14, Maio 2021

A Concellería de Educación do concello do Carballiño que dirixe a concelleira Guadalupe Sobrado descubriu hoxe un mural na Praza da Mina dedicado a Xela Arias, a protagonista este ano no Dia das Letras Galegas. Ademáis, nos centros escolares desenvolverónse diversos obradoiros.

O 17 de Maio, no propio Dia das Letras Galegas, ás 19:00 horas na Insua dos Poetas está programado "musicando versos por Xela Arias", a cargo de  Quico Valeiras e Rochi Nóvoa, a ritmo de jazz coa banda 4 Mal Quartet Jazz. Organizado pola Fundación Insua dos Poetas e incluido na programación da Rede de Auditorios Provinciais da Deputación de Ourense.

14, Maio 2021

Asi luce o barrio de Flores no Carballiño, e hai xente no barrio que rehabilitou  as vivendas e ten que convivir con esta basura e tamén co botellón, despois vemos propaganda na prensa, que é un insulto para todos.

13, Maio 2021

A Xunta abrirá proximamente o proceso de concorrencia competitiva para seleccionar as propostas de aproveitamento das parcelas que conforman a aldea modelo do Penedo, en Boborás. Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, á alcaldesa desta localidade ourensá, Patricia Torres, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Así, no encontro tratáronse os avances nesta aldea modelo que inclúe 675 parcelas de 132 propietarios, cunha superficie global de 23,41 hectáreas. Unha vez xa se atopa na zona un pastor cunhas 80 cabras, apuntou o conselleiro que en breve comezará a selección de produtores e empresas interesadas en traballar os predios. Nesa liña, e segundo o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea do Penedo publicado o pasado mes de marzo no Diario Oficial de Galicia (DOG), cómpre lembrar que se contempla como uso preferente a gandaría en extensivo e o cultivo de produtos de horta, cereal e froiteiras.

A maiores, e como uso secundario dependendo da zona, sinálase a plantación de castiñeiros para a obtención de froito. Na reunión tamén se acordou avaliar a implantación doutros instrumentos de mobilización incluídos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -aprobada este martes no Parlamento-, como a dos polígonos agroforestais. A maiores, tratouse a posibilidade de mellorar distintas infraestruturas rurais e de prevención de incendios en Boborás, así como elementos do patrimonio deste municipio.

12, Maio 2021

O grupo municipal de Espazo Común no concello de Piñor recorda como "a mediados do mes de outubro de 2019 publicaban os medios de comunicación que a Xunta de Galicia ía arranxar un tramo da estrada OU-154 ó seu paso polo lugar do Reino co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da mesma. Así dicíasenos que o proxecto contemplaba novas beirarrúas, luminaria e sinalización e a reposición dos servizos existentes. O investimento previsto era de 160 mil euros e tamén se podía ler que os traballos comezarían no primeiro trimestre do ano 2020, sendo o seu prazo de execución de 3 meses".

Engaden que "dous meses despois, a mediados de decembro, podiamos ler que a obra viña de ser adxudicada e que a actuación contemplaría a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade. Tamén se prevía a rehabilitación do firme así coma a substitución das redes de servizo aéreas de alumeado e de teléfono por unha canalización subterránea. Pouco despois colocouse o cartel da obra e a empresa adxudicataria empezou a demoler as beirarrúas existentes. Eran os días previos as eleccións autonómicas previstas para o mes de abril de 2020. As eleccións foron pospostas ata xullo do 2020 e as obras quedaron paralizadas sen que dende o Concello de Piñor, se nos ofrecese explicación algunha polos motivos desa paralización".

Espazo Común afirma que "son constantes as queixas dos veciños pola situación da estrada, despois de máis dunha ano coas obras paralizadas, vendo como medra a maleza no que antes eran beirarrúas, vendo como unha obra que prevía mellorar a seguridade viaria o único que fixo foi incrementala. Non son poucas as queixas tamén de parte da veciñanza do pobo que ve como as obras proxectadas só inclúen un pequeno tramo da travesía e nunha soa marxe quedando o resto do pobo nunha evidente discriminación".

Finalmente, anuncian que dende o Grupo Municipal de Espazo Común pediránlle ao alcalde no vindeiro pleno que dea explicacións por esta situación "que nos dea conta das actuacións que levou a cabo para exixirlle á Xunta o remate desta situación de inseguridade viaria", manifestan.

12, Maio 2021

Dende o Servizo Municipal de Conciliación do Concello do Carballiño comunican que o prazo de inscrición de “Bo día familia” e “Divertiño” está aberto até o día 7 de xuño de 2021.
“Bo día familia” finalizará co curso actual, o vindeiro día 22 de xuño, e terá comezo “Divertiño” o seguinte día laborable neste caso o 23 de xuño. Este servizo ofrécese durante xuño, xullo, agosto e principios de setembro, ata o comezo do curso escolar.
En canto aos horarios do servizo de conciliación no verán serán de 7:30 a 14:00, de luns a venres.
No comezo do curso escolar 2021-22 tamén dará comezo o servizo de conciliación de Bo Día Familia, onde os/as nenos/as poderán entrar a partir das 7:30 horas e ata o inicio da xornada escolar, no horario de mañá, e de 14 horas a 18 horas no servizo de tarde.
As familias que desexen utilizar o Divertiño e/ou o Bo Día Familia deberán cubrir o formulario de inscrición e presentalo, xunto coa documentación necesaria, no rexistro do concello.
Os requisitos para acceder a este servizo son os que seguen: menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, empadroados no concello e escolarizados en centros educativos do concello do Carballiño.
Con estes programas, o Concello de Carballiño ofrece unha alternativa de lecer para os menores que permita unha conciliación da vida familiar e laboral na que as familias poidan compaxinar o traballo e o coidado dos/as seus/súas fillos/as nos meses de vacacións escolares e durante o curso escolar.
As familias interesadas poden completar información e recoller os formularios de inscrición na taboleiro de anuncios da paxina web do concello http://www.carballino.gal, ou nas dependencias de Servizos sociais, sitas en Faustino Santalices, 10 (fronte correos ) ou no telefono 988531076.

11, Maio 2021

Na rua Ourense solo se acordan de nos para os votiños. Despois o resto so ano nada. Temos o contenedor do carton así durante semanas. De que non pasa un berrendeiro xa nin falo. Está a rúa que da asco. Aqui os espero para as pròximas cando veñan buscar a papeleta

11, Maio 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou o procedemento para a adxudicación dun total de cinco vivendas de promoción pública vacantes no concello do Carballiño En todos os casos, trátanse de inmobles que xa foran adxudicados con anterioridade e que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) asigna de novo unha vez devoltos polos anteriores moradores.

En concreto, adxudicaranse cinco inmobles emprazados na avenida de Compostela. Catro dos mesmos contan con tres dormitorios e o quinto dispón de dous. Os inmobles serán adxudicados a través dun sorteo, que se levará a cabo este xoves 13 de maio entre os que estiveran inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia na data de inicio do procedemento.

A lista de adxudicatarios e reservas resultantes dos sorteos publicarase na web do IGVS e no taboleiros de anuncios do concello do Carballiño.

10, Maio 2021

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo provincial aos xogadores, corpo técnico e directiva do Club Deportivo Arenteiro, que este domingo pechou unha tempada histórica ao proclamarse campión de terceira división, logo de conseguir con anterioridade o ascenso á segunda RFEF.

Baltar, acompañado polo asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, puxo de relevo que o acto de hoxe "era o mellor momento para abrir de novo as portas do salón provincial de plenos, logo de meses pechado", felicitando aos xogadores porque " en circunstancias como estas destes o mellor de vós, como tamén os afeccionados que sempre estiveron aí, e agora representades á elite do fútbol ourensán".

Pola súa banda, o presidente do club, Argimiro Marnotes, encomiou "o gran traballo feito durante todo o ano nun gran proxecto deportivo, no que ademais contamos co recoñecemento da Deputación e o seu apoio para as novas melloras no estadio".

10, Maio 2021

O singular espazo que une natureza e intelectualidade: a Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celebra o vindeiro 17 de maio, no 13º aniversario deste parque temático da cultura galega, unha xornada de jazz e poesía, a cargo da banda 4 Mal Quartet Jazz e os poetas Rochi Novoa e Quico, quen lembrarán a Xela Arias, a poeta, profesora, editora e tradutora galega á que se lle dedica este ano a efemérides das nosas Letras. A actividade, titulada "Musicando versos", conta co patrocinio da Deputación de Ourense, a través da Rede de Auditorios Provinciais, e o apoio do Concello do Carballiño. Terá lugar ás 19.00 horas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, define o evento como: "Un espazo único acolle un evento único da nosa cultura", e lembra que para o goberno provincial "todos os días do ano son o Día das Letras Galegas". Neste sentido, o creador e impulsor da Insua dos Poetas, o escritor porteño ourensán Luís González Tosar (Bos Aires, 1952) destaca que esta cita cultural en plena natureza comezou o 17 de maio de 2009, ano dedicado a Ramón Piñeiro, e foise consolidando "como un proxecto singular en defensa do medio ambiente, encravado no rural, que promove a lingua e a cultura de Galicia". En relación a Xela Arias, Tosar expresa: "Marchou demasiado pronto, pero aínda así converteuse nunha das voces más innovadoras e rupturistas da poesía contemporánea en lingua galega".

Precisamente, o pasado 27 de marzo, Xela Arias pasou a integrar a nómina de autores que conforman o universo literario da Insua dos Poetas. Un espazo público destinado á creatividade cultural no que a natureza dialoga coas artes plásticas e coas mellores palabras dos nosos poetas. Naquela ocasión, a Insua celebrou o IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que se converteu na primeira homenaxe ourensá a Xela Arias. Poesía, danza e música mesturáronse nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do artista ourensán Alberto Fernández que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias. O acto, titulado "Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras", contou cun espectáculo de música, danza e poesía conducido pola escritora Yolanda Castaño.

Nestes trece anos de traballo ininterrompido, teñen sido instalados na paraxe da Insua, autores das letras galegas de todos os tempos, desde Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, ata Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Xosé María Díaz Castro, Antón Tovar, Carlos Casares, Víctor Campio Pereira e os integrantes da Xeración Nós: Vicente Risco, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Ramón Cabanillas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS