A Xunta estuda unha colaboración co concello de Beariz para mellorar o acceso á aldea singular de Alvite

12, Novembro 2018

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado, mantiveron unha xuntanza para avaliar un proxecto de humanización urbanística no que traballa o concello co fin de continuar coa rehabilitación de espazos comúns no núcleo rural de Alvite.

Concretamente, a intención do goberno municipal pasa por actuar sobre os accesos á praza principal de Alvite, unha aldea singular que nos últimos anos ten experimentado un gran pulo e desenvolvemento desde o punto de vista social, turístico e demográfico pola vía de diversas actuacións de rehabilitación de iniciativa tanto pública como privada.

Tras coñecer o proxecto, Ángeles Vázquez mostrouse disposta a estudar a posibilidade de que a consellería colabore neste proxecto, que ten como obxectivo principal, tal e como lle trasladou o alcalde de Beariz, mellorar e acondicionar os accesos á praza principal da aldea, recentemente reformada pero cunha vía con pavimentación bastante deteriorada.