
Procederase á renovación de canalizacións das redes de saneamento, de pluviais e de abastecemento, ademais, executarase o acondicionamento de 550 metros na rúa Ourense do Carballiño.
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Francisco Fumega, alcalde do Carballiño, rubricaron hoxe o Protocolo de colaboración a través do que se adquire o compromiso para o financiamento, execución e entrega das distintas actuacións de renovación de canalizacións e acondicionamento da rúa Ourense no municipio do Carballiño.
As obras consistirán, basicamente, na execución de novas redes de saneamento e pluviais así como na renovación das redes de abastecemento e iluminación incluíndo ademais, as reposicións necesarias. Actuarase, ademais, nun tramo da rúa Ourense duns 550 m de lonxitude entre a intersección desta coas rúas Celso Emilio Ferreiro e 25 de Xullo. O investimento total estímase en 920.000 €.

Tras a última Xunta de Voceiros, convocada para darlle forma á proposta de terreos necesarios para a ubicación dun novo Centro de Saúde, o Grupo Municipal do Partido Popular, expón o seguinte:
-En primeiro lugar, entendemos que o Concello do Carballiño a vista de que non ten en propiedade un solar axeitado, nin tampouco a decisión política sobre onde debería ubicarse o novo centro de Saúde, debería de ter feito un concurso público no que fose transparente en canto as necesidades de parcela, condicións urbanísticas e prezo máximo que estaría disposto a pagar; e xa cunha partida orzamentaria prevista, para que todos aqueles donos de parcelas interesados en ofertalas puidesen presentar as súas propostas e o Concello valoralas segundo criterios obxectivos e claros.
-De non ser así, que sería o ideal, e que evidentemente xa non foi, como mal menor e entendendo que se collería con pinzas o procedemento, o concello alómenos debería de ser quen de valorar primeiramente todas aquelas ofertas que de forma voluntaria se teñan presentado por rexistro no propio Concello por parte de propietarios de solares, de forma que se poida ver con claridade as condicións do solar e o prezo que se pide, para poder ser valorados e se fose preciso, negocialos.
Ao Grupo Municipal do PP, parécenos cando menos un atrevemento infundado, que sexamos os grupos municipais quen teñamos que decidir sobre solares existentes sen ter un contacto e ofrecemento do seu propietario, pois é máis representativo doutros réximes que non son precisamente os democráticos e ademais sen ter en conta as normativas urbánisticas (PXOM). E si se fixera previo contacto cos propietarios, a forma mais transparente de facelo sería, como propuxemos dende un principio, vía ofertas dos propietarios a través dun procedemento cun concurso público municipal.
Motivado pola falta de solar municipal, ou concurso público previo, ou cando menos unha mínima negociación entre Concello e Particulares, o Grupo Popular só se ve capacitado para poder dar como solución aquela que está xa en mans da propia Xunta de Galicia, quedando a expensas de que se poida valorar algún outro solar particular que sendo ofertado por os seus donos, cumpra cos requisitos previstos pola Lei para a súa adquisición por parte do Concello do Carballiño, e que se poida adquirir nun prazo de tempo axeitado para que non se perda a inversión prevista por parte da Xunta de Galicia para a construción do que sería un NOVO CENTRO DE SAÚDE PARA O CARBALLIÑO.
Todo elo nos leva a estudiar a ubicación do NOVO CENTRO DE SAUDE na propia parcela que hoxe alberga a Estación de Autobuses.
¿Cal é a razón que nos leva a esta proposta?
Xa explicado o anterior, podemos dicir que a parcela onde se ubica na actualidade a estación de autobuses é propiedade do Concello e cedeuse no seu día a Patrimonio da Xunta de Galicia para a instalación da Estación de Autobuses.
A día de hoxe existe o compromiso por parte da Xunta de Galicia de trasladar a actual Estación de Autobuses á propia estación do Tren, facendo así unha estación intermodal, moi necesaria no Carballiño, e que serviría para ordenar o transporte de viaxeiros en franxas horarias, principalmente con destino a estación intermodal de Ourense, con transportes terrestres y/ou ferroviarios en forma de lanzadeiras, adecuando os seus horarios ás saídas e chegadas a estación intermodal de Ourense.
Tan pronto se puidese asinar un convenio entre Concello, ADIF e Xunta, esta estación intermodal sería unha realidade, co que o edificio da actual estación de Autobuses quedaría sen uso, de forma que a Xunta podería dispoñer do espazo necesario para o Centro de Saúde, simplemente facendo un cambio de uso do solar.
REFERIDO Á PARCELA DA ESTACION DE AUTOBUSES EXPOÑEMOS O SEGUINTE:
1º.- Localización:
O solar no que se ubica a actual estación de autobuses atópase na Avenida do Balneario, vía que conta cun ancho de 25 metros, y a que se pode acceder directamente desde a carreteira Xeral Ourense-Pontevedra N-541, da que dista uns 300 metros. Ao mesmo tempo está dentro do núcleo urbano, polo que o acceso a pé e factible para unha gran parte dos veciños.
Ademais da vía principal (Avda. Do Balneario), outras dúas fachadas dan a rúas públicas, as rúas Tras Campo da Feira e Rúa Tras Estación de Autobuses, de forma que tres das súas catro fachadas dan a unha vía pública.
As prazas de aparcamento existentes na zona non serían suficientes para a cantidade de vehículos que o novo centro de Saúde podería atraer, polo que, necesariamente, a infraestrutura debería contemplar a creación dun aparcamento. Como xa expuxemos a circulación de vehículos non debería ser un problema, xa que as vías que o circundan contan coa suficiente capacidade para soportar o aumento de tráfico que se espera, pero si sería necesario aumentar as zonas de estacionamento.
2º.- Superficie:
A superficie catastral da finca e de 2.247 metros cadrados; pero en realidade a superficie da parcela ronda os 2.800 metros cadrados, xa que no catastro non figura como pertencente a parcela o vial de acceso dos autobuses que se atopa na parte posterior do edificio.
3º.- Planeamento:
Segundo o Plan Xeral de Ordenación a parcela ten un uso dotacional. As disposicións que lle afectan son as seguintes:
Art. 88.4. b) Admítese o cambio de uso dos equipamentos existentes, sempre que se manteña o carácter público dos mesmos.
Art. 111:
-Ocupación máxima da parcela: 50%
-Edificabilidade máxima: É de 1 m2/m2.
-Altura da edificación: Máximo de 3 plantas, medidas desde a rasante do terreo en contacto coa edificación.
4º.- Proposta construtiva: Xa que existe una importante diferenza de rasante entre a Avenida do Balneario e a Rúa Tras Campo da Feira, cabe a posibilidade de contar con tres alturas dentro do solar, a maiores de algún soto que en principio non sería preciso:
-A planta inferior tería a súa entrada desde a Rúa Tras Campo da Feira, e nela se ubicaría o aparcamento. Xa que a superficie do solar e de uns 2.800 metros, este aparcamento podería albergar entre 100 e 120 turismos aproximadamente, cantidade máis que suficiente para as necesidades da edificación, e mais tendo en conta que unha gran parte dos usuarios da instalación poderían acceder a pé.
- A planta intermedia, a que tamén se accedería ao nivel de calle desde a Rúa Tras Estación de Autobuses.
- Unha planta alta, ao nivel da Avenida do Balneario.
De acordo con esta proposta poderíanse alcanzar sen dificultade os 4.500 metros cadrados que se estiman necesarios para o novo Centro de Saúde, engadindo un aparcamento de mais de 100 vehículos; dito aparcamento sería tamén unha solución para os problemas de estacionamento na zona, xa que pode prestar servizo para as outras instalacións públicas da contorna, fundamentalmente para o Auditorio Manuel María, que se atopa na parcela inmediata.
CONCLUSIÓNS SOBRE A ESTACION DE AUTOBUSES COMO ESPACIO PARA ALBERGAR O CENTRO DE SAUDE.
-Adquisición dos terreos: Este punto e unha importante vantaxe, xa que se trata dun edificio de uso público, propiedade do Concello e xa cedido a Xunta de Galicia. O certo é que xa estaba previsto o seu cambio de uso, trasladando as actuais instalacións a unha nova intermodal na propia estación de Renfe. De esa forma o edificio so estaría pendente da autorización municipal dun cambio de uso por parte da Xunta.
-Obras a realizar: Deberíase estudar a demolición da actual edificación, ou a posibilidade de conservar a súa estrutura, en parte ou na súa totalidade. Xa que o solar da a tres rúas, e que existe unha importante diferencia de cota entre a súa fachada principal e a traseira, existe a posibilidade de acceder as súas plantas sempre desde o nivel da rúa, o que mellora significativamente a súa accesibilidade.
-Ubicación: Atópase moi cerca do centro urbano, o que permitiría que unha gran parte dos usuarios puidesen acceder a pé, pero tamén a carón da vía urbana de maior anchura da vila (25 metros) polo que acceso en vehículo particular ou ambulancia sería moi sinxelo, sempre e cando se solucionaran as necesidades de estacionamento, o que se lograría co aparcamento para mais de 100 vehículos (sen ter que recorrer a construción de sotos).
-Planeamento: Esta proposta conta coa vantaxe de que xa se trata dun solo dotacional, cuxo cambio de uso non suporía maior problema. Pola contra, as normas sobre ocupación e edificabilidade máxima da parcela poderían facer inviable este proxecto. Entendemos que a Lei 3/2016, de 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, permitiría salvar esta dificultade nun período moi curto de tempo, evitando as restricións que hoxe fixa o planeamento municipal.

A sexta onda da pandemia continúa marcando cifras record no Carballiño e tamén no resto de concellos. No Carballiño, son hoxe 217 casos activos, que son 16 máis que onte.
Tamén soben Maside (+4) (45) Boborás (+4) (20) Cea (+5) (17) O Irixo (+3) (6) Piñor (+1) (4) Beariz (+1) (2)
Baixan San Amaro (-1) (13) Punxín (-3) (11) Manteñense Leiro e Avión, con 12 e 3 casos, respectivamente, nos últimos dias.

O camión do punto limpo irá rotando por todas as parroquias, onde se poderá reciclar todo tipo de residuos, unha iniciativa que conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, subvencionada o 100% cun coste total de 69.127,30 euros.
Nun acto presidido pola alcaldesa Patricia Torres presentouse o camión e explicáronse os detalles do seu funcionamento. O servizo do punto limpo chega así a tódalas parroquias do Concello de Boborás. Un modo de reciclar diferentes residuos que se pon ao carón da veciñanza para xerar maior impacto e facilitar a correcta xestión dos residuos domésticos.
Este camión ten un funcionamento bastante sinxelo. Deixase unha plataforma no lugar desexado, a cal está dividida nas diferentes fraccións que se poden reciclar, como por exemplo os pequenos electrodomésticos, pilas, papel, vidro, roupa, calzado, entre outros residuos. Con esta iniciativa o concello pretende sensibilizar á veciñanza na necesidade de reciclar para protexer o medio ambiente e loitar contra o cambio climático.
Dende o concello animan aos veciños e veciñas de Boborás a separar correctamente os residuos e usar este novo servizo posto en marcha polos concellos para facilitar esta boa acción. O único requisito para participar e ter gañas de reciclar e de defender a nosa natureza.
No ano 2022, esta previsto facer unha actividade nos centros educativos, para que a través dos nenos e nenas a concienciación chegue a tódolos fogares.

A voceira municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, ven de manifestar a intención do BNG do Carballiño de propoñer como ubicación do novo Centro Integral de Saúde do Carballiño "os terreos situados en fronte da Estación de ferrocarril de Renfe".
O espazo proposto polas nacionalistas comprendería os terreos situados entre as rúas Vicente Risco, rúa Eladio Rodríguez González , a rúa Ourense e a Avenida 25 de xullo. "Este terreo está constituído por varias parcelas que suman seis mil metros cadrados, satisfacendo a demandado Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galiza ao alcalde do Carballiño",subliñan.
Estes terreos garanten un bo acceso tanto para peóns como para vehículos, ademais a súa proximidade á estación de tren, que vai albergar a futura intermodal, onde estacionarán os autobuses garanten unha boa conexión para a veciñanza da contorna, indicou García, e sobre todoun bo espazo para xestionar o servicios médicos de emerxencia.
“Entendemos que as ambulancias, como helicópteros teñen que ter unha vía rápida de entrada e saída para atender urxencias, pois a parte de Centro de Saúde, este centro tamén é un PAC encargado de atender a toda a comarca”, manifestan.
Para o BNG esta parcela ofrece unha localización estratéxica pola súa comunicación extraordinaria coa Autovía AG-54, que se sitúa a só 550 metros, permitindo unha conexión terrestre moi rápida co Hospital de Ourense e co Hospital de Vigo se fose preciso. E ademais unha sinxela conexión coa AG-53, que favorecería a comunicación con Santiago e A Coruña.
Entre a antigüidade do actual centro de saúde do Carballiño, o abandono, a falta de mantemento, o non adaptalo progresivamente ás necesidades do Carballiño, fan que a localidade do Carballiño precise de forma urxente a construción dun novo centro de saúde, que vistas as necesidades detectadas debe ser un Centro Integral de Saúde.
Para que o novo centro de saúde responda ás necesidades da poboación do Carballiño, sinalou a voceira nacionalista, a parte da dotación que depende da Xunta, como dependencias, especialidades e persoal que vai traballar alí, ten que estar ben situado. "Esta parcela cumpre con isto, e co resto de indicacións do conselleiro de Sanidade, de pór a disposición da Xunta unha parcela que cumpra cos requisitos iniciais esixidos polos técnicos, como os 4.500metros cadrados, que sexa accesíbel,e que sexa céntrica", aseguran dende o BNG carballiñés.

O Carballiño supera hoxe o anterior record de contaxios diarios, que se alcanzara no mes de Outubro de 2020, daquela con 188 casos activos nun dia. Neste 29 de Decembro O Carballiño notifica 201 casos activos, que son 47 máis que onte, novo record de contaxios no Carballiño dende que se declarou a pandemia.
Maside sigue tamén á alza, e chega hoxe aos 41 contaxios activos, tamén sobe San Amaro, que ten 3 máis que onte e alcanza os 14 casos, os mesmo contaxios que tamén ten Punxín.
Boborás mantén 16 casos activos de covid. E o resto de concellos manteñen casos illados, todos por debaixo de 5.

Nunca antes desde que se declarou a pandemia a comarca carballiñesa rexistrou un número tan elevado de contaxios, con cifras record en varios concellos.
No Carballiño son hoxe 154 casos activos, de momento aínda por debaixo das cifras do Outubro negro de 2020, cando chegaran a alcanzarse os 188 contaxios activos nun dia.
Pero sí estamos en números record en varios concellos, como en Maside que ten xa 38 contaxios activos, tamén son cifras record as de Punxín, con 15 contaxios hoxe, e San Amaro que permanece con 11 casos. Tamén 11 casos son os que manteñen os concellos de Cea e Leiro.
Boborás é o único concello que baixa o número de contaxios en relación a onte, pasando dos 17 aos 16 casos activos, polo tanto 1 menos.
Sen datos reseñables no resto de municipios, que manteñen casos illados.

A proposta partíu do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e foi refrendada no transcurso dunha intervención en COPE O Carballiño polo rexedor municipal carballiñés, Francisco Fumega. Tamén manifestaron xa o seu incondicional apoio os alcaldes de Piñor e Maside, José Luis González e José Manuel Iglesias, asi como Julio Yebra, alcalde do concello lucense de Carballedo.
Na actualidade, a autovía Lugo-Ourense coñecida como a A-56 tan so ten un tramo operativo, entre A Barrela e San Martiño de 8,8 quilómetros de extensión, mentres que o resto do trazado manténse en fase de proxecto. Este trazado, dende o límite entre as provincias de Lugo e Ourense ten continuidade nos tramos San Martiño-Cambeo, e Cambeo-Ourense Norte, a través da localidade de Cudeiro, un proxecto que conta con moita contestación social.
O alcalde de Cea teno claro "a alternativa que imos defender entre San Martiño e a conexión coa AG-53 ten un impacto medio ambiental moito maís asumible, e dende logo un menor coste económico, trátase de simple sentido común, aínda que se lle chame a autovia Lugo-Ourense, tamén se chama á AG-53 a autovia Santiago-Ourense, e en realidade acaba en Barbantes, o que nos propoñemos é a conexión da autovia de Lugo coa de Santiago, e consideramos que técnicamente podía facerse a altura da rotonda da Ariz", explica Valladares.
A proposta dos alcades da comarca carballiñesa non está exenta de lóxica, se pensamos que a futura autovia A-56 está chamada a canalizar o tráfico procedente do sur de Galicia e o norte de Portugal cara o norte peninsular, un tráfico procedente en gran parte da autovia de Vigo, que aforraría tempo e quilómetros respecto a alternativa a través de Ourense-Cambeo-San Martiño.
Pola súa parte, o alcalde do Carballiño incide na importancia estratéxica desta conexión directa coa autovia de Lugo "que reforzaría a nosa posición privilexiada como nudo de comunicacións, e sería de moita importancia para o desenvolvemento das áreas industrias de Cea e O Carballiño -Maside", subliñou Fumega.
Os alcaldes agardan sumar máis apoios a esta proposta, presentarán iniciativas institucionais nos concellos, e entrevistaránse co Subdelegado do Goberno para demandar que o Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana, estude esta posiblidade de construcción desta conexión entre as autovias de Lugo e Santiago.
.

O Carballiño suma hoxe 143 contaxios activos de covid, dos que 92 son novos positivos diagnósticados na última semana.
Maside alcanza os 34 casos activos, dos que 22 correspóndense con diagnósticos notificados nos últimos 7 dias. Boborás ten 17 contaxios activos, dos que 10 son novos positivos diagnósticados na última semana. Con 11 contaxios activos están Punsín, Cea, San Amaro e Cea.
Non hai variacións no resto de municipios. Piñor e Beariz están libres de virus.

Este Nadal o Cine Club Carballiño organiza un ciclo de cine de animación infantil os día 26, 27 e 28 de decembro, en horario de 18:00 horas, no Auditorio Municipal Manuel María. A primeira película, o domingo día 26, Canciones para peques y animalitos, vai dirixida aos máis pequeniños da casa, son 12 contos que tratan sobre os animais, a solidariedade, a amizade, o amor...Está especialmente pensada para nenos xa a partir de 2 anos, unha forma de incialos no mundo do cine. A súa duración está pensada para os máis pequenos, xa que o filme durá só 30 minutos. Neste proxección o prezo da entrada será só de 2 euros, e o adulto que entre acompañando aos nenos o fará de balde.
O segundo filme do ciclo, o día 27, é unha estrea recente de fai un mes, que está todavía en cartelera en moitos cine o país e que está sendo un éxito de taquilla. Ratones y zorros xa viña avalada polo seu paso por numerosos festivais e pola súa nominación como Mellor película de animación do cine europeo.
O ciclo pecharase o día 28 con unha das mellores películas de animación dos últimos dous anos, Las vidas de Marona, da directora romanesa Anca Damian. A historia conta os recordos dunha cadeliña acerca dos diferentes donos que tivo ao longo da súa vida. Estreada no noso país neste verán, vai ser a primeira vez que se proxecte en Ourense. Con unha estética visual expresionista e unha fermosa banda sonora, é un filme recomendable para todas as idades, non só para o público infantil. As entradas para estes dous filmes será a 3 euros.
Durante as proxeccións haberá que gardar todas as medidas de seguridade vixentes, ademáis do protocolo establecido polo cine club para a entrada e saida do Auditorio (desinfección, entrada e saída diferenciadas e escalonadas) e para permanecer na sala (mascarilla, distancia de seguridade de 2 asientos entre os non convivintes e filas alternas).
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 226
- 227
- 228
- 229
- 230
- 231
- 232
- 233
- 234
- …
- seguinte ›
- última »