A directora Xeral de Comercio ratifica o seu compromiso coa modernización da Praza de Abastos

4, Xaneiro 2018

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou esta mañá a aposta que a Xunta está a realizar para lograr unha modernización dos mercados galegos na visita que realizou á praza de abastos do Carballiño.

Tal e como sinalou, trátase dunha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vén de ser remodelada polo Concello co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A directora xeral explicou que, entre as actuacións desenvolvidas, destacan a limpeza das fachadas de cantería, así como o acondicionamento dos postos exteriores mediante a recolocación de mobiliario urbano. Tamén se instalou nova iluminación e pavimentación co obxectivo de mellorar a imaxe da praza de abastos.

Sol Vázquez lembrou que a Xunta leva apoiado a modernización desta infraestrutura, desde 2015, cun total de 170.000 euros que se destinaron tanto á mellora e acondicionamento do mercado como á realización de campañas publicitarias, a adopción dunha imaxe común ou a creación de aparcadoiros.