1, Setembro 2009

 

A Biblioteca Municipal do Carballiño abríu novamente as súas portas tras varias semanas pechada por motivo das obras de reforma executadas neste edificio municipal. As obras consistiron básicamente na reforma da cuberta do edificio, instalando novos canalóns para a recollida de augas así como as conexións ca baixante. Por outra banda tamén se executaron os traballos de revestimento do interior das estancias da Biblioteca, usando para elo pintura plástica dende a planta baixa ata a propia Biblioteca.

 

Tamén se executaron obras para dotar dun ascensor a estas instalacións, que permitan o acceso a todalas prantas. A capacidade deste ascensor será de 4 persoas. Por último procedeuse a instalaciòn do aire acondicionado, ofrecendo unha maior comodidade tanto os usuarios deste servicio público como os propios traballadores municipais.

Estas obras foron realizadas durante o pasado mes de agosto, e financiadas a través do Fondo Estatal de Inversión Local, no que tamén se incluiron outros proxectos como as pisicinas municipais, a avenida do Balneario ou a reforma do pabellón de deportes.

Dende a área de Cultura do concello do Carballiño sinalan que, pese a ter rematadas xa as obras antes citadas na Casa da Cultura e Biblioteca, ainda quedan algunos arranxos por executar nestas mesmas instalacións, que permitirán dotar o complexo de maior comodidade e utilidade.

 

31, Agosto 2009

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia ven de publicar a licitación de obras de acondicionamento do entorno do templo da Veracruz, tendo as empresas intermediarias un prazo de 26 días para presentar as súas ofertas. O orzamento base de licitación é de 1.101.141 euros, e a execución do proxecto será de 12 meses. A obra consistirá na urbanización da praza que rodea o templo da Veracruz, cunha extensión arredor dos 12.000 metros cadrados, que incluirá a apertura dun novo vial que comunicará a Praza do San Ramón coas rúas Evaristo Vaamonde e Florentino Cuevillas.

31, Agosto 2009

Fume que saía do inmoble logo de sofocar o lume

(Redacción. Belén González) Ó redor das 10.15 horas, os veciños das Galerías Ango, situadas na Avenida Julio Rodríguez Soto, alertaban ós membros de Protección Civil dun incendio orixinado no entrechán dun establecemento de telefonía móbil. O inmoble servía de almacén para este establecemento e, según os últimos datos, o lume orixinouse no cadro eléctrico do comercio. A rápida intervención de Protección Civil e dous coches bomba serviron para sofocar o fogo en apenas unha hora e só houbo que lamentar daños materiais como documentos, facturas e algúns materiais inflamables; tamén se desprazaron ata o lugar dos feitos a Policía Local e Garda Civil que acordoaron a zona para evitar posibles accidentes. Nun primeiro momento, as forzas de protección e seguridade mostráronse preocupadas polos veciños do edificio, sobre todo, porque no primeiro andar vive unha persoa recén operada e un minusválido. Ata o lugar dos feitos desprazouse o alcalde, Carlos Montes, que avaliou como zona sensible debido ó día de feira que se vive na vila, ó tránsito do lugar e ó perigo de explosión de cristais. Según o balance de Delfín Borrajo, responsable municipal de Grumir, "o incendio foi pequeno, pero ardeu case todo".

 

 

 

31, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) A concelleira de Servizos Sociais, Asunción Rivero, presentou os actos que comezarán esta semana na Escola Infantil, situada no Colexio Calvo Sotelo. O vindeiro 2 de setembro, os pais e nais dos cativos matriculados están convocados a unha reunión informativa ás 19.00 horas sobre cómo vai ser o funcionamento desta escola. Os días 3 e 4, terán lugar unhas xornadas de portas abertas para todos aqueles pais que están interesados nesta escola e queiran coñecer as instalacións. Actualmente hai 47 nenos matriculados e 10 prazas vacantes que ata o día de hoxe aínda poden solicitar a preescripción. Esta Escola Infantil contará con dúas mestras e cinco educadoras, aínda que coa boa acollida que tivo e co horario tan amplo que vai ter estúdase a posibilidade de ampliar a plantilla.  A Escola Infantil abrirá as súas portas ás 07.30 horas da mañá e pechará ó redor das 21.00 horas; estas instalacións están pensadas para todos aqueles pais que por cuestións laborais non poidan atender ós seus fillos. Este servizo non é temporal, senón que se prolonga ó longo de todo o ano para que os nenos estén coidados e ó mesmo tempo se relacionen con outros cativos.

29, Agosto 2009

Un veciño da parroquia carballiñesa do Varón atopou o cadáver dun home, mentres realizaba traballos de limpeza no lugar desta mesma parroquia coñecido co nome do Pedregal, a poucos metros do antigo camiño dos arrierios. As primeiras hipóteses apuntan a que pode tratarse do cadáver dun veciño de Leiro residente na localidade de San Cristovo, en Ribadavia, que desaparecera en decembro de 2007, e que durante varias semanas fora buscado sen éxito polas agrupacións de Protección Civil do Carballiño e Ribadavia. A garda Civil procedeu o levantamento do cadáver despois de que o houbese ordenado o Xulgado nº 2 do Carballiño, a quen corresponden as dilixencias.

28, Agosto 2009

O Alcalde de Maside coa autora da exposición, Trinidad Pérez

(Redacción. Belén González) A Casa Consistorial de Maside alberga estos días unha exposición da evolución do cálculo ó longo da historia realizada por unha licenciada en Matemáticas, Trinidad Pérez Gómez, veciña de Santa Coma. O alcalde, Celso Fernández, foi o encargado de inaugurar esta exposición e definiuna como "unha exposición de gran interese e única case en todo o mundo". Esta mostra estivo en diferentes centros de ensino e en diversas universidades, xa que a súa autora decidiu facela para darlle resposta a tódolos alumnos que se preguntan para qué serven as matemáticas. Ademáis, nesta exposición vése como as matemáticas foron resolvendo problemas de contabilidade e de administración. "Calcular non foi sempre tan sinxelo, porque non había ordenadores nin calculadoras", afirma a súa autora. A exposición está dividida en dúas partes: unha parte histórica que versa sobre a evolución dos aparellos como calculadoras, ordenadores, máquinas... As primeiras calculadoras naceron ó redor do ano 1910 e só sumaban e restaban; posteriormente creáronse as que multiplicaban e dividían. Tamén se poden ver regras de cálculo, e diferentes aparellos que foron facendo máis sinxela esta labor. Outra parte da exposición é a evolución dos números romanos ata o que son hoxe en día, porque "facer unha división cos´números romanos, hoxe sería moi difícil".

28, Agosto 2009

Un momento do programa, con Ramón Alvarez

(Redacción. Belén González) Este vindeiro domingo, 30 de agosto, o Concello de Leiro celebra a vixésima edición da Festa da Vendima. Unha celebración con gran tradición que conta con vinte anos grazas á iniciativa dos veciños de Leiro. A tan só un día da festa, tivemos a oportunidade de falar co seu alcalde, Francisco José Fernández, que nos ofreceu unha visión ampla do que acontece no concello e, por suposto, deste festexo ó que acoden centos de persoas. O Concello de Leiro está declarado como Ruta do Viño do Ribeiro; esta ruta do viño é unha asociación formada por 14 concellos que pertencen á Denominación de Orixe. Ademáis, esta ruta está homologada e conta con 30 establecementos asociados; Francisco José Fernández di que esta ruta "é o primeiro paso para facer o turismo do viño e levar  a xente ás adegas". Explotar o enoturismo é clave, porque unha vez que se consiga na súa totalidade esta certificación, isto repercutirá no pobo. Esta ruta do viño favorece á hostelería, ó balneario e a tódalas instlacións turísticas. Outro dos proxectos, xa feito realidade, para facer do Ribeiro un punto de encontro dos turistas é a Mancomunidade Turística da que forman parte Ribadavia, Boborás, O Carballiño e Leiro. O cargo de Presidente desta mancomunidade recae tamén en Francisco José Fernández que declarou que nestes momentos esta mancomunidade leva a cabo un plan director, o cal indica por onde teñen que ir estes concellos para facer deles un atractivo turístico clave. A pesar deste descenso de turistas, o Concello de Leiro sitúase nun cuarto posto no ranking de afluencia de foráneos. O Producto Interior Bruto (PIB) de Leiro pasa polo viño, porque alí atópanse adegas moi importantes. Aproximadamente hai sete adegas punteiras tanto en producción como calidade, o que demostra que o viño no Concello de Leiro é un producto fundamental para sacar adiante esta comarca. Noutra orde de cousas, este verán a crise tamén se deixou caer por Leiro, posto que o mes de xullo deixou un mal sabor de boca na zona, porque a visita de turistas mermou. Pola contra, este presente mes resulta máis positivo en canto a visitantes, o que favorece a situación dos empresarios; moitos dos visitantes optaron por pasar o seu tempo de lecer no río, bañándose ou relaxándose na zona do Salgueiral.

En pouco tempo comezará a construcción dunha casa de turismo rural que terá 17 habitacións, o que se significa que os empresarios seguen apostando por Leiro como atractivo turístico. Con respecto ó Balneario de Berán, as bases xa están aprobadas e agora só queda sacar o proxecto á venda e que un empresa o colla e o saque adiante.

Outro dos convidados foi o Coordinador da Festa da Vendima, Ramón Álvarez, que nos ofreceu as novidades que incorpora este ano a celebración da festa da vendima. O ano pasado participaron vinte carrozas e este ano esperan achegarse a elas. A día de hoxe hai carrozas que chegarán dende o San Amaro, Cameixa -no concello de Boborás- e algunha de Pontevedra. Os premios deste ano aumentaron con respecto a outros anos e a carroza gañadora recibirá 1.000 euros, fronte ós 900 euros do ano pasado. A posición de prata levará 750 euros e a carroza que quede en terceira posición recibirá 500 euros. Só por participar, as carrozas serán premiadas con 300 euros.

Os máis cativos non quedan fora deste festexo e a mellor carroza recibirá 450 euros, a segunda levará 350 e a terceira, 250 euros; 150 euros será o que leven só por presentarse. A xornada festiva e de lecer comezará ás 10.00 da mañá coa recepción de acios na Praza do Cruceiro, os cales se presentan a concurso; o mellor acio recibirá un premio de 90 euros, o segundo mellor acio levará 60 euros e o acio de bronce quedará con 30 euros. Aqueles que queiran participar no concurso de acios terán que presentarse con acios autóctonos ou do Ribeiro.

Ás 11.30 horas darase a benvida a autoridades e convidados na Casa Consistorial; ás 12.00 horas D. Jesús Vázquez, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, leerá o pregón na Praza do Cruceiro e ás 12.30 horas faráse o desfile de carrozas e charangas dende a Rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Festa.  Para ver máis cousas haberá no paseo fluvial a VII Edición do Mercado Artesanal, con 27 artesáns, e unha exposición agrícola. Ademáis, todos aqueles que queiran poderán comer, a partir das 14.00 horas, nunha carpa habilitada para acoller a mil persoas no Salgueiral. As entradas aínda están a venda e pódense retirar en calquera bar de Leiro.  O menú terá un coste de 23 euros e inclúe pulpo, carne ó caldeiro, pan, bica, refrescos, auga, melindres, empanada e queimada. Seguidamente faráse entrega dos premios ós gañadores dos concursos de acios e carrozas.  Despois do xantar, ás 18.00 horas celebraráse un partido de fútbol entre o Leiro e o Ourense B. Ás 20.30 horas, as corais de Val do Avia, Meis e Portugal darán un concerto na Igrexa de San Pedro de Leiro. A partir das 22.00 horas, unha orquestra amenizará a verbena.

Outro dos invitados foi o director da Coral Polifónica Val do Avia, Celso Domínguez. Esta coral ofrecerá un concerto na vixésima edición da festa da vendima xunto coa coral "Canto e encanto" de Portugal e a Coral de Meis na Igrexa de Leiro. Ó remate do concerto, as tres corais cantarán xuntas unha peza. Celso Domínguez mostrouse partidario de cambiar o repertorio cantado polas corais, porque se fai moi repetitivo pero ás veces estas pezas non se poden cambiar, porque hai, según o presidente da Coral Val do Avia, pezas que se fan difíciles de cantar para os grupos; Celso defende a interpretación de cancións enxebres como alalás, foliadas.. porque afirma que "o noso cantar é moi bonito". Ademáis de dirixir esta coral, Celso Domínguez adicase ó cultivo de viñas. "Antes nas vendimas cantábase, pero esa tradición foise perdendo porque agora hai menos xente". Con respecto á colleita, este ano preséntase variable, aínda que a maduración do viño está sendo moi irregular. A caste de treixadura aportará este ano pouca cantidade pero moita calidade, mentres que no xerez a producción é bastante boa en canto a cantidade.

 

28, Agosto 2009

Desta vez, a inquietude levou ó propietario do Bar Cunqueiro, sito na estrada N-541 no cruce coa rúa do Irixo, a chamar á Policia Local do Carballiño para dar conta da existencia dunha maleta que fora abandoada neste local por unhos clientes descoñecidos. Acontecía no transcurso da tarde de onte xoves, tras tomar unhas consumicións, os clientes marcharon e deixaron no bar unha maleta plástica de cor negra. Tralo aviso á Policia Local Carballiñesa, púxose en marcha o protocolo de protección e seguridade que hai establecido para estos casos, e trasladousea sopeitosa maleta atá un descampado no monte da Saleta, onde permaneceu atá que os articifieiros da garda Civil comprobaron que simplemente se trataba dunha maleta que contiña diversa ferramenta. É a segunda vez, neste mes de agosto, que unha maleta provoca alama no Carballiño, xa que o pasado dia 11 fora na rúa Xoán de León, ónde tivera lugar este mesmo sucedido. Daquéla, a maleta contiña roupa vella.

27, Agosto 2009

O Xurado Provincial de Montes Veciñais e Man Común ven de resolver o expediente de clasificación tramitado polos veciños da parroquia de Veiga, rexistrando ó seu favor os montes da Costa, o Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa e Escoirede, todos eles -no seu conxunto- dunha extensión de 33 hectáreas, das que a maioría -case 20 hectáreas-, corresponden ó chamado monte da Costa e o resto ós de Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa, e Escoirede. O Xurado Provincial de Montes Veciñais resolve así o expediente que comezou a tramitarse no ano 2005. No edicto no que se recoñece a propiedade dos veciños de Veiga sobre estes montes, maniféstase que está acreditado o carácter de veciñal mediante as testemuñas dos veciños solicitantes e as actuacións realizadas polo Servizo Provincial de Montes e no que durante a tramitación do expediente se tivera producido reclamación ningunha de titularidade distinta. Así pois, os comuneiros da parroquia de Veiga pasan a ser os lexitimos propietarios de todos estos montes. Nalgúns deles, como o de Escoirede, a maior superficie foi ocupada por edificios públicos como o Centro Comarcal do Carballiño ou a Residencia de Maiores. Tamén forma parte destas parcelas a zona onde se construíu a Pavillón Polideportivo e as piscinas municipais.

27, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) Esta asociación ecolóxica non entende o rumor que circula sobre o posible peche da canceira municipal e pídelle ó Concello do Carballiño algunha explicación ó respecto. Fai días que este rumor circula pola vila e en caso de que isto se faga realidade, demostraríase que o elevado presuposto que alí se invertiu foi "para xustificar o gasto de elevadas subvencións a favor doutros intereses". Ademáis, este feito confirmaría a falta de interese da corporación municipal polos cans que se achan na canceira. "Matar por matar, non" tamén lle pregunta ó concello por qué aínda non se organizou a fundación que debería levar a canceira dende o pasado mes de xuño, a cal foi aprobada nun pleno. Esta fundación tería que haber solucionado os problemas de atención dos animais e "descargado ó concello dunha responsabilidade que é incapaz de atender". A asociación ecolóxica califica de burla e desprezo das normas democráticas o acordo daquel pleno; ademáis pregúntase qué foi da comisión de investigación que se ía crear para aclarar as contas, a inversión realizada e a morte violenta que sufriron os cans recollidos. Dende "Matar por matar, non" manifestan que se a canceira se chegase a pechar, isto "sería un insulto contra a sensibilidade" daqueles que desexan unha vida digna para os animais abandoados e critican o emprego dos fondos públicos no beneficio de terceiros e non na mellora da vila. Tamén lle reclaman ós grupos políticos restantes que tomen medidas para acabar cos abusos, as arbitrariedades e as deficiencias democráticas qe acontecen no Carballiño. A asociación ecolóxica declara: "Pedimos que se aclare mediante un pleno espcecial ou os mecanismos oportunos, se está sendo proxectado o peche da canceira municipal co conseguinte desperdicio dos voluminosos fondos alí invertidos".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS