22, Maio 2025

Dende o BNG de Maside expresan publicamente "a fonda preocupación pola falta de información clara e actualizada por parte do goberno municipal respecto á calidade da auga da traída e pola súa nefasta xestión da situación". O pasado 2 de maio de 2025 -recordan- o Concello de Maside fixo público un bando no que se advertía da presenza de parámetros non aptos na auga da billa, recomendando non consumila para uso alimentario.

Porén, manifestan, o contido do bando era vago e insuficiente, sen explicacións detalladas nin información sobre as causas nin as medidas adoptadas para protexer a saúde da veciñanza. Segundo consta na páxina oficial do Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC), a última analítica publicada, datada no 7 de febreiro de 2025, xa indicaba que a auga non era apta para o consumo humano, subliñan.

Engaden que "A veciñanza descoñece se daquela se produciu unha situación similar á actual, e non foi informada en ningún momento sobre esa circunstancia, polo que esiximos explicacións inmediatas". Ademais, a día de hoxe, non se emitiu ningún novo bando que informe da resolución do problema, nin se publicou ningunha nova analítica que acredite que a auga volve ser apta para o consumo,remarcan.

Pregúntanse desde o BNG, cal é o estado real da auga da traída neste momento,por qué non se informou á veciñanza da situación detectada xa en febreiro, e por qué non se está a garantir un subministro alternativo de auga potable mentres persiste o problema.

Recordan que desde o 2 de maio, día en que se publicou o bando municipal recomendando non consumir a auga, o Concello ten a obriga legal e moral de garantir que toda a veciñanza teña acceso a auga apta para o consumo, xa sexa mediante cistermas móbiles ou reparto de auga en garrafas. A día de hoxe non temos constancia de que se estea a facer nada diso, e a cidadanía segue sen respostas nin solucións claras.

Finalmente, manifestan que O BNG de Maside esixe a publicación inmediata dunha nova analítica oficial, a actualización da información no SINAC e a explicación pública das medidas adoptadas.

22, Maio 2025

Lembren que aquí viven persoas, que só nos teñen en conta na víspera das eleccións. Por non falar de que en toda a rúa hai polo menos tres farolas arrancadas polo pé

21, Maio 2025

No próximos dias ambas partes, Xunta e Comuneiros, asinarán o acordo que pon fin a 14 anos de conflicto, incluída a vía xudicial.

O acordo contempla a cesión á Xunta de 142.000 m2 do Monte Veciñal en Man Común da Cidade, propiedade dos comuneiros dos lugares de Cristimil e A Torre, no concello de San Amaro. A cámbio da "expropiación amigable" a Xunta abonará aos comuneiros 241.962 euros.

Escoita aquí a historia do conflicto e cómo agora se chega a este acordo, nesta entrevista de COPE O Carballiño ao presidente da Xunta Rectora do MVMC de Cristimil e A Torre, José Modesto Rodríguez Alén:

19, Maio 2025

A corporación municipal de Leiro ratificou a proposta da Entidade Local Menor de Berán para a licitación do contrato da explotación do novo balneario, 18 anos despóis de que rematase a súa construcción.

O acordo no seo da Entidade Local de Berán foi por unanimidade dos tres membros que a integran, dous do Partido Popular e un do PSOE.

No caso da ratificación por parte do pleno do concello, o acordo foi por maioria do Partido Popùlar, mentres que o BNG optou pola abstención e o PSOE pedíu que o asunto quedase sobre a mesa, especialmente críticos coa falta de participación veciñal neste procedemento.

O Pleno rematou cun enfrontamento verbal entre o alcalde Francisco Fernández e o concelleiro do PSOE Manuel Rodríguez, que foi expulsado da sesión por parte do alcalde tras chamarlle á orden por tres veces.

Escoita aquí a crónica do pleno:

18, Maio 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta semana co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, e o concelleiro de Turismo deste municipio, Manuel Dacal, para concretar vías de colaboración que contribúan a difundir fóra de Galicia a Festa do Pulpo.

Os responsables da Xunta e concello carballiñés coincidiron na proposta de impulsar o gran potencial da Festa do Pulpo como motor socioeconómico para a contorna, así como accións para poñer en valor a contribución das persoas galegas emigrantes ao desenvolvemento do Carballiño.

En relación coa dinamización da actividade económica e coa vertebración do territorio, na xuntanza destacouse o labor do Polo de emprendemento do Carballiño, que leva atendidos máis de 240 proxectos e máis de 620 titorías realizadas.

Os proxectos abranguen diferentes sectores, entre os que predominan os servizos (20%), a hostalaría (16%), e o comercio (14%). Das persoas atendidas neste polo preto do 60% son mulleres e nel lévanse realizado máis de 90 actividades entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da rede.

18, Maio 2025

Os semáforos dos Catro Camiños levan avariados desde o venres a mediodía, a foto está sacada o Domingo ás 11:30 da mañá. A quen corresponda, tomen cartas no asunto antes de que ocurra un accidente. 
 

Vergoña.

16, Maio 2025

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense publicou o 7 de maio de 2025 as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a construción de ecoaloxamentos e a súa convocatoria, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGeneration EU, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A subvención conta cun orzamento de 212.000 euros pertencente á actuación 1.3 “Ecoaloxamento en Concellos con potencial termal ou con centros históricos, dentro do Eixo 1 “Transición verde e sostible” do PSTD.

O obxecto da subvención é a construción ou instalación de ecoaloxamentos en municipios con oferta reducida ou inexistente de infraestrutura turística, que conforman a área de intervención do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Colle Velocidade, Vilas Históricas e Termais, da provincia de Ourense, (Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia, Verín, Allariz e Castro Caldelas).

A contía das subvencións obxecto desta convocatoria consistirá no 40% do prezo total neto do proxecto de construción de cada ecoaloxamento cun máximo de 40.000,00 €.

Os interesados poderán presentar un máximo de dúas solicitudes a condición de que os ecoaloxamentos atópense en municipios distintos dentro do ámbito de actuación. Para presentar a solicitude contan co prazo dun mes desde a publicación do BOP, que expira o vindeiro 9 de xuño.

O resto das condicións e criterios para a concesión da subvención atópanse recollidos nas bases reguladoras: https://www.depourense.gal/es/servizos/subvencions/relacion-concursos/co...

--

15, Maio 2025

O alcalde Fumega pasou polos estudos de COPE O Carballiño para repasar a actualidade municipal e responder ás preguntas da audiencia.

O rexedor municipal avanzou unha modificación de crédito que deberá aprobarse nun dos próximos plenos da corporación que ascende a 900.000 euros, para financiar distitnos proxectos no concello do Carballiño.

Fumega asegurou que o pacto de goberno entre PSOE e PP goza de boa saúde e que está sendo beneficioso para O Carballiño, e proba delo -dixo- serán os máis de 30 millóns de euros que se investirán en proxectos claves para O Carballiño durante este mandato municipal.

O alcalde admitíu que "a dia de hoxe hai un noventa por cento de posibilidades" de que non vai presentarse á reelección á alcaldía en 2027, e tamén comentou sobre outros asuntos da actualidade municipal.

Podes escoitar a intervención íntegra do alcalde no PODCAST de COPE O Carballiño:

15, Maio 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, informou esta mañá á alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres, de que o Portal de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación das obras do novo centro de saúde do municipio por importe de 1.951.250 millóns de euros.

Durante a xuntanza de traballo, na que tamén participou a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, o titular de Sanidade apuntou que o novo centro de saúde permitirá ampliar en máis de 200 metros cadrados a superficie do actual inmoble.

En concreto, a nova infraestrutura sanitaria acadará os 786 metros cadrados de superficie, posibilitando a ampliación dos seus servizos. Permitirá, concretamente, dispor dunha consulta para a saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra destinada aos pacientes respiratorios.

Así, o novo inmoble contará con dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermería e tamén unha novas sala de xuntas.

O deseño elixido para o novo centro de saúde busca a mellor integración coa contorna en todos os seus aspectos, empregando materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira.

Unha vez se formalice o contrato de obra, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 16 meses para levar a cabo a súa construción.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 10 de xuño para enviar as súas ofertas.

15, Maio 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares.

Nesta reunión, que tivo lugar esta mañá na sede da Delegación Territorial da Xunta en Ourense, a conselleira e o rexedor abordaron actuacións en materia de urbanismo, de interese para este municipio ourensán.

M. Allegue subliñou o compromiso do Goberno galego para colaborar cos concellos e impulsar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida dos cidadáns e a reforzar a competitividade económica, fixando tamén poboación no rural.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS