23, Novembro 2022

Corenta establecementos asociados a Carballiño Centro Comercial Aberto ofrecerán interesantes promocións e descontos durante este Green Friday os días 25 e 26 de novembro.

A xerente de Carballiño CCA, Noelia Mares, informa que “durante dous días a veciñanza de O Carballiño e as persoas que se acheguen á nosa vila poderán atopar importantes descontos en moitos sectores: decoración, moda home, moda muller, moda infantil, calzado, mercerías e lencerías, xoiaría, saúde, complementos ou agasallos. Como facemos sempre queremos aproveitar para recordar a importancia que ten mercar en O Carballiño, onde atoparemos un trato próximo e personalizado, onde podemos ver, tocar e disfrutar os produtos que ofertan os diferentes establecementos participantes nesta campaña.

Este ano, con motivo do éxito arroiador que está a ter o C. D. Arenteiro, tanto no terreo de xogo como entre toda a veciñanza, a asociación Carballiño CCA conta coa colaboración do clube carballinés para incentivar as compras neste xa GREEN FRIDAY!!, xa que por cada compra realizada en calquera dos negocios adheridos á campaña, os clientes recibirán unha papeleta de participación para o sorteo de tres camisetas do C. D Arenteiro asinadas polo xogador que a persoa agraciada escolla e dúas entradas para o gran partido da Copa Do Rei, C. D Arenteiro – Atlético de Madrid. Esta campaña conta ademais coa cofinanciación do Concello de O Carballiño.

Ademáis o C. D. Arenteiro participu na grabación dun vídeo de promoción para esta campaña; polo cal este Centro Comercial Aberto e os asociados que forman parte del, están moi agradecidos para con toda a súa directiva, corpo técnico e plantilla de xogadores por ser quen de participar das nosas actividades de maneira totalmente desinteresada e facilitarnos en todo momento a realización do mesmo.

Os establecementos participantes neste Green Friday de 2022 son: APARTHOTEL ARENTEIRO, ATLEET, AURA MODAS, B JEANS 8 ,BUXO SAUDE, CHIKITINES, CONTOS, DUA´S, DULCINEA, ÉBANO, ÉCOLE, ELECTR. MANUEL VÁZQUEZ, ENDE BEN, ESPA QUARZ, FLOR DE LIS, FRUTAS EVARISTO, INNOVA DECOR, KIRSCHEN, LA MODERNA, LAMARGHA, LEÑO, LUANELA, MADISON, MAIS DEPORTE, MUNDO LAR, O´RUAN, OFFICE CENTER, ORCELLÓN, OUTLET ALBA CONDE, PAPAVENTOS, PÍKAROS, PLAZA CANDY, PLUMETTI ,POL COTTON, REMBRANDT, SASTRERÍA PÁJARO, SOLPLATA TETE CLOSET ,TREBELLOS E UCHA DEPORTES.

22, Novembro 2022

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, no que se analizaron novas propostas de cooperación entre ambas administracións.

O presidente do goberno provincial definiu como "un novo exemplo de modélica cooperación" unha reunión na que se pecharon novos acordos para seguir reforzando a colaboración entre a Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño. En concreto, Manuel Baltar avanzou o compromiso do goberno provincial a un futuro proxecto proposto polo rexedor para mellorar as infraestruturas públicas no centro da vila.

Ademais, Francisco Fumega prantexou a Manuel Baltar que prologue un libro que está a preparar o Concello do Carballiño co apoio da Deputación de Ourense sobre a figura do doutor Luis Rodríguez Míguez, un volume que recolle artigos de numerosos investigadores vencellados ao termalismo.

22, Novembro 2022

Poño por diante que entendo a boa fe do consello do copenauta. E é un bo consello en condiciones óptimas. Pero non é sinxelo aplicalo na vida real. Porque como ben sabemos, non podemos esixir en virtude da Lei de Propiedade Horizontal unha derrama que supere tres cuotas da comunidade. E dícir, se un veciño se negase a facer fronte a ese pago estaría no seu dereito. Entón, terían que facer fronte os que disexen que sí?? Entre o adianto dos arranxos, e as minutas de abogado e procurador (sería un pleito civil) superaría con creces esas cantidades.

O consello é moi bo polo que respecta ao seguro de responsabilidade civil, ou multiriesgo da comunidade de veciños. A partir de aí, se o seguro non respondese, o camiño que propón que exploren os veciños é longo, farragoso e moi costoso.

Pola outra banda, o que se está a denunciar nesta canle é a falta de sensibilidade do concello (ente público) e  da empresa concesionaria. Que teñen outros recursos (o concello dos sacrificados contribunintes) e a empresa concesionaria dos benefizos do servizo, e probablemente os empreguen de xeito leonino e abusivo. Pero entendo a moi boa fe do consello.

22, Novembro 2022

A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación do Xeodestino Turístico Ribeiro-O Carballiño, do que forman parte a practica totalidade dos concellos de ambas as dúas comarcas.

O Xeodestino organizou este ano para xornalistas especializados en turismo e gastronomía, e contou coa presenza de alcaldesas e alcaldes, entre eles o presidente do Xeodestino Ribeiro-O Carballiño, Franscisco José Fernández, asi como o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández. En representación do concello do Carballiño desprazouse a Madrid o concelleiro de turismo, Manolo Dacal.

Geodestino turístico Ribeiro-O Carballiño: https://ribeirocarballino.com/

22, Novembro 2022

O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción, para o seu debate na vindeira sesión plenaria municipal, na que insta ao Concello a realizar “a maior brevidade posible” un estudo para a creación dun aparcadoiro público nas inmediacións do centro de saúde. As e os socialistas sinalan que o obxectivo “é mellorar as condicións de seguridade viaria tanto dos vehículos, como dos viandantes que circulan pola contorna”.

As concelleiras socialistas de Punxín indican que, na actualidade, o centro de saúde está situado nunha zona “sen apenas prazas de aparcadoiro”, xa que na entrada ao propio centro, tan só está habilitada unha zona para estacionar como moito dous vehículos. Unha situación, que segundo explican dende o PSOE de Punxín, “ten como consecuencia que se estacionen vehículos nas marxes da estrada de acceso ao centro de saúde, que ten unhas dimensións moi reducidas, o que supón un perigo, non só a hora de circular cun coche, senón tamén para os veciños e veciñas que camiñan a diario por este vía de comunicación”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que “xa vai sendo hora de que o Concello busque alternativas para dar solución a problemática do aparcadoiro no centro de saúde, un dos puntos neurálxicos do municipio e ao que cada día se desprazan ducias de veciños e veciñas”. A edil socialista considera que o goberno municipal “non pode seguir mirando para outro lado e obviando unha problemática que ten moi preocupada á veciñanza”.

Segundo apunta Peleteiro Vázquez, “seguimos a traballar e a trasladar ao pleno iniciativas dos veciños e veciñas de Punxín” e fai fincapé en que “a creación dun aparcadoiro nas inmediacións do centro de saúde sería unha medida que melloraría a seguridade dos usuarios e usuarias, ademais de facilitar a circulación pola rúa Alberto Cortez, especialmente nas horas nas que o centro de saúde permanece aberto”.

As socialistas agardan agora que o pleno municipal apoie esta iniciativa e que se proceda a buscar unha solución a esta problemática. “Os veciños e veciñas de Punxín precisan duns servizos dignos e de que o goberno municipal mellore as súas condicións e calidade de vida, polo que consideramos moi importante que se escoite, atenda e solucione esta demanda”, finalizan dende o PSdeG-PSOE de Punxín.

22, Novembro 2022

Anímome a escribir para dar a miña opinión e consello a comunidade de veciños do nº44 de Calvo Sotelo. Porque, a razón do que leo penso que non están facendo as cousas como deberían e porque non están correctamente asesorados. Nin o concello, nin a concesionaria da auga teñen obriga algunha de arranxar os desperfectos ocasionados por debandito accidente no interior do edificio (na rua xa están arranxados). Non son eles quen teñen que contratar a ningunha empresa para arranxar os danos. Algún deles ou os dous poden ser responsables subsidiarios dos danos ocasionados, e empregar os seus seguros de responsabilidade civil para pagar os danos. A comunidade de vecinos ten que ter un seguro de responsabilidade civil, por se pasa calquera cousa no edificio (como neste caso). Ocurrido isto hai que chamar o seguro, que veña un perito  e facer un parte e valoración de danos, ver o que se pode arranxar ou non e o que hai que substituir. Haberá que pedir tres presupostos a tres empresas distintas para solucionar os danos, contratando a que máis interese relación calidade-prezo-tempo. Ainda sen coñecer as cláusulas do seguro da comunidade e sendo evidente que a responsabilidade subsidiaria non é da comunidade senón dun terceiro (sexa Viaqua ou Concello) o seguro debería adiantar, senón a totalidade gran parte dos cartos precisos para arranxar os danos. O seguro da comunidade do edificio xa se encargará de reclamar o concello ou a viaqua. Se o seguro, polo que fora non actua así, son os veciños os que teñen que adiantar os cartos para contratar a unha empresa que arranxe os danos e acudir os xulgados para que dirima quen o responsable subsidiario para facer fronte os danos ocasionados.

Si xa sei, eu non teño que adiantar os cartos para arranxar algo que non provoquei e inda acudir os xulgados, levará tempo, abogados.... Esa forma de pensar non é a adecuada nestes casos.

Seguramente non sexa a forma máis xusta, pero é a única forma correcta de facelo e de cobrar. Non podedes seguir agardando a que o concello ou  viaqua vos arranxen os desperfectos. Cando chegue o momento xa pagarán os seus seguros. Pero xa tíñades que ter arranxado iso, ben cos cartos do seguro da vosa comunidade ou ben con aportacións extraordinarias dos veciños.

Non quero que ninguén tome a mal o meu comentario, pero calquera asesor ou xestoria que leve comunidades opinaría o mesmo. A veces tómanse decisións equivocadas por malos consellos, outras por que quen nos da un consello acertado, non nos dí o que queremos oir e non facemos caso porque non nos gusta o que nos aconsella, outras porque tomamos decisión sen saber e sen ser aconsellados.

Non sei cal é caso aquí, pero o que está claro é que o camiño que tomaron non é o axeitado. Non perdades máis tempo senón ides seguir sen calefacción máis tempo.

21, Novembro 2022

A primeira hora da mañá do día 2 de maio a rotura dunha tubería da traída xeral de auga na Rúa Calvo Sotelo de O Carballiño (frente á Biblioteca Municipal) causou importantes danos por toda a zona, pero o máis perxudicado foi o Edificio Castelao sito no número 44. Quedou totalmente inundado o sótano 2 e ata a metade o sótano 1.

Está a rematar o mes de novembro e non temos nin calefacción (a caldeira, o depósito de gasoil, o cadro de contadores quedaron sumerxidos totalmente en auga e terra), nin instalación eléctrica no sótano 2, nin o ascensor pode baixar ós garaxes.

Parece que nin o Concello nin Viaqua esquecen cobrar os recibos de suministro (que os veciños pagamos puntualmente) pero nada lles importa o mal que o estamos a pasar. Xa vai facer 7 meses, ven o frío, e no edificio viven persoas maiores, nenos, persoas enfermas,... e seguimos sen calefacción porque non son capaces de arranxar os danos causados. A medida que pasan os días o deterioro vai a máis.

Por suposto, ninguén ten a culpa de que sucedan accidentes deste tipo, pero cando ocorren hai que ter a RESPONSABILIDADE  de reparar os danos na maior brevidade de tempo e...CANTO MÁIS TEMOS QUE ESPERAR? 

 

21, Novembro 2022

Todo o "fenómeno" que rodea nas últimas semanas ao Club Deportivo Arenteiro, a marxe do ámbito deportivo, está deixándonos detalles que non pasan desapercibidos e que nunca antes aconteceran no Carballiño, como o feito de que a administración de lotarias da localidade despachase por vez primeira na súa historia un número completo para a tradicional lotaría do nadal, as súas 180 séries, e o máis sorpredente aínda, a un mes vista da celebración do sorteo que será o 22 de decembro.

O pasado mércores dia 16, tras saberse que no sorteo da segunda ronda da Copa do Rei ao Arenteiro tocáralle o "gordo" dese sorteo, o Club Atlético de Madrid, que terá que xogar en espiñedo o 22 de decembro, a demanda do 57039, o número vendido polo club, disparouse de tal maneira que os décimos quedaron esgotados esta pasada fin de semana. 

En COPE O Carballiño, a xerente de Lotarias Prada confirmou que "é a primeira vez que nos sucede algo asi, falei con meu pai e tampouco él recorda tal cousa, nunca antes vendimos un número completo, levamos dias de auténtica locura de xente que ven de fora a buscar este número, incluso recibimos chamadas de México para facerse con lotaría do Arenteiro". Ana Prada botou man da calculadora para comentar que no caso de tocar o gordo no número do Arenteiro a sorte repartiría 720 millóns de euros no Carballiño.

20, Novembro 2022

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións. "Unha reunión satisfactoria, outro novo exemplo do que é a cooperación da Deputación e os concellos, que contan neste goberno ao seu mellor aliado, coa capacidade e o músculo suficiente para atender as súas propostas e seguir construíndo provincia", valora o presidente do goberno provincial, que garantiu o respaldo a iniciativas de dinamización empresarial e cultural, ademais da mellora dos servizos públicos para os veciños.

En concreto, Manuel Baltar avanzou a colaboración no impulso ao polígono industrial, "un proxecto completamente estratéxico para o futuro de Beariz, que contará con renovada capacidade para atraer empresas e crear emprego de calidade", segundo remarca o presidente da Deputación, que tamén comprometeu o respaldo a novas actividades socioculturais. Ademais, a administración provincial colaborará na elaboración do proxecto do novo cemiterio municipal. "Estas iniciativas propostas polo rexedor son fundamentais para Beariz", sinala Manuel Baltar antes de incidir no "traballo diario do goberno municipal liderado por Manuel Prado, sempre na procura de novos proxectos para o impulso do territorio e a blindaxe dos servizos públicos".

Pola súa banda, o alcalde pondera a transcendencia do "continuo respaldo da Deputación e do seu presidente a iniciativas estratéxicas, e que sen o seu apoio sería imposible sacar adiante".

20, Novembro 2022

O Ministerio de Tranportes, Mobilidade e Axenda Urbana estuda as melloras que se pretenden levar a cabo na estrada N-541 ao seu paso pola zona urbana do Carballiño, e que se sumarían ás xa anunciadas dias atrás polo concello do Carballiño, para a mellora da seguridade vial no traxecto urbano deste vial, a través da Avenida 25 de Xullo, rúa Francisco Castelló e Estrada de Pontevedra.

Entre outras posiblidades, estaría a construcción dunha pasarela elevada para o tránsito peonil, tamén a contrucción de pasos sobreelevados, asi como a instalación dun grupo semafórico no cruce de interseción coa rúa Otero Pedraio, considerado como un dos máis conflictivos na actualidade. Para avaliar estas posibles melloras, o Ministerio ven de instalar cámaras contadoras tanto do tráfico de vehículo como do tránsito peonil.

Estas melloras para a seguridade vial, sumaríanse ás demandadas polo concello do Carballiño, e que se centran fundamentalmente no tramo entre a cruce da rúa do Irixo ata o cruce de Toscaña, e que contemplan a ampliación de beirarrúas, intalación dunha nova iluminación con LED, e a construcción dunha rotonda a altura do cruce de Toscaña, un proxecto elaborado polo concello carballiñés e orzamentado en preto de 800.000 euros, e para o que o concello agarda o apoio do Ministerio con vistas á súa execución.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS