Cinco denuncias tras os incidentes rexistrados nas piscinas do Carballiño por dous mozos: agresións a persoas, amenazas, e destrozos nas instalacións

19, Xuño 2025

Os feitos aconteceron na tarde deste pasado mércores nas piscinas do Carballiño, un grave episodio violento protagonizado por dous mozos veciños do concello do Carballiño, e presenciado polos numerosos usuarios -moitos nenos- que estaban no recinto, atónitos co que pudo verse.

Ata cinco denuncias están presentadas contra os autores desta auténtica batalla campal, o concesionario do bar por destrozos de botellas e equipamento nas instalacións, as dos dous socorristas que estaban de servizo, que foron agredidos e sufriron lesións, asi como a encargada da "taquilla", á que amenazaron esixíndolle a entrega de diñeiro obtido pola venda de entradas.

Tamén presentou denuncia o concelleiro de deportes Pepe Castro-Gil, pola actitude violenta dos dous mozos e os danos causados no recinto público.

Cando chegaron ás piscinas Policia Local e Garda Civil, os protagonistas dos incidentes xa fuxiran, sendo posteriormente identificados e detidos. Esta mañá pasaron a disposición xudicial.