
A Deputación de Ourense lanza un proxecto piloto de compostaxe comunitaria para os municipios do Carballiño, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia.
O proxecto está prantexado para avanzar na compostaxe comunitaria procurando unha mellor solución para os residuos orgánicos xerados nos fogares, ao mesmo tempo que contribuirá a evitar a deposición de restos vexetais de podas nos contedores municipais ou na vía pública.
O deputado Pablo Pérez presentou hoxe esta iniciativa nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o tenente alcalde de Pereiro de Aguiar, Manuel Doval; e a edil de Medio Ambiente do Carballiño, Rita Soto.
Pablo Pérez resalta que esta é “unha iniciativa novidosa para o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos que busca retirar a materia orgánica do circuíto da fracción resto -bolsa negra- e que esta se xestione de maneira independente”.
O deputado prantexa que, co compostaxe, “tendemos a unha alternativa igual de eficiente que a da implantación dun contedor específico para a recollida da materia orgánica, xa que en ambas diminúe, igualmente, o impacto ambiental que xera non xestionala independentemente. E ademais permite reducir drasticamente o elevado custo operacional e de gasto que supón crear e manter unha liña de recollida separada para unha nova fracción”.
Na súa intervención, a alcaldesa de Xinzo de Limia deu parabéns á Deputación por esta iniciativa e resaltou a importancia de “concienciar á cidadanía para favorecer a economía circular”.
Manuel Doval tamén agradeceu o traballo da Deputación e explicou a importancia da educación ambiental: “Máis aló do tema económico, crer no medio ambiente é unha cuestión de feitos, feitos como este proxecto”.
Pola súa banda, Rita Soto agradeceu a implicación do Concello do Carballiño neste proxecto e animou aos veciños a participar na iniciativa.
Dúas fases do proxecto de compostaxe comunitaria
Este proxecto nace a partir dunha axuda solicitada este ano pola Deputación de Ourense á Xunta de Galicia no marco dos Next Generation.
A iniciativa divídese en dúas fases. Por un lado, unha etapa de captación, de formación e sensibilización da cidadanía respecto ao proxecto, que máis alá de captar participantes, nos permitirá estimar a cantidade de residuos xerados segundo a tipoloxía e costumes de cada fogar.
A iniciativa está ideada para o seu desenvolvemento nas urbanizacións dos concellos elixidos. En Pereiro de Aguiar serán as de Santa Marta e a Tapada de Abaixo; no Carballiño, Uceira e Corzos; e en Xinzo de Limia, nas urbanizacións da Devesa e do Polígono, localizacións onde se colocarán sendas áreas de compostaxe comunitario permitindo aos veciños interesados en depositar os restos orgánicos xerados nos seus fogares.
Partindo desta información, no 2023 poderase proceder a dimensionar as illas de compostaxe baixo un criterio máis axustado a realidade, grazas aos resultados extraídos do estudio da primeira fase e posteriormente executar á súa construción.
Fase explicativa do proxecto
Nos vindeiros días, persoal do servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense e e da empresa Ancaria visitará “porta a porta” as vivendas existentes na área de influenza das localizacións elixidas, para explicar os pormenores do proxecto, fomentando a adhesión dos interesados e explicando as vantaxes e facilidades que terán os participantes co uso deste tipo de compostoiros.


O non vai máis....o Arenteiro enfrontaráse o Atlético de Madrid no estadio de Espiñedo en partido oficial, correspondente á segunda ronda da Copa do Rei, que se xogará entre os dias 21 ou 22 de decembro.
Tres equipos da máxima categoria do fútbol español en apenas un ano van pasar polo Carballiño, o ano pasado foi o Valencia ao que o Arenteiro puxo contra as cordas e estivo a tan so un pasiño de eliminalo. Este ano, o pasado domingo o Arenteiro cargouse ao Almería, e agora será o Atlético de Madrid o que deberá visitar O Carballiño en vésperas do nadal. O Arenteiro dos records, flamante campión da Copa Federación e líder destacado na Segunda Federación, continúa co seu carrusel de emocións.
O vídeo do sorteo na Televisión de Galicia: https://www.g24.gal/-/sorteo-de-copa-celta-pontevedra-e-arenteiro-buscan...
O vídeo do sorteo e a crónica do Diario "Marca":https://www.marca.com/futbol/copa-rey/2022/11/16/637512c0e2704e9b248b45c...

Dende o sindicato da CIGA insisten en denunciar a que consideran é "política laboral de acoso e represión" no Asilo Residencia Irmáns Prieto Pereira. E mesmo apuntan a "un plan oculto para cambiar o modelo do Asilo, para pasar a ser un negocio máis de residencia da 3ª idade".
Dende a central sindical volven pedir a readmisión para as dúas traballadoras despedidas. Na manifestación tamén participaron o promotor da recentemente creada "Asociación para a Defensa do Asilo" Pachi Vázquez, o directivo desta mesma asociación Bernardo García ou o concelleiro de Espazo Común Adolfo Nogueira, entre outros.
Aproveitando hoxe a súa intervención en directo nesta emisora de radio, a este asunto referíuse o alcalde do Carballiño. No PODCAST de COPE O Carballiño deste mércores 16 de novembro podes escoitar as manifestacións tanto do Secretario Comarcal da CIGA, Anxo Pérez, como o alcalde Francisco Fumega.

O Concello do Carballiño solicitará do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que acometa o proxecto de humanización da N-541 ao seu paso pola zona urbana da vila. O Concello redactou o proxecto de construción, que contempla un orzamento base de licitación de 752.500 euros, e agora será remitido á Secretaría General de Infraestructuras do referido Ministerio, para que se proceda a materializar a intervención.
A inclúe o tramo da N-541 comprendido entre os puntos quilométricos 26,745 e 27,713 (entre o cruce coa estrada de O Irixo e o cruce coa estrada de Astureses) e será trasladado ao Ministerio de Transporte para obter a financiación necesaria para a súa execución en base ao establecido na Orde TMA/1160/2021, de 8 de outubro, pola que se establece o marco para a celebración de acordos de entrega aos Concellos de vías urbanas da rede estatal. O Concello do Carballiño está en disposición de asinar o acordo co Ministerio e a cambio da execución da obra a administración local carballiñesa asumiría a xestión do tramo que comeza na glorieta onde se unen a AG-54, a N-541 e a Rúa Ourense (é dicir, dende a glorieta que está situada no punto quilométrico 25,175) e vai ata o final do presente proxecto, no punto quilométrico 27,713. Trátase dun tramo de 2.613 metros que na súa maior parte é zona urbana e que forma parte do entramado de rúas do núcleo urbano do Carballiño.
O proxecto encargado polo Concello define os traballos a realizar para acometer as obras de construción de beirarrúas e alumeado na N-541, entre os referidos puntos quilométricos. Tamén se contempla no mesmo a creación dunha glorieta na intersección da N-541 coa estrada O Carballiño-Astureses.
Polo que respecta a este cruce, no proxecto encargado polo Concello sinálase que existe unha intersección en cruz con carrís centrais de espera dunhas dimensións moi pequenas que non compren a normativa vixente. Tamén se incide no feito de que existe un tráfico local importante entre o núcleo do Carballiño e os de Longoseiros e Astureses que cruza a N-541, co conseguinte perigo para a seguridade vial. Da mesma maneira, recolle o proxecto, o tráfico dende a N-541 cara a e dende o núcleo do Carballiño é moi importante.
Coa construción da glorieta incluída no proxecto o que se pretende é substituír esta intersección co obxectivo de mellorar a seguridade vial dunha forma moi importante.
Doutra banda, segundo se recolle no documento, o tramo dende este punto (en dirección a Ourense) forma parte dunha importante ruta peonil que é empregada polos veciños do núcleo do Carballiño e que só conta cun pequeno tramo de beirarrúas na marxe esquerda e outro con beirarrúas a ambos lados ao inicio da obra proxectada. En ambos casos dun ancho máximo de 1,30 metros, o que non cumpre en absoluto a normativa de accesibilidade. Tamén existe un viaduto sobre o río Arenteiro: nesta zona hai unha varanda e unha barreira tipo , que dificilmente permite o paso dunha persoa entre ambas.
O tramo dispón de alumeado coincidindo coas beirarrúas existentes. O mesmo está formado por luminarias sobre postes de formigón armado, co perigo que iso representa para a circulación pola N-541. Ademais, as luminarias están totalmente obsoletas e teñen un consumo cada unha de 250 w, algo totalmente en desacordo coa normativa de eficiencia enerxética.
Segundo se recolle no documento que o Concello do Carballiño remitirá ao Ministerio de Transportes para a reforma e mellora deste trazado, as obras a realizar consisten na construción dunha glorieta de 22 metros de diámetro con centro no eixe da N-541. A intervención contempla a ampliación do firme existente para conseguir unha calzada anular de 7 metros de ancho cun arcén interior de 1 metro de ancho. O diámetro exterior da glorieta será de 33 metros. A ampliación divídese en catro sectores: dous na marxe dereita da N-541 e a ambos lados do vial que conduce a Longoseiros-Astureses e outros dous na marxe esquerda da N-541 e a ambos lados do vial que leva ao centro urbano do Carballiño.
No proxecto tamén se contempla a construción de beirarrúas, coa súa correspondente drenaxe, dende o inicio da obra ata pasada a glorieta. Tamén se realizará un alumeado de todo o tramo, con columnas e luminarias tipo LED.
O obxectivo do proxecto de actuación na N-541 que o Concello do Carballiño remitirá ao Ministerio de Transportes pasa por crear un itinerario peonil adaptado por ámbalas dúas marxes da N-541 e que cumpra na súa totalidade coa normativa de accesibilidade, agás no tramo do viaduto sobre o Arenteiro no que as limitacións físicas do taboleiro non permiten obter unha beirarrúa de máis de 1,50 metros.
O orzamento base de licitación das obras, segundo se recolle no proxecto encargado polo Concello do Carballiño, ascende a 752.500 euros. O capítulo de expropiacións está estimado en 16.527 euros e os traballos de conservación do Patrimonio (2% do Proxecto Base de Licitación) en 12.438 euros. O orzamento definitivo, para coñecemento da administración, sería de 781.465 euros.
Nos últimos dias numerosos veciños do concello de Boborás estan a recibir cartas do Catastro, nas cales se indica que se van a facer modificacions, consistentes en moitos casos nun notable aumento do valor catastral, nalguns casos mais do doble, o que suporá un enorme incremento do que se paga, mais os atrasos dos catro anos anteriores, todo de xeito silencioso, xa que hai constancia de que dende agosto andan co tema este, todo en silencio, sen que a flamante alcaldesa dixese nada, a pesar de que adoita difundir polas suas redes sociais numerosos contidos, as que emprega para dinfundir o que lles apetece, polo que sería interesante que dende o concello se informase sobre esto, para dar tranquilidade os veciños e informar do que se vai facer como se fixo noutros lugares, saúdos

O Concello do Carballiño promoverá o acondicionamento da rúa Carreira e as rúas do entorno (José Benito Valeiras, Xoán de León e Ramón María Aller Ulloa) para potenciar estas arterias de comunicación do centro da vila e para proceder á mellora das redes de abastecemento e saneamento destas rúas, que contan cunhas características semellantes e están conectadas entre elas.
O investimento nesta actuación está dotado con 248.319 euros e o prazo de execución das obras será de cinco meses. O obxectivo do proxecto redactado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas, foi definir o trazado e as características do acondicionamento dos pavimentos e a renovación da rede de abastecemento de auga e de alcantarillado, xunto coa nova execución de canalización e sumideiros de augas pluviais, por tratarse de tramos antigos de fibrocemento (no caso da auga) e de formigón deteriorado (no caso do alcantarillado). Tamén se contempla no proxecto a posterior reposición de bases e pavimentos das beirarrúas e das calzadas nas citadas vías públicas.
A decisión de acometer está reforma e renovación vén dada, como se sinala, polo mal estado das redes de abastecemento e de alcantarillado nestas rúas.
No caso das beirarrúas os pavimentos serán realizados mediante formigón impreso. Na calzada os pavimentos serán de aglomerado asfáltico para tráfico medio en quente, de árido granítico, 4/6 cm de capa de rodadura de aglomerado asfáltico denso D-12.
Contará con árboles
A lonxitude total sobre a que se actuará será de 470 metros e acometerase unha reposición de rodadura de calzada de 3.379 metros cadrados.
A remodelación e acondicionamento da Carreira servirá para poñer en valor esta rúa que foi un dos espazos singulares da vila e na que se asentaban tradicionalmente un bo número de artesáns do Carballiño. Unha das actuacións previstas no proxecto redactado polo arquitecto municipal é a plantación de árbores (tipo camelio ou semellante) para incidir na humanización do entorno. Tamén se procederá á redución do número de prazas de aparcamento.

O Arenteiro dos records non se para, e agora é noticia en toda España, en todos os xornais, en todas as televisións, en todas as radios, O Carballiño está de moda polo seu Arenteiro, que noutra noite de maxia pura en Espiñedo foi quen de pasar a seguinte ronda da Copa do Rei tras dar un baño de fútbol a un equipo da primeira división, como é a UD Almería.
Foi un 2-0 a favor do Arenteiro con goles de Escobar e Rafa Mella, un resultado mesmo curto para os merecementos dun Arenteiro inmenso, moi superior ao equipo da máxima categoria do fútbol español.
Vídeo co resumen do partido na Televisión de Galicia: https://www.g24.gal/-/en-directo-o-arenteiro-almeria-0-0-
Cronica do partido en "Marca": https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2022/11/14/2-0-arenteiro-h...
Crónica do partido en "La Región": https://www.laregion.es/articulo/deporte-local/arenteiro-primera/2022111...
Crónica do partido en "La Voz de Galicia": https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2022/11/14/2-0-arenteiro-h...

A iniciativa “Ourense, a provincia termal dixital”converterá a Ourense na primeira provincia española en dixitalizar a súa oferta de tratamentos termais.
Manuel Baltar expón que medidas como esta, aprobada no Debate sobre o estado da provincia, “definen a importancia e utilidade deste foro de debate, análise e acordos, e que leva desde 2014 tecendo novos proxectos para proseguir o camiño de dinamización da provincia de Ourense” .
A medida da Deputación de Ourense parte de constatar que a oferta de servizos termais prestada a día de hoxe polos balnearios ourensáns non está dixitalizada: só estao a oferta aparellada ao aloxamento termal pero non a de balnearios que non dispoñen de hotel, nin a de tratamentos termais en hoteis-balneario nos que o cliente non quere pernoitar.
Esta situación limita o desenvolvemento dos balnearios sen hotel. Esta realidade dáse en todos os balnearios da provincia de Ourense e nos máis de 50 analizados a nivel de toda España. A ausencia de dixitalización implica que os servizos termais teñen que ser contratados acudindo presencialmente ao balneario, facendo unha reserva previa por teléfono ou enviando un correo electrónico que carece de resposta inmediata; todas estas fórmulas representan limitacións para o establecemento termal e/o para o cliente.
As limitacións para o balneario van desde non poder optimizar a súa oferta -xa que ata o momento no que chegan algúns dos clientes ao balneario descoñecen a ocupación do mesmo- ou que a persoa que realizou a reseva telefónica non acuda finalmente ao balneario. E para o cliente, carecer da posibilidade de contratar os servizos termais de maneira dixital implica o feito de ter que facelo de forma física no balneario ou por teléfono, quedando á marxe dos novos consumos derivados da cultura dixital.
Neste contexto, Ourense será a primeira provincia en implementar unha estratexia de dixitalización conxunta de servizos termais, creando unha oferta provincial dixitalizada a través da alianza entre a Deputación de Ourense e os balnearios da provincia.
Transformación da oferta: “Ourense, a provincia termal dixital”
Dixitalizar a oferta de servizos termais consistirá en reinventar a experiencia do usuario na contratación dos mesmos a través da aplicación de tecnoloxía.
A transformación dixital dos balnearios consistirá en crear e desenvolver unha canle dixital que permita definir a oferta dixital de servizos termais, unha nova experiencia de compra para o cliente e aumentar a venda de servizos termais.
A dixitalización da oferta de servizos e tratamentos termais permitirá a reserva e o pago as 24 horas ao día, 7 días á semana, os 365 días do ano a través do móbil e desde calquera lugar.
Todo o proceso de dixitalización basearase nun sistema de códigos QR que acreditan a reserva e o pago por parte do cliente e que poderán ser escaneados desde os propios balnearios cando o cliente chegue ao establecemento.
Este novo sistema abre novas posibilidades aos balnearios da provincia, xa que a dixitalización permite non só a contratación dos servizos en liña senón establecer unha relación permanente cos futuros usuarios dos balnearios. Os centros termais poderán establecer comunicacións dixitais sobre ofertas especiais, promocións ou novos programas, de maneira que será posible a fidelización de novos usuarios das instalacións da provincia.
Fases e prazos da dixitalización termal
Deputación de Ourense e balnearios traballan para que en decembro xa estean dispoñibles algunhas ofertas de tratamentos e servizos termais de maneira dixital.
A primeira fase da dixitalización contemplará aos balnearios que dispoñen de piscinas mineromedicinales termais, cinco dos sete da provincia, e nunha segunda fase poderanse incorporar a totalidade.
En todos os balnearios a reserva aceptará, entre outros medios, o pago a través da aplicación Bizum, xa que a plataforma dixital coa que a Deputación de Ourense xestionará a dixitalización da oferta termal provincial dispoñerá desta posibilidade a maiores dos tradicionais mnedios de pago en liña.
O primeiro dos balnearios que poñerá en marcha a súa oferta dixital será o Balneario de Cortegada, ao que lle seguirán Laias, Partovia, Lobios e Arnoia; na planificación de administración e balnearios contémplase o mes de decembro como arranque coas primeiras ofertas dixitais dispoñibles e o primeiro trimestre de 2023 como prazo para que todas os balnearios teñan algunha oferta dixital dispoñible.
A última semana de novembro a administración provincial asinará con todos os balnearios da provincia o convenio “Ourense, a provincia termal dixital” no que ademais de especificar todo o contido e diferentes cláusulas do acordo anunciarase os servizos e tratamentos termais que cada balneario vai ofertar de maneira dixital.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañaron ás nenas e nenos do CEIP Calvo Sotelo Colexio Plurilingüe e Abalar nun obradoiro da campaña Fai clic ao teu bocata, para promover o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil. Neste centro a iniciativa chegará a arredor de 190 alumnas e alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria e con eles son máis de 16.400 os que se levan beneficiado desta iniciativa desde o seu comezo en abril de 2021.
Esta acción forma parte do programa Aliméntate ben e inclúese na campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR, coa que o Executivo galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.
O director xeral destacou que Fai clic ao teu bocata busca familiarizar dun xeito ameno e lúdico ao público de entre 5 e 16 anos coas conservas de peixes e mariscos e transmitirlles os beneficios nutricionais de incluílas na dieta. Ao mesmo tempo pretende achegarlles ás rapazas e rapaces os coñecementos das distintas especies de peixe e moluscos e ensinarlles a empregar as conservas como base en receitas sinxelas.
Neste curso 2022-2023 está previsto que a campaña chegue a preto de 10.000 escolares duns 70 centros galegos. Con todo, a iniciativa vai máis alá do período escolar pois nos meses estivais tamén está presente en campamentos de verán e outras actividades culturais da Xunta.
Fai clic ao teu bocata releva á anterior iniciativa Ponlle as pilas ao teu bocata, que achegou o mundo das conservas a máis de 74.000 nenas e nenos e que foi recoñecida pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas. Outra iniciativa de promoción renovada no curso pasado é Ti si que es un bo peixe, que substitúe a O sabor da aventura está no mar e coa que a Administración galega segue difundindo dun xeito ameno entre o público infantil coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais.
Cada un dos obradoiros de Fai clic ao teu bocata divídese en tres partes. Na de presentación inclúe unha charla divulgativa, dinámica e participativa con preguntas aos participantes sobre alimentación e os produtos do mar e a proxección dun vídeo animado da campaña que introduce o mundo das conservas e o dos bocadillos.
A segunda parte é a demostración da elaboración dos bocadillos que inclúen conservas de produtos do mar como ingrediente principal e que serán degustados ao finalizar o obradoiro. Desta tarefa encárgase un monitor mentres se desenvolve unha charla divulgativa sobre os diferentes produtos do mar que se poden atopar en conservas, o seu método de captura ou cultivo e como se preparan para a súa conservación.
Na terceira e última actividade avalíanse entre os participantes, a modo de xogo e mediante preguntas rápidas, os coñecementos adquiridos no obradoiro e, ao rematar a xornada, entréganselles ás nenas e nenos agasallos relacionados coa campaña.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 169
- 170
- 171
- 172
- 173
- 174
- 175
- 176
- 177
- …
- seguinte ›
- última »