
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial acordou na última reunión do ano celebrada hoxe a concesión de subvencións no ámbito de cooperación local, concedendo 217.000 euros ao concello de Boborás para a construcción dunha piscina municipal, un proxecto que ten un orzamento total que ronda o medio millón de euros.
O concello de Punxín contará con preto de 30.000 euros para acondicionar a área termal do Bañiño. Outros dous concellos da comarca reciben axudas para sufragar gastos de organización de eventos festivos, en concreto, o concello de Cea 10.000 para a Festa do Pan, e o concello do Irixo 20.000 euros para a Festa Céltica celebrada o pasado mes de setembro.
Quería expresar o meu malestar con esta entidade bancaria debido ao seguinte. Antes tiñan 3 caixeiros automáticos para os usuarios (que estaban no interior) e agora quitan dous e poñen un na rua que non funciona (ainda que pitar ven que pita). Resumindo. Que agora so hai un único caixeiro para todos os potenciais usuarios (que non son poucos precisamente) ocasionando colas e malestar. Por no falar da falta se seguridade do caixeiro agora no exterior (o que de momento non funciona). Non entendo esa necesidade de empeorar o servizo ao cliente. Ahí o deixo.

O PSdeG-PSOE de Leiro considera que a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello, sacada adiante polo Partido Popular no último pleno municipal, deixa “en evidencia”, unha vez máis, a “falla total” de transparencia por parte do goberno municipal encabezado polo alcalde, Francisco José Fernández.
Os e as socialistas “desconfían” desta decisión do PP, tras revisar a documentación, e anuncian que presentarán alegacións á mesma co obxectivo de que Leiro teña o “mellor” instrumento público de ordenación dos postos de traballo do concello. Dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro explican que a súa abstención na sesión plenaria debeuse as “grandes dúbidas” que xera o documento, xa que tal e como sinalan “o único sindicato que figura na mesa xeral de negociación, o CSIF, abstívose nas tres reunións celebradas o 14 de xullo, o 2 de agosto e o 30 de novembro”. Os e as socialistas fan fincapé en que nas tres ocasións “manifestaron a necesidade de falar co persoal antes de chegar a un acordo”.
Outro dos motivos da abstención do PSdeG-PSOE de Leiro foi que segundo relatan “a documentación chegou sen o tempo suficiente para analizar todos os aspectos técnicos” e apuntan a que “requírense tempo para valorar axeitadamente un tema de tal calado como é unha RPT”. Os e as socialistas consideran que a RPT “é unha ferramenta fundamental que debe usar a administración local para ordenar o persoal ao seu servizo, cun obxectivo claro, ofrecer un servizo público de calidade e xestionar de forma óptima aos empregados públicos do concello de Leiro”.
Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, manifesta que durante o pleno “solicitámoslle ao alcalde que un tema tan importante como a RPT, debía ser analizado con detemento e, polo tanto, pedímoslle que fose tratado no pleno de febreiro, para deste xeito analizar todo con suma minuciosidade”. Tal e como apunta o edil socialista “o rexedor rexeitou a nosa proposta, o que da a entender que quere aprobar a RPT pola porta de atrás e sen ter en conta aos sindicatos, ao persoal e o resto de grupos políticos que forman parte da corporación municipal”.
Rodríguez Vázquez afirma que, ante a negativa do rexedor a analizar con máis tempo a Relación de Postos de Traballo do concello de Leiro, “vémonos na obriga de ter que presentar alegacións en canto se abra o período, e unha vez ben revisada e estudiada toda a documentación sobre a RPT”. O voceiro socialista laiase que a negativa do alcalde a pospoñer a cuestión “provocará que, tralas alegacións, o proceso retrásese” e acusa a Francisco José Fernández de “actuar cunha falta total de transparencia, algo que xa é habitual nel”.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por un investimento de 298.812 euros as obras que culminarán a humanización da travesía da estrada autonómica OU-154 no Reino, no concello de Piñor.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a contratación desta intervención de mellora da seguridade viaria, establecendo un prazo para a presentación de ofertas que rematará o vindeiro 23 de xaneiro.
O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé comezar estas obras na primavera, cun prazo de execución de tres meses.
A intervención consiste na mellora de dous treitos da estrada OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, que coinciden coa travesía do núcleo rural de O Reino.
Deste xeito, a nova intervención da Xunta completará a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025, para protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.
As obras obxecto do contrato licitado hoxe consistirán na humanización do treito de travesía obxecto da actuación, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.
Para levar a cabo a intervención vaise proceder á demolición da beirarrúa e de parte da calzada, que se repoñerán mellorando a accesibilidade e a sección de firme afectada. Posteriormente realizarase unha rehabilitación superficial completa do firme da calzada.
Tamén se disporá unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led, para unha mellora da eficiencia enerxética.
Destaca na intervención entre os puntos 1+686 e o 1+723 a elevación da beirarrúa sobre a plataforma da calzada, manténdose no mesmo nivel no resto desta zona.
Ademais, entre os puntos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, disporase unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.
Na intervención incluirase, ademais, a adaptación do sistema de drenaxe existente á nova sección da vía nas zonas afectadas.
A intervención completarase coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e a colocación de nova sinalización.
As actuacións previstas non implican a realización de expropiación algunha, xa que as obras que se van executar están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.

O concello do Carballiño deu a coñecer o fallo do xurado do concurso de decoración navideña no comercio e a hostalaría locais, destacando dende a concellería de cultura tanto o incremento de participantes como o alto nivel artistico alcanzado este ano, contribuíndo desta maneira á ambientación navideña no Carballiño.
Na categoria de comercio, o primeiro premio foi para "Kirschen", que se leva 200 euros; o segundo premio para "Centro do Calzado", dotado de 150 euros, e o terceiro premio -100 euros- para o Estanco nº 5.
No apartado da hostalaría, un dos establecementos máis antigos que continúa en activo, o "Hostal Casa Pituxo" é o gañador do primeiro premio, 200 euros. O segundo premio foi para "Roraima Cafetería", 150 euros, e finalmente, o terceiro premio na categoria da hostalaría para "Café Bar Castor", de Mesego, que recibe 100 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da Xunta de Galicia. Estas subvencións están destinadas á creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, xestionado por esta consellería.
Unha delas está destinada á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade do Carballiño (Aspadisi), por unha contía de 654.700 euros.
Esta será unha das principais fontes de financiación coas que conta a entidade, sumado á colaboración doutras administracións como a Deputación de Ourense e o concello do Carballiño, outros concellos das comarcas da contorna, empresas privadas e entidades, así como as aportacións persoas de todos os que quixeron colaborar.
Recordamos que esta nova residencia está na primeira planta do seu actual centro ocupacional e contará con 32 prazas, distribuídas en 16 habitacións dobres. As obras seguen o curso previsto, aínda que na última semana presentaron un leve retraso a causa das datas de Nadal.
Ademais de ser un soño a creación desta residencia, é unha necesidade, xa que os usuarios teñen unha idade avanzada que ronda os 40 anos, e por conseguinte, a idade dos seus proxenitores é tamén avanzada.
O seguinte paso unha vez rematen as obras será a adquisición de mobiliario e menaxe necesarios para o seu funcionamento. Todo será da mellor calidade, sen escatimar en gastos.
En canto á financiación, polo de agora temos suficiente para rematar a obra. Por iso, precisamos crear un fondo económico para o momento da posta en marcha da residencia, co custe de persoal que suporá e ca falla de ingresos ó non ter os suficientes usuarios ó inicio.
Por iso, aproveitamos para recordar que esta época é a mellor para facer doazóns e obter un beneficio, xa que todas as que se fagan antes de final de ano será retribuídas con beneficio fiscal na declaración da renda do vindeiro ano.

Unha profesora do IES nº 1 do Carballiño encóntrase entre as seis vítimas mortais do autobús accidentado na N-541 na noite deste pasado sábado dia 24 tras precipitarse nun viaducto de 29 metros sobre o río Lérez, a altura do concello de Cerdedo-Cotobade.
Dende o instituto carballiñés, a través das súas redes sociais, móstranse as condolencias a familiares, amigos e compañeiros "Guadalupe Díaz González, sempre estarás con nós". A profesora, de 44 anos de idade, era natural de Lugo e residía na actualidade en Lalín, localidade da que se desplazaba a diario ata O Carballiño para exercer a súa actividade docente no IES nº 1.

Dende o pasado dia 23 deste mes de decembro abríuse a presentación de candidaturas no marco do proceso de renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego, tutelado pola Consellería do Medio Rural, entre os que se encontran os Consellos Reguladores da Denominación de Orixe Protexida do Ribeiro e a Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea. No ámbito intercomarcal O Carballiño-Ribeiro tamén se inclúe á Indicación Xeográfica Protexida Pemento da Arnoia.
Poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador ata o 5 de xaneiro, ambos días inclusive, tal e como se recolle na orde, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 10 de novembro, pola que se convocaron as eleccións e se ditaron as normas pertinentes.
Segundo o previsto no calendario establecido, o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a proclamación definitiva das candidaturas presentadas. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.
Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos eventuais recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221110/AnuncioG0426-261022-0...

A carballeira da Garrida acolle dende as 12 do mediodia a tradicional representación do Belén Viviente de Dacón, que chega neste 2022 á súa 35 edición, e na que 70 veciñas e veciños da localidade serán actrices e actores por unha horas.
A organización agarda que a choiva, que según os pronósticos imos ter neste domingo de nadal, non sexa motivo que obrigue a ter que suspenden as actividades previstas. Se fose asi, adaptaríase a representación á igrexa parroquial de Dacón.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 162
- 163
- 164
- 165
- 166
- 167
- 168
- 169
- 170
- …
- seguinte ›
- última »