
Na liquidación do orzamento do ano 2020, a cifra de dereitos pendentes de cobro, ascende a máis de 5.000.000 de € e, lóxicamente, gran parte destes cartos proveñen de impostos impagados, aseguran dende Espazo Común. Engaden que "a xestión feita por parte do Servizo de Recadación merece unha atención especial e sería desexable a elaboración dunha auditoría para coñecer realmente as causas de que uns veciños paguen, outros non e a outros se lles perdoen débedas".
O Grupo Municipal de Espazo Común do Carballiño anuncia que vai presentar, para que sexa tratada no pleno deste mes de maio, unha iniciativa para que o Concello, amplíe os prazos de pagamento de débedas de particulares "xa que os que establece actualmente a ordenanza son inasumibles para moitos veciños", consideran.
"Son xa varias as persoas que se dirixiron a nós para expresar o seu desexo de facer fronte ás contías pendentes pero que non poden facerlle fronte ao ser prazos moi reducidos", manifestan dende esta formación politica no concello do Carballiño.

A Concelleira de Medio Ambiente do Concello do Carballiño, Rita Soto, pon en coñecemento dos veciños e veciñas do Carballiño, o inicio da campaña de compostaxe doméstica co fin de aproveitar os residuos orgánicos e obter un abono de calidade e de balde. O que ,ademais, supón unha importante redución de gases de efecto invernadoiro e favorece a loita contra o cambio climático.
A campaña, que se leva a cabo nos concellos da provincia que teñen delegado o servizo de recollida de RSU na Deputación de Ourense, céntrase na distribución dos composteiros e no seguimento do proceso. Para poder solicitar a inclusión no programa o usuario debe ter a primeira residencia no Carballiño, un mínimo de 50 metros cadrados de horta ou xardín, non ter participado noutras edicións e o compromiso de estar presente nas visitas previstas na campaña.
A solicitude debe realizarse na área de medio ambiente do Carballiño en horario de 9h a 14h. Dende a concellería se anima á veciñanza a participar nesta experiencia que, sen dúbida, vén para quedarse.
O Día das Letras Galegas tivo hoxe o gran acto de lembranza da poeta Xela Arias, á quen se lle dedica este ano a efeméride da nosa cultura. Jazz e poesía mesturados para dar forma no espazo único de natureza e intelectualidade que conforma a Insua dos Poetas (na Esgueva, Madarnás, O Carballiño). Sobre o escenario, o escritor porteño e ourensán Luis González Tosar destacou a personalidade de Xela Arias como muller e poeta e a súa amizade, para dar paso, de seguido, aos poetas Quico e Rochi Nóvoa, e á banda 4Mal Quarter Jazz, que brindaron ao público o espectáculo de música e palabras titulado "Musicando versos".
O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e demais persoeiros institucionais, sociais e culturais, nunha xornada na que e protagonista foi Xela Arias, poeta, profesora, editora e tradutora galega. A actividade, patrocinada pola Deputación de Ourense a través da Rede de Auditorios Provincial, contou tamén co apoio do Concello do Carballiño.

Despois de varias semanas cunha incidencia en mínimos, con apenas 3 casos activos no Carballiño e cos 8 concellos restantes da comarca libres de virus, o certo é que chegamos á fin de semana con tendencia ascendente e con 4 concellos nos que o virus volve estar presente.
Según a última actualización de Sanidade correspondente ao sábado 15 de Maio, O Carballiño suma 7 contaxios activos, mentres que os concellos de Boborás, O Irixo e San Amaro notifican un contaxio activo, respectivamente. O resto de municipios seguen limpos de covid.
No Ribeiro, Ribadavia chega a 9 casos activos e Cortegada continúa con 1, os demáis municipios non rexistran contaxios activos.

O Alcalde do Carballiño, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, o Concelleiro de Dinamización Turística e a experta en turismo Carmen Pardo, coordinadora da publicación, presentaron na casa do concello o informe "Estratexias Turísticas para O Carballiño", informe que pretende sumar propostas ao traballo que vén realizando para a dinamización do sector.
Tras un proceso participativo, que incluíu visitas de campo, entrevistas, focus group e visitas cliente misterio (virtual e presencial), chegouse a 27 propostas de actuación municipal que respectan os ODS (obxectivos do desenvolvemento sostible).
O documento estruturásese en varios piares, un de termalismo, como non podería ser doutra maneira, acompañado doutro de natureza, un terceiro de patrimonio histórico, outro de gastronomía e finalmente un sexto de márketing.
Propóñense, entre outros, no eixo de termalismo un proxecto de formación de sanitarios non médicos no sector termal ou un programa de incentivo ao residente para o termalismo, así como outra acción de atracción de investimentos. No eixo de natureza propóñense un parque de aventura, dado que o diagnostico demostrou o potencial do Carballiño para atraer turismo familiar ou, no eixo de patrimonio histórico, a recuperación da antiga fábrica de papel como tourism lab da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.

A Concellería de Educación do concello do Carballiño que dirixe a concelleira Guadalupe Sobrado descubriu hoxe un mural na Praza da Mina dedicado a Xela Arias, a protagonista este ano no Dia das Letras Galegas. Ademáis, nos centros escolares desenvolverónse diversos obradoiros.
O 17 de Maio, no propio Dia das Letras Galegas, ás 19:00 horas na Insua dos Poetas está programado "musicando versos por Xela Arias", a cargo de Quico Valeiras e Rochi Nóvoa, a ritmo de jazz coa banda 4 Mal Quartet Jazz. Organizado pola Fundación Insua dos Poetas e incluido na programación da Rede de Auditorios Provinciais da Deputación de Ourense.

Asi luce o barrio de Flores no Carballiño, e hai xente no barrio que rehabilitou as vivendas e ten que convivir con esta basura e tamén co botellón, despois vemos propaganda na prensa, que é un insulto para todos.

A Xunta abrirá proximamente o proceso de concorrencia competitiva para seleccionar as propostas de aproveitamento das parcelas que conforman a aldea modelo do Penedo, en Boborás. Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, á alcaldesa desta localidade ourensá, Patricia Torres, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.
Así, no encontro tratáronse os avances nesta aldea modelo que inclúe 675 parcelas de 132 propietarios, cunha superficie global de 23,41 hectáreas. Unha vez xa se atopa na zona un pastor cunhas 80 cabras, apuntou o conselleiro que en breve comezará a selección de produtores e empresas interesadas en traballar os predios. Nesa liña, e segundo o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea do Penedo publicado o pasado mes de marzo no Diario Oficial de Galicia (DOG), cómpre lembrar que se contempla como uso preferente a gandaría en extensivo e o cultivo de produtos de horta, cereal e froiteiras.
A maiores, e como uso secundario dependendo da zona, sinálase a plantación de castiñeiros para a obtención de froito. Na reunión tamén se acordou avaliar a implantación doutros instrumentos de mobilización incluídos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -aprobada este martes no Parlamento-, como a dos polígonos agroforestais. A maiores, tratouse a posibilidade de mellorar distintas infraestruturas rurais e de prevención de incendios en Boborás, así como elementos do patrimonio deste municipio.

O grupo municipal de Espazo Común no concello de Piñor recorda como "a mediados do mes de outubro de 2019 publicaban os medios de comunicación que a Xunta de Galicia ía arranxar un tramo da estrada OU-154 ó seu paso polo lugar do Reino co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da mesma. Así dicíasenos que o proxecto contemplaba novas beirarrúas, luminaria e sinalización e a reposición dos servizos existentes. O investimento previsto era de 160 mil euros e tamén se podía ler que os traballos comezarían no primeiro trimestre do ano 2020, sendo o seu prazo de execución de 3 meses".
Engaden que "dous meses despois, a mediados de decembro, podiamos ler que a obra viña de ser adxudicada e que a actuación contemplaría a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade. Tamén se prevía a rehabilitación do firme así coma a substitución das redes de servizo aéreas de alumeado e de teléfono por unha canalización subterránea. Pouco despois colocouse o cartel da obra e a empresa adxudicataria empezou a demoler as beirarrúas existentes. Eran os días previos as eleccións autonómicas previstas para o mes de abril de 2020. As eleccións foron pospostas ata xullo do 2020 e as obras quedaron paralizadas sen que dende o Concello de Piñor, se nos ofrecese explicación algunha polos motivos desa paralización".
Espazo Común afirma que "son constantes as queixas dos veciños pola situación da estrada, despois de máis dunha ano coas obras paralizadas, vendo como medra a maleza no que antes eran beirarrúas, vendo como unha obra que prevía mellorar a seguridade viaria o único que fixo foi incrementala. Non son poucas as queixas tamén de parte da veciñanza do pobo que ve como as obras proxectadas só inclúen un pequeno tramo da travesía e nunha soa marxe quedando o resto do pobo nunha evidente discriminación".
Finalmente, anuncian que dende o Grupo Municipal de Espazo Común pediránlle ao alcalde no vindeiro pleno que dea explicacións por esta situación "que nos dea conta das actuacións que levou a cabo para exixirlle á Xunta o remate desta situación de inseguridade viaria", manifestan.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 261
- 262
- 263
- 264
- 265
- 266
- 267
- 268
- 269
- …
- seguinte ›
- última »