(Redacción. Belén González) A asociación ecoloxista Matar por matar NON púxose en contacto co embaixador mexicano en Madrid para informalo da situación e do trato que están a recibir os cans acollidos na canceira municipal. Matar por matar NON pon ó tanto ó Embaixador de México sobre a situación tan deficiente na que se acha a canceira e invitao a que a visite co gallo da Festa do Pulpo o vindeiro 9 de agosto. Con esta iniciativa, a asociación busca que o embaixador interceda para mellorar as condicións de vida dos cans da Medela. Tamén denuncia o malgasto que a corporación municipal está a facer dos cartos públicos e di que "non dispoñemos dos fondos necesarios para ir persoalmente á capital acompañando ó nutrido grupo de políticos que alí se desprazou con fondos públicos". Con isto, a asociación pretende dar a coñecer a tódolos visitantes a realidade de O Carballiño; unha realidade que se agocha tras as festas e concursos de bebidas alcohólicas. Ademáis, Matar por matar NON vai remitir esta información a tódolos medios de comunicación mexicanos para que coñezan "a tráxica situación destes animais e as cuestións pendentes de aclarar como son a morte e maltrato de cansa na Medela, os atrasos sobre a creación dunha fundación, a negativa a iniciar a comisión de investigación, a apertura ó público das instalacións, a aclaración das mortes violentas de cans, a falta de medios para alimentalos adecuadamente, o uso que se deu ós fondos concedidos para mellorar a canceira, etc."
(Redacción. Belén González) O Concello de Boborás celebra a súa I Andaina Saudable este vindeiro domingo día 19 gracias ó proxecto Concellos Saudables 11. Esta actividade terá lugar no Pavillón Municipal a partir das 10 da mañá e contará con dous percorridos: o primeiro constará de oito quilómetros e o outro será de quince quilómetros. Antes de comezar a andaina, os participantes recibirán un avituallamento saudable que terá un sandwich, unha froita, unha barriña enerxética e un auga. A cada persoa faráselle unha proba de valoración da súa saúde física ó rematar e para finalizar a partir das seis da tarde terá lugar unha actuación de títeres a cargo do grupo "Seisdedos". Tódolos que desexen participar téñense que apuntar na casa do concello. Esta actividade está patrocinada por Barreras de Seguridad S.L. e organizado pola Xunta de Galicia, Programa Pasea e Concellos Saudables.
Había convite gastronómico na embaixada de México en Madrid, pero desta vez sobre a mesa non se ofrecian enchiladas nin os famosos antojitos mexicanos, senón o polbo á feira do Carballiño. Acontecía ó mediodia deste pasado venres dia 10 de xullo e tratábase do acto de prresentación da Festa do Polbo 2009, que se celebrará o vindeiro 9 de agosto adicada a México. Ante o Embaixador Mexicano, Jorge Zermeño Infante, o Alcalde do Carballiño, Carlos Montes invitaba a todos os presentes a coñecer o "parque municipal e urbano máis grande de España no que se celebra esta festa á que acuden cada ano máis de setenta mil persoas". Acompañaban ó Alcalde Carballiñés unha representación da Corporación Municipal na que estaban Francisco Goméz e Inmaculada Ucha, do Psoe, Anayansi Rodríguez e Pilar Caride do PP, e Bernardo García do Bng. Entre os presentes, o Deputado Socialista Alberto Fidalgo e o Senador Nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza, ou a actriz Blanca Marsillach, á que o Alcalde presentou como "a madriña deste acto e da festa do polbo en Madrid". O Embaixador Mexicano lembrou os fortes lazos existentes entre o seu país e o noso, sobre todo con zonas como acontece na Comarca do Carballiño, onde centos de persoas emigraron a México. Agradeceu a adicación desta festa ó seu país e a solidariedade recibida nos momentos máis crtíticos da gripe A, "que xa quedou atrás". Tras unha degustación de polbo na propia embaixada mexicana, a delegación carballiñesa aproveitou a súa estadía en Madrid para visitar o Congrreso dos Deputados, antes do seu regreso ó Carballiño.
(Redacción. Belén González) O alcalde de Avión, Antonio Montero, declarou que este verán o concello estará marcado por unha ampla variedade de actividades tanto para pequenos como para maiores. A oferta destes pasatempos serán fitos permanentes e puntuais; cada xoves terá lugar o "Ourense Lúdico" marcado por xogos e obradoiros para que os máis cativos desfruten das vacacións. Ademáis, no aspecto deportivo terán lugar cursos de piragüismo no Embalse de Albarellos e no río Valderías e cursos de natación na piscina municipal, que foi aberta o pasado 1 de xullo. Como actividades puntuais, Antonio Montero destacou o Espazo de Saúde que terá lugar o próximo día 13 e que ten como obxectivo informar e previr enfermidades; neste curso estarán presentes diferentes asociacións contra o cancro, a diabete e demáis enfermidades para ofrecerlle ós veciños charlas e os mellores consellos no aspecto saudable. O vindeiro martes 14 e o xoves 16 celebraránse actividades adicadas os máis novos; o día 15, un mago fará as delicias do público facendo sorprendentes trucos que manterán entretidos os pequenos da vila. Xa para a seguinte semana, tódolos públicos están convidados a ver o filme Kung Fu Panda. Para rematar este mes de xullo, o venres 24 celebraráse a V edición da Festa Mexicana que terá a actuación estelar de mariachis a partires das 21.00 horas. Ademáis todo o que asista poderá degustar unha ampla oferta gastronómica grazas a presenza dos restaurantes Chilam Balam (Vigo), Rincón Azteca (O Carballiño) e Mesón Mejicano (Tourón). O alcalde incidiu que este ano a festa adicada a tódolos mexicanos foi cambiada polas celebracións dos pobos cercanos e da propia capitalidade, posto que coincidía coa festa de Amiudal. O máximo representante de Avión señalou que a chegada de mexicanos ó pobo viuse algo mermada, pero Montero destacou que "non creo que sexa pola gripe A que non veñan tantos visitantes, senón que achácollo máis a crise económica que se atravesa a escala mundial".
(Redacción. Belén González) As obras do novo parque empresarial do concello de San Cristovo de Cea comezarán o vindeiro mes de setembro; neste parque instalaráse a madeireira as Cinco Jotas. A nave desta empresa ocupará ó redor dos 50.000 metros cadrados e ofrecerá traballo entre as 140 e as 160 persoas. Ademáis do empuxe socio-económico que suporá a instalación da mesma para a comarca, as Cinco Jotas é non contaminante e creará postos de traballo directos e indirectos como o aproveitamento dos montes entre outras vantaxes. Nas declaracións feitas polo alcalde José Luis Valladares á nosa emisora, "a construcción deste parque empresarial darálle vida tanto ó concello como á comarca de O Carballiño". Valladares destacou que a construcción deste parque faráse en montes comunais pertencentes ós veciños de Fondo de Cea, tamén resaltou a situación privilexiada grazas as autoestradas feitas nos últimos anos como a que comunica Santiago-Ourense e a próxima apertura da autoestrada Lugo-Ourense. O máximo representante do concello de Cea lamentou a falta de colaboración durante o goberno bipartito, sobre todo, por parte do Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez. Valladares dixo que cando o proxecto chegou as mans de Vázquez, este "gardou o estudo de impacto ambiental nun caixón" e agora están retomando a idea para que as Cinco Jotas se instale no parque empresarial. Esta empresa está formada polos irmáns Jacobo, Javier, Julio e José. Naceu nos anos 60 en Vigo grazas a D. Julio Costas González. En 1985 comezou a fabricación das primeiras construccións en madeira coa idea da casa como segunda vivenda. Hoxe en día esta empresa conta con 15.000 metros cadrados que fabrica e instala todo tipo de edificacións. Destacan as vivendas unifamiliares como primeira residencia e sempre cumplindo as normas de edificabilidade e habitabilidade. Un proxecto que comezará a ver a súa luz este ano e comezará con esta empresa madeireira.
(Redacción. Belén González) Este vindeiro domingo día 12 a partires das 10.00 horas da mañá, o Concello de San Amaro celebra a primeira Feira do Rastro organizada pola Asociación Lansbricae. Esta iniciativa persegue dous obxectivos: a curto prazo preténdese que a xente se desfaga de todos aqueles aparellos en boas condicións que non son empregados e a longo prazo, Lansbricae reclama a recuperación da antiga feira do 26 que se celebraba cada mes no concello. Xa son 18 os postos acreditados que estarán este vindeiro domingo no coñecido Campo da Festa, onde antigamente se celebraba a famosa feira do 26. Alí instalaráse este mercado no que se poderán adquirir obxectos que van dende motos pasando por roupa, ferramentas, radios, televisións, material informático, cadros feitos a base de cristal e materias de refugallo e un longo etcétera que non deixará indiferente a ninguén. Tamén contarán cunha variada oferta gastronómica galega como pulpo á feira e carne ó caldeiro, mentres que para o postre haberá rosquillas e as famosas filloas galegas acompañadas polo que se desexe.
(Redacción. Belén González) Un verán máis o Noitebús marcará as fins de semana dos máis novos co obxectivo de reducir a siniestralidade nas vías. Esta iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras fixou o prezo deste servizo en 2 euros que inclúe ida e volta. Ademáis, o viaxeiro terá dereito a empregar sen límite de veces o autobús durante unha mesma xornada. Este servizo de Noitebús pasará polas principais localidades da comarca de O Carballiño.
Cabe destacar que esta iniciativa púxose en marcha como experiencia piloto, pero grazas a súa boa acollida tivose que extender por toda a xeografía galega e tamén ampliarse temporalmente. As liñas que hai na nosa comarca son: Ourense-Carballiño con paradas en Santa Cruz, Barbantiño, Punxín, O Viñao, Listanco, Maside, Pousada, Dacón, Estación de trens e O Carballiño. Os horarios de saída son ás 23.00 h., a 01.30 h. da mañá e ás 03.30 h. da madrugada dende o Parque de San Lázaro. As horas de regreso dende O Carballiño son: 23.30 h. da noite, ás 02.00 h. e ás 04.00 h. da mañá que sairán dende a Estación de autobuses.
Outra das liñas é a que vai dende Monforte de Lemos- O Carballiño e que pasará por Chantada, A Barrela, Tolda, San Cristovo de Cea, Seoane e rematará no Carballiño. O autobús sairá ás 22.00 h. da noite dende Monforte e o de volta terá lugar ás 01.50 h. da madrugada. A terceira viaxe é a que une Barbantes-O Carballiño con paradas en Barbantes, Rubiás, Ourantes, Salamonde, Cruceiro, Señorín e O Carballiño. O autobús realizará a súa saída ás 00.45 h. da mañá e o seu regreso terá lugar ás 06.45 h. da madrugada. Tamén contarán co Noitebús a comarca do Ribeiro que partirá de Ribadavia parando en Leiro, San Clodio, San Amaro, Porto, Partovia, Torrón con remate no Carballiño. O autobús sairá ás 00.00 h. da noite e regresará ás 06.00 h. da mañá.
O quinto percorrido levará camiño de As Laxas-O Carballiño con paradas en A Devesa, O Reino, Lousado e O Carballiño. O servizo sairá ás 00.00 h. da noite e voltará ás 06.00 h. da mañá. O traxecto que une Beariz co Carballiño sairá ás 23.00 h. da noite e regresará ás 05.00 h. da mañá con paradas en Beariz, Magros, Feás, Brués, A Almuzara e O Carballiño. O último itinerario é o de Beariz-Forcarei que parará en Doade, Xirazga, Pardesoa, Loureiro, Forcarei e Soutelo de Montes. O autobús sairá ás 22.30 h. da noite e regresará ás 05.00 h. da mañá dende Soutelo de Montes.
Esta iniciativa extenderáse dende o presente mes de xullo ata xuño do 2010.
A Comarca do Carballiño será a única dentro da oprovincia de Ourense, e unha das seis de Galicia, que contarán este verán con voluntarios da campaña de vixilancia e defensa do monte galego, que poñen en marcha conxuntamente as consellerias de traballo e medio rural. O operativo iniciaráse o vindeiro día once de xullo deste mes de xullo e prolongaráse atá o 20 de setembro. En total, serán 600 persoas maiores de 18 anos as que levarán a cabo labores de prevención e vixilancia no ámbito territorial das seis comarcas elexidas, entre elas O Carballiño, consideradas como de moi alto risco para os incendios forestais, debido as altas cantidades de biomasa combustible que presentan os montes. Os voluntarios realizarán tarefas complementarias e en ningún momento suplantarán ós equipos profesionais, e consistirán en percorrer camiños e montes para disuadir ós posibles incendiarios, facilitar información á veciñanza sobre as queimas, localizar vertedorios incontrolados, tqarefas de vixilancia e mesmo de apoio loxístico ás "cuadrillas" profesionais.
Arsenio Iglesias e Lolo Carril
(Redacción. Belén González) A II Gala do Deporte do Carballiño homenaxea ós deportistas máis sobranceiros no Auditorio ó que acudiron máis de 400 persoas. A este acto acudiron ex deportivistas da talla de Arsenio Iglesias, Manjarín, José Ramón, o ex celtista Vlado Gudelj e o entrenador do Tau, Dusko Ivanovic entre outros moitos que se encargaron de entregar os premios. Entre os galardoados estiveron o nadador Borja Fernández e a taekwondista Cristina Fernández. Tamén tivo o seu recoñecemento o equipo xuvenil da Escola Municipal de Fútbol, o ex árbitro José Fernández "Godoy" por toda unha vida adicada ó deporte, o capitán do Clube Deportivo Arenteiro, José Luis Méndez "Tacón" que tivo unha mención especial e o locutor do programa radiofónico "O Tirachinas" de COPE O Carballiño, Lolo Carril, que foi homenaxeado pola promoción do deporte local. Así ata un total de 15 galardóns serían entregados nunha gala, que a falta dalgún detalle que a mellore, resultou atractiva e inclusive por momentos emotiva.
(Redacción. Belén González) Un ano máis a Axenda Cultural do Concello de San Cristovo de Cea ofrece moitas actividades do máis diversas posibles; estas van dende excursións tanto para maiores como para cativos ata talleres, campamentos, concertos... A continuación podes ver as actividades que Cea ten preparadas para o período estival. Durante todo o mes de xullo e agosto haberá un curso de natación gratuíto de luns a venres. Os destinatarios son tódalas persoas interesadas que se terán que inscribir na Casa do Concello. E hoxe mesmo, día 6, comeza o II Campamento Urbán que durará ata o 10 de xullo e cun horario que irá dende as 10.30 horas ata as 13.30 horas. Estas actividades terán lugar no Campo da Saleta de Cea, pero en caso de que as condicións climatolóxicas non acompañen, estas serán trasladadas ó Edificio Multiusos Municipal. Os máis xoves realizarán obradoiros, globoflexia, tatuaxes, maxia, deportes, malabares, murais, xogos... e moitas máis actividades que evitarán que os máis pequenos se aburran. Despois do Campamento Urbán comeza o Ludiverán 2009 no cal se realizarán manualidades, xogos cooperativos, rastrexos, obradoiros de educación medioambiental e moitas máis actividades que farán desfrutar a tódolos rapaces que asistan. As datas da realización serán os vindeiros martes días 14, 21 e 28 de xullo e o 4 de agosto e os venres 17, 24 e 31 de xullo e o 7 de agosto. O horario será dende as 11 ata as 13 horas e celebraráse no Edificio Multiusos Municipal. Outra proposta é a excursión ás Illas Cíes o vindeiro domingo 19 de xullo; esta viaxe vai dirixida ós veciños do Concello de tódalas edades. Realizaránse rutas de sendeirismo e tamén se poderá desfrutar das preciosas prais desta paraxe natural. As tarifas para os empadroados son as seguintes: prezo individual con xantar por 30 euros por persoa e o prezo individual sen xantar por 15 euros. Para as familias o prezo con xantar será de 28 euros por persoa e sen xantar terán que pagar 14 euros por persoa. O prezo inclúe a viaxe de ida e volta en autocar, viaxe de ida e volta en barco e xantar, según a tarifa elexida. Aqueles que queiran asistir téñense que apuntar na Casa do Concello con data límite o 13 de xullo. Para o caluroso mes de agosto e acompañando ó bo tempo haberá unha excursión ó Parque Acuático de Cerdeda o día 5 de agosto con saída ás nove da mañá. Esta iniciativa vai dirixida a tódolos rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos cun prezo de 10 euros que inclúe a entrada ó parque a comida e a viaxe. Os interesados poderánse inscribir ó longo de todo o mes de xullo na Casa do Concello. O día 6 de agosto celebraráse o Cine de Verán Caixanova ´09 coa proxección do filme Mamma Mía. O pase da película será ás 23.00 horas da noite e a el poderán acudir tódolos que desexen; o lugar será a Praza Maior de Cea e en caso de mal tempo, a actividade trasladaráse ó pavillón polideportivo. Para rematar a época estival celebraráse a V Festa da Xuventude que terá lugar o 18 de setembro na Praza Maior de Cea. Esta festa vai dirixida a tódolos xóvenes do Concello que poderán adquirir as súas entradas ata o 14 de setembro. Tamén o Concello de Cea interésase pola educación de todos e para iso poñen a disposición de aqueles que o desexen aulas de inglés para rapaces e adultos e aulas de apoio escolar. Para asisitir a estas aulas teránse que inscribir na Casa do Concello. Deste xeito e con actividades tan variopintas poráse punto e final ó verán 2009.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 768
- 769
- 770
- 771
- 772
- 773
- 774
- 775
- 776
- …
- seguinte ›
- última »