28, Marzo 2023

Nas últimas semanas, Xuntos por San Amaro ven mantendo unha serie de xuntanzas coas entidades veciñais do concello, para coñecer de primeira man as inquedanzas veciñais, amais de favorecer a participación nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes libremente elixidos, como propugna o artigo 23 da Constitución Española. Para onte, domingo 26 de marzo, estaba previsto o encontro coa veciñanza de San Cibrao de Las, despois de falar con un representante veciñal xa fai varias semanas e despois de acordar esta data que non entorpecía a actividade do colectivo veciñal. Xa nos chamara a atención que, unha semana despois de termos acordado o día, se nos indicara que pediramos o local por escrito diante do concello, algo que fixemos sen moito problema por entendermos que as propiedades públicas deberan ter un protocolo de uso claro e transparente.

Porén, aínda que falamos co representante veciñal (xa fai 2 ou 3 semanas) e rexistramos en tempo e forma un escrito solicitando o local, o actual goberno do concello nin se molestou en respostar ao mesmo, secuestrando os dereitos á liberdade de expresión, á participación nos asuntos públicos e ao uso dun local público e costeado por todas as veciñas e todos os veciños do San Amaro. Xa abonda. Este goberno tránsfuga está tratando de pervertir os resultados das vindeiras eleccións municipais. E semella facelo coa complicidade dun Secretario municipal que leva informado favorablemente e blanqueado cantas irregularidades e cuestións dubidosas se teñen dado no concello desde a súa chegada no ano 2016 para sustituir á anterior Secretaria, quen -casualmente- si manifestara diversas obxeccións e reparos diante do contrato da auga que estaba a piques de se aprobar. E todo isto con unha serie de argucias desafortunadas e mesquiñas tales como: Adulteración do Censo electoral. Nas últimas 3 décadas só houbo 2 anos nos que se viu incrementado o censo do San Amaro, como pode verse nesta gráfica realizada con datos do INE. Foron o 2007 e o actual 2023; casualmente dous anos con convocatoria electoral a eleccións municipais e dous anos nos que o PP tiña e ten difícil acadar o goberno. Na actualidade, o concello do San Amaro atópase noutro triste ranking español. Atópase investigado polo INE canda outro medio cento de concellos de toda España. Emprego de cartos de toda a provincia e de todo o país para un interese persoal e partidista.

O obxectivo de desviar cartos de toda a provincia para os concellos nos que o PPdG quere recuperar a alcaldía, despois de facelo con operacións de transfuguismo, non é a mellora do propio concello (sen dúbida, se conseguen a alcaldía, San Amaro voltará á situación de abandono vivida nos anteriores 30 anos, e é algo que todas e todos sabemos), senón a procura de mellorar o resultado electoral no San Amaro do sr. Redondo, do PP e por extensión de Manuel Baltar, responsable deste desvío de cartos sen control. Ocultación de información. E de feito así o fixo porque, despois de marear intencionadamente as nosas solicitudes de documentación, incumprindo en TODAS as ocasións os prazos que lle marca a lei para respostarnos, aínda hoxe non foi quen de amosarnos o extracto dunha das contas bancarias do concello. Non entender o papel da Alcaldía. Prohibiunos gravar o Pleno municipal, no pasado 21 de marzo, aludindo que había que pedir permiso, algo do que tivo que retractarse xa na seguinte convocatoria plenaria, o que evidencia a curiosa percepción que o actual alcalde ten das institucións e dos reximes democráticos. Opacidade nas contas. Aprobou as contas públicas sen pasar os procedementos legais obrigatorios, coas conseguintes consecuencias de déficit democrático e grande risco de recortes serios no futuro. Paga irregular do alcalde. Púxose unha paga a percibir desde o día seguinte da súa chegada á Alcaldía mercede a unha operación de transfuguismo, sen sequera unha partida aprobada para ese concepto nin aprobala en Pleno como manda a lei. E cando -despois de meses insistindo- decidimos denunciar a situación, tentou regularizala con carácter de urxencia e pola porta de atrás, con todas as dúbidas sobre a validez do “carácter retroactivo” dun ano que pretendeu outorgarlle ao seu soldo e da ausencia total de pagamento á Seguridade Social.

E agora pretende secuestrarlle ás veciñas e aos veciños do San Amaro o seus dereitos á liberdade de expresión, excusándose no uso dos locais públicos, cando Xuntos solicitara o uso do local en tempo e forma sen recibir resposta e -para máis inri- sabemos agora que as chaves dos locais públicos do San Amaro andan de man en man, sen ningún escrito, nin convenio nin sequera unha Ordenanza que regule os usos e os protocolos dos mesmos. Porén e todo, algúns veciños e algunhas veciñas decidiron acudir á cita, poñendo en valor o seu dereito fundamental á participación nos asuntos públicos, propugnado pola Constitución Española, aínda que -polo que puidemos saber- houbera alguén relacionado con todo isto que acabamos de expoñer, que estivo “recomendándolle” á veciñanza que non viñeran ao acto. Pois ben, o acto tivo lugar na rúa, ás portas do local público, evidenciando como o goberno municipal foi capaz de rizar o rizo pechando o acceso de veciñas e veciños a unha propiedade veciñal. Aínda así, recollimos moi agradecidos as propostas e demandas das persoas asistentes. Seguiremos dándolle voz á veciñanza, sempre con respecto institucional e dentro do marco lexislativo.

28, Marzo 2023

Trátase dun traballo memorable, nunca antes feito, e que tomará forma de libro. O Concello do Carballiño e a Asociación Fotográfica O Potiños impulsan una publicación na que participan 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións. A idea xurdiu cando a Asociación de Pulpeiros e O Potiños comezan a colaborar para realizar fotografías para a páxina web da primeira entidade. Nese momento empeza a tomar forma o libro, pois as imaxes tiñan moito que dicir.

Tal e como explicou a presidente de O Potiños, Manuel Blanco, o traballo componse de 60 fotografías en branco e negro realizadas no estudio e nas que o pulpo desaparece como elemento esencial para dar protagonismo a este colectivo de traballadoras e á súa historia. Ademais, prevese que 35 desas fotografías sexan expostas para que todos os veciños, veciñas e visitantes poidan achegarse ás experiencias e á forma de vida dos pulpeiros e pulpeiras. Blanco agradeceu o apoio do Concello para que ese libro, con fotografías realizadas por unha ducia de fotógrafos de O Potiños sexa unha realidade.

Tamén explicou Manuel Blanco que se trata dun libro que mestura fotografía e literatura, pois inclúense textos do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que presenta a iniciativa; do colectivo O Potiños; de Carlos Montes sobre a historia desta industria familiar que é o pulpo e de Felipe Senén.

O rexedor agradeceu o traballo da Asociación Fotográfica O Potiños “que nos permite disfrutar do arte da fotografía a un nivel máximo” e asegurou que este traballo, “dunha calidade excepcional, é un tributo ao Carballiño e á xente que forma parte da súa idiosincrasia como son os pulpeiros e pulpeiras”.
O presidente da Asociación de Pulpeiros, Roberto Pereira, tamén quixo dar as gracias ao Concello e a O Potiños “por apoiar este libro que vai mostrar dunha forma excepcional a nosa historia”.

Unha romería para o mes de abril

O Concello de Carballiño está facendo un gran esforzo por poñer en valor o pulpo á feria e a quenes son as súas principais artífices, as pulpeiras e pulpeiros do pobo. Por iso, e nesta mesma liña, a Praza da Veracruz será o escenario no que se celebre, o 22 de abril, a primeira Romaría das Pulpeiras. Será unha festa gastronómica que tamén porá

28, Marzo 2023

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Avión, Antonio Montero, visitou esta mañá o centro integral de servizos socias Alvetus, onde supervisou o estado das obras do proxecto de reforma, ampliación e equipamento das instalacións, financiado pola institución provincial.

Manuel Baltar felicitou ao rexedor por un proxecto “que fala da súa visión estratéxica e integral dos servizos sociais, dotando ao concello de Avión dunha infraestrutura na que ten colaborado a Deputación seguindo as propostas do alcalde”.

O presidente do goberno provincial valorou positivamente a unificación dos servizos sociais do concello nun único centro, “e que agora mellora en infraestrutura, instalacións e equipamento, o que sen dúbida é unha gran noticia para a veciñanza de Avión e un recoñecemento ao labor do goberno local, que seguirá tendo sempre o apoio da Deputación”.

Antonio Montero, que estivo acompañado polo tenente alcalde, Manuel Vázquez, a directora do centro, Sonia Nogueira, e persoal municipal dos servizos sociais, expresou o seu agradecemento pola visita de Manuel Baltar e a contribución económica da Deputación que permitiu executar este proxecto, no que tamén se acondicionou o entorno da propia residencia.

“Eran unha obras moi necesarias e mesmo urxentes -sinala o alcalde- porque se trata da atención aos nosos maiores e ese é un servizo que sempre incentivamos desde o concello”. Unha iniciativa, engade “que ten como obxectivo principal seguir mellorando a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.

A reforma e ampliación do centro integral de servizos permitirá incrementar ata 44 o número de prazas dispoñibles neste complexo, no que actualmente traballan unha trintena de persoas e que está xestionado pola Fundación Anduriña, da que forma parte o Concello de Avión.

27, Marzo 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou o emprazamento dun novo polo de emprendemento e apoio ao emprego, o de Miño Central con sede no Carballiño que prestará servizo a 48 concellos de cinco comarcas (Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro e Terras de Celanova).

É o sexto polo da Rede que puxo en marcha a Xunta o pasado ano para acompañar e apoiar ás persoas emprendedoras cos seus proxectos empresariais en todas as súas etapas, de principio a fin. Lorenzana destacou que a finais de 2023 esta Rede estará composta por 15 polos dos que tres estarán situados na provincia de Ourense. Ao de Verín, que foi o primeiro que se inaugurou en xullo de 2022, sumarase o do Carballiño, que abre agora, e en próximas datas o do Barco de Valdeorras. Os cinco polos en activo ata o de agora dan cobertura a máis de 140 concellos, é dicir, o 45% da comunidade galega.

En menos dun ano de funcionamento ofreceron un asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais, dos que permanecen en activo 162. A conselleira puxo en valor que un 57% destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que a Xunta continúa a incidir nas políticas de emprendemento ás que destina este ano máis de 18,2 millóns de euros, ao que se suma o orzamento dirixido ao traballo autónomo e á economía social en Galicia que conta en 2023 con máis de 100 millóns de euros.

Para rematar, Lorenzana apuntou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego apoia ás persoas emprendedoras a través da formación e o asesoramento que ofrecen mentores especializados e indicou que forma parte da nova Estratexia de emprego da Xunta, Xempre Contigo, que aposta por un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico.

27, Marzo 2023

A empresa tramita un ERTE que irá do 1 de abril próximo ata o 31 de xaneiro de 2024,  afectando á totalidade da plantilla que GRI Towers Galicia mantén na factoria ubicada no parque empresarial do Carballiño, cunha reducción de 80 xornadas a dias completos e por traballlador.

Na actualidade son 330 os traballadores en activo os que van quedar afectados por esta  medida, según comentou en COPE O Carballiño o secretaria xeral de industria de CCOO na provincia, Justo Suárez, que aínda agarda negociar "in extremis" que poidan rebaixarse as xornadas de ERTE "que nas condiciós nas que está plantexado o ERTE implicará que os traballadores cobren o 70% do salario".

A empresa manifesta -según sempre fontes sindicais- que a medida é temporal e está provocada pola caída nos pedidos de "Vestas", o principal cliente de GRI Tovers Galicia.

A preocupación é evidente entre o personal, sindicatos, e por extensión na sociedade carballiñesa, toda vez que se trata da empresa máis importante do Carballiño, tanto en facturación como en número de empregos directos no parque empresarial carballiñés, oscilando nos útlimos anos entre os 300 e os 400 traballadores.

26, Marzo 2023

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para avaliar o estado das actuacións levadas a cabo pola Deputación na localidade e abordar novas liñas de colaboración entre as dúas administracións.

Manuel Baltar salientou que esta xuntanza “é un bo exemplo da dinámica de cooperación que mantemos desde a Deputación, traballando da man dos concellos en todos aqueles proxectos importantes que resultan na mellora do benestar dos veciños e, en definitiva, na dinamización da provincia”. Ademais, o presidente do goberno provincial sinalou que “a Deputación, como concello dos concellos, estará sempre ao seu carón para satisfacer as demandas e necesidades da veciñanza”.

Manuel Baltar avanzou a colaboración provincial no afirmado do vieiro principal do futuro Parque Empresarial de Lebozán, un proxecto co que tamén colabora a Xunta de Galicia. O presidente do goberno provincial tamén comprometeu o apoio da Deputación na construción do velorio municipal -un proxecto que o alcalde valora como “imprescindible para Beariz”- e no acondicionamento da travesía de Doade, con especial énfase na mellora dos aparcadoiros.

Pola súa banda, Manuel Prado valorou moi positivamente “a atención que recibimos sempre do goberno provincial, sendo o noso mellor aliado na realización de todas aquelas iniciativas estratéxicas para o Concello, e que sería imposible levalas a cabo sen a súa colaboración”.

24, Marzo 2023

O Carballiño despide este sábado dia 25 de marzo de 2023 a unha muller e nai de 14 fillos, veciña do barrio da Uceira, tras o seu falecemento aos 88 anos de idade.

Josefa López Lemos, era viuva de José Fernández López, formaron unha familia de 16 membros xunto aos seus 14 fillos -3 deles xa falecidos- entre as familias numerosas máis grandes de España.

Na actualidade, e según os datos do INE de 2021, hai 142 familias repartidas por toda a xeografía española que teñen máis de 9 fillos, un número que superou con creces este matrimonio, chegados dende Chantada na década dos anos 70 do século pasado a O Carballiño, que daquéla vivía o gran "boom" da construcción e José traballaba de albanel.

Nos anos 70 aínda era bastante común que as familias carballiñesas tivesen unha media de 3 fillos, hoxe -igual que no resto de Galicia- o número medio de fillos por muller é de 1,01.

Este sábado dia 25 de marzo, ás catro da tarde, a súa familia, veciños e amigos, despiden á señora Josefa no cemiterio parroquial de Arcos, unha muller e nai que soubo sacar adiante unha familia numerosa entre as máis numerosas de toda España, e nunhos tempos nos que a vida non era tampouco precisamente un camiño de rosas. 

 

 

24, Marzo 2023

A Cofradía Vera Cruz do Carballiño retoma o programa de actos de Semana Santa máis completo dende a pandemia do coronavirus, que provocou unha restricción da actividade. E o fai cunha ampla programación que abarca os actos litúrxicos habituais deste período, así como seis procesións, un ciclo de conferencias, unha exposición, un concerto das tres corais do Carballiño e un roteiro cultural guiado por historiadores e investigadores do Centro de Estudios Chamoso Lamas.

O presidente da confradía, Rafael Melero, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, presentaron hoxe o programa no salón de plenos do concello nun acto que tivo como introductor ao locutor radiofónico Vidal López. No programa destacan as seis procesións previstas: Traslado da Virxe Dolorosa (31 de marzo, ás 20,30 h. da Igrexa Parroquial de San Cibrao ao Templo da Veracruz), Ramos (2 de abril, ás 11,15 h, Templo da Veracruz e rúas aledañas), Penitencial da Sentencia e a Misericordia (6 de abril, Xoves Santo, ás 20,30h, Templo da Veracruz e rúas do centro da vila), Cristo da Saúde (7 de abril, Venres Santo, ás 12,00 h., Templo da Veracruz e rúas do centro da vila), Santo Enterro ou “Dos Caladiños, 7 de abril, Venres Santo, ás 21,00 h, Templo da Veracruz e rúas do centro da vila) e Gloriosa da Resurrección (9 de abril, ás 13,00 h, do Templo da Veracruz á Igrexa Parroquial de San Cibrao).

Entre os conferenciantes destacan o Dr. Víctor Manuel Marugán Isabel, pediatra neonatólogo do Complexo Asistencial de Zamora, que disertará sobre “La Sábana Santa, testigo de la Resurrección” o luns, 27 de marzo, ás 20,30 h, e o catedrático de Historia da Arte José Manuel García Iglesias, que disertará sobre “Los pasos de la Semana Santa en O Carballiño. Presente e historia”, o xoves, 30 de marzo, ás 20,30 h.

O concerto de música sacra estará protagonizado polas tres corais do Carballiño: Coral Polifónica Casino do Carballiño, Orfeón do Carballiño e Coro de Cámara Música Viva. Será o domingo, 26 de marzo, ás 20,00 h, no Templo da Veracruz. Unha hora antes, ás 19,00 h, tras a lectura do pregón, a Coral Polifónica de Teis, Vigo, cantará durante a misa. Asiesmo, interpretarán saetas nas principais procesións: Emilia Pérez López, Maite López Martínez, Chema Ares, Christian Casas e vocalistas do Orfeón. Na faceta musical tamén destacan as seis bandas que intervirán nas distintas procesións, entre as que figura a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Os historiadores Juan Manuel Rodríguez e Xosé Luis Sobrado, así como Alicia Graña, integrantes do Centro de Estudios Chamoso Lamas, serán os guías do roteiro cultural urbano “Historia, arte e arquitectura relixiosa no Carballiño”, na que se percorrerán as catro igrexas da vila: Igrexia Parroquial, Sagrado Corazón, Residencia Irmáns Prieto e Veracruz. O itinerario comezará na Praza Maior ás 11,30 h do Xoves Santo, 6 de abril, e durará aproximadamente dúas horas.

Finalmente, na proposta cultural contémplase a exposición “O Camiño da Cruz”, sobre os templos da vila destinados a albergar varios dos pasos e ornamentos de Semana Santa. A mostra poderá visitarse no Templo da Veracruz a partir do 24 de marzo. Nesta edición, a Cofradía Vera Cruz do Carballiño editou unha revista con toda a programación, así como con información das peculiaridades turísticas máis salientables do Carballiño, como son a gastronomía, a natureza, os balnearios e o patrimonio cultural.

23, Marzo 2023

Desde O Carballiño "onde decenas de familias están a reclamar profesionais especializados para atención sanitaria da veciñanza" deputados e deputadas provinciais xunto ao alcalde, esixiron esta mañá á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial compromisos claros e fondos dabondo para “frear de inmediato o derrubamento controlado” do sistema público de saúde.

Concretamente, nunha iniciativa no próximo pleno provincial, pedirán á Xunta a elaboración e aprobación dun plan sanitario específico para a provincia, que permita reverter a preocupante situación da sanidade, suprimindo as decisións economicistas que están a precarizar a atención primaria e a colapsar as urxencias hospitalarias pola falta de medios humanos e materiais; a pechar unidades de hospitalización ou a desmantelar servizos especializados que acaban sendo tratados noutras provincias. Igualmente reclamarán unha xerencia específica de atención primaria na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín, e O Barco de Valdeorras, que inclúa recursos económicos e autonomía de xestión dabondo, para acadar unha administración máis eficiente e adaptada ás peculiaridades dos ambulatorios e centros da nosa provincia.

Os socialistas tamén esixirán a mellora global de recursos, coa incorporación progresiva de profesionais comezando polas especialidades con menor taxa de cobertura e maiores listas de agarda. Tamén queren rematar coa avultada eventualidade dos profesionais contratados abusivamente de maneira descontinua, dotándoos de estabilidade. Así mesmo demandan garantir por lei un máximo de 48 horas para ser atendido en atención primaria, así como convocar todas as prazas vacantes neste nivel básico, co fin de garantir a continuidade do servizo. Ás portas do centro de saúde carballinés, o voceiro provincial, Rafa Villarino, denunciou que a Xunta está a levar a cabo unha “política de desmantelamento na sanidade galega”, que pon en perigo o acceso universal, xa que “na tarxeta sanitaria non figura o noso patrimonio”, un logro do Estado do Benestar ao “permitir a construción dunha clase media robusta que non ter que facer fronte a uns gastos médicos inasumibles”. Villarino insistiu en que a falta de investimento e a precariedade na contratación, está a “aumentar a desigualdade” na atención sanitaria.

Desde o PSdeG-PSOE resaltan que as políticas da Xunta nos últimos 14 anos supuxeron unha perda de empregos e unha preocupante minoración da calidade dos servizos. No caso concreto da provincia de Ourense, un 25 % dos médicos e médicas que están colexiados poderán xubilarse durante o próximos cinco anos, o que pon de manifesto un grave problema, xa que sen persoal suficiente, non hai servizo posible. “Na atención primaria ourensá ata 135 facultativos e facultativas poderán xubilarse no próximo lustro”, advirten con fonda preocupación.

Pola súa banda, o rexedor da vila, Francisco Fumega, explicou como reclama “desde hai tempo” a solución a problemas manifestados pola veciñanza e polos propios traballadores e traballadoras do centro de saúde, como son a falta de atención pediátrica en urxencias; a imperante necesidade dunha segunda matrona; a recuperación total da atención presencial ou o incremento do servizo de xinecoloxía, xa que, na actualidade, só se presta unha xornada cada semana. Fumega tamén anunciou un inminente encontro co xerente da área sanitaria para tratar estas demandas.

“O sistema sanitario é unha roda que non está a funcionar”, resaltaron, xa que a atención primaria non funciona ben pola evidente falta de recursos, o que deriva en colapsos dos servizos de urxencias, provocando á súa vez un aumento dos ingresos hospitalarios e das listas de agarda. “Este carrusel de problemas creado polo empecinamento da Xunta en levar a cabo un esmagamento de servizos e profesionais, é ben coñecido na nosa provincia”, sinalaron os e as socialistas desde o ambulatorio do Carballiño.

“Os datos son tremendamente reveladores e destapan un derrubamento deliberado do sistema público, co obxectivo de deixar un solar no que o sector privado poida edificar”, concluíron desde o grupo provincial tras sinalar que “con cifras así é imposible prestar un servizo áxil e universal no Carballiño e calquera dos municipios ourensáns con problemas similares, “a pesar do enorme esforzo dos e das profesionais, xa que as eivas do sistema, derivadas desa política negacionista da Xunta, son demasiado grandes”.

22, Marzo 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 265.614 euros as obras que culminarán a humanización da travesía da estrada autonómica OU-154 no Reino, no concello de Piñor.

Esta nova intervención para a mellora da seguridade viaria foi adxudicada á empresa Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales, S.L. Opain. O obxectivo da Xunta é poder iniciar os traballos na segunda quincena de abril, cun prazo de execución de 3 meses.

A intervención obxecto deste contrato consiste na mellora de dous treitos da OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, que coinciden coa travesía do núcleo rural do Reino.

Deste xeito, a nova intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta completará a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025, para protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.

Máis en detalle, as obras consistirán na humanización do treito de travesía obxecto da actuación, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.

Para levar a cabo a intervención vaise proceder á demolición da beirarrúa e de parte da calzada, que se repoñerán mellorando a accesibilidade e a sección de firme afectada. Posteriormente realizarase unha rehabilitación superficial completa do firme da calzada.

Tamén se disporá unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led, para unha mellora da eficiencia enerxética.

Destaca na intervención entre os puntos 1+686 e o 1+723 a elevación da beirarrúa sobre a plataforma da calzada, manténdose no mesmo nivel no resto desta zona.

Ademais, entre os puntos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, disporase unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.

Na intervención incluirase, ademais, a adaptación do sistema de drenaxe existente á nova sección da vía nas zonas afectadas.

Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e a colocación de nova sinalización.

As actuacións previstas non implican a realización de expropiación algunha, xa que as obras que se van executar están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS