Anímome a escribir para dar a miña opinión e consello a comunidade de veciños do nº44 de Calvo Sotelo. Porque, a razón do que leo penso que non están facendo as cousas como deberían e porque non están correctamente asesorados. Nin o concello, nin a concesionaria da auga teñen obriga algunha de arranxar os desperfectos ocasionados por debandito accidente no interior do edificio (na rua xa están arranxados). Non son eles quen teñen que contratar a ningunha empresa para arranxar os danos. Algún deles ou os dous poden ser responsables subsidiarios dos danos ocasionados, e empregar os seus seguros de responsabilidade civil para pagar os danos. A comunidade de vecinos ten que ter un seguro de responsabilidade civil, por se pasa calquera cousa no edificio (como neste caso). Ocurrido isto hai que chamar o seguro, que veña un perito e facer un parte e valoración de danos, ver o que se pode arranxar ou non e o que hai que substituir. Haberá que pedir tres presupostos a tres empresas distintas para solucionar os danos, contratando a que máis interese relación calidade-prezo-tempo. Ainda sen coñecer as cláusulas do seguro da comunidade e sendo evidente que a responsabilidade subsidiaria non é da comunidade senón dun terceiro (sexa Viaqua ou Concello) o seguro debería adiantar, senón a totalidade gran parte dos cartos precisos para arranxar os danos. O seguro da comunidade do edificio xa se encargará de reclamar o concello ou a viaqua. Se o seguro, polo que fora non actua así, son os veciños os que teñen que adiantar os cartos para contratar a unha empresa que arranxe os danos e acudir os xulgados para que dirima quen o responsable subsidiario para facer fronte os danos ocasionados.
Si xa sei, eu non teño que adiantar os cartos para arranxar algo que non provoquei e inda acudir os xulgados, levará tempo, abogados.... Esa forma de pensar non é a adecuada nestes casos.
Seguramente non sexa a forma máis xusta, pero é a única forma correcta de facelo e de cobrar. Non podedes seguir agardando a que o concello ou viaqua vos arranxen os desperfectos. Cando chegue o momento xa pagarán os seus seguros. Pero xa tíñades que ter arranxado iso, ben cos cartos do seguro da vosa comunidade ou ben con aportacións extraordinarias dos veciños.
Non quero que ninguén tome a mal o meu comentario, pero calquera asesor ou xestoria que leve comunidades opinaría o mesmo. A veces tómanse decisións equivocadas por malos consellos, outras por que quen nos da un consello acertado, non nos dí o que queremos oir e non facemos caso porque non nos gusta o que nos aconsella, outras porque tomamos decisión sen saber e sen ser aconsellados.
Non sei cal é caso aquí, pero o que está claro é que o camiño que tomaron non é o axeitado. Non perdades máis tempo senón ides seguir sen calefacción máis tempo.

A primeira hora da mañá do día 2 de maio a rotura dunha tubería da traída xeral de auga na Rúa Calvo Sotelo de O Carballiño (frente á Biblioteca Municipal) causou importantes danos por toda a zona, pero o máis perxudicado foi o Edificio Castelao sito no número 44. Quedou totalmente inundado o sótano 2 e ata a metade o sótano 1.
Está a rematar o mes de novembro e non temos nin calefacción (a caldeira, o depósito de gasoil, o cadro de contadores quedaron sumerxidos totalmente en auga e terra), nin instalación eléctrica no sótano 2, nin o ascensor pode baixar ós garaxes.
Parece que nin o Concello nin Viaqua esquecen cobrar os recibos de suministro (que os veciños pagamos puntualmente) pero nada lles importa o mal que o estamos a pasar. Xa vai facer 7 meses, ven o frío, e no edificio viven persoas maiores, nenos, persoas enfermas,... e seguimos sen calefacción porque non son capaces de arranxar os danos causados. A medida que pasan os días o deterioro vai a máis.
Por suposto, ninguén ten a culpa de que sucedan accidentes deste tipo, pero cando ocorren hai que ter a RESPONSABILIDADE de reparar os danos na maior brevidade de tempo e...CANTO MÁIS TEMOS QUE ESPERAR?

Todo o "fenómeno" que rodea nas últimas semanas ao Club Deportivo Arenteiro, a marxe do ámbito deportivo, está deixándonos detalles que non pasan desapercibidos e que nunca antes aconteceran no Carballiño, como o feito de que a administración de lotarias da localidade despachase por vez primeira na súa historia un número completo para a tradicional lotaría do nadal, as súas 180 séries, e o máis sorpredente aínda, a un mes vista da celebración do sorteo que será o 22 de decembro.
O pasado mércores dia 16, tras saberse que no sorteo da segunda ronda da Copa do Rei ao Arenteiro tocáralle o "gordo" dese sorteo, o Club Atlético de Madrid, que terá que xogar en espiñedo o 22 de decembro, a demanda do 57039, o número vendido polo club, disparouse de tal maneira que os décimos quedaron esgotados esta pasada fin de semana.
En COPE O Carballiño, a xerente de Lotarias Prada confirmou que "é a primeira vez que nos sucede algo asi, falei con meu pai e tampouco él recorda tal cousa, nunca antes vendimos un número completo, levamos dias de auténtica locura de xente que ven de fora a buscar este número, incluso recibimos chamadas de México para facerse con lotaría do Arenteiro". Ana Prada botou man da calculadora para comentar que no caso de tocar o gordo no número do Arenteiro a sorte repartiría 720 millóns de euros no Carballiño.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións. "Unha reunión satisfactoria, outro novo exemplo do que é a cooperación da Deputación e os concellos, que contan neste goberno ao seu mellor aliado, coa capacidade e o músculo suficiente para atender as súas propostas e seguir construíndo provincia", valora o presidente do goberno provincial, que garantiu o respaldo a iniciativas de dinamización empresarial e cultural, ademais da mellora dos servizos públicos para os veciños.
En concreto, Manuel Baltar avanzou a colaboración no impulso ao polígono industrial, "un proxecto completamente estratéxico para o futuro de Beariz, que contará con renovada capacidade para atraer empresas e crear emprego de calidade", segundo remarca o presidente da Deputación, que tamén comprometeu o respaldo a novas actividades socioculturais. Ademais, a administración provincial colaborará na elaboración do proxecto do novo cemiterio municipal. "Estas iniciativas propostas polo rexedor son fundamentais para Beariz", sinala Manuel Baltar antes de incidir no "traballo diario do goberno municipal liderado por Manuel Prado, sempre na procura de novos proxectos para o impulso do territorio e a blindaxe dos servizos públicos".
Pola súa banda, o alcalde pondera a transcendencia do "continuo respaldo da Deputación e do seu presidente a iniciativas estratéxicas, e que sen o seu apoio sería imposible sacar adiante".

O Ministerio de Tranportes, Mobilidade e Axenda Urbana estuda as melloras que se pretenden levar a cabo na estrada N-541 ao seu paso pola zona urbana do Carballiño, e que se sumarían ás xa anunciadas dias atrás polo concello do Carballiño, para a mellora da seguridade vial no traxecto urbano deste vial, a través da Avenida 25 de Xullo, rúa Francisco Castelló e Estrada de Pontevedra.
Entre outras posiblidades, estaría a construcción dunha pasarela elevada para o tránsito peonil, tamén a contrucción de pasos sobreelevados, asi como a instalación dun grupo semafórico no cruce de interseción coa rúa Otero Pedraio, considerado como un dos máis conflictivos na actualidade. Para avaliar estas posibles melloras, o Ministerio ven de instalar cámaras contadoras tanto do tráfico de vehículo como do tránsito peonil.
Estas melloras para a seguridade vial, sumaríanse ás demandadas polo concello do Carballiño, e que se centran fundamentalmente no tramo entre a cruce da rúa do Irixo ata o cruce de Toscaña, e que contemplan a ampliación de beirarrúas, intalación dunha nova iluminación con LED, e a construcción dunha rotonda a altura do cruce de Toscaña, un proxecto elaborado polo concello carballiñés e orzamentado en preto de 800.000 euros, e para o que o concello agarda o apoio do Ministerio con vistas á súa execución.

A Deputación de Ourense lanza un proxecto piloto de compostaxe comunitaria para os municipios do Carballiño, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia.
O proxecto está prantexado para avanzar na compostaxe comunitaria procurando unha mellor solución para os residuos orgánicos xerados nos fogares, ao mesmo tempo que contribuirá a evitar a deposición de restos vexetais de podas nos contedores municipais ou na vía pública.
O deputado Pablo Pérez presentou hoxe esta iniciativa nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o tenente alcalde de Pereiro de Aguiar, Manuel Doval; e a edil de Medio Ambiente do Carballiño, Rita Soto.
Pablo Pérez resalta que esta é “unha iniciativa novidosa para o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos que busca retirar a materia orgánica do circuíto da fracción resto -bolsa negra- e que esta se xestione de maneira independente”.
O deputado prantexa que, co compostaxe, “tendemos a unha alternativa igual de eficiente que a da implantación dun contedor específico para a recollida da materia orgánica, xa que en ambas diminúe, igualmente, o impacto ambiental que xera non xestionala independentemente. E ademais permite reducir drasticamente o elevado custo operacional e de gasto que supón crear e manter unha liña de recollida separada para unha nova fracción”.
Na súa intervención, a alcaldesa de Xinzo de Limia deu parabéns á Deputación por esta iniciativa e resaltou a importancia de “concienciar á cidadanía para favorecer a economía circular”.
Manuel Doval tamén agradeceu o traballo da Deputación e explicou a importancia da educación ambiental: “Máis aló do tema económico, crer no medio ambiente é unha cuestión de feitos, feitos como este proxecto”.
Pola súa banda, Rita Soto agradeceu a implicación do Concello do Carballiño neste proxecto e animou aos veciños a participar na iniciativa.
Dúas fases do proxecto de compostaxe comunitaria
Este proxecto nace a partir dunha axuda solicitada este ano pola Deputación de Ourense á Xunta de Galicia no marco dos Next Generation.
A iniciativa divídese en dúas fases. Por un lado, unha etapa de captación, de formación e sensibilización da cidadanía respecto ao proxecto, que máis alá de captar participantes, nos permitirá estimar a cantidade de residuos xerados segundo a tipoloxía e costumes de cada fogar.
A iniciativa está ideada para o seu desenvolvemento nas urbanizacións dos concellos elixidos. En Pereiro de Aguiar serán as de Santa Marta e a Tapada de Abaixo; no Carballiño, Uceira e Corzos; e en Xinzo de Limia, nas urbanizacións da Devesa e do Polígono, localizacións onde se colocarán sendas áreas de compostaxe comunitario permitindo aos veciños interesados en depositar os restos orgánicos xerados nos seus fogares.
Partindo desta información, no 2023 poderase proceder a dimensionar as illas de compostaxe baixo un criterio máis axustado a realidade, grazas aos resultados extraídos do estudio da primeira fase e posteriormente executar á súa construción.
Fase explicativa do proxecto
Nos vindeiros días, persoal do servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense e e da empresa Ancaria visitará “porta a porta” as vivendas existentes na área de influenza das localizacións elixidas, para explicar os pormenores do proxecto, fomentando a adhesión dos interesados e explicando as vantaxes e facilidades que terán os participantes co uso deste tipo de compostoiros.


O non vai máis....o Arenteiro enfrontaráse o Atlético de Madrid no estadio de Espiñedo en partido oficial, correspondente á segunda ronda da Copa do Rei, que se xogará entre os dias 21 ou 22 de decembro.
Tres equipos da máxima categoria do fútbol español en apenas un ano van pasar polo Carballiño, o ano pasado foi o Valencia ao que o Arenteiro puxo contra as cordas e estivo a tan so un pasiño de eliminalo. Este ano, o pasado domingo o Arenteiro cargouse ao Almería, e agora será o Atlético de Madrid o que deberá visitar O Carballiño en vésperas do nadal. O Arenteiro dos records, flamante campión da Copa Federación e líder destacado na Segunda Federación, continúa co seu carrusel de emocións.
O vídeo do sorteo na Televisión de Galicia: https://www.g24.gal/-/sorteo-de-copa-celta-pontevedra-e-arenteiro-buscan...
O vídeo do sorteo e a crónica do Diario "Marca":https://www.marca.com/futbol/copa-rey/2022/11/16/637512c0e2704e9b248b45c...

Dende o sindicato da CIGA insisten en denunciar a que consideran é "política laboral de acoso e represión" no Asilo Residencia Irmáns Prieto Pereira. E mesmo apuntan a "un plan oculto para cambiar o modelo do Asilo, para pasar a ser un negocio máis de residencia da 3ª idade".
Dende a central sindical volven pedir a readmisión para as dúas traballadoras despedidas. Na manifestación tamén participaron o promotor da recentemente creada "Asociación para a Defensa do Asilo" Pachi Vázquez, o directivo desta mesma asociación Bernardo García ou o concelleiro de Espazo Común Adolfo Nogueira, entre outros.
Aproveitando hoxe a súa intervención en directo nesta emisora de radio, a este asunto referíuse o alcalde do Carballiño. No PODCAST de COPE O Carballiño deste mércores 16 de novembro podes escoitar as manifestacións tanto do Secretario Comarcal da CIGA, Anxo Pérez, como o alcalde Francisco Fumega.

O Concello do Carballiño solicitará do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que acometa o proxecto de humanización da N-541 ao seu paso pola zona urbana da vila. O Concello redactou o proxecto de construción, que contempla un orzamento base de licitación de 752.500 euros, e agora será remitido á Secretaría General de Infraestructuras do referido Ministerio, para que se proceda a materializar a intervención.
A inclúe o tramo da N-541 comprendido entre os puntos quilométricos 26,745 e 27,713 (entre o cruce coa estrada de O Irixo e o cruce coa estrada de Astureses) e será trasladado ao Ministerio de Transporte para obter a financiación necesaria para a súa execución en base ao establecido na Orde TMA/1160/2021, de 8 de outubro, pola que se establece o marco para a celebración de acordos de entrega aos Concellos de vías urbanas da rede estatal. O Concello do Carballiño está en disposición de asinar o acordo co Ministerio e a cambio da execución da obra a administración local carballiñesa asumiría a xestión do tramo que comeza na glorieta onde se unen a AG-54, a N-541 e a Rúa Ourense (é dicir, dende a glorieta que está situada no punto quilométrico 25,175) e vai ata o final do presente proxecto, no punto quilométrico 27,713. Trátase dun tramo de 2.613 metros que na súa maior parte é zona urbana e que forma parte do entramado de rúas do núcleo urbano do Carballiño.
O proxecto encargado polo Concello define os traballos a realizar para acometer as obras de construción de beirarrúas e alumeado na N-541, entre os referidos puntos quilométricos. Tamén se contempla no mesmo a creación dunha glorieta na intersección da N-541 coa estrada O Carballiño-Astureses.
Polo que respecta a este cruce, no proxecto encargado polo Concello sinálase que existe unha intersección en cruz con carrís centrais de espera dunhas dimensións moi pequenas que non compren a normativa vixente. Tamén se incide no feito de que existe un tráfico local importante entre o núcleo do Carballiño e os de Longoseiros e Astureses que cruza a N-541, co conseguinte perigo para a seguridade vial. Da mesma maneira, recolle o proxecto, o tráfico dende a N-541 cara a e dende o núcleo do Carballiño é moi importante.
Coa construción da glorieta incluída no proxecto o que se pretende é substituír esta intersección co obxectivo de mellorar a seguridade vial dunha forma moi importante.
Doutra banda, segundo se recolle no documento, o tramo dende este punto (en dirección a Ourense) forma parte dunha importante ruta peonil que é empregada polos veciños do núcleo do Carballiño e que só conta cun pequeno tramo de beirarrúas na marxe esquerda e outro con beirarrúas a ambos lados ao inicio da obra proxectada. En ambos casos dun ancho máximo de 1,30 metros, o que non cumpre en absoluto a normativa de accesibilidade. Tamén existe un viaduto sobre o río Arenteiro: nesta zona hai unha varanda e unha barreira tipo , que dificilmente permite o paso dunha persoa entre ambas.
O tramo dispón de alumeado coincidindo coas beirarrúas existentes. O mesmo está formado por luminarias sobre postes de formigón armado, co perigo que iso representa para a circulación pola N-541. Ademais, as luminarias están totalmente obsoletas e teñen un consumo cada unha de 250 w, algo totalmente en desacordo coa normativa de eficiencia enerxética.
Segundo se recolle no documento que o Concello do Carballiño remitirá ao Ministerio de Transportes para a reforma e mellora deste trazado, as obras a realizar consisten na construción dunha glorieta de 22 metros de diámetro con centro no eixe da N-541. A intervención contempla a ampliación do firme existente para conseguir unha calzada anular de 7 metros de ancho cun arcén interior de 1 metro de ancho. O diámetro exterior da glorieta será de 33 metros. A ampliación divídese en catro sectores: dous na marxe dereita da N-541 e a ambos lados do vial que conduce a Longoseiros-Astureses e outros dous na marxe esquerda da N-541 e a ambos lados do vial que leva ao centro urbano do Carballiño.
No proxecto tamén se contempla a construción de beirarrúas, coa súa correspondente drenaxe, dende o inicio da obra ata pasada a glorieta. Tamén se realizará un alumeado de todo o tramo, con columnas e luminarias tipo LED.
O obxectivo do proxecto de actuación na N-541 que o Concello do Carballiño remitirá ao Ministerio de Transportes pasa por crear un itinerario peonil adaptado por ámbalas dúas marxes da N-541 e que cumpra na súa totalidade coa normativa de accesibilidade, agás no tramo do viaduto sobre o Arenteiro no que as limitacións físicas do taboleiro non permiten obter unha beirarrúa de máis de 1,50 metros.
O orzamento base de licitación das obras, segundo se recolle no proxecto encargado polo Concello do Carballiño, ascende a 752.500 euros. O capítulo de expropiacións está estimado en 16.527 euros e os traballos de conservación do Patrimonio (2% do Proxecto Base de Licitación) en 12.438 euros. O orzamento definitivo, para coñecemento da administración, sería de 781.465 euros.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 169
- 170
- 171
- 172
- 173
- 174
- 175
- 176
- 177
- …
- seguinte ›
- última »