Maside estrea bandeira oficial, un distintivo do que carecen a maioria dos concellos.

22, Agosto 2020

O concello de Maside procederá o próximo xoves dia 27 de Agosto, coincidindo coa festividade de San Vitorio e festivo local no municipio, a estrea e izado da nova bandeira no balcón do consistorio masidao, e no transcurso dun acto solemne que se celebrará ás 13 horas.

O novo distintivo foi aprobado pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, a petición municipal e partindo dunha proposta realizada polo historiador e investigador masidao Xosé Ricardo Rodríguez, experto en xenealoxía e heráldica.

A bandeira de Maside fai alusión á historia da vila e concello e recolle varios símbolos que o identifican. Sobre fondo verde e en amarelo dourado aparece a torre da casa do concello, sen dúbida o elemento máis identificador de Maside, que aparace flanqueada por dous leóns, sobre dúas ondas, tal como tamén figuran no escudo municipal.