12, Marzo 2022

O Instituto de Estudios Carballiñeses fixo entrega do Premio "Agora do Orcellón" na súa quinta edición á cardióloga Marisa Crespo Leiro (Santrós-San Cristovo de Cea, 1961), recoñecendo os seus méritos profesionais e humanos por toda unha vida dedicada á medicina.

Ao acto de entrega do premio, celebrado no salón de actos do IES nº1 do Carballiño, asistíu un numeroso público invitado polo director do Instituto de Estudos Carballineses, Avelino Muleiro, entre os que estaban o delegado territorial da Xunta Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente do Parlamento Gallego, Miguel Ángel Santalices; o Secretario Xeral de POlítica Lingüistica Valentín García e, por suposto, a premiada, Marisa Crespo, que estivo arroupada por varios amigos e compañeiros de profesión. Marisa Crespo Leiro é doutora en Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid e especialista en cardioloxía polo Hospital Porta de Hierro de Madrid.

Na actualidade é responsable da Unidade de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco no Complexo Hospitalaria Universitario da Coruña, o cal compaxina coa docencia na Universidade da Coruña e coa súa participación no Centro de Investigación Biomédica na Rede Cardiovascular e no Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.

A doutora ceense tamén é membro honorario internacional da Heart Failure Society of America ( HFSA) e membro do grupo de traballo Building Research Initiative Group: Chronic Illnes Management and Adherence in Transplantation ( BRIGHT). A súa calidade humana, a súa entrega e dedicación a cada paciente e o seu compromiso coa Sanidade publica fixérona tamén merecedora deste premio. Unhas calidades xa recoñecidas con anterioridade coa medalla de ouro e brillantes do Colexio Médico da Coruña, coa medalla Castelao concedida polo Goberno galego ou co nomeamento como filla predilecta do Concello de San Cristovo de Cea.

11, Marzo 2022

Numerosos oíntes de COPE O Carballiño manifestaron as súas queixas nesta emisora de radio tras atoparse este venres 11 de marzo a entrada de acceso ao centro sanitario completamente asolagado pola acumulación de varios centimetros de auga, unha situación que provocou dificultades para os usuarios que nesta xornada trataban de entrar ao centro de saúde do Carballiño.

Ao parecer, a causa desta incidencia tras as choivas caidas nos últimos dias está na obra de asfaltado executada recentemente, que taponou os sumidoiros de pluviais. 

"Chamo para denunciar pulicamente esta chapuza, é lamentable, supoño que o concello está o tanto e esixirá a empresa que fixo esto que corrixa esta chapuza", manifestou un dos usuarios que esta mañá encontrouse con estas deficientes condicións na entrada ao edificio sanitario. Outro oínte ironizaba "polo menos foran previsores e puxeran unhas barcas, espero que polo menos a empresa faga un desconto na factura".

Outro usuario tivo palabras de agradecemento para os traballadores do 061-Urxencias Médicas "pola súa boa actitude axudando ás persoas que utilizan cadeiras de rodas tanto para entrar como para saír do centro de saúde".

 

 

11, Marzo 2022

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que as obras realizadas polo alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, no campo de fútbol do municipio non contaron coa autorización pertinente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Os socialistas explican que no proxecto de reforma instaláronse unhas gradas fixas de formigón construídas no devandito campo de fútbol, situadas a menos de 100 metros do río Avia e en zona inundable, polo que era “imprescindible” contar coa autorización da CHMS.

Dende o Grupo Municipal Socialista anuncia que tomarán as medidas “oportunas” ao respecto e non descartan levar esta obra ante a “xustiza”, xa que segundo explican “non consta na Confederación ningunha solicitude rexistrada polo Concello para dita reforma, nin autorización para a instalación desta estrutura prefabricada de formigón”. Dende o PSdeG-PSOE en Leiro consideran que “á espera das dilixencias previas abertas na CHMS, todo indica que o alcalde e senador non observou as normas preceptivas para todos, e que no exercicio das súas funcións, fai cumprir a todos os veciños e veciñas”.

O proxecto para a reforma da iluminación, vestiarios e ambiente do campo de fútbol contaba cun investimento de 65.000 euros e no mesmo procedeuse a substitución da tribuna metálica móbil de dez metros de lonxitude por outra nova de prefabricado de formigón, fixa e de doce metros de lonxitude. “O problema vén na instalación deste elemento fixo, xa que coa presenza do río a escasos 100 metros e sita en zona inundable, é de obrigado cumprimento requirir os permisos oportunos a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cousa que o alcalde de Leiro non fixo”, alertan os socialistas.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, este é outro exemplo “claro” da forma de actuar do rexedor do municipio, “sempre pola porta de atrás, caendo nas mentiras e na manipulación e abusando do seu poder”. Para o edil socialista a situación “é moi preocupante, posto que o señor Fernández ignorou por completo a normativa vixente e os requisitos que deben cumprir as construcións en zona inundable”.

Rodríguez Vázquez tamén sinala que os socialistas “non nos opomos a mellora das instalacións do campo de fútbol de Leiro, xa que concordamos que precisaba dunha mellora, pero non estamos conformes coa forma de levar a cabo esta obra, sen pedir as autorizacións pertinentes e ignorando por completo a lei de chan inundable”. Ante esta situación, o voceiro do PSdeG-PSOE anuncia que “estudiaremos todas as medidas posibles e xa nos puxemos en contacto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que teñan coñecemento do sucedido e tomen as medidas que consideren oportunas”.

Os socialistas tamén denuncian que nun “novo alarde de falta de transparencia e ausencia total de ética”, o alcalde do Partido Popular “tentou agocharnos a resposta oficial da CHMS a dous escritos rexistrados polos socialistas o 29 de decembro de 2021 e o 4 de febreiro de 2022. Relata o voceiro do PSOE en Leiro “a resposta chegou por correo electrónico ao Concello o pasado 11 de febreiro ao meu nome, pero ata o día de hoxe o alcalde non nos deu traslado oficial de dita información, a pesar de ser os destinatarios da mesma e tivemos que pornos en contacto directamente coa CHMS, quen nos confirmou o envío do escrito e nolo fixo chegar directamente”.

10, Marzo 2022

Un autocar de Empresa Montañesa, con tres conductores, parte este venres dia 11 ás 11 da mañá dende O Carballiño co primeiro envio de material solidario organizado por Cáritas Parroquial do Carballiño, con destino a Varsovia-Polonia, onde será entregado. 

Empresa Montañesa non so vai colaborar desta maneira con Cáritas Parroquial do Carballiño, senón que tamén o fai coa Fundación Madrinas, xa que na viaxe de volta transportará a Madrid a 48 persoas refuxiadas, na súa maioria nenos e as súas nais "aínda que estamos abertos a calquera outra indicación que nos fagan porque todo esto pode cambiar dun a outro día", dixo en COPE O Carballiño Manuel Carballeda, xerente de Empresa Montañesa.

Son 3.500 kilómetros os que distancian O Carbaliño do punto de destino para este autocar, que ten previsto a súa chegada a Varsovia a primeira hora da mañá do domingo.

9, Marzo 2022

O concelleiro de Compromiso por Galicia en Punxín, Eladio Fernández recoñece que podería ser legal "pero non ético" e anuncia que volverá recurrir á Valedora do Pobo para que se pronuncie sobre este asunto.

Poi ben, un dos 14 aspirantes que foron admitidos mediante resolución da alcaldia para optar a unha praza de chofer de tractor desbrozadora é Eulogio González, actúal tenente alcalde do concello de Punxín como concelleiro non asdcrito despóis de abandonar Ciudadanos, a formación politica pola que se presentou nas eleccións municipais de 2019. Posteriormente, chegou a un acordo de cogobernabilidade do concello co alcalde popular Manuel Vázquez "Casalta".

O concelleiro da oposición considera dende todo punto de vista reprobable que para cubrir un posto de traballo en rexime de persoal laboral fixo, vacante no cadro de persoal municipal "se presenten o tenente alcalde e tamén a súa esposa", considera que é unha afrenta á democracia e falta de respecto tanto as persoas que se presentan a esta convocatoria como ao pobo de Punxín. 

Eladio Fernández teno claro "agora sabemos o motivo polo que se fixo este pacto de goberno en Punxín", sentenciou o concelleiro.

As declaracións de Eladio Fernández pódense escoitar no Podcast de COPE O Carballiño correspondente a este mércores dia 9 de marzo.

 

9, Marzo 2022

Os 3 grupos políticos que conforman a oposición municipal do Concello do Carballiño -PP, ESCO e BNG- afean a actitude do "goberno do PSOE do Carballiño co seu alcalde á cabeza" ao que acusan de exercer a maioria absoluta "sen apenas escoitar á oposición".

Desta vez, a oposición lamenta " este desprezo pola oposición non se queda só neste tipo de cuestións xa que, rachando con tódalas pautas establecidas en democracia, teiman en tentar facernos de menos incluso nos actos institucionais.Temos un bo exemplo nos da xornada de onte, 8 de marzo, polo Día Internacional da Muller. Unha data que só debera xerar consenso e na que se tiña que procurar a maior das participacións e que, sen embargo, un ano máis remata por provocar conflito por mor do xeito de ser xestionada".

Os 3 grupos políticos na oposición municipal manifestan publicamente a súa indignación porque "non é de recibo que se avise aos concelleiros da oposición con ¡¡55 minutos de antelación!! a súa celebración por medio dunha mensaxe de whatsapp dunha funcionaria".

E recórdanlle ao goberno socialista que "os 8 concelleiros que conformamos os grupos de Partido Popular, Espazo Común e Bloque Nacionalista Galego representamos a máis de 3.500 veciños e veciñas do Carballiño que depositaron en nós a súa confianza nas eleccións e non podemos consentir estas recorrentes actitudes antidemocráticas que deslexitiman a vontade destes cidadáns e vulneran o espírito dunha democracia representativa, achegándonos máis a comportamentos ditatoriais".

Finalmente, demandan a Fumega e ao seu goberno "unha rectificación inmediata e o cese deste tipo de comportamentos que só ensucian o bo nome do Concello do Carballiño".

8, Marzo 2022

Coincidindo este 8 de marzo coa conmemoración do Día Internacional da Muller, o Club Deportivo Arenteiro ven de anunciar oficialmente a chegada do fútbol feminino ao organigrama da entidade carballiñesa.

A través dun vídeo publicadado na RRSS do club, o presidente da entidade deportiva, Argimiro Marnotes, acompañado da concelleira de deportes do concello carballiñés Silvia Baranda outras afeccionadas e deportistas que apoian este proxecto, entre elas é recoñecible a primeira árbitra galega internacional, Zulema González, anunciaron a apertura do prazo de inscrición para todas aquelas nenas, rapazas e mulleres que desexen incorporarse a este novo proxecto deportivo, para elo dende hoxe a través da WEB institucional do club poderá descargarse esta solicitude de inscrición.

Con esta determinación, que xa fora avanzada aos socios do club por parte da directiva na última asemblea celebrada, o Club Deportivo Arenteiro da un paso real  para a igualdade entre mulleres e homes, neste caso, na practica deportiva do fútbol.

7, Marzo 2022

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar presidiu , no balneario de Caldas de Partovia, no Carballiño, a primeira reunión presencial poscovid entre as entidades que integran o Foro Termal do Eixo Atlántico. Este órgano transfronteirizo, presidido por Manuel Baltar, aposta por converterse nun instrumento chave na dinamización dos territorios termais de Galicia e o norte de Portugal. O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que exercía como anfitrión abríu a quenda de intervencións.

Unha das liñas de traballo exploradas durante a reunión foi a cooperación entre os diferentes programas sociais nos que participan os balnearios do norte de Portugal e Galicia, para unha concorrencia conxunta e transfronteiriza. "A pretensión desta proposta é lograr o intercambio de termalistas entre este espazo de cooperación", sinalou o presidente da Deputación de Ourense, avanzando a importancia do traballo en rede e poñendo a disposición do Foro Termal as organizacións e entidades nas que está presente o goberno provincial.

O presidente da Deputación valorou a oportunidade de crear sinerxías entre o Foro Termal do Eixo Atlántico e entidades nas que el ten cargos directivos como a Federación Española de Municipios e Provincias, a Fundación Democracia y Goberno Local, Femembalses ou, xa a nivel comunitario, a presidencia da EHTTA -asociación europea de cidades históricas termais- e Partenalia, a rede europea de gobernos intermedios: "Poño a disposición do Foro Termal todas estas redes para ser máis fortes a través destas sinerxías. Sabemos que sumar en xestión pública é multiplicar".

A importancia de crear unha estratexia de visibilidade "capaz de aproveitar o impacto da chegada de turistas, priorizando a oferta termal xunto a recursos complementarios"

Os asistentes ao encontro analizaron o deseño dunha "estratexia de visibilidade da rede que sexa capaz de aproveitar o impacto da chegada de turista a curto e medio prazo, que priorice a oferta termal xunto a outros recursos que conforman a oferta complementaria, e deseñar produtos turísticos atractivos que poidamos promover conxuntamente en foros especializados", explicou o presidente do goberno provincial, que resaltou o o valor de traballar en positivo, "con recursos endóxenos tan importantes como son as augas termais".

Manuel Baltar destacou a importancia de aproveitar, de xeito conxunto, "as oportunidades que nos arroxa a era postcovid, centrándonos precisamente nesa crecente preocupación pola saúde en todos os ámbitos da sociedade". Nesta mesma liña, salientou o impacto positivo que trouxo para o sector a chegada da Alta Velocidade a Ourense, "convertendo a nosa provincia no aeroporto terrestre de Galicia, e debemos lograr que esta situación de conexión ferroviaria privilexiada redunde positivamente, non só no noso territorio, senón tamén no resto de balnearios da Eurorrexión, grazas ao desempeño deste traballo en rede". Para elo, "debemos tratar de crear produtos turísticos termais innovadores e artellar unha promoción conxunta do destino que logre dinamizar a todos os territorios do Eixo", engadiu Baltar.

O Foro Termal do Eixo Atlántico anima a todos aqueles municipios que teñan instalacións termais a unirse a esta entidade, e, así mesmo, pretende vincular o traballo realizado neste Foro as redes europeas coma Partenalia e a EHTTA. Precisamente, o presidente provincial invitou aos integrantes do Foro Termal a participar no Congreso Mundial de Termalismo, unha proposta da rede europea de cidades históricas termais que se celebrará en Ourense co respaldo da Organización Mundial del Turismo, e reivindicou a importancia de proxectos elaborados en rede pola Deputación como o Plan de Sostenibilidade Termal. "Poñemos en valor o traballo que estamos facendo en Ourense e tamén para ser capaces entre todos, Galicia e Portugal, de presentar un termalismo do século XXI, preparado para os novos retos e que cobra unha especial relevancia na postpandemia". Cabe lembrar que o ano pasado, o Eixo Atlántico editou unha guía termal coa información das augas mineiro medicinais e dos recursos turísticos de todos os territorios termais deste órgano transfronteirizo.

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sitúa o encontro desta mañá en Partovia como un paso máis para revitalizar a economía a través do turismo. "Contamos con tres grandes eixos para revitalizar o turismo: o Camiño de Santiago, a ruta de romanización e o termalismo. Os tres teñen a Ourense como epicentro e os tres teñen á Deputación e ao seu presidente liderando os procesos para a recuperación económica da Eurorrexión".

A reunión foi aberta polo anfitrión, o alcalde de Carballiño, Francisco Fumega, que agradeceu o traballo de Manuel Baltar para impulsar este Foro Termal. Na cita de Caldas de Partovia, cunha trintena de asistentes, estiveron representados os municipios de O Carballiño, Caldas de Reis, Ourense, Ponteareas, Mondariz, Pontecaldelas e as deputacións de Lugo e Ourense -coa presenza da xerente do Inorde, Emma González-. Por parte de Portugal, estiveron representantes de Amarante, Guimarâes, Santa María da Feira, Vizela, Vila Pouca de Aguiar, Terras de Bouro e membros do Eixo Atlántico.

7, Marzo 2022

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou o concello de Leiro co que a Xunta colaborou en actuacións destinadas a garantir a protección do ambiente, como foron o pozo de barrena e o alxibe para a auga de rego do campo de fútbol e a renovación da iluminación con luces LED, que suman unha axuda de máis de 62.000 euros.

Alfonso Rueda acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobaron da man do alcalde de Leiro, Francisco Fernández, as melloras levadas a cabo no concello por 32.000€ para construír un pozo de barrena e un alxibe que dote da auga necesaria para o rego do campo de fútbol municipal e das áreas recreativas no Salgueiral e Mesón, así como a renovación da iluminación na zona dos Carrís substituíndo os faroles por luces LED ao abeiro da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental de 2021, que contou cunha axuda de 30.000€.

O titular da Vicepresidencia primeira indicou que estes proxectos demostran o compromiso co desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente. “Obxectivos cos que tamén a Xunta está comprometida, polo que vimos apoiando cos concellos galegos a través das convocatorias anuais do Fondo de Compensación Ambiental e outras liñas de colaboración”, indicou Alfonso Rueda.

O concello de Leiro recibiu arredor de 1,1M€ para proxectos cos que mellorar os servizos públicos prestados aos cidadáns, as súas infraestruturas e a súa contorna. Ademais, a Xunta salienta que "este concello é un exemplo de cooperación entre as propias entidades locais para evitar duplicidades, ser máis eficientes e aforrar custos, xa que forma parte da Mancomunidade turística dos concellos de Leiro, O Carballiño, Ribadavia e Boborás, que recibe axudas para os seus gastos de funcionamento e comparte tamén servizos medioambientais da Mancomunidade IV Ribeiro, da que forman parte con Arnoia, Cenlle e Beade".

6, Marzo 2022

A comarca carballiñesa está respondendo masivamente á campaña humanitaria lanzada por Cáritas Parroquial do Carballiño a favor do pobo ucraíno. Este domingo, familias ucraínas achegáronse ata O Carballiño para agradecer o apoio que están recibindo, fixérono tras a celebración das misas dominicais no Templo da Veracruz.

O párroco do Carballiño, Jorge Juan Pérez deulles a palabra para recoller o seu testimonio, nunhas intervencións que resultaron certamente emotivas "estamos sufrindo moitísimo todos istes dias, pendientes dos medios de comunicación, hoxe por hoxe o noso país está unido e forte, mantéñense as defensas, temos unha situación mala pero estamos resistindo". 

"O noso inimigo non é o pobo ruso, senón o seu goberno, Putin leva 20 anos facendo todo o que pode para dañar as antigas repúblicas soviéticas, damos as grazas a España e a Europa pola axuda, pero necesitamos máis axuda, so con sanción non basta, necesitamos zonas de exclusión aérea para que Rusia deixe de bombardear cidadáns civís, hospitais e infraestructuras", manifestaron no transcurso da súa alocución na Veracruz carballiñesa.

Poderás escoitar o testimonio destas familias ucraínas no programa local de COPE O Carballiño deste lúns dia 7 de marzo.

Mentres, contínúa a campaña de recollida de enseres, comida e medicamentos que coordena Cáritas Parroquial do Carballiño. As doazóns poden entregarse a diario de 11:00 a 13:00 no local de Cáritas Parroquial na rúa Evaristo Vaamonde, e tamén en horario de tarde de 18:00 a 20:00 horas no Templo da Veracruz.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS