
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, comprobou esta mañá no Carballiño o bo funcionamento dos descontos que o Goberno activou no transporte público terrestre desde o 1 de setembro.
O subdelegado valorou o impacto desta decisión na provincia de Ourense, onde o autobús ten unha importancia estratéxica pola dispersión poboacional. Emilio González puxo en valor o desconto do 50% do prezo do billete do que gozan os usuarios, do que a maior parte, o 30%, está custeado polo Goberno de España, mentres o 20% restante é complementado pola comunidade. “O Goberno está a sufragar a maior parte do desconto nestes transportes que son de competencia e titularidade autonómica”, recalcou o subdelegado.
“Son xa miles de cidadáns e miles de familias en Ourense as que se están beneficiando dun gran aforro en transporte cada mes”, manifestou o subdelegado, que estivo acompañado na visita polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Desde que se aprobaron estas axudas, o incremento de usuarios do transporte en autobús desde O Carballiño aos distintos destinos de Galicia foi do 30%. Máis da metade dos viaxeiros que saen da estación do Carballiño (o 60%) utiliza o autobús para desprazarse á capital da provincia.
Emilio González remarcou a importancia de paliar a inflación e os efectos da crise enerxética derivada da guerra de Putin. “Estamos xunto ás familias, xunto aos traballadores e traballadoras, co conxunto da cidadanía, para afrontar xuntos os efectos da subida de prezos”, manifestou.
O desconto do prezo do autobús interurbano e do urbano, nos municipios adheridos á medida, compleméntase coa gratuidade dos abonos de tren en todas as liñas que conectan as estacións de Galicia, tanto Proximidades, como Media Distancia e tamén Avant, que conecta Ourense con Santiago e A Coruña.
O subdelegado animou á cidadanía da provincia para aproveitar o transporte público para aforrar e para mellorar a mobilidade e reducir a dependencia enerxética.

Xogábase este domingo dia 2 de outubro un partido que queda xa para a historia do club e do fútbol 11 feminino carballiñés, xa que o Arenteiro Feminino debutaba en competición oficial na Segunda División Feminina Galega no campo vigués de Samil.
Unha historia que comeza, e ademais da mellor forma posible para as rapazas verdes do Arenteiro. O equipo dirixido por Alba Rodríguez lograba un gran triunfo ante as viguesas do Casablanca, sendo Letizia Hermida a autora do histórico primeiro gol do Arenteiro Feminino en competición oficial, mentres que María Juan e Lidia Rodríguez completaban o 0-3 a favor das carballiñesas.
Ficha do partido: https://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodA...

A Xunta adxudicou en total de 96 prazas en toda Galicia, das que 7 pertencen a centros de saúde das comarcas do Carballiño e O Ribeiro, unha selección que se realizou mediante concurso de méritos para incentivar a cobertura de prazas vacantes en Atención Primaria, as chamadas "prazas de difícil cobertura", un sistema que ven a paliar o deficit de facultativos que mantiña baixo míninos varios centros de saúde.
Nesta primeira quenda para a adxudicación de prazas de médicos de cabeceira , cubrironse as que estaban vacantes nos centros de saúde de Piñor, San Amaro, Punxín e Beariz na comarca do Carballiño, mentres que na comarca do Ribeiro incorpóranse novos médicos nos centros de saúde de Cenlle, Leiro e Beade.
Ademáis de cubrir as prazas nos citados centros de saúde, o novos facultativos reforzarán as gardas médicas nos PAC do Carballiño e Ribadavia, onde se atende as urxencias en horario entres as 3 da tarde ás 8 da mañá.

Comezan os populares carballiñeses na súa proposta subliñando que os artigos 15 e 16 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais indican que as entidades locais deberán acordar a imposición e supresión dos seus tributos propios, e aprobar as correspondentes ordenanzas fiscais reguladoras destes, que deberán conter, polo menos a determinación do feito impoñible, suxeito pasivo, responsables, exencións, reducións e bonificacións, base impoñible e liquidable, tipo de gravame ou cota tributaria, período impositivo e pagamento.
Nesta mesma exposición de motivos desta moción, o grupo municipal popular di que "certo e que os concellos, a hora de determinar os seus impostos propios, deben actuar con responsabilidade, tratando de facer as previsións correctas de recadación que permitan cubrir os gastos dos servizos públicos que ofertan. Pero ao mesmo tempo todos os grupos políticos podemos estar de acordo en que o exercicio 2023 ven marcado por unhas circunstancias que o fan excepcional. De feito, a inflacción atópase hoxe nuns niveis inasumibles para moitas familias, sen que se vexa unha solución a curto prazo para esta situación".
Recordan como "ao mesmo tempo, estas circunstancias excepcionais levaron a que o Congreso dos Diputados, a instancia do Goberno Central, decidiu manter a suspensión das regras fiscais, en liña coa recomendación da Comisión Europea, ante a crise desatada polo encarecemento de prezos derivados da invasión rusa de Ucraína. Estas circunstancias deben levar tamén a reflexión por parte de todos os grupos municipais, a hora de fixar os impostos, taxas e prezos públicos para o ano 2023".
Nesta mesma cronoloxía, o grupo municipal do PP no concello do Carballiñi lembra que "xa dende o ano 2019, unha reforma xeneralizada de toda a política fiscal do noso Concello, sen que ata o de agora se levase a cabo ningunha medida polo o Grupo de Goberno. Para levar a cabo esta reforma fiscal, o Grupo Municipal do Partido Popular propuxo a reforma do IBI, baixando o tipo impositivo e tamén creando novas bonificacións para autónomos e pequenas empresas; a reforma do ICIO, a fin de non gravar as obras que se levasen a cabo por autónomos e pequenas empresas dentro da súa actividade; a reforma da ordenanza do lixo, adaptando as tarifas a nova realidade da nosa vila; e xa o ano 2021 opuxémonos con toda rotundidade a elevación das taxas municipais en función da inflacción, que nese momento era do 2,7%, cantidade que hoxe nos parece case ridícula".
Consideran os populares que "a día de hoxe aínda e posible levar a cabo unha reforma dos impostos e taxas municipais que, mais alá de pensar exclusivamente nas necesidades financeiras do Concello pense na veciñanza, e como se pode colaborar desde o Concello a paliar a situación que se espera para o ano 2023".
Desta maneira, indican como "desde a responsabilidade e a prudencia que debe ter un concello, creemos que e posible a redución dos ingresos públicos, sen que por elo sufran os servizos municipais. Basta ver que nos dos últimos exercicios o Grupo de Goberno practicamente gastou a totalidade do remanente do Concello, e a pesar de elo o Alcalde xa está a falar de que neste ano o superavit será de 600 ou 700 euros. En definitiva, o concello ten capacidade económica para estudar unha rebaixa dos impostos (principalmente o IBI e o ICIO, pero sen descartar a rebaixa do imposto de vehículos de tracción mecánica ou incluso da plusvalía), e desde logo para rebaixar de forma xeneralizada todas as taxas e prezos públicos, ou a lo menos, non subilas, como se quixo facer o ano pasado".
En todo caso, matizan que non pretenden que "estas baixadas xenerais se manteñan no tempo indefinidamente, senón que permanezan mentres a situación económica actual sexa a actual, e as regras fiscais continúen suspendidas. Unha vez a economía española se recupere, entendemos que o concello do Carballiño deberá levar a cabo unha análise completo da súa política fiscal, adaptándoa as novas circunstancias, pero neste momento deberíanse tomar decisións que traten de reducir as consecuencias da inflación para os nosos veciños".
Por todos os motivos expostos, o Partido Popular no concello do Carballiño demandará do pleno da corporación un acordo para que por parte do departamento correspondente se estude a posibilidade de implantar bonificacións e reducións nos tipos de gravame dos impostos municipais actualmente vixentes.
Así como polo mesmo departamento se estude tamén posibles reducións ou supresións das taxas e prezos públicos vixentes.
E por último que se modifiquen as ordenanzas para poder aplicar estas rebaixas, aínda que solo fose para o ano 2023, ou para o tempo en que sigan.
Poins nada, que chegan as eleccións -andamos pretiño delas- e xa saen os caracois a posicionarse cos seus egos. Un que di que se presentará pra que os veciños dean o visto bo a súa "brilante xestión". O outro, máis timorato, di que hai que facer moi fondas reflexións, e que precisa que o seu partido o arroupe e o mime pra voltar ás andadas -é dicir, outro paripé-.
En definitiva, PPSOE, o de sempre. Mesmas políticas caducas, mesmos partidos secuestrados polos egos de tres ou catro. Sen democracia interna, sen proceso claro e transparente de primarias, sen a máis mínima autocrítica -o PP ven de acadar os peores resultados quizáis da súa historia no Carballiño, e protagonizou unha pseudooposición que probablemente o leve a empeorar eses pésimos resultados-, e todo elo en detrimento dunha comarca -o que acontece na vila do Carballíño ten trascendencia en toda a comarca- que penso que non merece tal apatía.
É moi difícil pedirlle a un alcalde que ven de gañar dous comicios que se retire, que non lle faga máis dano á comarca. É máis sinxelo pedirlle ao outro candidato da oposición que se ten tantas dúbidas e precisa de tanto arroupamenteo e paripés é mellor dar paso a xente con maior estímulo e ambición. E que lle plantexe ao presidente do PP e do Arenteiro un proceso de primarias sen tutelas.
Agardo que tanto Espazo Común como BNG lle dean un pouco máis de motivación á soporífera carreira de caracois, e que non teñamos que lamentar de aquí a catro anos e medio que temos o que merecemos. A apatía do PP é o colaborador necesario pra unha nefasta maioría absoluta do fumeguismo, tan apático en xestión como o propio PP.

No mes de setembro conmemórase o Mes Mundial do Alzhéimer, data que axuda a achegar e sensibilizar á sociedade sobre esta enfermidade que é considerada unha das epidemias deste século.
Este tipo de patoloxías fan meya nas poboacións envellecidas, como a do Carballiño e comarca, un colectivo susceptible de desenvolver cadros vinculados ao deterio mental. Por este motivo, este venres dia 30 de setembro e coincidindo co dia de feira no Carballiño, A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense, Afaor trasladarase á Villa, onde instalará na Rúa Principal unha mesa informativa coa que dar a coñecer o labor que coas afectadas por esta enfermidade e as súas familias desde 1995.
Desde hai anos, AFAOR desenvolve no Carballiño, coa colaboración coa Concellería de Benestar Social, Talleres de Estimulación e Prevención do Deterioro Cognitivo. Esta actividade dirixida a persoas afectadas de deterioración cognitiva e para aquelas persoas maiores por mellorar os seus reservas cognitivas, conta con gran acollida veciñal.
Estes Talleres teñen lugar os martes e os xoves pola mañá nas instalacións de Bo Día Familia, rúa Calvo Sotelo, 34. Para apoiar esta iniciativa, a mesa contará coa presenza de Guadalupe Sobrado Pérez, Concelleira de Benestar Social do cocnello do Carballiño, confirman dende AFAOR.

O próximo sábado, 1 de outubro, celébrase unha nova edición da andaina cultural “Camiño de Nós (1926-2022)”, un roteiro organizado pola Fundación Insua dos Poetas e patrocinado pola Deputación de Ourense, cuxo fin é poñer en valor a cultura tradicional dos camiños.
O punto de partida escollido para este ano sitúase no Carballiño, no inmoble da rúa Tomás María Mosquera que acolleu o xa desaparecido Hotel Carlos, onde o 8 de xullo de 1926 pernoitaron os cinco persoeiros da Xeración Nós: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez e Xavier Pardo. Ás 11.00 horas, minutos antes do inicio da ruta, descubrirase neste punto unha placa conmemorativa sobre o “Camiño de Nós”.
Os participantes na andaina farán un percorrido que pasará por Ponte Veiga, A Costiña, Barro, o pazo e maila igrexa de Madarnás, A Esgueva e ponte do Eixán, para rematar na Insua dos Poetas onde serán recibidos cunha degustación de produtos da terra.
A inscrición pode facerse no correo electrónico oixcultura@carballino.gal

O proxecto está promovido por Naturgy Renovables e terá unha produccion media anual estimadade 108 Mgh, o prazo de execución será de 10 meses e o orzamento previsto para a execución material do proxecto ascende a 40,9 millóns de euros.
O proxecto denominado "Parque Eólico A Estivada" afectará a unha superficie de 1.391 hectáreas, e localízase na contorna do Paraño, en montes particulares e veciñais en man común nos concellos de Boborás e O Irixo. En concreto, a localidade que terá o primeiro aeroxenerador máis preto é Fonte Moreiras, en Boborás, a 573 metros de distancia e Nogueiroa, no Irixo, a 660 metros. Entre 700 e 1.300 metros estarán Espiñeiros, Cerdeira e Parada de Labiote no Irixo, e Pereiras, Porto Pereiras, Xendive, Meixe e O Regueiro no concello de Boborás.
Para acceder ao acordo da Xunta publicado no DOG, podes facélo descargando o arquivo adxunto:

A pasada semana era Franscisco Fumega quen avanzaba que optará a reelección á alcaldia do Carballiño para un novo mandato. Hoxe foi Ricardo Perea, o actúal portavoz do grupo municipal popular, en resposta aos ointes de COPE O Carballiño, quen adiantou que "o Partido Popular ten que abrir unha reflexión e buscar quen pode ser o mellor candidato", para as eleccións municipais de maio de 2023.
"É o momento de facélo, como o resto de partidos supoño, non debe ser ésta unha decisión dunha única persoa, penso que o mellor para O Carballiño sería un alcalde do Partido Popular, e por eso o Partido Popular debe facer un esforzo para que sexa o mellor candidato posible, esa é a obriga do partido", dixo o portavoz dos populares, que encabezou por vez primeira a candidatura carballiñesa nas eleccións de 2019, coa que obtivo catro actas na corporación municipal.
Preguntado de forma expresa e concreta sobre se descartaría ou podería repetir como cabeza de lista dos populares carballiñeses, Perea manifestou que non descarta que tras ese periodo de reflexión que anunciou, él mesmo poida repetir como cabeza de cartel "igual que fai catro anos, eu sigo estando a disposición do meu partido", zanxou.

Unha vez redactado o borrador do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incencios forestais, o concello do Carballiño abre o periodo de exposición pública durante un periodo de 20 dias hábiles, que comezaron a contar a partir da publicación do anuncio no BOP, con data deste pasado dia 23 de setembro.
Durante este prazo, calquera persoa que o desexe poderá presentar no Rexistro Municipal as observacións ou suxestións que estime oportunas. O borrador deste Plan Municipal de Prevención e Defensa contra incendios forestais, xunto o resto dos documentos integrantes do expediente administrativo, poderán consultarse no portal de transparencia do concello do Carballiño, na sede electrónica da institución municipal, asi como nas propias dependencias municipais en horario de 9:00 a 12:00 horas, de lúns a venres.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 175
- 176
- 177
- 178
- 179
- 180
- 181
- 182
- 183
- …
- seguinte ›
- última »