Política

24, Xaneiro 2012

Os Concelleiros e Concelleiras dos 3 grupos políticos da Corporación Municipal do Carballiño acudirán  á concentración convocada pola Plataforma Incineradora Non.

A protesta contra a planta de residuos que pretende intalarse no Irixo terá lugar ao mediodia deste vindeiro domingo dia 29 de xaneiro na Praza Maior do Carballiño.  O Alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, asinou unha nota infjormativa na que confirma que, trala celebración dunha reunión da comisión de seguimento do acordo plenario do pasado dia 5 de xaneiro " e co fin de que os veciños e veciñas se sintan representados na concentración que está prevista na Praza Maior, acordase por parte desta comisión, que a esa concentración asistirán os Concelleiros e Concelleiras da Corporación do Carballiño, polo que se convida a todos os que o consideren oportuno a que asistan á Praza Maior do Carballiño o vindeiro domingo ás 12 do mediodia".

COMUNICADO DA PLATAFORMA INCINERADORA NON

Coincidindo con este anuncio do Concello do Carballiño, a Plataforma convocante remitíu aos medios un comunicado, que reproducimos na súa integridade:

"Dende esta Plataforma queremos manifestar que Carballiño non deixará de loitar a pesares das declaracións efectuadas no día de onte polo conselleiro de medio ambiente, Agustín Hernández, que aseguraba que a Xunta de Galicia mantense na súa disposición de construir unha planta incineradora no concello do Irixo. Para empezar, quixéramos recordar as palabras do actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, quen aseguraba en precampaña electoral que non se construiría unha incineradora na comarca do Ribeiro e inmediacións no caso de que gañara as eleccións. Queremos lembrar que a denominación de orixe destes viños comeza a menos de 10 kilómetros de onde se pretende instalar esta planta. O Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, señor Hernandez, parece empeñado en ignorar o sentir dos veciños desta comarca e fai ouvidos xordos ás peticións de paralización do proceso de construcción da planta incineradora, a escasa distancia do núcleo do Carballiño e con perxuicios directos para outras zonas densamente poboadas do interior galego como o Ribeiro ou o Deza.

 Por outra banda, queremos destacar que o conselleiro non fai mención ningunha ó aspecto legal da súa construcción en terreos con catalogación patrimonial e a escasos metros do nacemento das augas termais que alimentan os afloramentos mineromedicinais desta comarca e dos seus perímetro de protección dos balnearios. Neste sentido, esta Plataforma anuncia que vixiará polo cumprimento da lei non soamente relacionada coa normativa medioambiental, senón tamén polas que rixen noutro tipo de materias como as anteriormente mencionadas e onde aínda a Xunta de Galicia non deu resposta. Inevitablemente, xurden unha serie de preguntas que aínda non foron clarexadas polas distintas administracións: Cómo pode afirmar o conselleiro que a ubicación é a ideal se todavía non coñece os pormenores socioeconómicos e medioambientais desta zona? Por qué o interese inusitado en acelerar o proceso administrativo do proxecto sen atender a tódolos requisitos esixidos pola lei? Por qué o presidente da Deputación, Sr. Baltar, que asegura que non desexaría unha planta deste tipo cerca da súa casa castiga a esta comarca ? Por què o Sr. Baltar aproba esta decisión cando aseguraba nun pleno que non avalaría ningún proxecto que contara coa oposición veciñal? Acaso non se da conta que o seu propio partido rexeita esta incineradora no concello máis poboado da comarca? Estas preguntas non teñen resposta salvo que todo sexa unha grande mentira política para castigar a esta zona da provincia que non conta con ningún peso político dentro do Partido Popular e rinden o seu contrato de vasallaxe, ben directamente ou ben escudándose nun telón que pretende enganar ós cidadáns.

  Esta plataforma tamén se fai unha pregunta que supoñemos é clave en todo este círculo de mentiras que nace na Xunta de Galicia. Así, se este proxecto é tan bó por qué non se realiza onde se xenera o lixo e así se aforrarían en custes de transporte? Por qué se mete todo en mans privadas e se relaciona todo cunha empresa adscrita ó plan e concurso eólico? Qué garantías pode haber de seguridade cando temos todos os antecedentes e accidentes acaecidos noutras incineradoras? Por qué se utiliza a demagoxia da creación de postos de traballo cando sabemos que moitos van ser destruídos en sectores tan sensibles como o agrogandeiro e termal? Por qué se pretende dar unha imaxe non contaminante cando toda a comunidade científica está dacordo nos perxuicios que causa na saúde? O que non acepta esta plataforma é que dende a Xunta de Galicia e Deputación se pretenda tratar ós veciños desta comarca como súbditos destas grandes preguntas que non teñen resposta e que esta Plataforma vese na obriga de informar arreo para evitar que as confusiós enganen á poboación.

 Deste xeito, a Plataforma desexa animar a tódolos afectados por esta inciativa, que consideramos son todos os veciños desta comarca e anexas, á manifestación que terá lugar o vindeiro domingo no Carballiño. Na mesma esperamos que todas as forzas políticas que aprobaron unha moción neste concello estean presentes en dito acto así como tódolos colectivos, asociacións e sectores de todo tipo para que se unan a esta marcha e se concentren no rexeitamento deste proxecto que pretende hipotecar o noso futuro e dos nosos fillos. Lembramos que fora de toda ideoloxía política está o benestar da saúde como principio básico da convivencia entre veciños, rexeitando o vasallaxe ó que nos pretende sumir a administración.

 Ademais, dende a Plataforma Incineradora Non do Carballiño, convidamos ao señor Hernandez  a que o vindeiro domingo visite a nosa vila e lle explique aos milleiros de persoas que van acudir ás 12.30 á Praza Maior a mostrar a súa repulsa á Incineradora, porque as súas opinions non contan, porque non se consultou, xa non ós veciños do Carballiño, senón tan siquera ó seu alcalde a disposición de todos nós sobre este asunto.

Para rematar, alégranos ver que existen institucións que sí dan a cara abertamente para manifestar o que consideran unha inxustiza e se poñen de lado dos veciños porque saben perfectamente das consecuencias negativas que a execución deste proxecto traería consigo".

 

 

22, Xaneiro 2012

As cifras do paro do pasado mes de decembro de 2011deixan un novo record histórico tanto no conxunto dos concellos da Comarca, como no municipio do Carballiño. Un total de 2.462 traballadores están inscritos como demandantes de emprego, o que siñifica o pior dato comarcal desde que se realiza esta estatística oficial.

No municipio do Carballiño son 1.422 as persoas ( 739 mulleres e 683 homes ) que están no paro. No pasado mes de decembro outras 32 persoas engrosaron as listas do desemprego, e en termos interanuais a cifra de parados aumentou en 108 persoas, o que siñifica unha variación negativa do 8,22% en relación ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, os 1.422 parados carballiñeses, repartense entre os 200 na industria, 293 na construcción, 32 na agricultura e 724 en servizos, mentres que sen emprego anterior figuran 173 persoas.

No resto da Comarca, encabeza o ranking do paro o Concello de Maside con  285 demandantes de emprego, seguido de Boborás con 198, Cea con 141 e O Irixo, con 115. Completan a lista os municipios con menos poboación, en San Amaro non teñen traballo 99 persoas, en Piñor 93, en Punxin 62 e finalmente, 47 en Beariz. Non obstante, en termos interanuais, en dous concellos descendeu o paro no último ano, en Cea, onde o paro baixou un 8,44% e San Amaro, cun 8,33 menos de parados.

Finalmente, nos concellos de Leiro e Avión a evolución interanual do paro tamén é negativa, un 31 % en Avión ( 95 desempregados) e un 3,55% en Leiro ( 146 persoas en paro )

 

20, Xaneiro 2012

 A secretaria de Organización Provincial do PSdeG, María Quintas, e o portavoz socialista na Deputación, José Ignacio Gómez, pediron en rolda de prensa a dimisión como deputado provincial do alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, “por ter mentido aos cidadáns e non respetar as institucións”.Gómez cualificou de “feito grave e sen precedentes” que por primeira vez en 20 anos o Presidente da Deputación se negue a debater unha moción socialista cun argumento como que “non lle van dicir a el os do Carballiño o que ten que facer”.

Os socialistas anunciaron que utilizarán todas as vías legais para intentar que a moción sexa debatida na institución provincial, onde consideran que o Sr. Marnotes debe dimitir, xa que estase contradicindo co que aprobou como alcalde hai menos dun mes e o propio presidente “o está poñendo en entredito”.

O deputado explicou que os socialistas preguntaron onte en comisión informativa se existe o informe xurídico do que falou o PP durante estes días para evitar o debate da moción, pero a resposta foi que se trata dun informe verbal, polo que sinalou que en dereito administrativo os informes verbais serven para informarse pero para xustificar as accións os informes deben ser firmados.

Gómez dixo que esixirán que se lles entregue o “famoso informe” co que o PP intenta “taparlle a boca ao grupo maioritario da oposición” no debate dun problema o suficientemente importante para a nosa provincia.

Así, dixo que aínda que a potestade de incluír a moción na orde do día do vindeiro pleno do Presidente, esta decisión demostra “covardía política” amparándose nunha mentira sobre as supostas diferenzas semánticas entre a moción aprobada no Carballiño e a presentada na Deputación

Lembrando as propias manifestacións de Baltar nas que afirmaba que rexeitaría a incineradora onde houbera oposición veciñal, apuntou que “hoxe saen os viticultores tamén amosando o seu rexeitamento a esta macroincineradora”, ao que hai que engadir “o sentir da Igrexa, dos veciños, de asociacións ecoloxistas, dos partidos políticos, e da cidadanía en xeral”.

Tamén dixo que curiosamente neste pleno se debaterá de novo unha moción sobre a Estación de Manzaneda, porque “como non debe ser doutro xeito” os grupos políticos levan ás institucións os temas “candentes” e que preocupan aos cidadáns “as veces que faga falta”.

Ademais salientou as continuas contradiccións dos dirixentes do PP sobre este asunto e a dobre vara de medir do Sr. Baltar, que declara que “se é ao lado da súa casa non a quere, pero si a quere nunha comarca de 30.000 habitantes”, que Plácido Álvarez dixo entender ao alcalde do Carballiño, e que por outro lado o vicepresidente da Deputación “con dedicación exclusiva dixo que a moción se debatería tranquilamente e se votaría en consecuencia”.

A secretaria de Organización Provincial, María Quintas, afirmou que “o verdadeiro  culpable do mal de Ourense é o Sr. Feijóo” que adxudica  pola porta de atrás esta incineradora “despois de estar un ano calado, coa connivencia do clan Baltar, porque estabamos en eleccións”.

Quintas pediu “un pouco de seriedade e respeto” ao PP, que nun momento de crise que afectou moi profundamente á provincia de Ourense, se permitiu facer promesas como a fábrica de coches eléctricos e xogar coa ubicación da incineradora.

Dixo que o Sr. Marnotes ten que dimitir porque el votou si á incineración, declarou en rolda de prensa que estaba encantado, e mes e medio despois “botou contas de cantos cidadáns estaban preocupados pola súa saúde e montou unha escenografía patrocinada por Baltar”.

Así mesmo, Quintas pediu a Marnotes que dea unha rolda de prensa e conte o que pasou na reunión que tivo co conselleiro despois do pleno municipal, e censurou a falta de apoio da Xunta ás comarcas do Carballiño e o Ribeiro nos seus orzamentos.

Neste sentido dixo que “xa hai que ser miserables” para que nun momento de paro  se xogue con “300 postos de traballo, que son mentira, a cambio de saúde”.

Subliñou a importancia desta decisión para o futuro do viño, do turismo, e do termalismo da comarca que se verán “hipotecados” por esta incineradora, e manifestou a total oposición do PSOE á incineración, polo que os socialistas estarán presentes na manifestación do vindeiro 29 de xaneiro no Carballiño e presentarán iniciativas en todas as institucións.

20, Xaneiro 2012

Dende a Sociedade de Pescadores do Carballiño alertan sobre as graves consecuencias que podería ter a instalación dunha incineradora no Concello do Irixo. Esta advertencia está baseada na experciencia acaecida noutros lugares de España onde estas plantas xa foron responsables directas da contaminación dos ríos e regatos situados nas zonas máis próximas a este tipo de plantas. Basta como exemplo -afirmarn os pesacdores- o sucedido en Cerceda hai poucos anos, é que foi amplamente difundido na prensa da época, onde un verquido ás augas do río Lengüelle que causou a morte inmediata de miles de troitas. Daquela, a Garda Civil constatou graves deficiencias nos sistemas de depuración e na impermeabilización das balsas de residuos, habedo filtracións que finalmente acabaron no río Lengüelle. Recordan como según a Benemérita, ocasionáronse verquidos de forma “reiterada y continuada” para “recortar gastos”.

 Pregúntase a Sociedade de pesca carballiñesa cómo se garantizaría a seguridade dos nosos ríos neste tipo de instalacións que, ademáis, sería totalmente xestionada por capital privado.  A Sociedade de Pesca do Carballiño refírese ademáis, entre os argumentos para opoñerse á incineradora,  ás características orográficas das escorrentías das augas máis próximas ó lugar onde se pretende instalar dita planta. Todas elas verten directamente ós dous ríos máis importantes do noso entorno, é dicir, o Arenteiro e o Viñao, xustamente dous dos torrentes máis emblemáticos na pesca en Galicia e con maior riqueza de fauna auática. A paradoxa é que en Carballiño contamos cunha Piscifactoría que repoba grande parte dos nosos ríos dende hai xa cincuenta anos. E a elo hai que engadir o criadeiro de troitas que esta Sociedade xestiona en Toscaña, situado xustamente na fronte do Gran Balneario do Carballiño.

Manteñen que "aínda que só sexa por imaxe, non é posible que unha incinedora estea tan perto dunha das zonas con maior riqueza medioambiental da Galicia interior e que incide directamente na economía desta zona. Os coutos de pesca do noso entorno son coñecidos e recoñecidos non somentes en Galicia, senón que tamén son moitos os pescadores do país veciño Portugal que se achegan a Carballiño para disfrutar da pesca deportiva".
Finalmente,  esta asociación, que agrupa a preto de 300 afeccionados á pesca deportiva, queren deixar claro  que o impacto que producirá esta planta na comarca será moi perxudicial para toda a Comarca, e que depende "de todos nós protexer unha das riquezas máis importantes que temos, e que non se pode hipotecar o futuro deste pobo a costa dos empregos que xenerará a construcción da incineradora. Porque pensamos que non só están en perigo os nosos ríos, senón tamén todo o espacio medioambiental e o futuro deste pobo".

 

 

19, Xaneiro 2012

A Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo celebrará o seu 17º Congreso Internacional no Carballiño, entre os dias 21 ao 23 do vindeiro mes de novembro deste ano 2012.

Asi o anuncio o Alcalde do Carballiño tras unha reunión que mantivo en Fitur cos responables desta asociación, que lle confirmaron a decisión acordada pola asamblea xeral da AECIT. O Congreso reunirá a unhos 500 especialistas nacionais e internacionais que tratarán "la creación y desarrollo de productos turísticos: innovación y enfoque experiencial".

Argimiro Marnotes mostrou en COPE O Carballiño a satisfacción ao comunicar esta "importante noticia para O Carballiño, que por vez primeira vai acoller un congreso internacional, con todo o que esto representa, é importante para a provincia e sobre todo para O Carballiño, porque imos ter entre nos a 500 expertos que coñecerán  O Carballiño e o seu entorno".

O Alcalde carballiñés tamén incidiu na relevancia do congreso para os sectores da hostelería e a restauración "precisamente conseguimos que se elexise O Carballiño para celebrar este evento pola infraestructura hoteleira, temos a residencia de tempo libre e un gran número de prazas hoteleiras, que foron determinantes para que finalmente fructificase este proxecto no que levabamos desde o concello traballando varios meses".

PRESENTACIÓN DO CARTEL DA FESTA DO POLBO

Nesta mesma xornada, O Carballiño e a festa do polbo foron protagonistas en Fitur, onde se presentou o cartel de Felipe Senén López Gómez co se publicitará a L edición da convocatoria gastronómica carballiñesa, nun acto no que ademáis do Alcalde do Carballiño tamén participaron a Concelleira de Turismo, Pilar Caride, e a Xerente de Turgalicia, Carmen Pita. Marnotes salientou o feito de que este ano se celebre o 50 aniversario desta festa "que comezou  como unha xuntanza de amigos e e hoxe o referente gasronómico de toda Galicia, pola calidade do producto, polo marco onde se celebra e a profesionalidade e tradición das nosas pulpeiras", dixo.

O acto contou coa presenza de numeroso público no stand de Turgalicia, ao que acudiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e outros persoeiros da vida política.

 



18, Xaneiro 2012

Tras dous meses e 6 dias desde o seu ingreso na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, recibíu hoxe a alta médica.

O pequeno Marcos, de 4 anos de idade, unha das víctimas do incendio no edficio Magariños o pasado dia 12 de novembro de 2011, fora trasladado ese dia en helicóptero atá o centro sanitario con feridas graves, das que se foi recuperando.

Na xornada de hoxe o neno abandonou o centro hospitalario e desde última hora da tarde xa se atopa no seu domicilio do Carballiño. Agora, terá que acudir periodicamente ao centro hospitalario para a súa recuperación definitiva.

17, Xaneiro 2012

As 20 familias polbeiras da parrroquia de Arcos que integran na actualidade a recén creada "Asociación de pulpeiros do Carballiño-Arcos" levarán nas súas antucas, toldos e furgonetas o distintivo que desde agora identificará a marca rexistrada "Pulpo do Carballiño".

O logotipo representa a un polbo cos seus tentáculos dispostos en forma circular, representando o planeta terra, e coa lenda " Pulpeiros do Carballiño-Arcos". A inciciativa foi presentada pola Presidenta do colectivo Isaura González, a Concelleira de turismo Pilar Caride e máis o Alcalde Argimiro Marnotes, que resaltou "a impagable publicidade" que para O Carballiño e a festa do polbo representará esta marca corporativa "que difundirá o nome do Carballliño e da nosa festa do pulpo por todo o mundo".

Xunto ao logotipo da asociación, tamén aparecerá o nome da familia polbeira e a lenda " Festa do Pulpo - Segundo Domingo de Agosto". A Presidenta da asociación, Isaura González explicou que "a idea desta asociación xurdiu co obxetivo de recoñecemento a un oficio que ven de varias xeneracións, xa que para os que nos dedicamos a isto é un orgullo decir que somos pulpeiros de Arcos". Ademáis, desta maneira premiaráse a tradición xa que "aínda que a asociación está aberta a todos os que exercen como pulpeiros, a marca identificativa daráselles a aqueles que demostren máis de 20 anos de profesión".

Con este proxecto,  Argimiro Marnotes recordou que o Grupo de Goberno cumple asi un compromiso adquirido no seu programa electoral "apoiar desde o Concello aos nosos pulpeiros e pulpeiras,sempre foi una idea que tiñamos, crear unha marca corporativa para os nosos pulpeiros que os distinga dos que non o son". O Alcalde invitou a este colectivo a participar activamente na organización da festa gastronómica carballiñesa, que este ano cumplirá o seu 50 aniversario.

 

 

17, Xaneiro 2012

A Sala 2ª do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de dictar sentencia pola que da a razón ao Concello de Avión no recurso plantexado polo de Carballeda de Avia en relación aos lindes entre ambos municipios.

Desta maneira, o TSXG acepta os postulados defendidos polo Concello de Avión, sustentados fundamentalmente nos informes emitidos polo Instituto Xeográfico Nacional, e rexeita os argumentos do Concello de Carballeda de Avia  baseábanse en estudios feitos pola empresa Servicat S.L. e mailo historiador e Ex-Alcalde do Carballiño, Carlos Montes.

A Sentencia supón para o Alcalde de Avión "unha enorme alegría, porque ao fin a xustiza danos a razón nun asunto tan obvio e claro como este, malia de que por parte de algunhos intentouse defender o indefendible, pois con tan só acudir ao monte e ver os marcos este asunto debeu quedar finiquitado fai tempo e non estar en permanente confrontación durante máis de 9 anos, facendonos gastar un diñeiro que esaría mellor gastado noutras necesidades antes que neste tipo de pleitos", manifestou Antonio Montero.

Agora trala Sentencia, o Rexedor Municipal de Avión promoverá "que esos terreos regresen baixo a xurisdicción do Concello de Avión, e tamén que volvan a formar parte do monte comunal de Cortegazas e non como están figurando na actualidade no de Laceiras".

16, Xaneiro 2012

Dende que comezaran as xornadas na Casa da Cultura no pasado mes de decembro, son xa máis de 400 veciños do municipio de Carballiño os que participaron nas charlas impartidas tanto pola Sociedade Galega de Historia Natural coma polo biólogo Diego Reboredo.

Os relatorios, baseados no informe realizado pola devandita sociedade, apóianse nos grandes prexuízos que supón a incineración como sistema e como factor contaminante para o ámbito onde se sitúa. Ademais de razóns relacionadas coa saúde, afóndase en aspectos de índole socioeconómico que desacreditan a elección de Irixo como municipio que albergue esta instalación, e as graves consecuencias que pode ter sobre toda a bisbarra de Carballiño.

Ata agora, as parroquias que acolleron as devanditas charlas son as da Piteira, Pol, Seoane, Veiga, Mudelos, Madarnás e Longoseiros, ademais da xa mencionada da Casa de Cultura en Carballiño. Para esta semana, está programado que este martes se celebre no local social de Partovia a partir das 20:00 horas. O xoves, a plataforma organiza unha conferencia no concello de San Amaro a celebrar no centro médico da devandita localidade tamén ás 20:00 horas, e xa o venres o lugar elixido é a parroquia de Arcos á mesma hora e en local social desta asociación de veciños. A seguinte semana, a Plataforma proseguirá coa súa campaña informativa polas distintas parroquias e sedes veciñais de Carballiño. Finalmente, o domingo 29 ás 12,30 da mañá está convocada unha manifestación na Praza Maior do Carbaliño

Dende a Federación de Veciños de Carballiño e todas as asociacións vinculadas a esta plataforma, animan "a todos os veciños interesados a que participen neste ciclo de conferencias co obxecto de informarse sobre calquera cuestión relacionada con este tema. Consideramos que é o noso deber que todos os veciños poidan contrastar os seus puntos de vista a partir da información que se lles vai proporcionando, tendo en conta, sobre todo, que neste proceso todo foi escurantismo por parte da administración autonómica que nunca consultou a esta bisbarra dende que decidise situar a planta incineradora".

16, Xaneiro 2012

O Alcalde de Boborás non convocou o pleno ordinario de decembro porque "non había asuntos que tratar e a convocatoria acarrearía un gasto inútil para o concello".

O BNG que, con antelación a esa sesión que tería que celebrarse o pasado dia 30 de decembro, presentara unha moción na que pedía que a concello de Boborás se postulase en contra da incineradora do Irixo, criticou a non convocatoria, e a portavoz nacionalista Maria Dolores Cachafeiro asegurou en declaracións a COPE O Carballiño que "o auténtico motivo de non celebrar o pleno foi que o Partido Popular non tería maioria, debido a ausencia de dous dos seus concelleiros".

Na pasada semana, os 3 grupos políticos da oposición municipal asinaban unha petición conxunta de solicitude dun pleno extraordinario para que o grupo de goberno aclare a súa postura sobre a ubicación da planta de residuos. Sobre esta solicitude, Cipriano Caamaño dixo nesta emisora de radio "eles están no seu dereito de pedir o pleno, e o Alcalde tamén está no seu mesmo dereito de contestar afirmativamente ou non, xa verémos, pero pode ser que o convoque ou non, ou igual dentro de 4 ou 5 anos", suliñou.

As manifestacións do Alcalde foron contestadas -tamén en COPE O Carballiño- pola portavoz de MOVE Boborás, Eva Pardo, "xa verémos dentro de 4 ou 5 anos quen é o Alcalde de Boborás, esperemos polo ben do concello que para entón teñamos outro Alcalde, aínda que para daquéla igual xa ten tempo de coñecer a lei, non é cuestión de contestar, senón que ten que cumplir a lei". A Concelleira de MOVE Boborás engadíu máis adiante " O Alcalde debería dar exemplo, aínda que sabemos que non está moi afeito a facelo, ahí está a súa casa totalmene ilegal", asegurou. Finalmente e en relación á incineradora, Eva Pardo asegurou que a súa ubicación no Irixo sería moi perxudicial para o municipio de Boborás "pola contaminación, e porque ó lado de onde se vai contruir decorre o rio Viñao, que ven ó noso concello, virianos un río totalmente contaminado", recalcou.

 

 

Páxinas

Subscribirse a RSS - Política