A Xunta salienta na 63ª Festa do Pulpo do Carballiño o valor do produto como símbolo de identidade e motor de desenvolvemento económico para Galicia

11, Agosto 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na 63ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño, onde puxo en valor a relevancia deste produto para a vila e para o conxunto da comarca, tanto no ámbito cultural como económico.

Durante a súa intervención, o conselleiro subliñou que o polbo forma parte esencial da identidade galega e que celebracións como a do Carballiño contribúen a manter viva esa tradición, ao tempo que impulsan a economía local e a xeración de emprego e emprendemento ligado ao territorio. Destacou ademais que o impacto desta festividade abrangue sectores como a hostalaría, o turismo e o pequeno comercio, exemplificando un modelo de desenvolvemento sostible baseado en recursos propios. Por último, reiterou o compromiso da Xunta con todas aquelas iniciativas que apoian a promoción do territorio, a dinamización económica e a preservación dos nosos sinais de identidade.