
O Delegado Territorial da Xunta, Gabriel Alén, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional.
No ámbito comarcal O Carballiño-Ribeiro son 9 os concellos que van recibir axudas, que se destinarán a un total de 20 persoas perceptoras da Risga, que se reparen nos seguintes concellos: Maside (5) Boborás (2) Ribadavia (2), Cenlle (1), Leiro (2), Melón (2), Carballeda de Avia (2), Cortegada (2), Castrelo de Miño (2).
Son algo máis de 233.000 euros os que a Xunta destina a este programa nos concellos do Carballiño-Ribeiro e outros 595.00 euros no resto da provincia de Ourense, según os datos aportados polo delegado territorial.
O importe da axuda que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.
Gabriel Alén incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos.

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) presentará a súa oferta educativa na casa da cultura do Carballiño no transcurso dun acto aberto a toda a cidadanía da comarcas do Carballiñó-Ribeiro, que terá lugar o lúns dia 6 de xuño ás 20:00 horas.
Unha convocatoria "que está en sintonía coa liña da dirección da UNED de achegála a toda a cidadanía", apuntan dende esta institución.
O acto no Carballiño contará coa intervención do actúal director da UNED na provincia de Ourense, Jesús Manuel García, que será o encargado de explicar cómo é o acceso e que pode estudiarse nesta Universidade Pública que celebra neste ano 2022 o 50 aniversario da súa fundación.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións de Maderas Gómez en Piñor, onde destacou os valores da industria forestal galega: compromiso co territorio e sustentabilidade. Nesta visita, o conselleiro estivo acompañado polo xerente e fundador da empresa, asi como os alcaldes de Piñor José Luis González, e San Cristovo de Cea, José Luis Valladares.
A compañía, que conta con 117 empregados e factura 13,9 millóns de euros, prima en todos os seus procesos madeira quilómetro cero, procedente da contorna. Ademais, no seu compromiso pola sustentabilidade e a eficiencia enerxética, dispón de caldeiras de biomasa e paneis fotovoltaicos. Conde subliñou que a Xunta quere estar ao carón das empresas do sector forestal impulsando unha industria sustentable e estratéxica, comprometida co medio rural e o emprego e que faga máis produtivo o monte.
Por iso, a Axencia Galega da Industria Forestal estase centrando na modernización do sector; na busca de valor engadido a través da innovación, a formación e a promoción dos novos usos da madeira; e no impulso da economía circular. Así, as liñas de axuda postas en marcha o pasado ano chegaron a 143 empresas e asociacións e mobilizaron 37M€. A Xunta conta tamén coa Axenda da Industria Forestal 2022-2024 para seguir apostando por esta industria composta por 3000 empresas que, como Maderas Gómez, xeran riqueza e representan o 12% do emprego industrial e o 1,8% do PIB galego.
Conde lembrou a oportunidade que para este sector suporán os fondos Next Generation e referiuse ao proxecto de fibras téxtiles de Palas de Rei que suporá un antes e despois para a provincia de Lugo pero tamén para concellos que, como Piñor e o resto da comarca do Carballiño, están próximos, xa que se calcula que as pemes representarán o 65% dos provedores da nova fábrica.

Ao non se ter presentado alegacións durante o prazo de exposición ao público, queda automaticamente elevado a definitivo o acordo plenario inicial aprobatorio da modificación da Ordenanza reguladora da instalación de terrazas, na vía pública, anexas a establecementos de hostalería no municipio do Carballiño, cuxo texto modificado se publica, para o seu xeral coñecemento.
A modificación da Ordenanza reguladora da instalación de terrazas, na vía pública, anexas a establecementos de hostalería realizada supón a modificación do segundo parágrafo do artigo 17.1 a), modificación dos anexos, a introdución de texto novo no artigo 13, xerando o 13.6 e artigo 14.4 engadíndose un segundo parágrafo, así coma a recolocación do texto do artigo 30.2 no artigo 33, creándose o 33.3. O texto definitivamente aprobado é o que segue:
Artigo 13 engádese o “13.6. Posibilidade de instalación de toldos móbiles:
Serán admisibles os toldos de instalación illada (toldos móbiles) ou toldos centrais sen ancoraxe á parede, cuxo material predominante sexa a lona nas formas enrolables/pregable.
Serán móbiles, desmontables, resistentes ao envorco e sen fixación ao chan. A altura mínima dunha instalación illada é de 2,20 metros e a máxima 3,00 metros.
Nesta estrutura só se permitirá a instalación de proteccións laterais, prohíbense os pechamentos frontais. As características do resto de elementos de protección lateral serán os recollidos no artigo 14 da ordenanza reguladora existente, excepto nos toldos laterais nos que nestas estruturas deberán ser transparentes, podendo levar parte opaca que non superarán os 70 cm desde o chan.
Este tipo de toldo, implica unha autorización especial segundo a zona de localización, xa que pola súa dimensión non é factible colocalo en calquera terraza.
Deberase entregar xunto coa solicitude de licenza unha memoria técnica asinada por técnico competente e un certificado técnico de calidade que garanta a seguridade da instalación.
O Concello poderá permitir ou esixir pola súa idoneidade o desprazamento destes elementos fóra da fachada do establecemento cando se trate de prazas públicas, para buscar a mellora da circulación peonil e para garantir, en todo caso, a zona libre de paso peonil.
Queda prohibida a instalación de publicidade excepto nos faldróns do toldo. Unha vez finalizado o horario de funcionamento da terraza, o toldo deberá permanecer recollido. Os toldos, en todo caso, nunca poderán supoñer unha obstrución visual para o tráfico de vehículos e peóns; xa sexa reducindo ou impedindo a visibilidade ou a visión directa dos sinais de tráfico.
Prohíbese calquera motivo ornamental colocado no interior deste tipo de estruturas ou similares que obstaculice ou reduza
a visibilidade. En ningún caso está permitida a instalación de cables eléctricos de ningún tipo sobre o chan da vía pública, nin de carácter
aéreo.
No caso de instalación de luminarias e/ou estufas de alimentación eléctrica, nos que se require unha instalación de subministración eléctrica, só está permitida a súa colocación na fachada do edificio, ou ben integrada na estrutura de cerramentos ou parasoles, se a terraza estivese equipada con tales elementos.
Nestes casos, a instalación eléctrica estará deseñada de forma que poida ser desmontada de forma rápida e sinxela polo titular, co fin de non dificultar de ningún xeito a operación de desmonte do elemento de pechamento ou parasol sobre a que está instalada.
Co fin de manter o paso peonil libre de obstáculos xunto á fachada, ningún compoñente das estufas fixadas a este paramento poderá estar situado a unha altura inferior de 2’20 metros.
Só se autorizará unha estrutura por establecemento. A concorrencia de máis dun toldo por zona será de especial estudo
dadas as dimensións das estruturas (distanciamento entre estruturas, valoración do impacto do pechamento aéreo con estes
elementos de sombra…)”.
“Artigo 14.4 segundo parágrafo: “Os sinais de tráfico serán vistos de forma directa, é dicir, nunca a través dunha parte
transparente do toldo xa sexa de plástico, vidro ou calquera outro material; co fin de evitar que por sucidade, bafo,
cegamento ou calquera outro factor que reduzan ou impidan a visibilidade”.
“Artigo 17.1 a) segundo parágrafo: con carácter excepcional, poderase autorizar a colocación das terrazas fóra da marxe frontal do establecemento, suposto no que se presentará autorización expresa e por escrito do titular da actividade afectada (local baixo/soto) e do propietario do ben inmoble (local baixo/soto).
Esta autorización producirá efectos para futuras autorizacións, en tanto non sexa revogada expresamente pola persoa autorizante.
Artigo 30.2 recolócase no artigo 33.3 quedando da seguinte maneira “artigo 33.Réxime sancionador.
1. O incumprimento das disposicións desta ordenanza poderá dar lugar á comisión dalgunha ou de varias das infraccións que se recollen no artigo 37, en cuxo caso se tramitará o correspondente expediente sancionador para depurar a responsabilidade administrativa que poida terse incorrido.
2. Con independencia do réxime sancionador establecido nesta ordenanza, cando os incumprimentos detectados constitúan infracción urbanística, medioambiental, en materia de ruído, prevención de drogodependencias, protección de menores, protección do consumidor ou de calquera outra índole, depuraranse as responsabilidades en que poida terse incorrido conforme coa normativa sectorial que resulte de aplicación.
3. Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou ben caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario pero estea xustificada a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario polo presunto responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará a terminación do procedemento, salvo no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización polos danos e prexuízos causados pola comisión da infracción.
Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará unha redución do 50% sobre o importe da sanción proposta. A citada redución deberá estar determinada na notificación da incoación do procedemento e a súa efectividade estará condicionada á desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso na vía administrativa contra a sanción.”

O Alcalde Francisco Fumega encóntrase entre os 41 carballiñeses e carballiñesas que foron diagnosticados de Covid-19 no transcurso dos últimos 7 dias no municipio. O rexedor advertíu síntomas leves compatibles coa Covid o venres da pasada semana, e tras someterse a unha proba, ésta deu positivo.
Fumega encóntrase ben, sen apenas síntomas, gardando cuarentena no seu domicilio, agarda poder reincorporase ás súas funcións na alcaldía esta mesma semana, según manifestou a esta emisora de radio.

A Xunta e o Concello do Irixo analizarán a posibilidade de poñer en marcha unha agrupación de xestión conxunta nesta localidade Comarca do Carballiño para impulsar a plantación de cereal destinado á gandaría. Así se acordou na reunión que mantivo o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, co alcalde do municipio, Manuel Cerdeira.
Así, o Concello do Irixo está interesado en aumentar as posibilidades de alimentación para o gando apostando pola plantación de cereal no lugar de Matelo,na parroquia de Corneda, en beneficio dos produtores da zona. Nesa dirección, o conselleiro instouno a apostar pola figura da agrupación de xestión conxunta, promovendo o acordo entre propietarios de cara a potenciar este aproveitamento de xeito conxunto.

O colexio público Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea acolleu esta mañá o acto de entrega do XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, que por decisión do xurado tivo como gañadores nesta edición aos ourensáns Pablo Nogueira, polo seu libro O clube de coleccionistas de selos, e á ilustradora Eva Piay, que coas súas láminas puxo imaxes á obra galardoada. Ademais dos premiados, o acto contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; a deputada provincial de Cultura e Producións Audiovisuais e presidenta do xurado, Patricia Torres; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; e a xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Judith Fernández.
Rosendo Fernández destacou que este acto se celebra “dous días despois de que a Xunta de Goberno da Deputación validara a proposta de Manuel Baltar para presentar a candidatura das irmás Pura e Dora Vázquez ás Letras Galegas de 2023”. Agora, dixo, “situamos o nome das autoras e autores contemporáneos ao carón de dúas xigantes das nosas letras”. Desde a Deputación, afirmou, “temos adquirido un firme compromiso coa promoción da nosa cultura incentivando a creación, máis importante se cabe na literatura infantil e xuvenil en galego, pois contribuímos a espertar o gusto pola lectura e defender o uso do idioma que nos dá identidade”.
Patricia Torres agradeceu o labor do xurado integrado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio, Isabel Mociño, e Ana Malingre como secretaria, ademais da propia deputada como presidenta. Desexou que o alumnado goce dun libro “que ademais das diferenzas tamén fala de persoas moi importantes nas nosas vidas como os avós”.
Protagonista no seu colexio
Pablo Nogueira, ovacionado no seu colexio de Cea por máis dun cento de alumnos presentes no acto, explicou que desde as páxinas do seu libro tratou de artellar unha historia “onde aspectos como a inclusión, a diversidade e diferenza cobrasen unha grande importancia”, aspecto valorados e reflectidos por Eva Piay nas súas ilustracións, “que ademais da escrita tamén nos permiten expresarnos, falar do que somos e do que pensamos”.
O galardón, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.
Un mestre de audición e linguaxe e unha estudante de Belas Artes
Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é mestre de Audición e Linguaxe no colexio de Cea. Licenciado en Psicopedagoxía pola USC, ten publicadas dúas novelas curtas para o público adulto: Banda Sonora Orixinal (Fervenza, 2019), obra ganadora do IV Certame Balbino de relatos, e Música para os días de inverno (Laiovento, 2020). O clube de coleccionistas de selos inclúe “unha perspectiva inclusiva que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia", destacou o xurado, salientando tamén "a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais".
Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999), que se presentou ao certame co pseudónimo "Auga doce", cursa o último ano de Belas Artes en Valencia. Compaxina os estudos co traballo como ilustradora en varias revistas e fanzines, e ten colaborado ademais con escritoras, concellos e organizacións en traballos de ilustración e cartelería. O xurado subliñou que as imaxes propostas para ilustrar o libro ofrecen "panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración".

Os socialistas rexistraron o pasado mercores un escrito, facendolle a petición o concello de que se procederá a rehabilitación e conservación do lavodoiro ubicado xunto a Biblioteca Municipal debido as numerosas queixas da veciñanza pola desidea e deixadez.
Leiro 20/05/2022: O grupo municipal dos socialistas, rexistraron un escrito, no cal plantexaban a recuperación e conservación do lavadoiro, ubicado en Leiro, xa que e unha obriga canto menos moral dos dirixentes, neste caso do grupo de gobernó, na actualidade esta obriga tradúcese en deixadez e abandono, xa que o concello como administración máis próxima ó cidadán. Debería traballar arreo polo futuro e o progreso do noso termo municipal e para proporcionar unha mellor calildade de vida e benestar dos veciñ@s, cousa que non esta acontecendo nestes intres, xa que se traduce nunha total deixadez e abandono do noso patrimonio, por parte de este gobernó.
Por todo elo o Partido Socialista de LEIRO solicita o arranxo dos desperfectos que ai no Lavadoiro que se encontra xunto a Biblioteca Municipal e que esta nun estado lamentable, xa que ten abundante perdida de agua no seu conxunto, tamen a suciedade que presenta dito lavodoiro tanto no seu interior con agua verdosa, como no exterior do mesmo e abundante, as luminarias das que dispon tanto no seu interior como no exterior non funcionan, por eso desde o noso grupo municipal pedimos unha actuación urxente por parte do Goberno Municipal para a sua reparacion e limpeza integral na sua totalidade, xa que da unha imaxen da abandono e falta de mantemento. Adxuntamos fotos para que se comprobe o seu estado, xa o ano pasado, lle propuxemos nun Pleno con data 28/6/2021 atraves dunha moción na solicitábamos A POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE REHABILITACION E CONSERVACION E POSTA EN VALOR DAS FONTES E LAVADOIROS DOS POBOS DE LEIRO para que se arranxara dito lavadoiro, como tamen outros e o rexidor e o seu grupo de gobernó, votaron en contra e neste caso concreto do lavadoiro de leiro textualmente e asi o corrobora o secretario municipal en acta "que o lavadoiro o lado da biblioteca tamen está ben" . Nos ratificamos en todo o manifestado anteriormente e que esta ano se acrecentou o problema do lavadoiro con respecto o ano pasado, por eso necesita con urxencia unha rehabilitación integral.

Son preto de 1.000 prazas as que oferta para este ano a Xunta na residencia carballiñesa, a publicación desta convocatoria fíxose este pasado xoves 19 de maio no Diario Oficial de Galicia, e o periodo para solicitar praza abríuse este venres 20 de maio e será de 10 días hábiles, é dicir, ata o próximo 2 de xuño.
As quendas repártense entre os meses de xullo, agosto e setembro, e a convocatoria adiantouse este ano un mes, para darlle máis marxe ás familias para organizar as súas vacacións de verán.
As familias de especial consideración como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vtimas de violencia machista terá prioridade no acceso a unha dsetas prazas.
Este ano, a situación epidemiolóxica permite recuperar os niveis de ocupación de anos anteriores á Covid-19, para permitir que máis familias vivan unhas vacacións nestas instalacións, que estiveron pechadas en 2020 e cunha ocupación moi limitada en 2021.

A xornada mundial "Pón unha foto na rúa" será este ano unha xornada xenuinamente carballiñesa, coas pulpeiras e pulpeiros do Carballiño-Arcos e o o pulpo á feira como protagonistas. Será este próximo domingo dia 22, en horario de 11 a 14:30 horas, na Praza Maior do Carballiño.
A asociación pulpeira ubicará unha carpa coa súa caldeira para cocer o pulpo e os fotógrafos e fotógrafas da asociación "Potiños" farán unhas 200 fotografías aos voluntarios que se acheguen para colaborar con esta xornada, todos os que o fagan serán invitados a unhas talladas de pulpo á feira.
Manolo Blanco, presidente de Potiños, recordou que as fotografías serán despois regaladas ás persoas participantes, e en contraprestación a esta colaboración realizarán un traballo fotográfico de colaboración coa asociación de pulpeiros do Carballiño-Arcos, aportando fotografías de calidade de todos os seus asociados para configurar a nova páxina web deste colectivo.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 195
- 196
- 197
- 198
- 199
- 200
- 201
- 202
- 203
- …
- seguinte ›
- última »