
A estrada N-541 continúa acumulando percances automobilísticos. O último accidente dentro do tramo urbano do Carballiño rexistrábase unhos minutos despóis das sete da tarde deste domingo e no mesmo víronse involucrados 3 vehículos, resultando ferida unha persoa que foi trasladada polos servizos sanitarios a urxencias.
Según o relato da Policía Local do Carballiño este accidente de tráfico consistíu "nunha colisión en cadea, na travesia 25 de Xullo ( N-541) cando os vehículos circulaban en sentido Pontevedra, a consecuencia do accidente, estivo cortado un carril de circulación, por espazo de dúas horas, sendo restablecida dúas horas despóis".
A mesma información da Policía Local indica que "ao parecer o primeiro vehículo da cadea se desvia na traxectoria para a súa dereita, e nese preciso intre, foi alcanzado polos outros dous vehículos implicados". Tamén manifesta que "segundo as primeiras investigacións, todo apunta a un despiste dun dos condutores da secuencia, que non se percatou da manobra do primeiro dos vehículos involucrados".
Os danos materiais son de bastante consideración, tendo que ser retirados polos guindastres das compañías de seguros, mentres que o servizo de Grupo municipal de emerxencias do concello do Carballiño fíxose cargo da limpeza da vía.

Un numeroso grupo de colleiteiros das parroquias de Eiras, San Fiz, Beariz e Anllo, dentro da zona vitivinícola ribeirán do concello de San Amaro ofreceron os seus viños, que os asistentes a esta 2ª Festa do Viño e magosto poideron degustar acompañados de panceta asada e castañas.
Entre os asistentes, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que participou na inauguración desta II Festa do Viño de San Amaro, antes de que tomase a palabra como pregoeiro a Xosé Lois " O Carrabouxo", O presidente provincial, acompañado polo alcalde, Fernando Redondo, felicitou á veciñanza e ao propio equipo de goberno por recuperar unha arraigada tradición de vello como eran as festas organizadas para probar o viño novo, á que se sumou nesta ocasión un magosto popular.
A recadación do evento, descontados os gastos de organización, será destinada por parte do concello de San Amaro á comunidade educativa do colexio de San Amaro, para axudar a financiar actividades escolares.
A celebración desta 2ª Festa do Viño de San Amaro foi motivo para que colleiteiros e o propio alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, recordase que "San Amaro é Ribeiro e quere máis Ribeiro", unha mensaxe directa á Denominación de Orixe Ribeiro, na que reivindican integrarse.
Da animación musical encargouse a discotéca A Gramola no que foi a fin de festa, antes oa asistentes escoitaran e aplaudiran a actuación do cantante galego Antonio Barros.

O Servicio de Educación e Apoio Familiar da Mancomunidade de Concellos da Comarca do Carballiño informa da posta en marcha da quinta edición do Contacontos Familiar, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, que se levará a cabo con motivo da celebración do 25 de Novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres ), e que terá lugar o vindeiro fin de semana.
Para a conmemoración de dita data, realizarase nos diferentes Concellos mancomunados unha actividade teatral gratuíta para toda a familia, consistente na representación dun contacontos da man de Erica González e David Castro: El mismo zapato; coa que se pretende transmitir os valores da igualdade e da coeducación nas familias.
Estas actividades enmárcanse dentro da prevención, ferramenta indispensable dentro do Servizo de Educación e Apoio Familiar para evitar o posible futuro desenvolvemento de condutas pouco adaptativas no ámbito familiar. A programación dos contacontos levarase a cabo no mes de novembro, seguindo a planificación que se especifica a continuación:
O Irixo: SALÓN MULTIUSOS DO CONCELLO, Sábado 25 de novembro, ás 16:30H
San Amaro: C.E.I.P EULOGIO GÓMEZ FRANQUEIRA,Sábado 25 de novembro, ás 18:30H
Beariz: CENTRO SOCIAL A FORXA (ANTIGA REITORAL)Domingo 26 de novembro, ás 16:30H
Boborás: CENTRO SOCIOCULTURAL MANUEL CHAMOSO LAMAS,Domingo 26 de novembro, ás 18:30H

A Xunta adxudica por preto de 98.000 euros a obra de acondicionamento da praza Eladio Rodríguez, tal e como recolle o convenio de cooperación asinado no marco do plan Hurbe o pasado mes de xullo entre a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde do concello ribeirán, Francisco Fernández.
O espazo no que se realizará a actuación urbanística está situado preto do Mosteiro de San Clodio, declarado no ano 1981 monumento histórico-artístico, e consistirá, fundamentalmente, na pavimentación das zonas oeste e centro da área. Do mesmo xeito, tamén se renovará o mobiliario urbano por medio da colocación de bancos e papeleiras e, ademais, tamén se establecerá unha zona axardinada co fin de crear un espazo de alameda.
Así mesmo, entre os traballos previstos no proxecto tamén está a eliminación dos contedores soterrados existentes para substituílos por outros convencionais, os cales serán recolocados pretendendo a mellor integración posible na contorna. De igual xeito, co fin de humanizar máis o espazo, transformarase a rampla actual nunha escaleira co obxectivo de evitar o paso de vehículos e executarase un pequeno muro de mampostería. Cómpre lembrar que esta actuación, que conta cun prazo de execución de 2 meses, é a quinta comprometida no Concello de Leiro ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas

Paseando po lo parque onte a tarde topeime con este panorama
O grupo de emergencias
lavando no parque e votando a Terra,lodo, toallita e compresas o rio
Que vergonza de concello así nos vai
Porque os de emerxencias non teñen culpa son unos mandados..

A Deputación de Ourense colaborará co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro na promoción dos seus viños, apoiando actuacións que favorezan o seu posicionamento “nun mercado tan competitivo como é o vitivinícola”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro mantido no Pazo Provincial co presidente da Denominación de Orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares.
Na reunión, na que se analizaron as liñas de colaboración que mantén a institución provincial co consello regulador, Luis Menor comprometeu o apoio da Deputación cun dos “sectores máis estratéxicos da economía provincial e, dentro deste, a unha comarca eminentemente vitivinícola como é O Ribeiro”:
O presidente provincial afirmou que a calidade dos viños do Ribeiro xunto coas actuacións de promoción que está a levar a cabo o consello regulador, “está a permitirlles abrirse camiño neste sector tan competitivo entre a ampla oferta existente”. Entre os labores de promoción do sector vitivinícola, cómpre salientar o programa dos “Trens Turísticos” que cada ano pon en marcha a Deputación de Ourense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e Renfe, para promocionar as diferentes rutas do viño da provincia.

As demandas en relación á precariedade do servizo de pediatría do centro de saúde do Carballiño, a proposta de Espazo Común que insiste en rexeitar a ubicación do novo centro de saúde na estación de autobuses e buscar novo emprazamento, ou a posible renuncia de Juan Manuel Villanueva como concelleiro do grupo de goberno do Irixo, asuntos tratados na tertulia desta semana en COPE O Carballiño.
Coas opinións e comentarios de José Antonio Barge, Manuel Nogueira, Sebastián Lamazares e Fátima Gómez. Escóitaa na audio adxunto.

Este venres día 17 de novembro cúmprese unha data especial para o Cine Club O Carballiño, xa que é a sesión número 400 en venres, dende que a entidade cineclubista carballiñesa retomou a actividade alá polo ano 2010, xusto en novembro.
Nestes anos vai máis de 500 películas proxectadas e case 1000 sesións de cine. Para celebralo o Cine Club O Craballiño proxecta un pequeno ciclo de tres filmes, Novas miradas, os días 17, 18 e 19, co que pretenden achegarnos a obra de tres cineastas cunha mirada diferente e orixinal.
A primeira película será o venres 17 con Creature, a última película de Elena Martín, que escribe, dirixe e protagoniza un peculiar achegamento ao desexo femenino nunha das grandes revelacións desta tempada no cine español. A película gañou o premio á Mellor película na quincena de realizadores do pasado Festival de Cannes. Os pases serán coma sempre ás 20:00 e ás 22:30 horas.
O sábado 18 cun filme excepcional, dunha grande beleza, El leopardo de las nieves, dirixido por Marie Amiguet, premio Cesar ao Mellor documental. Os pases serán ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 horas en VOS.
E complétase o ciclo o domingo día 19 coa película xaponesa "Plan 75" , seleccionada polo seu país para competir nos Oscar. segunda película da súa directora, Chie Hayakawa, é unha acertada reflexión sobre o envellecemento, o aomor e a condición humana. Os pases serán neste caso ás 18:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 20:00 horas en VOS. Todas as proxeccións serán coma sempre no auditorio do Carballiño.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, propuxo un aumento de 2 millóns de euros no novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos, o Plan CooperOU, de tal modo que á metade do mandato alcanzaríanse os 17 millóns de euros previstos inicialmente para este programa en 2027.
Luis Menor lanzou esta proposta na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos, na que se presentaron os orzamentos da Deputación de Ourense para 2024, marcado precisamente polo novo plan. A iniciativa do goberno provincial supón pasar de 5 a 7 millóns de euros a parte variable do novo modelo de financiamento. Así, o próximo ano alcanzaríanse os 16 millóns de euros fronte aos 14 millóns iniciais, xunto cun aumento de 1 millón de euros no orzamento de 2025.
Con estes cálculos, o Plan CooperOU chegaría á metade do mandato cunha partida de 17 millóns de euros e co compromiso dunha revisión á alza nas seguintes dúas anualidades. A partida extra para financiar a nova proposta aplicaríase con cargo á modificación de crédito do primeiro trimestre de 2024. En todos os casos, o aumento no modelo de financiamento seguirá articulándose en torno a criterios homoxéneos de repartición, cunha parte fixa segundo o número de habitantes de cada concello, e outra parte variable na que se aplicaría o incremento e que se distribúe en base á poboación (50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).
Cómpre lembrar tamén outras dúas claves do plan, como son a flexibilidade no destino dos recursos e a simplificación administrativa. A proposta presentada supón que se pasa dun mínimo garantido no pasado mandato de 78.000 euros, a través de diversos programas, a cantidades que na totalidade dos casos superan os 100.000 euros, agás a entidade local menor de Berán (algo máis de 53.000 euros).
Co novo incremento, concellos como O Carballiño pasaría dos preto de 321.500 euros iniciais a máis de 402.000. Beade sería o concello que menos contía recibe con algo máis de 107.600 euros.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou a innovación dos proxectos galardoados nos Premios ao desenvolvemento rural, por encontrar “novos e mellorados usos aos recursos dos que xa dispoñemos”. Fíxoo durante a súa intervención na clausura da décimo cuarta edición destes premios, promovidos pola Consellería a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Cada premio das oito categroias dos galardóns está dotado con 10.000 euros.
Na categoria de recuperación e posta en valor da terra agraria, o galardón foi para Johnny Trigás co proxecto “Terra de Boborás Apicultura”. O conselleiro destacou que a apicultura consagrouse nestes últimos anos como unha aposta de futuro en Galicia, permitindo facer unha xestión do territorio. Así, tamén lembrou os 1,4 millóns de euros que se destinarán para a configuración dun Plan Apícola Galego, que permitirá axudar aos apicultores e apicultoras da nosa comunidade a avanzar na profesionalización desta actividade. Unha planificación que se engade ás estratexias sectoriais de longo percorrido, como son as dos sectores lácteo, vitivinícola e cárnico.
No seguinte enlace podes acceder á páxina web deste proxecto impulsando polo emprendedor Johnny Tirigás: https://terrasdeboboras.es/
O conselleiro repasou os premiados nas diferentes categorías, empezando pola da mocidade. Neste ámbito felicitou a Verónica Ledo e Natalia González, da Sociedade Cooperativa Galega Educalecrín, creadoras e directoras do proxecto “A educación como base para valorar a nosa terra”, como base para valorar a nosa terra. Un proxecto no que participan dúas mozas, xunto cun equipo formado por educadoras sociais, psicólogas ou biólogas, entre outras, e que está orientado á formación ecosocial.
Neste contexto, o conselleiro lembrou o compromiso da Xunta coa mocidade rural. Un apoio que se plasma con axudas como as de incorporación de mozos á actividade agrogandeira, que na convocatoria do vindeiro ano contarán cun investimento total de 16 millóns de euros. Así mesmo, destacou outras liñas de achegas, como unha nova en materia de incorporación de novas persoas agricultoras, para a que se destinarán tres millóns de euros; ou as achegas en favor do relevo xeracional, cun presuposto de 500.000 euros, destinadas a persoas agricultoras que se xubilen, cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxecto de asegurar ese relevo. No que respecta á categoría de paisaxe rural, o premio recaeu na adega A man de Prado, con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que mantén o cultivo tradicional das cepas, dispostas en bancais sobre o Canón do Sil, preservando “o bo facer da zona”, asegurou José González. Neste sentido, o titular do Medio Rural puxo de relevo as axudas que se porán en marcha no vindeiro 2024 para investimentos non produtivos por valor de dous millóns de euros. Estas se centrarán na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario.
No eido do interese social, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso foi a galardoada polo seu proxecto integral de intervención comunitaria na comarca da Limia, cuxo fin é facer do rural non só un medio visitable, senón tamén habitable e habitado. Na categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa Tirolinas da Minas, de Xesteco Consultoría. Neste senso, José González destacou que “poñer en marcha actividades” coma esta “é fundamental para dinamizar a economía rural”. No ámbito do sector agrogandeiro, o conselleiro agradeceu o labor de ProPlantae Sanidade Vexetal polo proxecto premiado “Provide”, pois este laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i non só contribúe ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, senón que tamén fomenta a sustentabilidade e a calidade do rural.
E no que atinxe á categoría de mulleres, resultou premiada Nuria Sotelo pola iniciativa “A Casa Vella”, unha veterinaria que abandonou a súa profesión para dedicarse á creación escénica como bailarina, a súa verdadeira paixón. A súa obra mestura a danza coa natureza e o desexo dun rural vivo que poña en valor o papel das mulleres. Por último, na categoría de innovación tecnolóxica, o premio recaeu no proxecto “FRUTODS: Ecodeseño e innovación tecnolóxica no rural galego”, de Solucións Conceptuais e Innovación. Nesta liña, José González destacou que “o desenvolvemento require de innovación e tecnoloxía” e aproveitou a ocasión para sinalar a potencialidade das aldeas modelo, que recollen precisamente esta premisa.
Neste sentido, González indicou que xa se está a perfilar un modelo único de Plan de dinamización para os núcleos rurais destas aldeas, que permitirá a posta en marcha de actividade económica, a rehabilitación integral das aldeas e a planificación preventiva, ademais da garantía da conectividade, a autosuficiencia enerxética e as últimas tecnoloxías das explotacións que as integren. Todo no seo do proxecto europeo Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles, que lidera a Xunta de Galicia.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 93
- 94
- 95
- 96
- 97
- 98
- 99
- 100
- 101
- …
- seguinte ›
- última »