
A Festa do Pulpo do 2020 non se celebrará como tal, senón que se cambia por unas xornadas gastronómicas na vila entre o 3 e o 9 de agosto, nas que o protagonismo seguirá recaendo no pulpo ao estilo feira, que se poderá degustar nos bares, mesóns e restaurantes do casco urbano, que ofrecerán un menú típico da Festa do Pulpo, como é a carne ao caldeiro e empanada, ademais doutras posibles ofertas culinarias da hostalería local.
De feito, durante esa semana, o concello autorizará a instalación de postos de pulpo nas rúas e prazas da vila, dun modo semellante a como se fai os días de feira, e incluso se permitirá algún emprazamento máis, co obxectivo de facilitar que as persoas que desexen degustar o pulpo no Carballiño o podan facer calquera día desa semana, evitando posibles aglomeracións.
Coa finalidade de garantir a separación de seguridade, así como o cumprimento da normativa sanitaria polo covid 19, recoméndase reservar mesa nos establecementos hostaleiros da vila para calquera día da semana, sobre todo o venres, 7 de agosto, o sábado, 8 de agosto, e o domingo, 9 de agosto.
Precisamente, estes dous últimos días son os que haberá un maior número de pulpeiros e pulpeiras cocendo na rúa e prazas da vila, tal e como o manifetaron durante a reunión que mantiveron este pasado luns cos concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente.
Onte á tarde tívose outra reunión co sector hostaleiro para falar do menú que se ofertará durante eses días, así como para garantir o cumprimento da normativa en materia de separación e prevención, e promover as reservas de mesas.
Durante esa semana tamén haberá actos culturais de pequeno formato, tanto infantís como para dultos, con aforo limitado a 150 persoas, que terán lugar na Praza Maior, no entorno da Veracruz e na explanada do Parque Municipal, con cadeiras desinfectadas e nos que se cumprirán estrictamente as medidas de separación e prevención sanitaria establecidas para este tipo de actos, como levar mascarilla e lavar as mans cunha solución hidroalcólica á entrada. Pese a celebrarse ao aire libre, estes recintos estarán acotados por vallas.
Cine, teatro e música, con preponderancia dos grupos locais, permitirán manter viva a actividade cultural no Carballiño, pero evitando calquera tipo de aglomeración.
Neste sentido, compre destacar que non se permitirá o consumo de bebidas fóra das terrazas ou do interior dos locais hostaleiros, e gardando sempre as medidas de separación e prevención establecidas, quedando totalmente prohibido a instalación de barras no exterior dos locais ou de columnas de sonido, como se solía facer na víspera da Festa do Pulpo.
A Policía Local velará polo cumprimento desta prohibición, así como de que se organicen “botellóns” pola mocidade, que non se permitirán en ningún caso.
Ao non celebrarse a Festa do Pulpo do 2020 como tal, tampouco terá lugar ningún dos actos programados nos anos anteriores, como son a elaboración da tapa xigante de pulpo, nin a Festa das Camisetas, entre outros.
Con estas medidas, o concello pretende apoiar á hostalería e ao comercio local, así como ao sector do pulpo, durante a primeira semana de agosto, pero garantindo en todo momento o cumprimento estricto das medidas de separación e prevención establecidas.

O complexo turístico do Corgo (Muíños) acollerá este verán, novamente, os campamentos "Explora Ourense" e "Natur-Camp", que ofrecerán actividades deportivas, culturais, musicais e de natureza aos ourensáns de entre 9 e 17 anos, "nun dos lugares máis emblemáticos da nosa provincia, perfectamente disposto para desenvolver estes eventos con éxito acreditado en todas as anteriores edicións, e con total satisfacción dos usuarios e das persoas que os atenderon", destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación, que tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, onde estivo acompañado polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o representante de Sustinea, Paulo Vázquez; e o representante de La Casa de la Música, Fernando Calvo.
Baltar destacou a idoneidade do lugar onde se desenvolven os campamentos, "que mestura auga, sendeirismo e natureza, co interese arquitectónico e patrimonial, sendo un auténtico regalo para os sentidos e para que a xente nova, co asesoramento dos monitores, descubra e sinta ese orgullo ourensán".
O presidente do goberno provincial dixo que Sustinea e La Casa de la Música son "colaboradores esenciais" para poñer en marcha dous campamentos de verán que son "benvidos logo desta etapa tan difícil" e agradeceu a todos o seu labor para desenvolver estas actividades, que "continuaremos a organizar porque son algo innovador no medio rural, pero tamén a mellor postal dese Ourense que defendemos, un Ourense de auga, natureza e de inmensas posibilidades do noso medio natural".
Pola súa parte, Plácido Álvarez agradeceu á Deputación de Ourense a súa colaboración e invitou á mocidade ourensá a gozar do municipio de Muíños e da comarca da Baixa Limia afirmando que ambos son "destino seguro".
O tradicional campamento "Explora Ourense", que leva seis anos celebrándose, volve ao calendario estival da nosa provincia para que 50 rapaces de entre 9 e 14 anos, en diferentes quendas, poidan coñecer a riqueza natural e cultural da nosa provincia. Desenvolverase do 1 ao 6 de agosto para 25 rapaces de 12 a 14 anos; e do 7 ao 12 de agosto, para 25 rapaces de entre 9 e 11 anos. Os interesados en participar poderán inscribirse desde mañá, 7 de xullo ata o 16 de xullo, e deberán formular a inscrición no Rexistros da Deputación ou dos concellos da provincia. A cota de inscrición para participar no campamento é de 88 euros.
Paulo Vázquez insistiu na importancia, este ano, de "habilitar un espazo para que os nenos e nenas poidan gozar e estar con plena seguridade e garantías de saúde e hixiene, nun espazo natural e libre no que poidan correr, xogar e esquecerse desta enfermidade". O campamento baséase novamente nas actividades ao aire libre como o sendeirismo, o kayak, e os xogos medioambientais.
O representante de Sustinea explicou que o campamento se reforzou, dada a situación actual, en tres áreas, primeiro que as instalacións do Corgo compren tódalas garantías que marca a pertinente lexislación sanitaria, as actividades serán ao aire libre e en pequenos grupos, establecerán un protocolo de detección e as medidas de hixiene e desinfección en tódolos materiais que empreguemos e nas propias instalacións. Paulo Vázquez animou a tódolos pais e nais a que inscriban aos seus fillos porque "van a gozar e van a facelo con seguridade e con equipos de monitores perfectamente formados".
Máis información: www. exploraourense.com.
"Natur-Camp"
A segunda actividade presentada hoxe foi "Natur-Camp", un campamento que ofrecerá á mocidade de 12 a 17 anos, un variado programa de actividades culturais e deportivas. "Natur-Camp", que se celebra por segundo ano, desenvolverase do 25 ao 31 de xullo, en Muíños, para que a mocidade de 12 a 17 anos, ata cubrir as 40 prazas ofertas, poidan realizar as actividades que se planificaron ao redor de dous pilares: no apartado musical con propostas de iniciación ao canto, á guitarra, ao baile moderno, para o que non é necesario ter coñecementos previos, e tamén haberá actividades propias dos campamentos de verán como sendeirismo, actividades náuticas, escola de patinaxe, explicou Fernando Calvo, quen dixo que "será moi divertido e que os rapaces, logo de pasar esta época, están necesitados de relacionarse nun ambiente de natureza, sen esquecer nunca as medidas de protección e seguridade".
Os interesados en participar poderán inscribirse desde mañá ata o 15 de xullo e poden recollerse os impresos no Rexistro da Deputación ou ben a través da páxina web de La Casa de la Música, e deberán presentalo nas oficinas de Rexistro da Deputación. A cota de inscrición é de 88 euros. En ambos campamentos, se hai máis solicitudes que prazas, procederase a realizar un sorteo.
Máis información: www.casadelamusica.es.
Son unha veciña do Carballiño que ten a súa casa que dá,pola parte de atrás ao camiño pasaxe Fardel.Levamos unha tempada en que non ganamos para veleno para as ratas, que supoño virán do alcantarillado, e que campan ás súas anchas polo camiño e polos nosos sótanos, co conseguinte risco que isto supón, pois todos sabemos que son transmisoras de enfermidades.
Eu mesma me acerquei ao concello e falei con alguén que leva o de medioambiente.Dixéronme que irían desratizar por alí, pero disto xa debe haber dúas semanas polo menos que non vin movemento ningún.Porén, aínda esta mañá vin unha rata que cruzaba dun terreo que está detrás da miña casa e que está cheo de maleza,o cal favorece a propagación destes roedores.Sobre este asunto tamén falei no concello coa persoa anteriormente citada responsable, creo,de medioambiente, quen me respondeu que ese terreo, que pertence hoxe a unha inmobiliaria,que é Aliseda,porque hai un letreiro ben grande que así o indica,aínda ten de prazo ata o día 17 deste mes para proceder á limpeza da maleza e, polo tanto, hai que esperar ata esa data para ver se o fan.
Despois imaxínome que procederá o concello á limpeza da finca,e pasaralle a factura ao "propietario" Todo isto último é verdade,pero polo camiño que citei antes,Pasaxe Fardel, tamén hai silvas,e iso correspóndelle ao concello.O outro día viñeron limpar polas beiras da rúa dos Carboeiros,e non o fixeron por este camiño.Non sei se estarán esperando a que limpen primeiro na finca que dixen antes, para despois proceder á limpeza do camiño, pero, digo eu que, de paso que facían a limpeza da rúa dos Carboeiros, tamén podían limpar por aquí. Así que nada, entre ratas e silvas, estamos por aquí como queremos.Parece que os que vivimos por aquí non pagamos impostos como os demais e non temos dereitos ningúns. O problema das ratas non debe ser só aquí, pois hai quen di que as ve cruzar pola estrada de Pontevedra, que queda polo outro lado da miña casa.

Un grupo de xóvenes empresarios do Carballiño están promovendo a creación dunha nova asociación empresarial que pretende non so abarcar o municipio carballiñés senón ao resto dos concellos da Comarca.
Entenden que existe unha necesidade de autónomos e empresarios de todos os sectores que está sen atender "unha asociación empresarial representiva de todos os sectores", manifestaron os seus promotores.
Facilitan tres teléfonos de contacto: Sara (627052663) Antonio (647507348) e Óscar (674131706)
O proceso de creación da nova asociación está aínda en periodo embrionario aínda que "xa estamos dando os primeiros pasos e xa mantivemos algunhos contactos con colectivos xa constituídos, como a asociación de empresarios do polígono, non se trata de rivalizar con ninguén, senón de xuntarnos para ser máis fortes", subliñan.
Este venres dia 10 de Xullo convoacan dúas reunións informativas no Aparthotel Arenteiro, a primeira ás 17:30 horas, e a segunda ás 21:30 horas, nas que se vai expoñer este novo proxecto.
So dicir que me parece penosa a denuncia anterior. Nin sei quen o fai, nin eu teño negocio de hostalería... Pero facer esa crítica directa a alguén do mesmo sector e moi feo, e tratar os policía locais de partidistas cando tratan de facer cumplir a norma, tamén. Lóxicamente o que vai a un bar, bebe e fuma fóra, e se se xuntan moito é responsabilidade deles, non do local... Paréceme mentira este tipo de comentarios entre xente do mesmo sector. Saúdos
Buenos días quería mandar esta denuncia porque yo aquí en Carballino tengo un bar y la policía está el día entero y en la noche tocando la coronilla sin embargo el viernes y el sábado que abrió un pub al lado de la plaza mayor usted viera como estaba eso parecía la fiesta del pulpo los camareros sin mascarilla la gente bebiendo y fumando y bailando todos juntos todo pegado llamamos nosotros a los municipales y los municipales pasaron por ahí porque yo estaba mirando y no le dijeron nada el sábado a las 5:30 fue que vino la Guardia Civil y le dijo que tenían que cerrar y la terraza nos obligan a la gente a recogerla a la 2:30 estan los municipales por ahí y la terraza del fetiche estaba hasta las 5 ahí y no podían ni los coche cruzar y dónde está la ley o o es para todos o no para uno por qué porque los sin techo tiene dinero y lo demás qué ?

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de renovación do firme na autoestrada AG-53, no treito entre os enlaces de Dozón e de San Cristovo de Cea.
A actuación, adxudicada á empresa Taboada y Ramos, S.L., por un importe duns 3,8 millóns de euros, conta cun prazo de execución de seis meses. Intervirase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 56+320 e 74+200 da autoestrada. Os traballos centraranse na reparación de danos superficiais na estrada, no fresado de taboleiros de pasos de vigas e na reposición do firme en todo o tronco da vía e nos ramais do enlace de Cea.
Tamén se levará a cabo o repintado de todas as marcas viarias do tronco e dos ramais da autoestrada e a reposición de captafaros e elementos de balizamento. Esta intervención está enmarcada no mantemento das estradas autonómicas de titularidade da Xunta co fin de garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade na comunidade. Esta actuación foi autorizada no Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimentos (SPI),

O Pleno do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e de Salvamento do que depende o parque de bombeiros do Carballiño-Ribeiro aprobou, na xuntanza celebrada no Pazo Provincial, o inicio do procedemento para o cambio de xestión do servizo para facelo público. Así o informou o presidente do Consorcio, Pablo Pérez, e o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, na rolda de prensa que ofreceron na sala de prensa do Pazo Provincial ao remate do Pleno.
O primeiro paso para levar a cabo este cambio de xestión é a constitución dunha Comisión de estudo para a realización da memoria xustificativa segundo a regulación vixente. Como membros corporativos desta comisión formarán parte dela dous representantes da Xunta de Galicia (a designar por esta), e por dous da Deputación de Ourense (a designar por esta), ostentando un deles a Presidencia de dita comisión. E, como membros técnicos, estará integrada por tres designados pola Xunta de Galicia, tres designados pola Deputación de Ourense, a persoa titular da Xerencia do Consorcio e a persoa titular da secretaría do Consorcio.
O Consorcio Provincial, formado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, inicia así os trámites para facer público este servizo, "tal e como se comprometeu no mandato anterior", sinalou Pablo Pérez, quen lembrou que o primeiro paso para elo foi a firma dun protocolo do Consello Galego de Relacións Laborais "no que están presentes as catro Deputacións galegas e os representantes sindicais dos bombeiros".
Esta nova ten "moi boa acollida entre o colectivo dos bombeiros, a quen agradezo o seu importante labor, sobre todo neste momento de crise sanitaria", dixo o presidente do Consorcio, asegurando tamén que este paso é "unha mostra máis do cumprimento dos compromisos da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia". Neste mesmo sentido, Pablo Pérez recalcou que o Consorcio Provincial experimentou nos últimos cinco anos "un cambio substancial na mellora da calidade dos servizos que presta, avances que comezaron xa no mes de xuño do ano 2017 coa apertura do parque comarcal O Carballiño-Ribeiro".
De estes últimos anos cabe destacar "o importante investimento que destinamos en dotación de medios materiais como, por exemplo, coa renovación de vehículos ou a incorporación de novo material", dixo Pablo Pérez, quen fixo especial fincapé na mellora da calidade que supuxo "a creación do servizo de drons no parque de Bombeiros do Carballiño-Ribeiro".
Pola súa parte, Santiago Villanueva dixo que se inician "os trámites para o paso de xestión indirecta a directa, un paso que se leva dado en toda a Comunidade Autónoma". Así mesmo, Villanueva incidiu en que a Xunta de Galicia, en colaboración coas deputacións, "aposta por unha prestación homoxénea en todo o territorio da Comunidade Autónoma. Neste caso maniféstase no servizo contra Incendios, pero tamén coa posta en marcha durante todos estes anos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e tamén unha aposta polas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil".
Neste sentido, o directo xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia lembrou que "fai uns anos en Galicia tiñamos só 7 servizos profesionais de atención ás emerxencias, que eran os parques das grandes cidades, e neste momento, aparte deses 7 servizos, temos máis de 51 servizos profesionais en todo o territorio co obxectivo de que esa prestación do servizo sexa igual para tódolos cidadáns de Galicia, independentemente do seu lugar de residencia".
Santiago Villanueva agradeceu o labor do Consorcio durante todos estes anos afirmando que "temos uns servizos, unhas instalacións e unha dotación de persoal e material acorde coas necesidades que a distintas realidades se van producindo en cada momento".

A Coral Polifónica do Casino do Carballiño cumpriu o pasado ano 2019 o 40 aniversario da súa creación, e por eso a comezos deste ano 2020 gravou un CD co título de “ABIOXÉNESE 79”, como unha homenaxe ao orixe da entidade.
Este CD foi presentado hoxe no salón de plenos do concello nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o director da coral, Jaime García Pechel, e o presidente e vicepresidenta da entidade, José Luis Castro e Pilar Caballero, respectivamente.
O CD contén dez cancións, que resumen a actual etapa da coral, en base a un repertorio de música galega, música clásica (barroca) e músicas do mundo. Así mesmo, inclúe un libriño de oito páxinas no que se conta a historia da coral e as colaboracións especiais na gravación do disco.
Entre estas colaboracións figuran unha sección da Banda de Música de Vilatuxe, a pianista Alba Raña e os percusionistas Sander Ulloa, Esteban Decabo, Luis García, José Luis Castro, Antonio González e Emilia Pérez.
Francisco Fumega felicitou á entidade polos corenta anos de historia e pola edición deste CD, e agradeceu o traballo que realizan, levando o nome do Carballiño por Galicia, España, Portugal e outros países, referíndose en especial ao presidente, vicepresidenta e ao seu director.
Jaime García Pichel relatou o proxecto desenvolvido pola coral o pasado ano 2019, co gallo do 40 aniversario, e que rematou coa gravación do CD “Bioxénese 79”, como unha mirada ao principio da vida da entidade Tamén destacou a Festa da Mimosa, o Festival Galaico-Portugués, o Nadal e varios concertos no rural.
O director da Coral do Casino asegurou que este CD é un reflexo fiel do que é a agrupación actualmente, que son felices co seu traballo e que queren perdurar o enorme legado cultural da entidade.
Pilar Caballero agradeceu a colaboración do concello e doutras entidades, que figuran na contraportada do CD, e referiuse ao director da coral como un dos baluartes que contribúen á unidade do grupo e que transmite uns valores moi positivos. Tamén se referiu ao gran número de actuacións que tiñan previstas para este ano pero que, por causa da pandemia, estanse retrasando e non se sabe cantas se poderán celebrar. Nesta tesitura tamén se atopa o Festival Galaico-Portugués.
Finalmente, destacou o traballo ímprobo que supuxo gravar o CD, así como os ensaios e a gravación dun vídeo difundido pola redes sociais durante o confinamento.
Diego Fernández tamén se referiu a este videoclip, dicindo que era digno de eloxio, e reitrou o xa dito polo alcalde, destacando a contribución da Coral do Casino á cultura no Carballiño, e que se plasmou co programa extraordinario desenvolvido o pasado ano e coa gravación deste CD.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de limpeza e conservación da ponte sobre o río Avia, na estrada de titularidade autonómica OU-209, no concello de Leiro.
As obras, adxudicadas á empresa Outra Vertical, S.L., por preto de 30.000 euros, conta cun prazo de execución de tres meses. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas.
O obxectivo desta intervención na coñecida como ponte Esperela é proceder á retirada da vexetación existente, beneficiando a súa conservación e mellorando a súa imaxe.
Esta infraestrutura ten 180 metros de lonxitude, un ancho de 6 metros nos estribos, e 4,8 metros nos arcos. A ponte está construída enteiramente con perpiaños de granito, consta de cinco arcos rebaixados e catro tallamares. A calzada ten unha rasante plana e os peitorís son de cantería maciza. As luces dos arcos son de 15 metros, e as pilas teñen 2 metros de ancho.
As actuacións de limpeza e conservación desta ponte consistirán na retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como a limpeza das xuntas coa eliminación da terra, raíces e restos de morteiro en mal estado. Estes traballos realizaranse por persoal especializado en intervencións verticais.
Reporanse tamén as pezas danadas ou desaparecidas do paramento ou barreiras mediante sillería nova de granito coas características de resistencia, composición e cor similares á existente.
Ao remate destes traballos, realizarase nas zonas que sexa necesario un recheo profundo de xuntas horizontais ou verticais dos paramentos de sillería de pedra, con morteiro de albanelaría de cal hidráulico coloreada e area.
A intervención completarase coa roza e limpeza do dominio público nas marxes próximas á ponte.
Con estas obras na ponte Esperela aténdese a solicitude realizada polo Concello, iniciándose a contratación dos traballos unha vez obtida a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, necesaria para a súa execución.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 342
- 343
- 344
- 345
- 346
- 347
- 348
- 349
- 350
- …
- seguinte ›
- última »