28, Xullo 2025

O PSdeG-PSOE destaca a “aposta decidida” do Goberno encabezado por Pedro Sánchez pola provincia, que en 7 anos avanzou coma “nunca antes”, gracias aos “importantes” investimentos en materia de política social, emprego, mocidade e infraestruturas. As e os socialistas consideran que estes 7 anos de Goberno socialista “foron anos de política útil fronte ao ruído, de feitos contra o bloqueo, anos de crecemento, de xeración de emprego, de ampliar dereitos e de reforzar a convivencia”.

PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que valoraron “moi positivamente” tódalas iniciativas levadas a cabo polo PSOE dende o Goberno central e que provocaron “importantes avances na provincia de Ourense”. Na rolda interviron a deputada no Congreso por Ourense, Marga Martín Rodríguez; o senador, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, fixo balance da parte social, destacando os importantes avances en materia de emprego, de subida do salario mínimo interprofesional, de subida das pensións ou da creación do ingreso mínimo vital. “Este Goberno fixo algo que o PP dicía que era imposible, que era subir os salarios e crear máis emprego e os datos demostran que tiñamos razón porque o SMI subiu un 61% e acabamos de conseguir os 22 millóns de afiliadas e afiliados á seguridade social”.

A representante do PSdeG-PSOE de Ourense na cámara baixa puxo o foco nos datos da provincia, lembrando que en 2018, cun goberno do PP, en Ourense había 104.333 persoas afiliadas á seguridade social, namentres que hoxe son 108.226. Tamén destacou as pensións, nunha provincia que conta con 108.847, pensionistas e que pasaron de cobrar 732 euros a 976. En relación ao salario mínimo interprofesional pasou de 736 euros a 1184, beneficiando a 13.000 persoas na provincia, cunha suba mensual de 448 euros. E en relación ao ingreso mínimo vital, cabe sinalar que 11.500 persoas benefícianse hoxe del e foron máis de 9 millóns de euros os que viñeron para Ourense nesta materia.

“Estamos ante un Goberno que traballa, que xera máis emprego, que mellora os salarios, que amplía dereitos, que reforza a convivencia e que garante as pensións dos ourensáns e as ourensás”, apuntou Marga Martín. A deputada socialista finalizou afirmando que da man do PSOE “mellora a calidade de vida da cidadanía da provincia”.

Pola súa banda, o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, fixo fincapé nos importantes investimentos en materia de infraestruturas. O representante socialista na cámara alta destacou que “cando o PP tivo oportunidade de facer algo pola provincia, impediuno, bloqueando o desenvolvemento, namentres que dende o PSOE fixemos todo o contrario e impulsamos medidas para mellorar a calidade de vida e rematar coa discriminación nunha das provincias máis envellecidas do Estado”.

En relación cas infraestruturas Villarino lembrou o AVE, “que chegou a Ourense gracias a un goberno socialista, despois de que da man de Rajoy se tapiaran túneles e se paralizaran obras por importe de 1.000 millóns de euros, namentres Feijóo e Rueda impulsaban un pendello na estación de autobuses”. Neste senso tamén apuntou á variante exterior “unha obra na que se destinan polo momento 300 millóns de euros, aos que se suman outros 300 na electrificación da liña a Monforte e que o ex ministro De la Serna chegou a dicir que non merecía a pena construíla”.

Villarino tamén subliñou obras importantes como a variante norte, que “permitirá que vellos soños da cidade como o boulevard termal se fagan realidade”; os 35 millóns destinados ao complexo cultural de San Francisco; os máis de 15 millóns nas obras do Museo Arqueolóxico; os investimentos no regadío da Limia con 42,2 millóns; a mellora do saneamento do río Barbaña e da EDAR de San Cibrao con máis de 35 millóns; os 9 millóns en dixitalización; ou os 6 destinados a BRIF de Laza. “Todos estes investimentos demostran as vantaxes que ten para a provincia contar cun Goberno socialista”, finalizou o senador do PSdeG-PSOE de Ourense.

O secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, puxo o foco na mocidade e nos investimentos do Goberno para os mozos e mozas da provincia”. “As becas aos estudantes permitiron impulsar o ascensor social, duplicándose as contías e beneficiando a máis de 70.000 galegos e galegas”, subliñou. Tamén puxo o foco no bono de transportes que “durante 2 anos permitiu que a mocidade e os estudantes non tiveran que pagar nada nas súas viaxes” e destacou que “o Goberno xa traballa na tarxeta de transportes única, un abono mensual que permitirá á mocidade e aos traballadores viaxar por todo o país en transporte público sen gastos adicionais”.

Gómez tamén destacou durante a súa intervención a subida do salario mínimo interprofesional, do que afirmou que “era vergoñento cando gobernaba o PP e hoxe segue medrando e resulta moi importante para a mocidade”. Por último apuntou a que este Goberno “ten proxecto e paga a pena seguir loitando”.

27, Xullo 2025

Vou facer un breve repaso da situación da comarca baseada na miña experiencia

Eu vivo moi ben onde estou, non o vou negar, teño a miña casiña co meu garaxe e a miña finca cos meus árbores (pinos, carballos, chopos, lourerico, alcolitos etc.....) pero cando baixo a garabás as pistas deixan que desear, a xente marcha de Bouzas, as casas caen, non vexo moito comercio (porque morren) e todo dios anda a roubar por esta terra e digo: ¿¿¿Non hay lei estamos no wild westt?? Onda andan os Gard. Cvis (dos locales non falo por respeto)  pra deter aos mangantes que as veces ate esperan fora da casa a ver se che poden roubar, mober os marcos e os do poboado e agora os que veñen de fora de españa o que che montan, nunca tan inseguro no meu lar, e por faquín e lamasaida tamen terrible e por canedo NIN O CONTO, ¿¿Que lle pasou a nosa comarca?? Porque os politicos non fan algo por nos que para algo os votamos e confiamos niles, eu mire votei ao psoe e o pp, admitoo pero dende fai 10 anos non voto porque o que nos fan en madrid e en santiago e despois polo partido xudicial e para machacalos e que volvan os militares, e non o digo por mal pero xa esta ben, as aceras do carballiño? Eu recordabaas  bien pero volvino carballiño (levaba sin ir dende o ano 12 e non recoñecia a vila, e a cousa nova que fixeron na veracruz moi bonita pero caese e esta xa desfeita, pero unha suciedad que non te la crees¡¡¡¡ Xa vin o que fixeron o pachis, o Argemero do arenteiro e o fumega e asi non se pode levar a nosa ciuda, este rincon do mundo era o mellor digocho eu pero agora vilagarcia, Lalin, ponferrada, Crecente e ata chantada gustanme moito mais, hai que porse as pilas co patrimonio, aceras, deter os ladrós e poñer bonitas e seguras as vilas E AS ALDEAS, que e o corazon da nosa comarca, menos plantar pinos de repoboacion e deixar todo feito unha fenteira e mais limpar o monte, iabos por a todos a limpar o monte, si señor. E bueno, perdoade a ortografia que e a primeira denuncia que fago e non son un home de letras, son do agro e do arado, un saudiño.  

27, Xullo 2025

O Concello do Carballiño organiza a Semana Grande para pequenos, unha proposta dirixida ao público familiar para desfrutar de actividades lúdicas ao aire libre. O programa, incluído na oferta cultural do verán, arranca este luns 28 de xullo, e remata o vindeiro venres, 1 de agosto.

Cada día, a partir das 18,30 horas, as familias poderán achegarse á Praza da Veracruz para desfrutar dunha divertida variedade de actividades. “Queremos que os nenos e nenas do Carballiño teñan o seu oco dentro da programación cultural do verán”, destaca Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

Así, a Semana Grande inclúe inchables, espectáculos de maxia, música, festa da escuma e moitas sorpresas máis, das que desfrutará tanto a veciñanza coma os visitantes. “É unha semana especial pensada para que as familias se acheguen e se divirtan”, engade Fernández.

O concelleiro tamén destaca o lugar escollido para a Semana Grande, que non é outro que un dos puntos máis emblemáticos do Carballiño: a Praza da Veracruz. Por último, Fernández lanza un chamamento a todas as familias: “Que axenden estes días e desfruten da programación, que vai ser moi divertida”.

25, Xullo 2025

Boa Tarde. Son Elsa Martínez, veciña de Figueiroa de Punxín.

O motivo polo que me dirixo a vostedes é dar voz a gran frustación que temos os veciños desta aldea ante o agravante abandono do noso concello con nos. Durante anos, levamos reclamando dous problemas que para esta corporación local resultan parecer insignificantes. Un deles é o grave deterioro da carretera. Prácticamente intransitable debido os numerosos fochancos que cada ano son de maior profundidade e que abarcan dende ó acceso de barxelas a Figueiroa ata o final deste pobo. O que conleva o deterioro dos vehiculos que temos que transitar obrigatoriamente por ela. Algúns deles mesmo nos foxos.

É sabido que nas carreterar rurais, cando coincidimos 2 vehículos temos que poñernos na beira para poderes pasar ambos. Con fuchancos nos foxos ata podemos acabar rodando monte abaixo. Adxunto imaxes que non pensen son repetidas. Son as existentes en todo o tramo da carretera de Figueiroa. Cabe puntualizar que en época de choivas, a situación agrávase cada vez máis.

É tal o abandono de este concello neste lugar, que nunha nota informativa deste, dan a coñecer as melloras que se van facer na carretera nos tramos correspondentes de Vilela a Barxelas, ambos limítrofes con Figueiroa, e que non teñen ningún problema nelas. Nos escritos dirixidos en varias ocasións por este problema aplicouse o silenzo administrativo. Outro dos problems ós que fago referencia. é a existencia dunha colonia felina, tamén posto en coñecemento dende hai dous anos.

Sabemos que unha colonia felina pode propagar e transmitir enfermidades, atraer plagas... esto en canto o relativo a nós os humanos, nunha aldea donde predominamos xente maior. No que respeta ó bienestar animal: impacto na fauna silvestre, atropelos, maltratos, estrés e vulnerabilidade.... a Lei 7/2023 aborda a xestión de colonias felinas e gatos de rúa, recoñecéndoos como seres sentintes e suxeitos a protección. Dita lei establece que os concellos son os responsables da xestión destas colonias. Incluíndo a identificación, esterilización, vacinación e control sanitario dos gatos, mailo control poblacional mediante o método CER. A este segundo reclamo si me responderon... Que non había cartos.

Si esta corporación non ten a capacidade para abordar directamente este problema..non terá que transmitilo a un organismo que si a teña como órgano de goberno que é?. Espero que esta denuncia pública poida servir para darnos voz. Somos veciños dunha pequena aldea, pero pagamos tódolos impostos como calquer veciño dunha gran cidade.

Agradézolles de antemán a atención prestada. Reciban un cordial saúdo. 

P.D.: Exite un erro á hora de adxuntalas imaxes, é unha auténtica mágoa porque así non podedes percibir a gravidade do problema. Pero si me dicen unha dirección de correo electrónico ou whatssap, encantanda as envío. Grazas novamente.

25, Xullo 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, xunto ao alcalde en Funcións Pepe Castro-Gil e o concelleiro de turismo Manolo Dacal, participaron no acto de celebración do Día da Emigración no concello do Carballiño, unha iniciativa enmarcada na programación da Festa do Pulpo e que serve coma homenaxe a un colectivo fundamental no desenvolvemento da nosa terra.

Durante a xornada, e antes do inicio do concerto da artista Lucía Pérez incluído no evento, Miranda fixo entrega dunha placa conmemorativa ao presidente do Centro Galego de México, Alfonso Martínez Lorenzo, en recoñecemento ao labor desta entidade centenaria, fundada inicialmente como Orfeón Galego en 1911, e que conta na actualidade con preto de 1.700 socios e socias, todos de orixe galega ou descendentes.

O secretario xeral puxo en valor o papel fundamental que xogou e segue a xogar a emigración na construción da identidade galega, así como o compromiso do Centro Galego de México na preservación e proxección da cultura propia en terras americanas. Precisamente, nesta aposta por reforzar os vínculos coas colectividades galegas no exterior, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, emprenderá mañá unha viaxe institucional a Arxentina e Chile con motivo da celebración do Día de Galicia co obxectivo de continuar afondando nas relacións con estas comunidades e informar sobre as políticas de retorno que promove a Xunta.

24, Xullo 2025

Aquí podes escoitar o programa emitido neste venres dia 24 de xullo desde o concello de Piñor.

23, Xullo 2025

A Xunta colabora na actuación de humanización de varías rúas do concello de San Cristovo de Cea, que suporá un investimento total de preto de 700.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, vén de asinar en San Caetano o convenio de colaboración co alcalde do concello ourensán, José Luis Valladares, para o financiamento conxuntamente das intervencións.

As obras, que contan cun prazo de execución estimado de 6 meses, teñen como obxectivo acometer o acondicionamento de rúas situadas na parte máis antiga da vila, que se atopan en estado de deterioro. De xeito, as intervencións proxectadas inclúen a demolición da soleira de formigón actual, a renovación do pavimento, a instalación dunha nova rede de saneamento e o soterramento de todo o tendido de cable aéreo das instalacións de electricidade, telecomunicacións e alumeado público.

Estas actuacións contribuirán á mellora da calidade de vida da veciñanza e tamén ao desenvolvemento económico dun núcleo rural do interior de Galicia, o que posibilitará a fixación de poboación.

Ademais, a renovación desta contorna favorecerá o funcionamento do comercio, da hostalaría e reforzará o pulo turístico que xa existe na localidade ao ser atravesada pola Vía da Prata do Camiño de Santiago e pola súa proximidade ao Mosteiro de Oseira.

De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta asumirá o 70% do custe destas intervencións, O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de máis de 488.000€, contratará e executará as obras. O Concello de San Cristovo de Cea achegará o 30% restante do custe estimado das actuacións, uns 210.000 euros e realizará as xestións para posibilitar a execución das obras, e comprométese á conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.

23, Xullo 2025

Este armatostre leva 3 meses xa varado na rúa República Arxentina. Certo é que non ocupa praza de aparcamento ao estar diante dun vado pero non é moi saudable nin hixiénico. Estaría ben que o retirasen o antes posible.

22, Xullo 2025

O Concello do Carballiño dá o pistoletazo de saída da intensa programación da Festa do Pulpo 2025 este xoves 24 de xullo. Serán 20 días repletos de actividades culturais, musicais, gastronómicas e de confraternización nos que O Carballiño recibirá a miles de visitantes. A Festa do Pulpo convértese cada ano nunha celebración de encontro da emigración, que nestas datas regresa ás súas casas para desfrutar das vacacións, da familia e da terriña.

O Concello do Carballiño, en colaboración coa Secretaría de Emigración, impulsa este ano o Día do Emigrante, unha xornada de celebración e homenaxe a todos os veciños e veciñas que cruzaron o Atlántico en busca dun futuro mellor sen esquecer nunca as súas raíces. “É un día de agradecemento aos nosos emigrantes, sen os que O Carballiño non sería o que é”, explica Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

A xornada inclúe a entrega dunha placa a Alfonso Martínez, presidente do Centro Gallego de México, en recoñecemento da importante labor desta entidade, impulsada polos galegos emigrados no 1911, hai máis dun século. “A intención é homenaxear cada ano á comunidade emigrante galega dun país distinto”, detalla Dacal.

A celebración tamén conta cun pasarrúas moi especial, en honor á cultura mexicana. Así, os integrantes de Mariachi Juvenil Mi Tierra encherán coa súa alegre música as rúas da vila a partir das 20,00 horas.

O plato forte da xornada é o concerto da eurovisiva galega, Lucía Perez, quen actúa por primeira vez no Carballiño. “Parto das cancións do meu repertorio, pero mesturadas con cancións do folclore galego. É un concerto moi dinámico, estou rodeada de grandes músicos e imos a dalo todo!”, asegura a propia artista. O concerto, que terá lugar na Praza Maior, arranca ás 23,30 horas

22, Xullo 2025

Boas, alguén me podería decir a quen corresponde limpar as silvas e as herbas que saen polas  telas metálicas das fincas privadas  impidindo o paso polas beirarrús?. Xa esta ben de pensar que todo o ten que limpar o concello, hai cousas que son de sentido común, pero é moi doado botarlle a culpa ao Concello. Por favor,  obliguenlle os donos destes cierres a limpar ben .

Hai uns veciños na Avda de Compostela que teñen o cierre da sua finca con setos verdes e cada vez que os cortan,  deixan todo esparcido pola beirarrúa. E que non saben o que é unha vasoira nin un recolledor?. Que me perdonen,  pero eso non ten por  que varrelo o varrendeiro do Concello.

 

POR FAVOR, SOMOS ANIMALES CON CEREBRO , QUE SE NOTE.

 

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS