13, Marzo 2021

Os datos notificados por Sanidade neste sábado dia 13 de Marzo son malos para o concello de Maside, xa que sigue a tendencia á alza coa aparición de novos casos positivos neste municipio, que hoxe rebasa os 250 casos por 100.000 habitantes na incidencia aculumada a 7 dias. Un dato preocupante que de persistir nos próximos dias levaría a Maside a aumentar nivel de restricións. En canto a contaxios activos, Maside rexistra 8, polo tanto 1 máis que onte.

Mentres, boas noticias tanto para Boborás como para Leiro. Por vez primeira nas últimas semanas Boborás baixa no nivel de IA a 14 dias por debaixo dos 500 casos por 100.000 habitantes, e por debaixo dos 75 casos por 100.000 habitantes na IA a 7 dias. En canto contaxios activos notifica hoxe 10 casos, que son 3 menos que onte. De confirmarse esta mesma tendencia, a semana que ven Boborás sairá do máximo nivel de restricións no que permanece.

Tamén mellora Leiro, o outro concello que está sendo obxeto dun seguimento especial por parte de Sanidade, sen novos casos positivos diagnosticados no municipio durante a última semana.

O Carballiño rexistra hoxe 7 contaxios activos, 2 máis dos que tiña o pasado xoves. Cea notifica 1 contaxio activo, e o resto de municipios -Piñor, O Irixo, Punxín, San Amaro, Beariz e Avión- non teñen casos de coronavirus a dia de hoxe.

 

13, Marzo 2021

A serra do Suído forma parte do sur da Dorsal Galega, un sistema montañoso que se estende de norte a sur de Galiza e que na provincia de Pontevedra está conformado polas serras do Candán, O Cando, O Testeiro, O Faro de Avión e O Suido. O Suído esténdese por polos concellos de A Lama, Avión, Beariz, Covelo, Fornelos e Mondariz ao longo de 492 km2, configurando un espazo con identidade propia, con unha historia común e con unha grande riqueza natural e cultural. A ubicación próxima á costa e as altitudes de máis de 1.000 metros fan que esteamos ante unha das serras de maior pluviosidade de toda a península ibérica, con máis de 2.400 mm de precipitación media anual. Os ríos que nacen na serra, o Tea, o Avia e o Verdugo-Oitavén son dos mellor conservados da demarcación Galiza-Costa, tanto pola calidade das augas, pola boa conservación das ribeiras e pola variedade de flora e fauna.

A orografía, o clima, a paisaxe, a historia fan da serra do Suído un espazo de extraordinarios valores ambientais, culturais e sociais que é necesario preservar e dinamizar no seu conxunto, prevendo impactos que alteren os equilibrios e fomentando actividades sustentábeis e creadoras de valor engadido. Todo este rico patrimonio cultural e natural viuse mermado e sometido a múltiples agresións, que se poden agravar de maneira irreparábel debido a proliferación de proxectos mineiros e de parques eólicos.

Nos últimos meses, a Xunta de Galiza está a tramitar 16 parques eólicos na Serra do Suído, no Alto Tea e no Faro de Avión. O proceso de tramitación destes parques estase desenvolvendo "con falta de transparencia e con graves limitacións ao dereito de información e participación pública, debido ás restriccións derivadas da pandemia. Por outra banda, o proceso adoece de irregularidades en relación coa avaliación de impacto ambiental, xa que non se están considerando os impactos conxuntos de todas as infraestruturas e na práctica estase consumando unha fraude de lei ao fragmentar parques que comparten infraestruturas en unidades máis pequenas, un procedemento fraudulento que xa foi obxecto de sentenzas condenatorias polos tribunais de xustiza", manifestan dende a formación nacionalista.

Desde o BNG advirten que xa no ano 2008 e atendendo a moitas destas razóns, paralizáronse proxectos de construción de parques eólicos como é o caso do PE Bidueiros, un antecedente que se debe ter en conta na tramitación dos actuais parques. Precisamente un dos que se están a tramitar na actualidade é o que foi denegado en 2008. Para a formación nacionalista aínda estamos a tempo de frear esta xigantesca desfeita, que responde a intereses alleos e non ás necesidades dos concellos e da súa veciñanza.

Calquera planificación do desenvolvemento de enerxías renovábeis debe facerse -subliña o BNG-  contando coa participación dos concellos e a veciñanza, debe respectar os valores ambientais e culturais do territorio, debería ter como contrapartida o abaratamento do prezo da enerxía eléctrica e debería ter como principais beneficiarias as comunidades locais.

Co obxecto de levar a cabo un modelo económico e social que responda aos intereses colectivos, co fin de preservar os valores ambientais, culturais, sociais e de garantir o desenvolvemento sustentábel do territorio e da veciñanza do Suído e Alto Tea, o BNG a través dos diferentes Grupos Municipais nos concellos afectados, presentará unha serie de iniciativas nas que se lle demanda á Xunta de Galiza:

1. A paralización cautelar de todos os parques éolicos en proxecto ou en tramitación, co obxecto de evitar os graves impactos negativos na contorna e o risco de destrución irreversíbel de hábitas de interese prioritario da serra do Suído e do Alto Tea.

2. A apertura dun proceso de información e de participación que permita coñecer os proxectos de industrialización do monte que se están a tramitar e o seu impacto ambiental, social e urbanístico, así como a declaración da serra do Suído como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e a integración na Rede Natura 2000, co obxecto de protexer e conservar especies e hábitats de interese comunitario e de interese prioritario, con especia atención a humidais e turbeiras.

3. A ampliación da Rede Natura 2000 Río Tea coa inclusión do Alto Tea (Val de Tielas). A declaración como Reservas naturais fluviais das nacentes e das bacías dos ríos Avia, Tea, Oitavén e Verdugo, coa finalidade de garantir as súas funcións de preservación da biodiversidade, de conectores ecolóxicos entre zonas xeográficas e de subministradores de auga potábel e o inventario e catalogación de todo o patrimonio material e inmaterial do Suído, Alto Tea, Faro de Avión, Costas do Alén e A Paradanta, e desenvolvemento dun plan para a súa protección, conservación e divulgación.

4. Iniciar un proceso de participación social para a elaboración dun Plan de dinamización e desenvolvemento sustentábel do Suído e Alto Tea, con unha previsión de investimentos plurianuais por parte das administracións local, provincial e autonómica.

12, Marzo 2021

O PSdeG-PSOE de Leiro vén de reclamar "por enésima vez no que levamos de lexislatura, que o alcalde dea explicacións aos grupos da oposición da súa xestión ao fronte do Concello". Os socialistas sinalan que a actual política do Partido Popular é a do “escurantismo, a falta de transparencia e a ineficacia na xestión” e esíxenlle ao rexedor popular, Francisco José Fernández "que cumpra democraticamente contestando en tempo e forma as preguntas, rogos e suxestións que os socialistas presentan tanto por rexistro, como nas sesións plenarias".

Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que as solicitudes de documentación sobre diferentes puntos da xestión municipal acumúlanse na casa consistorial, sen que o alcalde “se digne a dar resposta á oposición, tal e como ordena a lei”. Lamentan tamén que a o rexedor “opte por prácticas pouco democráticas co único fin de evitar que se fiscalice a súa labor e deste xeito tapar a súa neglixente xestión ao fronte do municipio”. Os socialistas lembran que nas últimas semanas presentaron varias solicitudes de información por escrito, pero atopáronse cun alcalde que “se nega en rotundo a aclarar as súas actuación á veciñanza”.

Para os socialistas de Leiro resulta “digno de estudo” que o rexedor se negue a dar resposta á oposición, namentres se dedica “a venderse diariamente” en medios de comunicación comarcais co único fin de “atraer a atención da veciñanza e manipular a realidade de Leiro, para que os veciños e veciñas vexan unha realidade paralela ao que realmente acontece que é o abandono e a parálise continua”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, subliña que o rexedor “vende fume a diario na prensa, co obxectivo de confundir á veciñanza e trasladarlles unha información claramente segada e que escapa da realidade, e na que non se informa aos veciños e veciñas das consecuencias negativas da súa xestión ao fronte do consistorio”.

Esta forma de actuar “antidemocrática” e “opaca” trasládase tamén a mancomunidade do Ribeiro, na que Francisco José Fernández é tamén presidente e na que os socialistas levan tempo denunciando que se lles nega o acceso á documentación das contas, “evitando a tan temida fiscalización que quere negarnos o PP”. Unha actuación que está xerando importantes dúbidas e desconfianza no PSdeG-PSOE e que segundo relatan “deixa en evidencia que se está ocultando a verdade á veciñanza do que acontece en ambos organismos”.

Manuel Rodríguez subliña que “non e posible entender o principio de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión se tanto se preconiza dende as filas do Partido Popular” e apunta que “todo queda reducido por unha actitude opaca, soberbia e prepotente de un alcalde e presidente de mancomunidade que pretende escapar con gran temor dos órganos de control da oposición”.

Os socialistas xa manifestan que presentarán escritos diante do presidente da Deputación de Ourense e líder do PP provincial, José Manuel Baltar e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para “dar conta da situación e por presidir institucións que con recursos públicos financian servizos municipais que prestan á veciñanza tanto a mancomunidade como o concello”.

12, Marzo 2021

O comité clinico que fai o seguimento da evolución da pandemia en Galicia volveu reunirse este venres e acordou prorrogar o nivel 1 de restricións para o concello de Boborás, que con 13 contaxios activos, continúa cunha incidencia acumulada de 629 casos por 100.000 habitantes. Desta maneira, continúa no máximo nivel de restricións unha semana máis, con peche perimetral, hostelería pechada e reunións de non conviventes prohibidas.

Ademáis, e tal como viñemos avanzando desde esta emisora de radio, o comité clínico mantén un seguimento especial aos concellos de Maside e Leiro, que continúan en situación de risco, debido ao incremento de novos positivos nos últimos dias. 

En canto a contaxios activos, Boborás continúa con 13, Maside (+1) rexistra 7, e O Carballiño mantén 6. San Cristovo de Cea, que figura dende fai dias sen ningún caso, volve hoxe rexistrar un contaxio activo. Siguen libres de virus Piñor, Beariz, San Amaro, O Irixo e Punxín.

12, Marzo 2021

Un día correndo polo parque de Carballiño atopeime con que tiñamos a nosa propia subida o Ézaro, aquí no Carballiño. 
Creo que a imaxe xa dí moito por sí soa. Alegreime moito que fosen a arranxar o entorno da Pena dos Namorados pero cando pasei por alí e vin semellante pendente...

Non é a miña área pero polo que teño entendido as pendentes máximas son en parques e xardíns (existe unha nota técnica de paixasismo) de entre un 6 e un 12 % dependendo da lonxitude da rampa. Ademáis temos lexislación a nível Nacional e Autonómico sobre accesibilidade.

¿Que pendente ten esa rampa? Eu bótolle ben máis de 40% fácilmente. ¿Non puideron de facer descansos na rampa que son necesarios?porque ademáis da pendente está a lonxitude tan grande da mesma. ¿Non pensaron en facer unha rampa de tipo italiano por exemplo e darlle máis lonxitude para suavizar a pendente? Etc..

Por outro lado a baldosa empregada ou formigón impreso non parece que teña moitas propiedades antideslizantes. Imaxinádevos un día de xiada, ou que esté mollado cas follas das árbores...¿Se cae unha persoa e sofre un accidente grave por un golpe na cabeza e denuncia o concello?

Teño moitos adxectivos calificativos na cabeza pero voumos reservar, ahí queda para a reflexión.

Saúdos 

11, Marzo 2021

A corporación municipal de Avión aprobou en sesión plenaria dúas propostas feitas por alcaldía dentro das medidas de apoio á veciñanza e aos sectores locais máis castigados pola crise sanitaria, como é o caso da hostalaría. Neste contexto, o concello de Avión acordou adherirse ao sistema da Xunta para o pago das axudas aos hostaleiros, un sistema que axilizará os trámites burocráticos, de tal maneira que a maiores das axudas autonómicas, o concello comprométese a unha axuda adicional por importe de 1.000 euros.

O alcalde Antonio Montero tamén explicou nos micrófonos de COPE O Carballiño que no próximo exercio fiscal os contribuintes co concello de Avión beneficiaránse dunha rebaixa no imposto do IBI, a tal efecto, a corporación aprobou unha modificacion no coeficiente impositivo municipal, que pasa do 0,6 no que estaba ao 0,5 no que agora queda fixado "desta maneira tamén se compensará os efectos da revisión catastral feita no municipio", subliñou o rexedor.

Doutra parte, o pleno ratificou o convenio que ven de remitirlle ao concello de Avión a Consellería de Infraestructuras, a través de Augas de Galicia, para impulsar a mellora do sistema de saneamento nos lugares de San Vicenzo e O Sifón, cunha aportación autonómica de 148.000 euros, mentres que o concello contribuirá con 37.000 euros a este proxecto que consistirá na eliminación de fosas sépticas e a conexion das redes de saneamento dos dous núcleos coa depurada de Avión, mediante unha tubaxe de PVC estructurada en dous tramos.

11, Marzo 2021

Na Praza da Veracruz as ratas campan as súas anchas (faltan gatos, e gatas, no Carballiño).

11, Marzo 2021

O Concello de Maside e o Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, logo da asinar un convenio de colaboración para a elaboración dun Mapa municipal de radon e despois de agardar un tempo prudencial pola COVID, convocaron unha reunión na Casa do Concello para iniciar os preparativos do procedemento para a medición do gas en 69 vivendas. Nesta reuníón particparon Alberto Ruano, Profesor Titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública e Coordinador do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela no Laboratorio de Radon de Galicia; José Manuel Iglesias, Alcalde do Concello de Maside e Óscar Gónfer, arquitecto municipal.

O convenio de colaboración asinado entre o Concello de Maside e o Laboratorio de Radón de Galicia é o primeiro da provincia de Ourense e o segundo en toda a comunidade autónoma de Galicia, despois do asinado polo Concello de Teo. O Concello de Maside leva máis de dous anos –a través da súa Oficina municipal de urbanismo– prestando de forma gratuíta servizos de xestión co Laboratorio de Radon de Galicia para realizar as medicións e de asesoramento sobre as posibles medidas de mitigación, cun total de 52 medicións repartidas ao longo de todo o municipio e que abarcan vivendas unifamiliares, negocios e locais comerciais, edificios de uso público municipais e residencias de maiores, o colexio público e o centro de saúde.

Dentro da promoción dunha vida saudable e da caracterización e medición dos riscos para a saúde, o Concello de Maside pretende fomentar as medicións de radon interior nas vivendas do municipio coa colaboración do Laboratorio de Radon de Galicia, para dar mellor información aos veciños, incluíndo actividades formativas no Concello impartidas polos membros do Laboratorio de Radon de Galicia e dispor dun mapa detallado de exposición a radon que será de utilidade para a construción de novas vivendas ou rehabilitación das existentes. As vivendas a medir serán aquelas que reúnan certas características. As medicións faranse con detectores de longa exposición (de tipo Alpha-track), mediante procedemento acreditado pola ENAC.

As características que deben reunir as vivendas a medir son as seguintes: Vivendas sitas no Concello de Maside e que a persoa ocupante estea censada neste Concello, vivendas unifamiliares, illadas ou adosadas (as vivendas con soto terán preferencia) e o desexo do propietario de coñecer a concentración de radon. Nunha primeira fase medirase unha vivenda por cada núcleo de poboación do municipio, é dicir, un total de 69 vivendas. Os resultados das medicións serán confidenciais e proporcionaranse de xeito exclusivo aos propietarios das vivendas e serán integrados de forma anónima no Mapa de Radon de Galicia.

9, Marzo 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto para completar a mellora da estrada OU-154 no Reino, no concello de Piñor. O contrato, cun prazo de 6 meses, foi adxudicado ao consultor Urbing, Proyectos de Urbanismo e Ingeniería Civil, S.L., por un importe de máis de 18.000 euros.

O obxectivo da actuación é darlle continuidade á primeira fase do acondicionamento nesta estrada ao seu paso polo lugar do Reino. Os traballos desta segunda fase incluirán a mellora das redes de electricidade, do alumeado público e de telefonía existentes. Na actualidade, estas redes son aéreas polo que, para eliminar os postes de electricidade e cableado existentes, executarase un prisma de servizos que albergue unha rede de tubos enterrados, dotando as vivendas de acometida.

Esta instalación realizarase no espazo que ocupa a beirarrúa, coa conseguinte reposición do pavimento e a mellora da accesibilidade xeral de toda a rúa. Tamén se disporá unha nova rede de alumeado público con luminarias de tipo led. Estes traballos obxecto da adxudicación completan as obras xa iniciadas neste treito, que se reanudarán na primeira quincena de abril tras a necesaria tramitación das reposicións dos diferentes servizos. A actuación, licitada por un importe de 160.000 euros, consiste na adecuación da estrada OU-154, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+741 e 2+025, para incrementar a seguridade viaria na contorna. A intervención recolle a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS