
A entrevista entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Maside José Manuel Iglesias, para sentar as bases do proxecto de erradicación do chabolismo na Fontela, e doutra parte, o novo servizo de limpeza viaria no concello do Carballiño para os próximo dous anos adxudicado á empresa FCC, entre os asuntos estelares na Tertulia de Cope O Carballiño deste venres 2 de maio.
Coa opinión e comentarios de Fátima Gómez, Sebas Lamazares, Maria Luisa Rodríguez e Manuel Nogueira, nos estudos de COPE O Carballiño xunto a Xan Pinal.
Escóitaa aquí:

O Carballiño acolle este 1 de maio a primeira das catro etapas da "1ª Volta Internacional BTT a Galicia", en cuxa organización figura o Club de BTT "Os Mosqueteiros" do Carballiño.
A saída (9:30 h.) e tamén a meta á que comezarán a chegar os primeiros clasificados a partir das 12:30 horas, estarán na Praza da Veracruz do Carballiño.
A competición, que reunirá a 250 ciclistas procedentes tanto de América, Europa como da xeografía española, percorrerá pola ruta BTT creada polo club carballiñés de BTT a través de camiños dos concellos do Carballiño, Boborás e O Irixo.
A competición conta coa colaboración da Xunta, e das Deputacións de Ourense, Pontevedra e A Coruña.

O Carballiño celebra o Día da Nai coa campaña “Unha nai, unha flor” e sortea premios entre quen compre no comercio local Con motivo do Día da Nai, o Centro Comercial Aberto de Carballiño lanza a campaña “Unha nai, unha flor”, unha iniciativa pensada para poñer en valor o papel das nais e, ao mesmo tempo, fomentar as compras no comercio de proximidade.
Durante toda a campaña, as persoas que realicen compras nos establecementos asociados recibirán unha papeleta de participación para o sorteo dun tratamento de beleza.
Ademais, tamén poderán optar a unha sesión de balneario, rexistrando o seu ticket de compra a través do QR habilitado ou directamente na web: www.comerciocarballino.com.
Como acción destacada, os días venres 2 e sábado 3 de maio, instalarase unha caseta do CCA na Praza Maior do Carballiño, onde se regalará unha flor a todas as persoas que se acheguen a depositar a súa papeleta de participación.
Horarios da caseta:
• Venres 2 de maio: de 11:00 a 13:30 h e de 18:00 a 20:00 h
• Sábado 3 de maio: de 11:00 a 13:30 h
Ademais, quen o prefira tamén poderán deixar a súa papeleta directamente no establecemento onde realizaron a compra. O presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga, anima á cidadanía para participar nesta campaña: “O Día da Nai é unha ocasión moi especial, e desde o CCA queremos convidar a todos os veciños e veciñas a facer as súas compras no comercio local. Porque regalar con corazón tamén é apoiar ás tendas que dan vida ás nosas rúas.”
Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, destaca o valor deste tipo de iniciativas: “Campañas como esta son fundamentais para incentivar o consumo local, xerar movemento nos establecementos e premiar a fidelidade dos nosos clientes. Queremos que a experiencia de compra sexa tamén unha forma de celebración.”
Esta campaña está pensada para dinamizar o comercio de Carballiño nunha data clave, xerando proximidade, emoción e beneficios tanto para os comercios como para os seus clientes. Esta campaña conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico de impulso ao Comercio de proximidade, que ten como obxectivo dinamizar e incentivar a actividade comercial nos núcleos urbanos galegos.

A Deputación de Ourense xa dispón dun estudo pioneiro sobre as claves da lonxevidade na provincia, despois dunha análise cualitativa e cuantitativa a partir de entrevistas a centenarios de Ourense, realizadas por un equipo de expertos multidisciplinar e financiado pola institución provincial.
“O fenómeno das persoas centenarias”, investigación liderada pola asociación Ourensividade, foi presentada hoxe nun acto no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao que acudiron tamén dúas das participantes no estudo, Elisa Soria e Laura Fernández. O presidente provincial, Luis Menor, felicitou ás centenarias por acadar a súa idade con calidade de vida e puxo en valor as “políticas sociais” da Deputación de Ourense, anunciando a potenciación do actual servizo de teleasistencia, para chegar a unha inversión de dous millóns de euros en catro anos.
Menor tamén fixo referencia a plans contra a soidade non desexada, poñendo énfase na accesibilidade á vivenda, cunha convocatoria de axudas técnicas para crear fogares adaptados, que sairá proximamente. Así, prevese que a teleasistencia acade unha cobertura de máis de 3.000 persoas na provincia, con melloras tecnolóxicas grazas á cooperación con Illumium, entidade do grupo Fundación Once.
O presidente provincial tamén lembrou que os servizos públicos que cofinancia a Deputación en materia de axuda no fogar contan cun millón de euros de investimento, a través das iniciativas prestadas polos concellos. Ademais, Luis Menor fixo referencia ao termalismo social, destacando este programa de acceso aos balnearios como “moi exitoso” e con novidades, xa que proximamente se vai poñer en marcha unha iniciativa para combater o Deterioro Cognitivo Leve.
“Somos exemplo dunha institución volcada coa xente maior e coas súas condicións de vida, queremos seguir fomentando que a xente poida vivir na súa casa, mellorando a nosa resposta”, sinalou Menor sobre os programas da Deputación en materia de axuda aos maiores de Ourense. Por outra banda, felicitou aos responsables da investigación, “pioneira e científica”, que servirá como “folla de ruta” para deseñar programas de atención á cidadanía.
126 variables analizadas
Pola súa banda, Roberto Fernández, investigador principal do estudo científico, citou algunhas conclusións clave. Tras analizar 126 variables nunha mostra de centenarios da provincia, os expertos chegaron á conclusión de que o 41% dos entrevistados carecía de deterioro cognitivo ou tíñao nun estado moi leve. Ademais, só un 12% dos centenarios tiña sobrepeso.
En canto a alimentación, os expertos probaron que o autoconsumo, a través dos produtos da horta, era un factor común na maioría dos entrevistados. Outro dos resultados relevantes para os investigadores foi a gran laboriosidade, concluíndo que para o 70% das persoas era importante este aspecto, xirando a súa vida en torno ao traballo.
Por último, tamén puxeron en valor a resiliencia dos maiores, no sentido de adaptarse aos cambios e repoñerse de situacións adversas, como factor coincidente entre os lonxevos. O estudo científico, levado a cabo por profesionais de diferentes ámbitos como a medicina, a enfermería ou a farmacia foi aprobado polo Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.
As centenarias
Durante o acto, tamén interviñeron dúas das centenarias que participaron no estudo científico financiado pola Deputación de Ourense. “Hai que seguir tendo inquedanzas, cultivándose tanto física como intelectualmente, esa é a forma de adaptarse á vida actual”, dixo Elisa Soria durante o acto. Pola súa banda, Laura Fernández atribuíu a “familia e amigos” os segredos da felicidade. Ligazón ao enlace O estudo pode atoparse na seguinte ligazón:
--

O Templo da Veracruz, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) dende o ano 1995 coa categoría de Monumento Histórico-Artístico, será obxecto dunha actuación integral na súa iluminación ornamental exterior e no contorno axardinado da praza da Veracruz.
Búscase así paliar as deficiencias no seu funcionamento e resaltar a singularidade arquitectónica do edificio.
Dado o alto valor patrimonial do templo, os traballos desenvolveranse co máximo respecto ao conxunto arquitectónico e a nova instalación traducirase en puntos de luz máis respectuosos coa arquitectura orixinal.
Así mesmo, o uso de tecnoloxía LED suporá unha mellora substancial na eficiencia enerxética, ao tempo que contribuirá á redución da contaminación luminosa e ao control do exceso de iluminación sobre o monumento.
Como parte do proxecto, tamén se recuperarán os xogos de luz ideados polo arquitecto Antonio Palacios, autor do templo, coincidindo coa conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.
Así pois, esta iluminación contribuirá non só á mellora estética e funcional do contorno, senón tamén á valorización do interior do templo e á súa identidade histórica e cultural.
O concelleiro de turismo, Manolo Dacal, indica que a obra supón un investimento de 87.000 euros e comezará a súa execución no vindeiro mes. Esta actuación forma parte das actuacións de mellora da eficiencia enerxética do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo”, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos
NextGenerationEU.

Debido ao apagón eléctrico e ao estar fora de servizo o noso centro emisor de FM, podes sintonizar a emision de COPE no seguinte ligazón:
A ver si cada vez que hai un partido en Espiñedo, alguen cobtrola o trafico, os accesos e saludas para a veciñanza e que ninguen tapeportas de garaxes.
Esta moi ben o futbol, pero os veciños tamen temos dereitos, ou como facemos.
Non e cortar calle, irse, deixar señalizacion horas de calle cortada e todo cheo de porqueria.
Ou tomanse medidas ou os veciños teremos que ver como solucionalo.
Podrían os responsables do bar do Espiñedo,baleirar as papeleiras,e deixalas limpas,o igual ca rúa.Si podrían,pero non queren.Xa que fan negocio,que non carguen a limpeza a conta de tódolos Carballiñeses.

O salón de actos do Aparthotel Arenteiro do Carballiño acolleu a Xuntanza Galega de Espazo Común, primeira que celebra este ano e coa vista posta no horizonte electoral de 2027, ano no que terán lugar as eleccións municipais e nas que a formación liderada por Pachi Vázquez quere dar batalla na meirande parte dos concellos galegos.
Desde espazo Común destacan a "ampla participación tanto de público como a calidade dos intervintes remataron por compoñer un acto de enorme valor para tentar cumplir cos obxectivos marcados pola dirección do partido: analizar a situación política da Galicia actual e futura, coñecer o punto de vista doutros partidos independentes e facer un diagnóstico sobre o camiño a seguir pola nosa formación".
Abríu a xornada unha intervención do voceiro no Carballiño, Adolfo Nogueira, para continuar cunha mesa na que interviron Xosé Antonio Ventoso (exalcalde de Ribeira), Xosé Mosquera (histórico do galeguismo ourensán, de Cea) José Juan Santos (de Unidade Local), Francisco Lorenzo (de Democracia Ourensana), Manuel Martínez (de Galicia Sempre) e Francisco Fraga (de Espazo Común).
As conclusións "foron altamente positivas e todos coincidiron nas virtudes e necesidade da existencia de formacións que planten cara aos partidos de sempre, que arelan suprimir calquer tentativa de facerlles sombra".
Nunha segunda mesa, representantes de Espazo Común das catro provincias, analizaron a situación actual e a folla de ruta "para chegar cada día a máis galegos e ampliar as fronteiras coa presenza na meirande parte dos concellos de comunidade autónoma nas municipais do 2027".
Para pechar o acto, o presidente do partido, Pachi Vázquez, fixo unha intervención na que animou aos asistentes "a traballar arreo, alonxándose dos modelos tradicionais e desgastados de formacións políticas que non son nin queren ser a resposta ao que a cidadanía precisa".

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, pediu aos populares do Carballiño un “compromiso intenso” de traballo que permita sentar as bases dun partido que ofreza “un proxecto político ilusionante” á cidadanía.
Luis Menor trasladou esta mensaxe logo de asistir á constitución da xestora local do PP do Carballiño, que preside desde agora Jaime Pérez, logo da aprobación o pasado martes por parte do Comité Executivo provincial da posta en marcha deste órgano provisorio.
O labor de organización do partido, apuntou o presidente provincial, tamén será beneficioso para o grupo municipal, “porque os máis de 14.000 habitantes do concello, o segundo municipio con maior poboación da provincia, merecen a nosa máxima atención”. Para pilotar esta nova etapa, engadiu Menor, “confiamos o traballo a un home con ampla experiencia no partido, mesmo no labor municipal”, que contará cun numeroso equipo “ao que lle pide apoio absoluto para afianzar a nosas siglas”.
Pola súa bande, Jaime Pérez asume esta nova responsabilidade cun obxectivo ben definido: “Contribuír a que o PP do Carballiño sexa aínda máis forte”. Baixo esta premisa vai procurar a incorporación de máis cidadáns e consolidar o partido.
Cunha traxectoria profesional vinculada ao mundo da empresa, Jaime Pérez Álvarez (O Carballiño, 1975) pertence á agrupación local dos popular desde hai 15 anos, aínda que con anterioridade xa fora concelleiro no mandato 2003-2007.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »