7, Xaneiro 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou a residencia para maiores dependentes do Carballiño, na que a Xunta vén de ampliar o número de prazas das 50 que había ata o momento ás 80 das que disporá este ano. Este incremento de 30 prazas entrará en vigor o vindeiro 1 de abril a través da nova licitación da xestión deste centro, que terá un período inicial de dous anos prorrogables ata os cinco.

Fernando González Abeijón lembrou durante a súa visita que a Xunta de Galicia ten na atención ás persoas dependentes un eixo prioritario que a levou a incrementar desde o 2009 un 44% a oferta de prazas públicas en residencias de maiores, ao pasar de 5500 a máis de 8000 que hai na actualidade.

6, Xaneiro 2022

Son unha veciña do concello do Irixo, e o motivo desta denuncia é comentar unha serie de irregularidades que se produciron ao redor da exposición pública da documentación dos parques eólicos Valdepereira e Pico Seco que están previstos que se executen nos montes do Irixo e Lalín. Neste caso aféctanos á comunidade de montes da Ermida do Fondo, pertencente ao concello do Irixo e do cal nós temos parte, así como nos montes dos arredores que tamén terán un impacto negativo.

Como resumo desta irregularidade dicirlles que a documentación destes parques non estivo en exposición pública dende o día seguinte á publicación no DOGA n° 234 do día 07 de decembro, é dicir a partires do 09 de decembro terían que estar expostos os proxectos de execución, os impactos ambientais e os proxectos de interés económico e relacións de bens e dereitos dos afectados.

Dicímolo con coñecemento de causa, xa que presentamos un rexistro de entrada no concello do Irixo o día 23 de decembro solicitando a consulta de dita documentación e non a puidemos consultar xa que non estaba exposta. Volvemos o día 30 de decembro para que nos deran unha explicación, xa que non obtivemos resposta da anterior, e ese día volvía sen estar exposta, fixemos de novo unha entrada por rexistro ese mesmo día para solicitar ao secretario do concello que nos informara de dita irregularidade e seguimos á espera de resposta.

E o tempo segue pasando, as alegacións podían presentarse ata o 29 de decembro e a exposición pública non existiu. Por iso que isto é unha cousa que debe saberse, xa que é unha grave irregularidade que non só queda nun simple erro irrelevante.

6, Xaneiro 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Boborás o ano pasado, que supuxeron un investimento por parte do Goberno galego de máis de 88.100 euros. Ademais, contaron cunha axuda para a adquisición dun vehículo todo terreo 4x4 tipo pick-up, por importe de 34.900 euros.

Por unha banda, visitaron o novo parque infantil situado nunha zona que xa concentra varios equipamentos públicos como o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas e o polideportivo. A Xunta achegou máis de 35.300 euros á dotación do novo parque para o desfrute da veciñanza e que contribuirá á rexeneración desta zona, na que se aglutinan distintos servizos municipais educativos deportivos e socioculturais. Os traballos incluíron a limpeza da parcela, así como a colocación dos xogos con temática de bosque, o pavimento de caucho, o valado de seguridade e a cartelaría e sinalización.

Por outra parte, o concello recibiu outros 28.725 euros para sufragar os gastos de persoal do servizo de auga potable e de saneamento, que se encarga do mantemento, a conservación, a vixilancia e o control e reparación da rede de distribución de auga e da lectura dos contadores. A Xunta apoiou ao funcionamento deste servizo o ano pasado cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), e outros 15.000 euros do mesmo fondo para o servizo de protección ambiental e do espazo natural da Mancomunidade da comarca do Carballiño, que integra Boborás con O Carballiño, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

Tamén ao abeiro do FCA, a Administración autonómica destinou ao Concello de Boborás máis de 9.000 euros na mellora da rede de abastacemento en varios núcleos do municipio. Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello con estas dúas liñas de axudas e outras vías de colaboración entre a Xunta e as entidades locais, así como o apoio á Mancomunidade do Carballiño e á Mancomunidade Turística Terras do Avia das que forma parte, supera os 456.600 euros.

5, Xaneiro 2022

O Carballiño está a un paso de rebasar a barreira dos 400 contaxios activos, nas úlitmas horas diagnosticáronse 34 novos positivos de covid, unha cifra que unha vez descontadas as altas médicas deixános un incremento de 20 contaxios activos respecto a onte, pasando de 367 a 387 contaxios activos neste mércores 5 de xaneiro.

Maside chega hoxe aos 60 casos activos, Boborás aos 28, Cea aos 26, Punxín 25, San Amaro 22, Leiro 17, O Irixo 14, Avión 12, Piñor 7 e Beariz 5.

4, Xaneiro 2022

O concello de Maside ven de instalar na Praza Maior un panel explicativo da riqueza patrimonial do municipio baixo o título "Concello de Maside. Terra de auga, fragas e pedra". O panel está incluído no proxecto de sinalización e posta en valor do castro de Santa Mariña. Estivo cofinanciado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Carballiño–Ribeiro GDR 12.

O propósito do panel é mostrarlle aos veciños e aos visitantes os recursos máis salientables do concello: A área termal e recreativa da Rañoa, o Espazo Natural de Interese Local do Pozo do Lago (ENIL), a ruta do románico e a ruta do castro de Santa Mariña.

Tratouse de reunir nunha infraestrutura, de forma sinxela, comprensible, accesible e visual, os recursos, lugares, paisaxes e rutas máis relevantes de Maside. Convida ao lector a unha combinación do turismo cultural co turismo de natureza e benestar. A idea é aumentar o interese turístico do concello presentando unha oferta complementaria ao resto dos 21 concellos que forman parte do GDR 12.

4, Xaneiro 2022

O Carballiño alcanza hoxe os 367 casos activos de covid, polo que descontadas as altas médicas dadas no último dia, son 54 os novos positivos diagnosticados no municipio carballiñés nas últimas 24 horas, o que representa un novo record de incremento diario no concello do Carballiño.

No resto de municipios, as novas cifras actualizadas de contaxios é a seguinte: Maside 59, Boborás 27, Cea 25, Punxín 23 (+ 8 no último dia) San Amaro 19, Leiro (17) O Irixo 13, Avión 12, Piñor 6 e Beariz 5.

4, Xaneiro 2022

José Fariña Jamardo (Caldas de Reis, 1919 – Madrid, 2008) é unha figura vencellada á historia do Carballiño e protagonista, cando non promotor, de proxectos que forman parte do legado social e cultural da vila. Secretario municipal do Carballiño durante un tempo, tamén realizou esa mesma función noutros concellos de Galicia e do resto do Estado, foi Oficial Maior do Parlamento de Galicia e mesmo se desenvolveu na empresa privada como directivo nas firmas Barreiros Diésel e Chrysler España.

Á súa faceta de perfecto coñecedor da administración local e autor de estudos sobre a mesma, que entre outros lle valeron o premio Losada Diéguez por un dos seus traballos, sumou a de novelista e poeta.
Ademais de ser o autor da pioneira , editada en 1961, entre as súas obras figuran varios títulos vencellados á vila. O libro de poemas (1957) ou as novelas (1971), (1980) e (1981) son títulos do creador de iniciativas como os encontros Tasca e Literatura ou do Boletín Municipal do Carballiño.

Coincidindo coa celebración dos 40 anos da publicación da obra o Concello quixo lembrar o traballo de Fariña Jamardo e promover, a xeito de homenaxe e lembranza do que fora secretario municipal da vila, a publicación dun volume que recolle a edición fascímile de dúas obras vencelladas no tempo e na temática, como son e . Unha realidade, a da feira, que constitúe o sinal de identidade do pobo e que Fariña Jamardo recreou con beleza e mestría na súa novela.
A publicación fascímile das dúas novelas de Fariña Jamardo, que se promoven en edición non venal como se fixo no seu día con de Emilia Pardo Bazán, inclúe un estudo introdutorio do historiador Xosé Luis Sobrado Pérez.

Na presentación da obra, actividade que se desenvolveu esta mañá no Concello do Carballiño, participaron o alcalde, Francisco Fumega, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e Xosé Luis Sobrado, do Centro de Estudos Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño. O Concello editou 1.000 exemplares da publicación e a mesma será de distribución gratuita.

3, Xaneiro 2022

Hai un ano o Concello do carballiño foi o primeiro en anunciar que a recepción das "Súas Maxestades de Oriente" se realizaría por medios telemáticos, resultando un éxito tanto a participación como a súa execución. Este ano, dende a concellería de cultura, adiantan que xa estaban a traballar nun modelo de cabalgata similar ao dos anos anteriores ata que a comezos do mes de decembro os casos de contaxios comezaron a multiplicarse e se decidiu realizar o evento de forma estática con aforo controlado.

Unha nova variable , a inestabilidade metereolóxica que se prevé para este mércores, fixo que dende o concello se decidira manter o evento ó exterior, para poder levar a cabo a actividade con total garantía sanitaria, facendo uso dunha carpa e adaptando a animación ó novo espazo, a Pista Vermella, situada na céntrica Praza do Emigrante do Carballiño.

Así, o mércores, 5 de xaneiro, as cativas e cativos do Carballiño, poderán visitar ós Reis Magos dende as 18 ata as 20 horas. O evento tamén contará con animación musical e diversas figuras que contribuirán a ter un ambiente máxico nunha data sinalada para as familias. Ó final do percorrido as familias poderán depositar as súas cartas cos desexos nun buzón real.

Dende o Concello do Carballiño recordan que os usuarios e usuarias deberán respectar as medidas vixentes en materia sanitaria. Así, o espazo contará con persoal que vixiará que se cumpran os aforos e as medidas, facendo uso da mascarilla e se manteña a distancia interpersoal.

3, Xaneiro 2022

De dia a dia, e de record en record de contaxios, asi continúa desenvolvendose esta sexta onda da pandemia no Carballiño, hoxe xa son 328 contaxios activos, dels 217 son positivos diagnosticados durante a última semana.

Maside ten 54 contaxios activos, deles 31 diagnosticados a última semana. Boborás rexistra 25 casos activos, Cea 23, San Amaro 17, Leiro 16, Punxín 15, O Irixo 11, Avión 10, e Piñor e Beariz, 5.

2, Xaneiro 2022

A "Finca Jona" de Loeda, no concello de Piñor, é polo tempo do nadal unha visita de "culto" para cada ano máis familias da comarca, e máis alá, sobre todo dende a cidade de Ourense e a veciña comarca do Deza.

Tamén é unha homenaxe de Pepe e Isabel para o seu fillo "Jonathan", aquel mozo que tanto gozaba co nadal.

Situado a carón da estrada N-525 abre a diario, aínda ata pasar a festividade de reis. 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS