (Italia) e as galegas Sintonía de Vigo e Olympus, entre outras. Paralelamente ó evento musical, a festa complétase con outras actividades como unha exposición sobre a historia das orquestras de baile en Galicia que estará distribuida pola localidade de Cea, un mercado popular e coloquios, así como un aparcamento e zona de acampada libre de case 10.000 m2 e 408 prazas. Os interesados pódense apuntar enviando a folla de inscripción que se atopa na propia páxina web do concello.

Durante os tres días, a programación iniciarase ás 13:30 horas coa sesión vermú, que dará paso, ás 20:00 horas, ós "Clásicos Latinos" e ás 23:00 horas ás "Orquestras do mundo". Así mesmo, á 1:00 horas terá lugar unha sesión verbena coas orquestras galegas e, a partir das 3:00 en adiante, unha festa cun dj. Trátase dun festival que responde ó estilo festeiro que nos caracteriza ós galegos. Un novo concepto que conxuga o formato tradicional da verbena popular cos actuais eventos musicais de masas. A gran foliada será grabada para un documental que recollerá a orixe e a evolución das miles de verbenas populares de Galicia e os momentos estelares do Festival.

23, Agosto 2010

A quinta festa da Asociación de Comerciantes e Empresarios de O Carballiño, terá como protagonista este ano a empresa "Frigoríficos Florindo e Hijos S.L." que recibirá o "Premio Azougue 2010". O premio recoñece a traxectoria profesional da empresa que foi fundada en Arcos hai preto de 50 anos por Florindo González Otero e que segue en mans dos seus fillos, Floro e Suso. A empresa cumpre cos requisitos axeitados para recibir dito galardón pola súa antigüidade, o alto número de empregos directos que ofrece e o alto grao de internacionalización con presencia en diferentes países como Chile, China, Japón, Malasia e Estados Unidos, e que según anunciaba Adolfo Nogueira, con "perspectiva de seguir crecendo"  O premio entregarase o vindeiro 3 de setembro nunha cea que se celebrará no restaurante O Pote. O prezo da entrada terá un custo de 20 euros e poderase adquirir en diferentes establecementos de O Carballiño, na Confitería Cerviño, en Establecementos Celta, en Hipercalzados e na Sastrería Pájaro. Manolo Blanco facía unha petición a tódolos comerciantes que asistan, "de levar un obsequio á dita cena".

20, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) A Casa do Concello acolleu o acto de presentación da programación das Festas do San Cibrao que se celebrarán do 14 o 19 de setembro no Carballiño. A gran aposta deste ano serán as orquestras, en lugar dos concertos que ata este ano eran o sinal de identidade dos festexos. Pero a actuación das mellores orquestras de Galicia non será a única novidade para este ano, senón que tamén apostan pola animación diaria con diferentes charangas, bandas de música, gaiteiros e actividades para os máis cativos. Previa á celebración dos festexos, o día 11 e 12 de setembro terá lugar o festival "Likorkafest 2010" coa actuación de diferentes grupos locais noveis de rock e rap na Praza das Monxas. O martes día 14 darán comezo as Festas na honra do San Cibrao coa inauguración do tradicional Alumeado Artístico ás 22:00 horas. O mércores día 15 terá lugar o pregón popular a cargo do "Humorista Campos" e a partir deste día e ata o 19 as verbeas correrán a cargo das mellores orquestras de Galicia. Paris de Noia, Gran Parada, Panorama, La Oca, Olympus, Tekila, Nova Palma, Filadelfia e Sintonía de Vigo serán as encargadas de amenizar as noites durante estes días festivos. Unha gran cambio onde se aposta polas orquestras debido a gran experiencia acadada en edicións anteriores, apuntaba o alcalde de O Carballliño, Carlos Montes. As diferentes actuacións terán lugar na Praza Maior, aquelas que conten cun palco de grandes características, e na Pista Roxa, o resto. As actuacións musicais deixarán un oco para outras actividades de ocio, culturais e deportivas. A tradicional Feira de Artesanía durantes os días 16, 17,18 e 19 e a "4º proba puntuable do Campionato Galego de Trial 4x4 na Comunal de Pol, serán algunha delas. A gran tirada de fogos realizarase os días 16 e 17 a cargo da Pirotecnia "Penide" e "La Gallega". Juan Nogueira, representante da comisión de festas, agradecía ós patrocinadores, colaboradores, comerciantes e persoas do pobo "a súa colaboración nun ano tan delicado como este" e onde contan cun orzamento de 130.000 euros.

20, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O vindeiro 22 de agosto celébrase en Maside a XXIII edición da Festa do Cabalo. Trátase dun concello que sempre tivo unha gran relación co cabalo, debido primordialmente á súa situación, nun cruce de camiños, por iso tal vez, houbo tantos arrieiros e comerciantes que enriba de mulas ou cabalos percorrían a nosa comunidade levando viño do Ribeiro ás vilas máis alonxadas de Galicia, das que a cambio traían xamóns e diferentes obxectos. Pero non so iso, senón que Maside tamén é terra de tratantes de gando ou feirantes que coa súa gorra, chaqueta negra e tixolas recorrían Galicia nas súas bestas en busca do mellor gando. Os descendentes dos antigos arrieiros gardaron sempre un gran cariño a dito animal e por iso, no ano 1988 decidiron organizar a I Festa do Cabalo de Maside, na paraxe natural do Puzo do Lago. Unha festa que non so desperta interese a nivel rexional ou autonómico, senón tamén nacional e internacional, a Festa do Cabalo de Maside é a festa cabalar continuada máis antiga que se celebra en toda Galicia. Os cabalos convértense durante un día nos auténticos protagonistas das máis diversas probas, as cales a organización intenta variar e innovar ano tras ano.

Joaquín Rodríguez, presidente da asociación do cabalo "Puzo do Lago", adiantou nos micrófonos da Cope o programa previsto para este ano. Ás 9:30 da mañá será a recepción dos animais e a apertura de inscripción para as diferentes probas, pero a xornada festiva dará comezo ás 10:00 horas con concursos morfolóxicos e cabalos do país. Éguas do País, Éguas Cruzadas, Cabalos de Pura Raza Española, Cabalos de Pura Raza Árabe, Éguas de Pura Raza Árabe, Andadura a dous tempos, Andadura de cabalos trotóns e Arrastre conforman a programación matinal que culminará a mediodía, ó redor das 14:00 horas cun xantar popular con posibilidade de degustar carne de poldro, o que converte esta festa cabalar tamén nunha xuntanza gastronómica. Ás 16:00 horas reanudarase a xornada festiva cunha ximkana para os máis cativos onde haberá trofeos para os cinco primeiros participantes. Ás 16:30 horas reanudaranse as probas con diferentes carreiras de cabalos trotóns, cabalos trotóns con carro, carreira de burros, carreira de cabalo de País, carreira de cabalos cruzados e carreira de cabalos de puro sangue inglés serán o atractivo para a tarde do domingo que rematará ás 19:30 cun sorteo dun magnífico potro. Finalmente ás 8 da tarde terá lugar a entrega de premios. En cada unha das probas haberá 3 premios de 100, 60 e 40 euros respectivamente acompañados dun trofeo. Unha festa que organiza a Asociación do Cabalo "Puzo do Lago" en colaboración co Concello de Maside e que este ano está adicada a Moncho Dalama, un dos grandes impulsores da festa, falecido hai un mes. Joaquín Rodríguez recordaba a súa figura como un peso importante da festa que fixo que progresara e se asentara nas súas primeiras edicións.

19, Agosto 2010

 (Redacción. Rocio Campos) A Casa do Concello de O Carballiño acolleu a renovación do convenio en materia de política da muller que leva a cabo o concello de O carballiño, xunto cos de Piñor, Punxín, Maside e Boborás.  Ó acto acudiron os alcaldes de ditos concellos, coa excepción do alcalde de Boborás, o cal non puido asistir, pero que fixo a súa asinación en días anteriores. Tratáse dun servizo, apuntaba o alcalde de O Carballiño Carlos Montes, de obrigado cumprimento porque o demanda a sociedade de hoxe en día. O servizo ten como finalidade a atención ás mulleres en tódolos aspectos e conta nas súas instalacións con persoas especializadas, entre elas unha psicóloga e unha avogada. A día de hoxe, o Centro de Información á Muller suma 136 expedientes abertos, dos cales 70 deles son de violencia de xénero. O convenio entre os diferentes concellos facilitará os medios económicos por parte da Xunta de Galicia para levar adiante este servizo, o cal so ten custo algún para o concello de O Carballiño, xa que ó resto dos concellos adscritos so se lle pide colaboración e compromiso coa causa, apuntaba a Concelleira de servizos sociais, Aúrea Francisco. O orzamento deste ano alcanza os 30.000 euros, que no caso de verse reducido coas vindeiras eleccións seguirán poñendo todo da súa man para traballar na materia.

19, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O Mosteiro de Aciveiro, no concello de Forcarei, foi o lugar elexido para acoller o derradeiro acto de presentación da XXXI edición da Festa do Gaiteiro que se celebra o vindeiro 21 de agosto en Soutelo de Montes. Ata alí achegáronse os micrófonos da Cope para recoller a información de primeira man.  No acto de presentación estivo o alcalde do concello, David Raposeiras, acompañado polo concelleiro de Cultura, Francisco Rozados "Rochi" e por Cristina de Andrés, en representación do despacho no que o concello delegou este ano dotar dunha maior proxección a festa co obxectivo de que sea declarada de Interese Turístico Galego. De feito, foi esta iniciativa a que levou ó concello a presentala na Casa da Galicia de Madrid, no Centro Cultural de Ourense, no Hostal Pazo los Escudos de Vigo e no Hostal de Los Reyes Católicos en Santiago. Raposeiras destacou que a celebración de todas as presentacións suscitaron "sensacións e emoción moi profundas" en todos os presentes. O empresario soutelano, José Manuel Otero Alonso, presidente do Grupo Puentes y Calzadas, será o primeiro embaixador da Festa do Gaiteiro, que como anunciaba Raposeiras é un gran defensor alá por onde vai do plato gastronómico por excelencia de Forcarei "a richada". Xosé Luis Barreiro Rivas "Fillo Predilecto de Forcarei" e gran escritor e politólogo exercerá, pola contra, de pregoeiro da festa. Por último o alcalde destacou que o presuposto deste ano está en torno ós 40.000 ou 50.000 euros. Señalou a "austeridade" coa que se programou este ano a festa e o abaratamento mediante o intercambio de agrupacións.

As actividades programadas para a Festa do Gaiteiro comezarán xa a víspera, co concerto do grupo folk "Fía Na Roca" o venres ás 23:00 horas na Praza da Igrexa. Pero o día grande espérase o sábado. As 10:00 horas comezará un pasacalles de bandas de gaitas, o pregón, a entrega de medallas do Gaiteiro, a imposición do título de Embaixador da festa e a intervención da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, conforman a programación matinal, que culminará ó mediodía co trailer da campaña Gadis que realiza un "cásting" para elexir ó "Super Gaiteiro". Pola tarde terá lugar o XII Concurso de gaiteiros solistas Avelino Cachafeiro "Gaiteiro de Soutelo". A partir das 22:30 horas haberá un concerto en homenaxe a José Firvida Cachafeiro "Maduro" coas actuacións de Lume na Lareira e os Diplomáticos do Acordeón.

Francisco Rozados "Rochi" falou da importante figura de Avelino Cachafeiro que tanto ten que ver na celebración desta festa. Cachafeiro naceu en 1899 e foi un home polifacético que non so destacou no mundo da música, senón que tamén foi un importante tallista, escultor, pintor, empresario e poeta. Con ta so 25 anos foi considerado o mellor gaiteiro e tivo ocasión de tocar en lugar tan emblemáticos como a apertura das Olimpíadas de Amberes ou no Teatro de Avenida de Bos Aires. Pero a Festa do Gaiteiro non é a única das actividades que se inclúe dentro do "verán cultural", senón que hai un amplo abanico de actividades lúdicas e culturais para todos os gusto e idades. A presentación, o 27 de agosto, da XIII edición da Revista Cotaredo, exposición das pinturas de Mario Rodríguez, exposición de fotografía "Forcarei en Cores" de Pancho Rodiño e Francisco Rozados, diferentes xogos infantís como a festa da espuma e a táboa de surf, festa da bicicleta para nenos e nenas, noite folk e noite rock en Forcarei o 27 de agosto, Festa das Dores en Forcarei do 27-30 de agosto  son algunhas das actividades que se incluén dentro do programa que remata o día 4 de setembro coa actuación de Xestreu no festival folk Churruchao de Presqueiras.

O concelleiro de urbanismo, comercio, industria e turismo, José González, apuntaba o crecemento industrial que se esta vivindo na zona, en concreto no polígono industrial de Vilapouca onde o que se pretende e que as empresas se asenten en Forcarei para non perder poboación e crear postos de traballos. Na área xa hai seis empresas asentadas e na parte nova do polígono xa están vendidas a case totalidade das parcelas. A última empresa en abrir foi ABCR, unha aposta arriscada polo dificultade de conseguir os terreos, pero que foi positiva porque se trata dunha empresa líder no seu segmento. Pero non so se pode falar do polígono de Vilapouca senón que nos últimos anos foron moitas as infraestructuras que deron a luz no concello como a residencia de anciáns en Forcarei, a nova gardería infantil, o Observatorio Astronómico Público situado en As Casetas e o Circuito de Kárting en A Magdalena que este ano albergou probas de alto nivel como o Campionato de  España "Supermotard"

Un concello situado no centro da comarca Deza-Tabeirós que conta con diferentes atractivos como o Mosteiro de Aciveiro, diferentes rutas de sendeirismo polas beiras do río Lerez, paraxes de casas rurais e ante todo unha boa gastronomía nun entorno único.

16, Agosto 2010

O concello de Boborás organiza para os días 11 e 12 de setembro unha excursión a Portugal para visitar lugares tan emblemáticos como o Santuario de Fátima, Coimbra ou Aveiro, entre outras. A saída está programada para o vindeiro día 11 desde o Colexio Público de Boborás. Farase unha parada na cidade de Braga e entorno ó mediodía está prevista a comida na localidade de Fátima, onde se visitará o Santuario de Fátima e máis tarde a localidade veciña de Nazaré. A cea será no hotel Católica. O día 12 pola mañá terá lugar unha visita guiada ós monasterios de Alcobaza e Batalha e rematarase a viaxe cunha visita ás cidades de Coimbra e Aveiro, co fin de chegar o lugar de residencia arredor as 23.00 horas do mesmo día. O custo da viaxe é de 70 euros para as persoas empadroadas no municipio, xa que o concello subvencionará o 50% do custo. Para aquelas persoas que non estean empadroadas e queiran asistir, o custo será de 100 euros. O prezo inclúe a viaxe de ida e volta, aloxamento e almorzo no hotel, xantar e cea do sábado, xantar do domingo, as visitas guiadas e o seguro de viaxe. Aquelas persoas interesadas poden facer a súa inscripción no concello antes do día 3 de setembro.

13, Agosto 2010

Un veciño da urbanización de Outeiro Grande, en Maside, que corresponde ás iniciais J.A.I.A. denuncia que autores descoñecidos, tras forzar a porta de entrada ó recinto da empresa, así como tamén a porta da nave,  roubaron do interior un camión cunha grúa da marca Volvo de cor branco e franxas vermellas o pasado xoves de madrugada, entre as 23:00 e as 00:30 horas. O camión que se atopaba cargado con aparatos sanitarios e grifería estaba no interior da nave aberto, pero sen chaves no seu interior. O camión valórano nuns 45.000 euros, o material sustraído nuns 9000 euros, mentres que os danos ocasionados en 1000 euros.

13, Agosto 2010

A Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, xunto co Delegado Territorial, Rogelio Martínez González e o Xefe Territorial da Consellería de Traballo, José Sela Souto visitaron Avión con motivo da nova Residencia de Maiores "Alvetus" onde o alcalde do concello, Antonio Montero e a Directora do Centro, Eva Campo os esperaban á súa chegada para recorrer ás novas instalacións do centro. Esta residencia de maiores pasa a formar parte do Centro  Integral de Servicios Sociais "Alvetus", que desta maneira se converte nun gran complexo residencial e de servizos sociais para persoas maiores ou dependentes. Con esta nova residencia cérrase o círculo sobre as posibilidades tanto de vellez como de dependencia sen sair do concello, xa que dende que abra as súas portas terán á disposición dos cidadáns tódolos equipamentos posibles según os grados de dependencia previstas. Despois da visita da Secretaria Xeral de Familia e Benestar, os veciños de Avión terán a oportunidade de coñecer a fondo a nova residencia durante unha semana completa, desde este venres 13 de agosto ata o vindeiro 30 de agosto, incluido a fin de semana tanto en horario de mañá como de tarde. Un servicio que serve de modelo para outras localidades, xa que ademais de cubrir as necesidades tanto de vellez como de dependencia creou ata agora máis de vinte postos de traballo, ocupados a inmensa maioría por xente de Avión, e que está previsto aumentar a plantilla con este novo equipamento que empezará a funcionar en moi pouco tempo.

13, Agosto 2010

(Redacción. Rocío Campos) O programa que cada venres de verán emite Cope O Carballiño de forma itinerante, estivo esta semana adicado ó concello de Carballedo, na provincia de Lugo. Aínda que pertence a outra provincia é certo que Carballedo está intimamente ligado co concello de O Carballiño, tanto na súa raíz toponímica como na escasa media hora que separa a ambos núcleos de poboación. Os dous concellos fan honor ó seu nome, xa que están bañados de carballos e outra vexetación típica de Galicia. O concello ten a súa capitalidade municipal na localidade de A Barrela, e hoxe mesmo celebra a súa feira mensual. Ó longo de todo o programa tivemos a ocasión de falar con diferentes traballadores do concello, entre eles co seu alcalde Julio Yebra-Pimentel. O alcalde aseguraba que Carballedo é un pobo moi rural que conta con moitos núcleos de poboación e que en parte segue vivo gracias á colaboración de tódolos traballadores do concello. O medio rural galego está sufrindo unha gran recesión debido a que se concentra todo nas grandes cidades. Hoxe en día é moi difícil manter un concello con estas características onde desde o concello non se pode planificar, xa que sempre están pendentes doutras administracións. Dende o programa pide a colaboración cidadán, xa que o que "non se pode pretender é que o concello solucione todo". O polígono industrial que verá a luz unha vez que remate a autovía axudará ó asentamento da poboación que tanto necesita o pobo. Pero esto non parece algo inmediato, xa que as obras da autovía Ourense-Lugo quedaron paralizadas nos últimos días.  Unha grave situación para o concello nesta época estival que demostra unha gran improvisación neste tipo de obras e que desta maneira teñen que buscar outras alternativas para o tramo dende A Grela-A Barrela, xa que afecta ó nexo de comunicación entre as comarcas de O Carballiño e O Ribeiro. Pero a paralización da obra non so afecta á comunicación entre as diferentes vilas, senón tamén perxudica ós ríos, á fauna e á flora. 

Outro dos convidados ó programa foi Jesús Fernández Dorego, un artista de renome que viviu durante trinta e oito anos en Madrid, pero que voltou a súa terra xa que nunca se considerou da capital de España. Entre os traballos que realiza destaca a talla en pedra, madeira e colmillos de elefante.  Jesús asegurou que nos 139 km2 cos que conta o concello podemos atopar unha importante mostra arquitectónica relixiosa e un dos primeiros testimonios do cristianismo en Galicia. Nunha pequena igrexa da parroquia de Temes achouse un sarcófago que data do s. IV. Jesús tamén nos falou do carballo máis lonxevo de Europa, o cal ten  máis de 1500 anos de antigüidade, 34 metros de altura e que produce unha sombra de 630 m2.

Elvira Fernández González é unha das propietarias do Hotel Río Bubal, o cal se atopa na entrada de A Barrela indo dende O Carballiño. Podemos atopar un menú do máis variado, pero a súa especialidade céntrase na carne á brasa, o bacallao e os postres caseiros. O nome do hotel fai referencia o principal río que atravesa o concello, o río Bubal. Un río que ten moita soa polas boas troitas que leva, as cales non se poden comercializar.

Raquel Vázquez, educadora familiar, e Beatriz Ríos, informadora xuvenil, son as encargadas de realizar diversas actividades e de axudar ós máis cativos. Debido a gran extensión do concello, que conta cun total de 201 entidades locais, tenden a centralizar as actividades nun so núcleo de poboación, xa que doutra maneira tería un custo moi alto.  O concello ofrece unha oferta cultural moi ampla dirixida ós máis cativos e ás persoas da terceira idade. Aínda que nos últimos cinco anos aumentou o índice de poboación, a maioría segue sendo envellecida.  Debido á situación do concello, enclavado na Ribeira Sacra, existen diferentes rutas de sendeirismo propias para os meses de verán, así como tamén se poden visitar as moitas igrexas que rodean o concello. Pero a oferta cultural de verán para os máis ctivos comezou a finais de xuño cunha festa para os nenos e nenas, un campamento para nenos de entre 4 e 12 anos nas instalacións do polideportivo, diferentes espectáculos de maxia, circo e excursións á Ribeira Sacra, entre outras actividades. Raquel e Beatriz recordaban que existe unha oficina de información xuvenil para resolver dúbidas de calquera aspecto.

Jesús Sánchez, encargado de emprego local do concello, asentía que estamos nun concello onde a gandeiría ten un peso importante "onde se ven boas vacas, aínda que non tantas como antes". Existen explotacións con cerca de 200 vacas de tipo tradicional de rubia galega, mentres que as de raza de leite  foron desaparecendo co paso do tempo. A xente xoven, polo xeral, non tende a implicarse nas explotacións agrarias familiares, pero si nas diferentes asociacións cooperativas que existen no concello. Pero non so a gandeiría é importante, senón que outros sectores productivos do concello son o forestal que atravesa unha profunda crise debido ó baixo nivel de corte e venta no monte, o sector servicios nos grandes núcleos de poboación como en Castro ou A Barrela, o pequeno comercio, a construcción e o sector do transporte. Dende o día 18 de agosto do ano 2009 existe un servicio de orientación laboral onde acude xente de toda a comarca de Chantada. Jesús ofrece servicios de asesoría, axuda ós emprendedores, ós desempregado e incluso axuda en tarefas como pode ser a realización dun curriculum vitae.

Unha xornada radiofónica que abarcou tódalas perspectivas de Carballedo, dende a xestión, pasando por turismo, gastronómica, historia e servizos. Unha localidade enclavada na Ribeira Sacra que alberga entre os seus límites xeográficos unha historia relixiosa, arquitectónica e paisaxística. Un pobo que recorre as primeiras pegadas do cristianismo e posúe a árbore máis lonxeva de Europa.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS