
Ambiente de feira, con mercado e pupeiras, como cada derradeiro de mes, e ademáis O Carballiño despídese de Xullo neste venres dia 31 con tres espectáculos no anfiteatro da Praza da Veracruz, e dentro da programación de verán da concellería de cultura do concello carballiñés.
Da man de Talía Teatro chega unha proposta familiar e infantil "Voa, voa", unha peza pensada para lembrar e divulgar a arte de xogar coas palabras; para animar a nais, pais, avoas e avós a lembrar os seus xogos de infancia e o vocabulario que neles había e enredar coas nenas e nenos de hoxe empregando os devanditos, retrousos, xogos de man... que chegaron a eles transmitidos xeración tras xeración e cos que tanto se divertiron de pequenos. Voa, voa, que conta cunha axuda á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, estará este venres, 31 de xullo, ás 11,30 h., no anfiteatro da Veracruz.
O primeiro concerto de música tradicional da xornada estará a cargo do grupo folk “Caldo” cun repertorio a base detemas tradicionais e composicions propias. O concerto, que se enmarca na Rede Galega de Teatros e Auditorios, terá lugar ás 20,00 h., no anfiteatro da Veracruz, con entrada libre e aforo limitado. CALDO son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Creado con agarimo, CALDO resulta un prato musical delicioso, no que os ingredientes viven unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. Neste proxecto, apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material recolleito polo mestre Xisco Feijóo e as informantes Rosa e Aída Garrido. Así, no seu primeiro disco, formado por tema orixinais, CALDO emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nolos seus concertos.
E xa por último, o gaiteiro carballiñés Isidro Vidal ofrece este venres un concerto de música folk no anfiteatro da Veracruz, dentro do programa cultural do verán 2020. A actuación será ás 21,00 h., con entrada libre e aforo limitado. Isidro Vidal busca poñer de actualidade a gaita mesturada con sons máis electrónicos, e neste concerto estará acompañado por Carlos Mariño (sintetizador) e Suso Feixón (percusión).

Alcaldes, alcaldesas e portavoces do Partido Popular na provincia de Ourense, entre eles a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e o alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, expresaron hoxe o seu malestar pola reestruturación dos servizos de atención ao cliente que a entidade financeira Abanca está a realizar nos concellos do rural ourensán, o que está a supoñer unha drástica reducción de días de apertura das oficinas, horarios e mesmo o peche das sucursais.
Nunha reunión mantida esta tarde na sede provincial popular, unha representación dos alcaldes, alcaldesas e portavoces dos concellos afectados por toda a provincia esixiron a Abanca o mantemento dun servizo digno de atención, “logo de que no seu día a veciñanza confiou os seus cartos a esta entidade e agora vense defraudados, abandoados, sen servizo, facendo longas ringleiras para que lles atendan, desprazándose a outras localidade e cinguíndose aos horarios e xornadas impostas de xeito unilateral polo banco”.
Abanca, coincidiron en sinalar os representantes municipais, ven facendo gala do seu compromiso social co rural, “pero o certo é que establece unha inaceptable discriminación cos clientes das ciudades, afectando a todos os habitantes e empresas do rural”.
Os asistentes á reunión, que recolleron o sentir dos seus compañeiros e compañeiras en toda a provincia e da veciñanza, lembraron que a entidade financeira “como moitos outros servizos, adoptou unha serie de medidas de reestruturación como consecuencia da pandemia, pero agora non podemos aceptar que manteñan os recortes e mesmo a supresión da atención aos clientes amparándose na situación derivada do Covid-19”.

As Xornadas Gastronómicas do Pulpo, que se celebrarán do 3 ao 9 de agosto, contarán coa participación de trinta e nove locais hostaleiros, dos cales vintecatro ofrecerán pulpo durante toda a semana, e quince máis o farán o sábado e o domingo, días 8 e 9. Así mesmo, o domingo 9 haberá uns vinte postos de venda de pulpo nas rúas e prazas da vila.
Este evento foi presentado hoxe, xunto co cartel, polos concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente.
Manuel Dacal dixo que o obxectivo era ofrecer a posibilidade de degustar o plato máis característico da gastronomía carballiñesa, como é o pulpo á feira, dun xeito totalmente seguro tanto para os visitantes como para os veciños, e por eso non ía haber ningún tipo de acto oficial nin concentracións de xente, senón que se trata de dinamizar o comercio e a hostalería local con todas as garantías de cumprimento da normativa polo covid 19. Así, recoméndase reservar calquera día da semana nalgún dos establecementos hostaleiros que participan nestas xornadas, para xantar e disfrutar dun tempo de lecer no Carballiño.
Manuel Dacal destacou a calidade do cartel deseñado pola carballiñesa Ari Quintas, que xa realizou os carteis da Festa do Pulpo dos dous últimos anos, e que plasma con moita beleza plástica o verdadeiro significado desta tradición e celebración gastronómica do Carballiño. Por isto, expresou o seu agradecemento.
E tamén agradeceu a colaboración das entidades e empresas patrocinadoras, como o Inorde e a Deputación Provincial de Ourense, a Xunta de Galicia, Abanca, Gadis, Aceites Abril, Estrella de Galicia, Adega Pazo Tizón, Destilería Paniagua, Cer&Ber, Aparthotel Arenteiro e Aquanatura.
Diego Fernández referiuse ao programa cultural que antecede ás xornadas gastronómicas, e que se desenvolverá durante esta fin de semana, con actividades infantís e familiares e para todo tipo de público, que terán lugar no anfiteatro da Veracruz e na Praza Maior.
Así, destacou o xoves, 30, a proxección da película de animación La Gallina Turuleca, e o xoves 6 de agosto a película Los Miserables; o venres, 31, o espectáculo infantil Voa, voa, e o festival de música folk con dous concertos de Caldo e Isidro Vidal; o sábado, 1 de agosto, actuación do pallaso Peter Punk e do Mago Teto; e o domingo, Os monicreques do Kukas e o concerto infantil de Xoán Curiel.
O concelleiro destacou o bo comportamento do público nos actos culturais que se teñen celebrado ata agora, e expresou o seu desexo de que se poda continuar na mesma línea, dinamizando a vida cultural do Carballiño cumprindo a normativa de separación e seguridade polo cornavirus.
Adxuntamos o listado dos locais hostaleiros participantes nas xornadas.

A xunta directiva do Centro de Estudos Chamoso Lamas decidiu suspender a celebración do XII Congreso da entidade a causa do covid 19.
As condicións de separación e seguridade que se esixen para a celebración do congreso na sede da entidade en Cabanelas, impiden que se podan cumplir, polo que se toma esta decisión de suspendelo.
Este congreso, que se celebra con carácter bianual e que debía ter lugar no mes de setembro deste ano 2020, aprázase para o 2021.
Así mesmo, comunícase que a entidade atópase traballando neste intre na edición dun novo número da revista Argentarium, así como das actas do anterior congreso, co obxectivo de que se publiquen e se presenten antes de rematar este ano 2020.
As queixas e denuncias acumulanse no Whassapp de COPE O Carballiño, e todas inciden no mesmo: a falta de mantemento é total nesta ruta de sendeirismo creada en 2008 polo concello do Carballiño e por medio dunha subvención do Ministerio de Medio Ambiente, daquéla dirixido pola ourensana Elena Espinosa, cunha inversión de 1,5 millóns de euros.
O certo é que en 12 anos apenas se realizaron traballos de mantemento, e nos últimos anos nin xiquera de desbroce, o que está provocando un deterioro de toda a ruta, dunha extensión de 17 kilómetros por sendeiros e camiños das parroquias de Partovia, O Barón e Mesego. En consecuencia, maleza por todas partes, desprendemento de muros enteiros, pontes a piques de derrubarse, árbores caídas, regatos cheos de lixo, e paneis e sinais informativas caídas, é a estampa coa que se encontran os sorprendidos sendeiristas.

Nos vindeiros días, o voceiro de Espazo Común no Concello de San Amaro, Fausto Alén, rexistrará un escrito para demandar ao goberno municipal a creación dunha serie de liñas de axuda para todos aqueles cidadáns que, dun xeito ou doutro, sufren as consecuencias da crise do COVID-19.
"Faise imprescindible para fortalecer ás pequenas empresas do noso pobo e ás familias máis desprotexidas que as institucións se impliquen con medidas concretas que garantan que ninguén quede atrás nunha situación tan delicada como a que estamos a vivir", manifesta.
O representante de Espazo Común en San Amaro engade que "é, polo tanto, fundamental o papel dos concellos neste momento. Vemos como na nosa contorna xa foron varios os que habilitaron liñas de axuda para pemes, autónomos e familias e, como é costume, o San Amaro xa vai tarde".
Finalmente, Fausto Alén asegura que "a incertidume é máxima entre a poboación e non se debe agardar a que a situación sexa irreversible. Hai que actuar xa".
Bos días: teño unha casiña en Banga e este fin de semana fun, ca esperanza de que por fin o Concello limpiara tanto as cunetas, acceso o pobo como partes que son comuns.
Pero, non foi posible. Banga ten unha igrexia que é patrimonio da Xunta así como a Casa de Emilia Pardo Bazán. Está considerada o "Balcón do Ribeiro" pero mais que "balcón" para "escombro".
Todo está cheo de maleza. Todos os anos estaba limpo para o día de Santa Margarita (23 de xullo) pero como este ano non temos nada de nada, pois non temos nin limpeza.
O Concello é o primeiro que manda requerimentos os dos de eidos que non teñen limpos pero quén llo envía e eles? ¿creense que están por encima do resto da poboación que paga rigurosamente os seus imposto?
Esta mañá puxen, a través da sede electrónica, unha queixa para que o limpien.
Esperemos que así sexa. Porque, prácticamente estamos xa en agosto e despois están moi ocupados cos preparativos da festa do pulpo, pero este ano non teñen escusa, NON HAI FESTA COMO TAMPOUCO A TIVERON EN NINGÚN POBO.
Isabel Oliveira

As concelleiras socialistas en Punxín veñen de solicitar, mediante a presentación de dúas mocións, a mellora da “Praza do Souto” en Rubiás, así como a realización dun parque infantil na parroquia de Vilela. Indican dende o Grupo Municipal socialista que se trata de demandas da veciñanza destes dous lugares, “a parroquia de Vilela é a única do Concello que non dispón dun lugar de esparcemento para os máis cativos, e a praza do Souto de Rubiás atópase totalmente abandonada e carente de iluminación”, indica Peleteiro.
Asimesmo, indican que están a manter contactos coa veciñanza de todas as parroquias, dentro das posibilidades pola situación excepcional que se está a vivir, co fin de traballar nun “Plan de Mellora Integral do Concello”. A voceira socialista, Lorena Peleteiro, sinala que “estamos a facer o traballo que debería estar a facer o Grupo de Goberno, pero ante a súa parálise e desidia, non podemos quedarnos paradas”.

Nove participantes no procedemento que ven de levar a cabo o concello do Carballiño para a contratación de operarios de limpeza viaria no concello do Carballiño veñen de presentar unha reclamación conxunta contra a resolución publicada polo concello ao entender que se cometeron irregularidades "coa valoración que se fixo da documentación aportada por todos os aspirantes".
Manifestan o seu desacordo e mediante un escrito asinado por nove dos aspirantes que participaron neste proceso selectivo para a contratación como varredores no concello carballiñés presentado no rexistro municipal piden "que se revisen de novo todas as valoracións e que se aplique o mesmo tratoa todos os participantes sen discriminación nin favoritismos".

Despois de algo máis de dous anos de traballo, entre rodaxes, montaxe e edición, o equipo de audiovisuais do IES Chamoso Lamas vai estrear o seu documental sobre o templo da Veracruz, titulado "Pedra a pedra". Trátase dunha curta documental (24 minutos de duración) realizada por un equipo de alumnos e profesores do instituto, que leva xa varios anos traballando no audiovisual e sacando proxectos adiante como a curta documental Sons no Camiño ou o DVD de entrevistas no libro sobre o comercio local feito pola asociación fotográfica Potiños.
A proxección de estrea realizarase dentro do propio templo da Veracruz o día martes, 28 de xullo. Faranse dous pases, un ás 22:00 hora e outro ás 23:00 horas, para facicilitar que todas as persoas interesadas a poidan ver, xa que o aforo estará reducido a 50 persoas por pase, por motivos de seguridade sanitaria e tamén de condicións de visionado. A entrada é totalmente gratuíta e poderanse recoller as invitacións na parroquia do Carballiño ata encher o aforo. Será necesario o emprego de mascarilla durante todo o acto.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 339
- 340
- 341
- 342
- 343
- 344
- 345
- 346
- 347
- …
- seguinte ›
- última »