Fausto Alén optará á alcaldía de San Amaro como candidato de Espazo Común

27, Marzo 2019

O candidato, veciño de Salamonde e xa experimentado na política municipal de San Amaro, presentase "coa ilusión de cambiar a realidade deste municipio cheo de potencialidades sen explotar por parte dos sucesivos gobernos do PP".

Fausto Alén foi voceiro do PSdeG-PSOE na etapa comprendida entre 2007 e o 2011, cando estivo moi preto de arrebatar o goberno ao anterior alcalde. Daquela acadou o mellor resultado en moitos anos dun candidato que non fose do Partido Popular.

Entre as súas propostas fundamentais están "afrontar o problema acuciante do despoboamento, a mellora na eficiencia económica do Concello e facer un especial enfáse no benestar social como piares esenciais para fixar poboación".

A xeración de emprego, ao seu criterio, debería ser prioritaria e factible, dada a ubicación xeográfica deste enclave entre Ribadavia, O Carballiño e Ourense, o que debera facilitar o asentamento de novas empresas "para o que se fai imprescindible a activación dun área de chan industrial", subliñou.

O potenciamento do Centro de Interpretación Castrexa de San Cibrao de Lás, tamén forma parte do seu plan para a xeración de postos de traballo que permitan gañar habitantes ao concello.

Alén foi arroupado nesta reunión por unha trintena de simpatizantes do Espazo Común e contou co respaldo explícito no acto do seu presidente Pachi Vázquez.