O Carballiño logra un novo récord ao picar 600 quilos de pulpo en 10 minutos e 30 segundos na tapa máis grande do mundo

5, Agosto 2025

As pulpeiras e pulpeiros do Carballiño baten o récord mundial e logran elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo con 600 quilos de cefalópodo.

Pouco antes das oito da tarde, a Praza Maior estaba repleta de veciños e visitantes que non dubidaron en achegarse a animar aos grandes protagonistas da xornada: as pulpeiras e pulpeiros, que se preparaban arredor do gran prato, de 5,37 metros de diámetro. Lograron cortar 10 quilos máis que o ano pasado, alcanzando os 600 quilos.

Esta 15ª edición da elaboración da tapa realizouse en 10 minutos e 30 segundos. Unha vez rematado o corte, aderezaron o pulpo con 8 quilos de sal, 54 litros de aceite e 3 quilos de pimentón doce e picante.

A Asociación de Pulpeiros do Carballiño repartiu máis de 1.600 tapas de pulpo entre o público asistente, que por 7 euros desfrutou dunha tapa de pulpo, pan, viño, postre, o prato especialmente gravado, pulseira e chaveiro elaborado polos usuarios de Aspadisi.

O DJ Tibu encargouse de poñer a animación musical, así como de guiar a elaboración da tapa, un ritual que volveu ter unha gran repercusión mediática tanto nacional como internacional.