27, Decembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá da licitación, por importe de case 370.000 euros, das obras de instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela e a súa calzada (OU-209), así como a renovación do pavimento desta, en Leiro. O delegado territorial, que estivo acompañado do alcalde, Francisco José Fernández, explicou que as empresas interesadas neste contrato teñen ata o 22 de xaneiro de 2024 para presentar as súas ofertas.

As obras consistirán na desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen, previa a súa recolocación cunha ancoraxe mecánica á peza da cornixa, perfilado e nivelación. Unha vez colocados e aliñados, executarase un corte mínimo horizontal baixo a albardilla para aloxar as luminarias lineais e un ensanche das xuntas verticais polas que suba o cabreado para a alimentación da iluminación. A continuación procederase ao fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas; as gabias reporanse con formigón armado HA-25 para servir de base, xunto cunha maia de tipo HATELIT, para o aglomerado en quente final da estrada.

Nas marxes da vía disporanse canles de recollida de pluviais que se executarán en granito e que se conectarán puntualmente coas gárgolas das cornixas; colocaranse lousas de granito transversalmente para aloxar as arquetas para as caixas de derivación estancas que coincidirán coas pilas da ponte. O aglomerado da ponte, entre xuntas de lousas de granito de 50 cm de ancho, terá un acabado pulido; o acabado dos dous treitos coincidentes cos muros de acompañamento é o do aglomerado en quente; as xuntas entre os distintos pavimentos resolveranse cunha chapa de aceiro galvanizado de 1 cm de grosor.

O alumeado público

Primeiramente, procederase á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente; despois levarase a cabo a execución das gabias para as canalizacións; os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento. A canalización protexerase cunha protección aérea-subterránea de cobre polo muro de cantaría ata a ponte. As luminarias da calzada e dos alzados teñen báculos de 15, 12 e 6 m con proxectores tipo SETGA INFINITUM ou equivalente; as luminarias lineais de LED da estrada no treito estrito da ponte son TIPO SETGA PV ou equivalente; as luminarias do alzado do muro de acompañamento da marxe dereita do alzado de augas abaixo son proxectores lineais tipo SETGA HL-1100 ou equivalente.

O delegado territorial lembrou que en outubro asinouse un acordo co Concello de Leiro, polo que este se comprometeu a poñer á disposición os terreos para a execución da actuación e a asumir a conservación e mantemento das instalacións de iluminación unha vez rematadas as obras.

25, Decembro 2023

Figueiroa é unha das aldeas da parroquia de San Martiño de Cameixa no concello de Boborás, Figueiroa de Cameixa é un raio de luz do noso rural na comarca do Carballiño, que se supera cada ano polo tempo do nadal e que sorprende, e cada ano que pasa máis, aos centos de visitantes que se dan unha volta polo lugar, un exemplo do que aínda pode ser o noso rural cando ten veciños e veciñas comprometidos co seu pobo.

Son poucos, pero suficientes, porque a traballo e ilusión seguramente ninguén lle gaña. José Luis "o Rubio de Cameixa" e a súa parella Edith,  tamén veciños que chegaron fai  unhos anos de fora e fixeron deste lugarciño o seu escenario de vida, como Jaime e Maria Dolores "Loli", ou outros como Mario e Silda, que aínda con veciñanza noutras localidades son oriundos do pobo, ou Manoliño Cuñarro, e o resto da veciñanza, que en maior ou menor medida, colaboran nesta "Ruta dos Beléns" para que Figueiroa de Cameixa sexa unha aldea con tanta luz nestes tempos de sombras para o noso rural.

Aquí tes tan so unha pequena reportaxe fotográfica deste máxico lugar de Figueiroa de Cameixa neste tempo do nadal, aínda que o mellor é que te acheges e te sorprendas polos teus ollos.

No audio adxunto podes escoitar a entrevista a José Luis Sotelo "O Rubio de Cameixa", alma mater desta iniciativa veciñal.

24, Decembro 2023

90 veciños e veciñas da parroquia de Dacón convídante a achegarte este lúns 25 de decembro, dia de nadal,  á carballeira da Garrida, na que todo está preparado para unha nova edición do Belén Viviente, co que a veciñanza deste pobo celebra desde fai 33 anos este acontecemento.

As escenificacións comezarán ás 11:30 da mañá e o mediodia celebraráse a misa campestre do nadal na propia carballeira da Garrida.

Non faltarán os postos de oficios, artesáns e mesmo gastronómicos, este ano cun porquiño ao espéto que será degustado gratuítamente. A organización agradece a colaboración de todos os colaboradores, tamén dos institucionais, neste caso o concello de Maside e a Deputación.

22, Decembro 2023

A Xunta licita a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño. Así o anunciou nunha visita ao centro o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que explicou que o orzamento ascende a case 2,5 millónn de euros, o dobre do previsto inicialmente.

Tal e como afirmou o titular do departamento educativo do Goberno galego, o obxectivo é crear novos espazos para os ciclos da familia de Soldadura e Caldeiraría. “Deste xeito apoiamos a FP nun centro cabeceira de comarca que é moi activo nestas ensinanzas”, salientou o conselleiro. Ao respecto indicou que os ciclos que se imparten neste centro ”ofrecen moitas oportunidades de formación e emprego á mocidade e profesionais moi cualificados ás empresas da comarca”.

Máis de 1.500 metros cadrados
A ampliación realizarase a través da construción dun edificio novo, cunha superficie total de 1.581,8 m². O novo volume situarase no espazo entre o valado da plataforma das pistas deportivas e a beirarrúa inferior, aproveitando os desniveis do terreo para facilitar o funcionamento e acceso desde ambos niveis.

Na planta superior situaranse tres aulas novas, con aseos, almacén, conserxería vestíbulo e distribuidor, mentres que a planta baixa acollerá os talleres de mecanizado e soldadura, vestiarios, espazos de almacenamento, cuarto de telecomunicacións, distribuidor, vestíbulo e recepción. Os dous andares estarán conectados por un ascensor. Ademais, na planta superior habilitarase un espazo porticado de 114,05 m².

Ensinanzas ofertadas
O centro conta con máis de 400 alumnos, dos que máis de 160 son de Formación Profesional, ensinanzas nas que oferta o ciclos de FP Básica en Electricidade e electrónica, os ciclos de grao medio e Xestión administrativa, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Electromecánica de vehículos automóbiles, así como o de grao superior en Administración e finanzas.

Na modalidade dual, están en marcha neste instituto dous proxectos completos, un no ciclo de grao medio en Soldadura e caldeiraría e outro no de grao superior en Automatización e robótica industrial e, como oferta parcial, o de grao medio en Electromecánica de maquinaria. Ademais, o Chamoso Lamas imparte o máster de FP na modalidade dual en Robótica colaborativa.

22, Decembro 2023

O posuidor dos décimos premiados do 86.007 é un veciño de Leiro, que adquiriu 3 décimos deste quinto premio da Lotaria do Nadal deste 22 de decembro, están premiados con 6.000 euros por décimo.

22, Decembro 2023

Fátima Gómez, María Luisa Rodríguez, Sebastián Lamazares e José Antonio Barge, xunto a Xan Pinal, compartiron coa audiencia de COPE O Carballiño esta tertulia do venres dia 22 de decembro, con nítido ambiente navideño.

Podes escoitala no audio adxunto:

21, Decembro 2023

Espazo Común presentará e defenderá ante o pleno da corporación municipal do Carballiño unha moción para que o concello adopte un acordo que tería como obxetivo final a execución dun plan de infraestructuras e dotacións deportivas públicas, que ademáis permitiría a ampliación e modernización do estadio de Espiñedo.

Pachi Vázquez propón ubicar esta nova zona deportiva nos terreos colindantes co actúal recinto deportivo municipal, actuaríase nunha superficie de 15.000 m2 de terreo rústico e propiedade privada, que propón adquirir mediante unha operación de compra-venda que o concelleiro de Espazo Común calcula que siñificarían un desenvolso de 150.000 euros para o concello do Carballiño. Despóis, o concello tería que aprobar unha modificación do PXOM para recalificar os terreos como dotacionais de uso público.

Escoita no audio adxunto a proposta en voz de Pachi Vázquez.

21, Decembro 2023

O Boletín Oficial da Provincia (BOP)ven de publicar as bases para a elaboración e execución do Plan CooperOU, o novo modelo de financiamento para as entidades locais, que terán de prazo ata o próximo 22 de xaneiro para presentar as súas propostas de investimento, gasto ou amortización de débeda con cargo á súa correspondente achega provincial.

"Unha positiva noticia en tanto que os concellos xa poden planificar a execución dos fondos que recibirán da Deputación en 2024 no marco deste plan, dando resposta as súas necesidades concretas e, polo tanto, reforzando a súa autonomía e responsabilidade", declarou o presidente da Deputación, Luis Menor.

A dotación do plan no primeiro ano de vixencia incluirá 3 millóns de euros que se farán efectivos na modificación de crédito prevista para o mes de marzo.

As bases publicadas hoxe no BOP establecen que o 40 % da achega provincial, "como mínimo", destinarase a investimentos reais, "preferentemente os necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios". O 60 % da aportación, "como máximo", poderá destinarse a gasto corrente ou amortización de débeda, aínda que "con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta".

Tamén se permitirá incluír en ambos programas -investimento e gasto- actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais recibidos en cada concello, sempre e cando a entidade local achegue o financiamento complementario.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a sección de contratación elaborará o Plan provincial de Cooperación para 2024, que deberá pasar pola correspondente comisión informativa e presentarse ao pleno ordinario do mes de febreiro parta a súa aprobación inicial.

O Plan CooperOU articúlase en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de reparto, o destino dos recursos e a simplificación administrativa.

Polo que respecta á contía, o novo modelo de cooperación supón case 10 millóns de euros máis con respecto á partida consignada para cooperación cos concellos nos vixentes orzamentos.

A segunda das claves radica no reparto, que se basea nunha distribución proporcional e máis xusta dos recursos en base aos criterios homoxéneos propostos pola FEGAMP. Neste reparto haberá unha parte fixa e outra variable. A parte fixa, con 8,9 millóns de euros, establécese en base a catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. A parte variable distribúese en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

Outro dos piares do Plan CooperOU e a autonomía municipal, consonte coa distribución por programas e porcentaxes establecidos nas bases, ademais da simplificación administrativa que vai supoñer este plan fronte á carga de traballo que supuña a tramitación das subvencións nominativas.

20, Decembro 2023

O grupo municipal dos socialistas trasladou no ultimo pleno do ano 2023 celebrado este pasado luns no concello de Leiro a demanda ao goberno municipal para que "se tomaran medidas de carácter urxente por parte das autoridades municipais ante unha colonia de gatos, ubicados nas inmediacións do colexio publico “Emilia Pardo Bazan”, xa que defecan e orinan tanto no acceso o cole como nos patios interiores incluido o areal donde xogan os mais cativos do cole".

Os socialistas mostran a súa preocupación por esta colonia de gatos o lado da instalacións educativas e máis nun lugar frecuentado por nenos "e por eso achegamos algunas medidas que se deberían adoptar, desde o noso punto de vista que van desde un censo de control dos gatos, como tamen desarrollar programas de esterilización e sanitario incluido, desparasitación, vacunación e identificación, xa que estos gatos poden suponer un risco de saude publica tanto para os cativ@s, como tamen os veciñ@s que viven o caron do colexio e que supón un deterioro das condicións de salubridad do entorno no que os gatos son alimentados e no cal tamen se encontran os contedores do lixo coas tapas totalmente abertas e que suponen un risco de saude, xa que están pegados no exterior das instalacions educativas e que o noso Grupo Municipal lle pediu o rexidor cambiar a sua ubicación un metros mais abaixo na intersección das ruas Leiro Pequeño e Casanova, seria unha maneira de disuadir a colonia dos gatos, aparte dos malos olores, suciedade, dispersión do lixo, etc".

Por todo elo, o PSOE de Leiro pídellle ao goberno municipal do Partido Popular que adopte medidas urxentes para solucionar esta problemática "que pon en grave risco a saúde tanto dos nenos e nenas que acuden ao colexio como ao resto da vecñanza desta mesma contorna".

18, Decembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Avión para achegarse, acompañado do alcalde, Antonio Montero, ao Castro de San Vicenzo, onde supervisou as novas actuacións arqueolóxicas de investigación e posta en valor deste xacemento financiadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades cunha achega de máis de 14.000 euros.

O delegado territorial significou a importancia destas accións que teñen por obxecto acadar as medidas necesarias que garantan a conservación do castro e permitan a súa visita e aproveitamento sociocultural. Esta actuación -declarou Gabriel Alén- “forma parte do compromiso do Goberno galego para mellorar a conservación, afondar no seu estudo e dar a coñecer este patrimonio entre a cidadanía”. “Bens arqueolóxicos como o Castro de San Vicenzo xogan un papel fundamental no rico patrimonio cultural de Galicia, tanto pola súa calidade como pola súa capacidade para ser testemuña do noso pasado máis senlleiro”, sentenciou.

Os traballos O delegado territorial explicou que os traballos que se están a desenvolver consisten na escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área entre os 80 e 100 m² distribuída en varias sondaxes arqueolóxicas a longo do xacemento, e que unha vez rematada a intervención deberanse tapar as sondaxes arqueolóxicas empregando un elemento separador. A recollida de mostras serán datadas por C14, e levarase a cabo o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Tamén se realizarán vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) con tomas xerais conxunto e de detalle dos seus elementos máis significativos.

O Castro de San Vicenzo O xacemento arqueolóxico de Castro de San Vicenzo localízanse nun amplo outeiro na marxe dereita do río Avia, na parroquia dos Santos Xusto e Pastor de Avión en terreos pertencentes á CMVMC de San Xusto-Avión. O asentamento está conformado por unha serie de recintos aterrados que aproveitan a orografía do propio outeiro. Conta cun completo e potente sistema defensivo conformado por tres liñas defensivas construídas en pedra máis unha cuarta formada por un parapeto de terra. No recinto superior identificáronse unha serie de estruturas circulares realizadas en mampostería. No sector S do recinto principal localizouse sobre un bolo granítico documentouse unha combinación de 8 coviñas.

Este xacemento arqueolóxico figura protexido no catálogo do PXOM do concello de Avión e no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia. Ten ademais a condición de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. En xaneiro do ano 2023 levouse a cabo unha intervención de roza e limpeza vexetal no que se liberou de masa forestal a totalidade da superficie ocupada. Estas circunstancias determinan a necesidade de levar a cabo unha intervención de limpeza, investigación, conservación e posta en valor deste xacemento arqueolóxico en colaboración coa CMVMC de San Xusto-Avión, entidade propietaria dos terreos.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS