
O vindeiro sábado 19 de Xuño o campo de fútbol de Espiñedo acollerá unha das seis verbenas piloto que a Xunta de Galicia quere facer para comprobar se estas celebracións son seguras coas medidas sanitarias oportunas. A encargada de amenizar esta verbena será a orquéstra Cinema.
Os asistentes poderán estar de pé e bailar, aínda que só con conviventes. Será unha verbena con límite de asistencia ata 1.000 persoas e con uso obrigatorio da máscara. O público terá que estar a cinco metros do escenario. Ademais, pedirase un rexistro previo para poder entrar no recinto, que terá un control de acceso.
O concello do Carballiño propuxo o estadio de Espiñedo para a celebración desta verbena piloto por tratarse dun recinto pechado, tal como se pedía, e porque unha vez celebrado este evento o recinto será obxeto dunha reforma integral do terreo de xogo, no que celebra os seus partidos o Club Deportivo Arenteiro.

O sábado día 5 de xuño ás 20:00 h na Praza da Veracruz terá lugar a actuación da compañía teatral Chévere ca súa obra As fillas bravas e o mito de Casandra. Esta produción está dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios e na súa creación colaborou o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC.
As Fillas Bravas son tres pandereteiras (as actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar) do lugar de Momán, parroquia de Padrenda, Concello de Trabancas, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e non menos sabedoría.Nesta nova peza, usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para artellar a súa singular conversa cantada. As Fillas Bravas e o mito de Casandra é unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural dende unha perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma,creativa e implicada na colectividade.
O domingo, 6 de xuño, continuará a actividade cultural da mán do Conservatorio e da Escola de Música Municipal do Carballiño, que realizará o Concerto de Fin de Curso ás 13h no anfiteatro da Veracruz. A xornada comezará cunha actuación ao remate da misa das 11:15h no Templo da veracruz, a cargo dun alumno de canto. Despois, ás 13 horas comezará o concerto do alumnado e profesorado do CMUS e ESMU, no que o público poderá desfrutar das diferentes especialidades instrumentáis. Dende a Concellería de Educación animan á veciñanza a asistir á actividade e tamén a matricularse nas diferentes disciplinas que se imparten no centro municipal.
Os dous espectáculos contarán cun aforo limitado e será de obrigado cumprimento a normativa en materia de seguridade e hixiene do Covid.

O concello de San Cristovo de Cea traballa para poñer a disposición da cidadanía un espazo virtual para acceder a información, os servizos e trámites electrónicos de carácter municipal, unha vez que se remate a implantación do plan de dixitalización do concello, tal como avanzou o concelleiro de novas tecnoloxias José Dalama.
Desta maneira, cidadáns, empresas ou profesionais poderán establecer relación oficial co concello de San Cristovo de Cea a través da rede "desde o seu teléfono móbil poderán ter acceso a a calquera trámite que precisen a través do certificado electrónico, calquera certificado que necesiten, notificacións, pagar unha taxa un imposto", explicou Dalama.
En definitiva, o concello de Cea pasará ter unha xestión virtual integral, que agora terá un novo impulso a través dunha achega económica por importe de 20.000 euros que para esta finalidade ven de conceder ao concello ceense a Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense abriu hoxe o prazo de presentación de solicitudes para as axudas do programa ChegOU, unha iniciativa do goberno provincial coa que se presta apoio á natalidade a través de axudas económicas relacionadas coa saúde dos recén nados. “Un exemplo máis da política con perspectiva demográfica que aplicamos na provincia de Ourense, agora apoiando ás familias no momento que máis o precisan”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar.
O programa ChegOU “é único entre as deputacións galegas e cumpre agora seis anos xusto cando, neste contexto de pandemia, é a nosa obriga concretar en apoio económico unha colaboración que entendemos imprescindible”, dixo Baltar. O presidente subliñou a importancia deste programa, dotado con 300.000 euros “pois é compatible con outras axudas e recolle un apoio máis intenso para os nacementos que se rexistran nos concellos con menor taxa de natalidade, é dicir, nos municipios de reto demográfico de grao 3, onde as axudas serán de 500 euros”.
As axudas do programa ChegOU poderán ser solicitadas por todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 teñan un fillo, adopten ou constitúan a tutela dun menor. Para todos aqueles nacementos, adopcións ou tutelas que se rexistren en decembro, o prazo amplíase ata o 15 de xaneiro de 2022.
Os beneficiarios das axudas recibirán a tarxeta electrónica ChegOU de 300 euros - agás como xa se citou nos municipios de reto demográfico de grado 3, onde esta cantidade ampliarase ata os 500 euros- que unha vez activada permitirá a súa utilización en farmacias e parafarmacias da provincia de Ourense para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde.
Presentación de solicitudes
A área de Benestar poñerá en marcha un plan especial de atención durante o mes de xuño, reforzando o cadro de persoal para garantir o servizo ao cidadán, esperando unha importante afluencia de solicitantes durante o próximo mes.
As solicitudes deberán presentarse telemáticamente a través da plataforma ChegOU. Se optan por presentar a solicitude desde a súa casa poderano facer a través de certificado dixital, o ChaveOU, un novo sistema de clave concertada que facilita ao cidadán un mecanismo de identificación para a utilización dos servizos electrónicos ofrecidos pola administración provincial. Todas as instrucións para pedir a ChaveOu están tamén dispoñibles na web da Deputación de Ourense. As persoas con dificultades para a presentación telemática da solicitude poderán acceder a un sistema presencial de atención ao cidadán para concertar unha cita.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense reunida este lúns dia 31 de Maio aprobou a concesión de achegas económicas por un investimento que suma 326.300 euros e que axudarán a financiar diversas actuacións promovidas polos concellos do Carballiño, PIñor, Leiro e San Cristovo de Cea.
En concreto, no concello do Carballiño a Deputación concede unha achega de 186.600 euros para a renovación das instalacións do campo municipal de fútbol de Espiñedo, no que xoga os seus partidos o Club Deportivo Arenteiro, que na próxima tempada debutará na 2ª División RFEF, como máximo representante do fútbol provincial. A obra consistirá, fundamentalmente, na reposición do terreo de xogo, que ten unha superficie de 105X67 metros, e que se encontra moi deteriorado, ata o punto que nos invernos dos últimos anos obrigou ao club carballiñés a trasladarse a Barbantes para xogar os seus encontros como local.
Para o concello de Piñor a Deputación concede unha subvención de 12.000 euros e con destino á organización do 5º Rallymix de Piñor, unha competición automobilística que terá lugar os dias 26 e 27 deste mes de Xuño.
O Concello de Leiro contará cunha aportación de 92.700 euros para as obras de humanización da rúa Casanova, na propia vila de Leiro. Pola súa parte, o concello de San Cristovo de Cea beneficiaráse dunha achega por importe de 20.000 euros para contribuir a financiar o plan de dixitalización do concello.
Finalmente, a Deputación concede 15.000 euros para a elaboración dun documental sobre o camiño Miñoto-Ribeiro.

O feito sucedeu no lugar de Cotelas, na parroquia da Canda, ás seis da tarde deste domingo 30 de Maio. A esa hora, un particular contactou co 112 Galicia para solicitar axuda debido ao afundimento de parte da estructura dunha granxa. A persoa afirmaba que a nave albergaba arredor de 200 porcos, que se atopaban soltos pola estrada e baixo os restos da edificación.
De cotío, desde o 112 mobilizouse aos Bombeiros do Carballiño, á Garda Civil, aos servizos sanitarios e aos membros de Protección Civil de Piñor. Unha vez chegados ao lugar do suceso, os medios desprazados confirmaron que o tellado e as paredes da granxa estaban derrubadas pero que non había persoas feridas. O Seprona abríu unha investigación para aclarar as causas do sinistro, no que preto de medio cento de animáis resultaron mortos.
Logo de horas de traballo conxunto dos Bombeiros, persoal do concello e o apoio da veciñanza, lográronse rescatar varios animais para trasladalos nun camión, dándose a situación por controlada.

O Carballiño chega ao derradeiro dia de Maio con 11 contaxios activos, a cifra máis alta durante o mes que agora remata, que estivo caracterizado pola incidencia máis baixa dende o verán do ano pasado. A cifra diaria máis baixa durante o mes de Maio foi de 3 contaxios activos.
Nos concellos da Comarca, O Irixo permanece con 4 contaxios activos, comezou con 1 caso o dia 14, logo incrementouse a 3, e finalmente despide o mes mantendo 4 casos, que ven notificando dende o pasado dia 26.
San Cristovo de Cea ten 2 contaxios activos, a cifra máis alta do mes, mentres que con 0 casos chegan a final de mes os concellos restantes da comarca: Boborás, Beariz, Piñor, Punxín, Maside e San Amaro. Deles, catro concellos, que son os de Beariz, Piñor, Punxín e Maside non rexistraron ningún caso durante o mes de Maio. Outros dous concellos, Boborás e San Amaro notificaron un único caso.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe en rolda de prensa o protocolo e os detalles das oposicións do ensino correspondentes á Oferta Pública de Emprego docente de 2020, que se iniciarán entre o 19 e o 25 de xuño. A segunda proba desenvolverase con posterioridade, nas datas marcadas polos tribunais. O Carballiño é unha das sedes designadas pola Xunta.
Román Rodríguez sinalou que estas oposicións, as primeiras do ensino realizadas en pandemia, son unha gran oportunidades para a consolidación das plantillas de profesorado, dado que permitirán tanto o ingreso de novos profesionais do ensino como a estabilización de persoas que xa traballan nel. Así mesmo, explicou que a convocatoria favorece a promoción interna desde o propio corpo docente ou o cambio de especialidade, reforza a Inspección educativa e impulsa a carreira docente, con 1.300 prazas de catedráticos.
Os exames desenvolveranse, por primeira vez, máis aló das sete cidades galegas. Serán un total de 23 as localidades que os acollan. Deste xeito, na provincia da Coruña haberá probas na Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros e Santiago de Compostela; na de Lugo, en Monforte, Lugo e Viveiro; na de Ourense, no Carballiño, Ourense, Ribadavia e Vilamarín; e na de Pontevedra, na Estrada, Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vigo.
Especialidades por concello
Tal e como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, as localidades con máis exames van ser as cidades. Así, a da Coruña acollerá probas de 27 especialidades, Vigo de 18, Santiago de 17, Pontevedra de 14, Lugo de 13 e Ourense de 12. Pola súa parte, en Culleredo e Ferrol haberá exames de cinco especialidades; en Monforte, Ribadavia, Lalín, O Porriño e Vilagarcía de dúas especialidades e no resto de localidades dunha soa especialidade. Na distribución das probas, sinalou, aproveitaranse as sinerxías cos ciclos de FP impartidos en cada lugar, de tal forma que "en Vilamarín examinaranse os aspirantes a profesor de Secundaria en Hostalaría e Turismo e na Estrada os de Procesos e Produtos en Madeira e Moble", dixo. Nos próximos días indicarase a localización exacta das probas en cada concello.
70 persoas por tribunal
O incremento de localidades é a principal medida da Xunta de Galicia para acadar as máximas garantías de seguridade sanitaria nas oposicións, de xeito complementario ao incremento de número de tribunais, ata un total de 368. “Isto supón – explicou Román Rodríguez– nove máis dos que anunciamos inicialmente e, o que é máis importante, supón máis que duplicar os 163 tribunais que houbo nas oposicións do ensino do ano 2019”.
“Deste xeito, e tendo en conta que temos inscritas nestas probas un total de 25.710 persoas, estamos a falar de 70 opositores de media por cada tribunal, fronte aos 109 opositores por tribunal do ano 2019”, destacou.
Distancia e máscara
As devanditas medidas van acompañadas dun completo protocolo de adaptación á covid, que hoxe foi presentado na mesa sectorial, e que inclúe entre os seus puntos fundamentais que aos recintos só poderán acceder as persoas opositoras, gardar unha distancia de 1,5 metros, o uso obrigatoria de máscara cirúrxica ou hixiénica, a hixiene de mans con xel hidroalcohólico á entrada e saída, a limpeza e a desinfección das superficies, a ventilación dos espazos e o uso exclusivamente persoal de materiais como os bolígrafos, entre outros.
“Así mesmo –recordou o conselleiro–, suprímese o acto de presentación e será cada tribunal o que comunique a través do Portal Educativo a aula concreta na que se examinará cada persoa e todas as cuestión que sexan necesarias; e a identificación das persoas opositores realizarase na propia mesa, cando xa estean sentadas, para evitar aglomeracións”.
O protocolo responde tamén “a dúas cuestións de vital importancia no actual contexto”, explicou o conselleiro. Por unha banda, contémplase que se unha persoa non pode acudir ao exame por estar en corentena por un contacto estreito relacionado coa covid, por ter a covid ou por estar embarazada, poderá realizar a proba o día 10 de xullo de 2021, aportando a xustificación médica necesaria.
Por outra banda, se alguén presenta síntomas da covid no propio exame, a persoa será trasladada á zona reservada de illamento. Neste espazo o persoal aspirante poderá continuar desenvolvendo o exame, se lle é posible, baixo a vixilancia dunha persoa membro do tribunal que manterá a máxima distancia de seguridade posible e, de cando menos, 1,5 metros.
Máis de 10.600 prazas
“Desde o primeiro momento o noso obxectivo foi asegurar a máxima garantía sanitaria nestas probas e creo que o imos conseguir a través de todas estas medidas”, salientou o conselleiro, que sinalou que “despois do de sacar adiante o curso escolar 2020/21 con éxito e máxima presencialidade, este é un novo reto no que estamos a traballar intensamente”.
“Falamos da oferta de emprego público docente máis ampla da historia, 3.894 prazas en 97 especialidades, e é importantísimo sacala adiante con garantías” afirmou o representante da Xunta de Galicia, que apuntou que “temos preparada unha nova OPE de 1.604 prazas que se desenvolverá no 2022, e que eleva a 10.655 o número de prazas convocadas polo Goberno galego no eido educativo nos últimos cinco anos”
Por fin parece que se aproxima el buen tiempo y me pregunto cuando se le ocurrirá a nuestro amado líder abrir este año la piscina. Para Agosto o quizás para septiembre? Quizás haga como con los parques infantiles y más aún con el tobogán que para que no se gaste tardo más aún en abrirlo. En parte mejor es que no se estropeen las cosas porque ya sabemos lo que le cuesta arreglarlas, solo hay que ver las calles. En fin, pronto saldremos de dudas, esperemos que nuestro amado líder no nos defraude.

A científica María Teresa Miras Portugal faleceu este pasado xoves dia 27 de Maio en Madrid, aínda que por desexo expreso será enterrada no Carballiño, onde nacera fai 73 anos. O Velorio terá lugar dende as 19:00 deste venres dia 28 no Tanatorio Veracruz Centro ata a tarde deste sábado dia 29 de Maio, que será cando as 16:00 horas se celebre o funeral no Templo da Veracruz e posteriormente recibirá sepultura no panteón familiar do cemiterio de Señorín.
Miras Portugal, catedrática emérita de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade Complutense de Madrid ( UCM), e presidenta de honra da Real Academia Nacional de Farmacia, tiña 350 obras recoñecidas de nivel internacional e recibiu multitude de premios, no ano 2016 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.
A carballiñesa foi no ano 2007 a primeira muller elixida para presidir a Real Academia Nacional de Farmacia de España. As áreas de investigación nas que se centraba estaban fundamentalmente dirixidas ás neurociencias: funcionamento sináptico, neurotransmisión mediada por nucleótidos e interacción de neurotransmisores, segundo recolle a web da Real Academia Nacional de Farmacia.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 258
- 259
- 260
- 261
- 262
- 263
- 264
- 265
- 266
- …
- seguinte ›
- última »