A Asociación de Comerciantes concede o Premio Azougue 2009 a Confitería Cerviño
Maria José Cerviño
(Redacción. Belén González) O Presidente da Asociación de Comerciantes do Carballiño, Adolfo Nogueira, xunto con Manolo Blanco "Celta" presentaron esta mañá o que será a entrega do Premio Azougue deste ano 2009. Para facer entrega do recoñecemento celebraráse a IV cea o vindeiro catro de setembro no Restaurante "O Pote". A comida comezará ás 22.00 horas e o prezo para os asistentes será de 25 euros; as entradas poderánse retirar ata o 2 de setembro nos seguintes establecementos: Hipercalzados, Sastrería Pájaro, Yoigo e establecementos Celta. Este premio á Confitería Cerviño foi acordado por tódolos membros da Asociación de Comerciantes -en torno ós 190 asociados-, porque según palabras de Adolfo: "Buscamos a alguén que teña unha traxectoria ampla e que sexa un emblema do empresariado carballiñés e que teña participado e apoiado todo tipo de iniciativas na actividade cultural, deportiva e social da vida do Carballiño" . Esta actividade familiar iniciouse nos anos 20 e nos anos 60 consolidouse como unha empresa, sendo o seu producto estrela as cañas fritas. A confitería vai pola súa cuarta xeración dentro da mesma familia e nela traballan 13 persoas. Ademáis deste premio Azougue, Cerviño xa recibiu diferentes premios de recoñecemento; as súas cañas fritas repártense por toda España como Madrid ou Barcelona e produce 3.500 unidades cada día. O nome deste premio fai referencia ó deus romano Mercurio que é o deus do comercio e na anterior edición foi concedido a "Autoservicio Pereira" tamén pola súa ampla traxectoria.