A orquestra Panorama ofrecerá dous pases o xoves 5 de maio no Carballiño, nunha xornada musical e solidaria a favor de Ucraína e as familias carballiñesas máis necesitadas

21, Abril 2022

A iniciativa conta coa colaboración económica da pizzería carballiñesa "Cacho Pizza" que celebra o 30 aniversario e cubre unha gran parte dos gastos de organización desta xornada musical e solidaria que terá lugar no Carballiño o xoves dia 5 de maio próximo.

Tamén colabora co concello do Carballiño a Cruz Vermella, que se encargará do operativo preventivo e de seguridade, asi como de recadar os donativos que queiran aportar as persoas que acheguen ese día ata a Praza da Veracruz, onde instalará o seu escenario móbil a orquestra Panorama, o acceso á praza será gratuíto aínda que pide as persoas que acudan que dean un donativo de 3 euros.

Toda a recadación será canalizada a través da Cruz Vermella e destinaráse tanto ás persoas ucraínas refuxiadas como ás familias carballiñesas que están en situación de emerxencia social, tal como aclarou o presidente do comité provincial desta ONG, Felipe Ferreiro, que acompañou no acto de presentación deste evento a José Manuel Rodríguez, de Cacho Pizza, e os concelleiros Manolo Dacal e Diego Fernández.

O programa abriráse ás 19:30 horas na Praza do Emigrante co Dj. Tibu, A orquestra Panorama ofrecerá dous pases na Praza da Veracruz, en horarios de 21:00 a 22:00 h. o primeiro, e de 00:00 a 02:00 o segundo. Ademáis de 22:00 a 00:00 horas animará as rúas do Carballiño a Charanga Castro Bello, e de 23:15 a 00::00 na Praza da Veracruz fará de teloneiro da Panorama o Dj. Tibu.