Tributo ao escritor Victor Campio, fillo predilecto do Concello de Maside

20, Outubro 2017

O poeta Victor Campio, fillo predilecto do concello de Maside, recibíu un tributo organizado polo PEN Galicia e o Ateneo de Ourense,ao que se sumou a Xunta de Galicia, representada neste acto polo secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García.

No marco deste tributo,no centro cultural Marcos Válcarcel, Valentín García loou o traballo a prol das letra galegas que Víctor Campio realizou “tanto desde o ámbito da creación como desde a prensa ou o ensino”; un traballo que, en palabras do secretario xeral, “ben merece o recoñecemento de todos cantos estamos aquí e, tamén, de todos os galegos que aman a súa lingua”.

Tomaron a palabra no acto a presidenta do Ateneo de Ourense, Isabel Salgado Parada; o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o académico da lingua galega Xesús Alonso Montero e os poetas Edelmiro Vázquez Naval e Manuel Outeiriño. Durante o encontro púidose escoitar o acordeón de Celia Adrián Rodríguez, así como poemas de Víctor Campio recitados por Marisa Calvo e por Carmen e Isabel Pereira Nolasco.

O docente xubilado e escritor Víctor Campio Pereira González (Maside, 1928) ten publicados catro poemarios (O ar que nos leva; Perdida luz, O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 e Quince sonetos de amor e once poemas máis), así como unha novela (Baixo o sol do Magreb) e ensaio (Escritos en do menor). Colaborou ademais en obras colectivas como Sete poetas ourensáns, Poesía dos aléns e Poetas e narradores nas súas voces. II.

Colaborador habitual das actividades culturais da Cidade das Burgas nos últimos anos da ditadura e na democracia, escribiu en revistas e en xornais, nomeadamente en La Región. Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega no 2010, fillo predilecto de Maside no mesmo ano e membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2011. No 2012 obtivo o Premio Sete Carballas da Insua dos Poetas.

Victor Campio naceu e vivíu a súa infancia na parroquia de Garabás, onde a súa nai exercía como mestra.