Nas dúas últimas denuncias, fálase dos días que hai que espear para coller unha cita no médico no centro de saúde en Boborás. En ambos casos, a demagoxia campa ampliamente, seguro que non de xeito intencionado.
- A última denuncia conta que hai que agardar 11 días para ir ao médico. O día 10 de abril, danlle cita para o 21. Para contar os días que tardan en dar unha cita, o honesto será contar os días que o centro de saúde está aberto e ese médico ten por tanto axenda con citas. Se o contamos ben, pasamos de decir que a cita tarda 11 días a decir que tarda 5, xa que no medio hai 2 fines de semana e 2 días festivos de semana santa (sábado e domingo 12 e 13, xoves e venres santo 17 e 18, e sábado e domingo 19 e 20). Esta persona non minte, son 11 días, pero manipula, porque non son 11 días sen cita.
-Na denuncia anterior, o patrón é o mesmo. O 10 de abril di que ten que esperar 6 días para unha cita ( o mércores 16 de abril), pasando tamén por alto que non son 6, son 4, xa que hai un fin de semana polo medio.
Ninguén discute que o ideal sería ter cita ao día seguinte, que sería mellorable. Pero con medias verdades e manipulacións non imos a ningún lado e non se tomarán en serio as protestas, porque se desmontan solas. Se o venres pido cita e non me dan ata o luns (que en realidade é o día seguinte), digo que hai que esperar 3 días para ir ao médico?
Un chisco de seriedade e rigor.
Cando os do concello rematen este cierre o paisano ( xa levan alá 2 semans ou máis), que veñan pécharme a min o monte tamén. Todos igual.

Agora ata o día luns 21 de abril non hai citas medicas en Boboras, 11 días, penso que nunca desde que hai centro de saude se diu unha situación así.
Alguns dirán que e algo puntual, que pode ser, pero dende logo e preocupante está situación, moi preocupante, sin saude non somos nada.

O portavoz do Partido Popular do Irixo, Manuel Cerdeira, presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil do Carballiño polas ameazas recibidas contra a súa persoa e recollidas nunha carta anónima enviada ao seu domicilio particular.
O portavoz popular decidiu dar este paso logo de recibir constantes ameazas e mesmo acusacións sobre aspectos estritamente relacionados coa súa vida persoal, situación que comezou en agosto de 2023 logo da presentación da moción de censura contra o goberno popular, apenas 50 días despois de que tomara posesión como alcalde.
A vinculación destas ameazas coa crise política que se vive no Concello do Irixo “é a razón da denuncia presentada”, manifestou o propio Manuel Cerdeira, que lamenta que se chegue a este tipo de situacións cando “máis aló das diferencias entre partidos nunca houbo problemas persoais entre os membros da corporación, fosen da formación que fosen”.
Así, para Cerdeira “cando se deixa a un lado a defensa dunhas ideas e se traspasa o límite persoal, iso xa non é política”. Manuel Cerdeira e os populares do Irixo expresan o seu cansanzo por soportar desde o inicio do mandato estes ataques, “pero chegou o momento de dicir basta e esixir que no se volvan a repetir”.
Atrás quedaron aqueles tempos donde Sempre había cita no médico de hoxe para maña e algunha vez se había sorte case no mesmo día, en Boboras a situación durou mais que noutros sitios pero a día de hoxe ata 6 días hai que agardar, ata o mercores 16, e quedando solo 3 citas que na maña de hoxe esfotaranse facendo agardar ata o día 21 para ser atendidos.
Non sabíamos a sorte que tiñamos antes .

O dato corresponde ao Padrón Continuo deste pasado dia 8 de abril, o concello do Carballiño rexistra 14.758 habitantes, o seu récord histórico de poboación.
Desta maneira, O Carballiño continúa incrementando a súa poboación, seguindo a tendencia dos últimos anos, e consolidándose como o segundo municipio máis poboado da provincia, tras a capital.
No último Padrón anual, que é o dato que fixa a poboación oficial e que se actualiza tan so unha vez ao ano, o dato da poboación carballiñesa foi de 14.089 habitantes, publicado no pasado mes de decembro pero con referencia ao 1 de xaneiro de 2024.
Tendo en conta agora o dato do Padrón Continuo con referencia ao dia 8 de abril de 2025, O Carballño incrementou a súa poboación nos últimos 15 meses en 669 persoas empadroadas,ata alcanzar os 14.758 habitantes.
Dende o Bloque Nacionalista Galego do Carballiño queremos facer pública a nosa preocupación e desconfianza ante das declaracións de José Luis Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea, aparecidas en varios medios de comunicación. Nestas comunica ter mantido unha xuntanza coa Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Trala xuntanza o señor Valladares afirma que logrou o compromiso da consellaría para a construción dunha nova EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) para o Concello de Cea, compromiso que se une a unha subvención da Deputación de Ourense para as obras de separación das augas residuais e pluviais no núcleo urbano de Cea. Tras estas declaracións públicas no BNG entendemos que a actual EDAR do Concello de Cea segue sen funcionar e, por tanto, segue a verter sen control augas residuais no regato do Toxo, ao tempo que entendemos que o Alcalde de Cea segue a ser o responsábel da xestión das augas residuais do seu concello.
Sorpréndenos que o alcalde faga estas declaracións cando aínda non transcorreu un ano dende a sentenza que o condenou a un ano de cárcere e un de inhabilitación na toma de decisións relacionadas coa xestión de augas.
Lembramos que esta condena viñera trala denuncia de axentes da propia Consellaría de Medio Ambiente na que constataban un vertido da EDAR de Cea ao regato do Toxo, atopando unha grande cantidade de bacterias residuais no río Silvaboa, ou Marañao, no que desemboca o citado regato. A nosa preocupación é máxima tendo en conta que o rio Silvaboa, ou Marañao, desemboca no Arenteiro, a 100 metros augas arriba da captación de abastecemento para consumo humano dos Concellos do Carballiño e Maside.
Por tanto dende o BNG do Carballiño estamos a dar os seguintes pasos coa intención de aclarar o exposto neste escrito, no desexo de que a veciñanza dos concellos de Maside e do Carballiño poidan ter a máxima tranquilidade á hora de consumir a auga dos nosos ríos, tanto para uso doméstico como para bañarse nas súas augas ou consumir as troitas pescadas nelas: -
1º. O grupo Parlamentar do BNG, a través da deputada Noa Presas, rexistrou varias preguntas á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático sobre este tema e así poder saber se o Alcalde de Cea, inhabilitado para estas cuestións, é quen xestiona as augas residuais do Concello de Cea.
- 2º. O grupo Municipal do BNG no Concello de San Cristovo de Cea ven de rexistrar varias preguntas dirixidas ao alcalde dese concello coa intención de saber cal é a situación actual e real da depuración de augas residuais e se actuacións que se están a realizar, incluíndo o responsábel político destas, o están a facer tal e como marca alexislación actual.
- 3º. Dende o BNG rexistraremos no Concello de Maside unha petición dirixida ao seu alcalde para que, dende a Mancomunidade de Augas, da que forma parte xunto co do Carballiño, se solicite á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Augas de Galicia e á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático un estudo en profundidade da calidade das augas dos ríos Arenteiro e Marañao. Este estudo, ademais de realizarse augas arriba da captación para os dous concellos e en época de baixo caudal, debe contemplar non só a busca de bacterias, senón tamén a presenza de metais pesados, produtos químicos procedentes de medicamentos, etc; elementos sempre presentes cando as augas residuais están sen a debida depuración
- 4º. No Concello do Carballiño faremos a mesma petición ca no de Maside a través do rexistro municipal e/ou mediante moción para ser debatida en pleno. Aproveitamos este tema para facer un chamamento ao grupo municipal do PSOE do Carballiño para que reflexionen sobre o significado que o pacto co PP supón -neste caso- a nivel ambiental porque, de facto, significa branquear as políticas que están a destruír e espoliar impunemente os recursos do noso País enchendo os montes galegos de eólicos, aperturando minas cun alto impacto ambiental que só benefician a uns poucos, ou avalando a posta en marcha da altamente contaminante macro-celulosa de Altri no corazón da Galiza.
O Carballiño, 7 de abril de 2025
Manuel Chan Muñoz Responsábel Local do BNG do Carballiño

O Consello de Turismo de Galicia reunido este martes 8 de abril aprobou a delaración de Festa Turística de Interese Galego para a Semana Santa do Carballiño, tras a documentación presentada e o informe favorable para esta designación.
O Concello do Carballño e a Cofradía da Veracruz foron os promotores deste recoñecemento, que se traducirá nun bo impulso promocional para esta celebración da Semana Santa do Carballiño.
Agora, a tramitación queda tan so pendiente da aprobación desta declaración por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 15 de abril ao Irixo unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles.
Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello do Irixo, e vai ter lugar o martes 15 de abril ás 10:30 Casa do Concello (Praza Manuel Penedo, 10). É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.
Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse chamando ao 988 287 282 (Concello do Irixo).
Identificación e prevención do dano cerebral adquirido
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.
Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.
Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.
Apoio institucional
Ademais do apoio do Concello do Irixo, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.

Este mes de abril, coincidindo coa celebración do primeiro ano do programa, “8M, mes a mes”, a Área de Igualdade da Deputación de Ourense quere realizar un recoñecemento especial á importancia de reunión e a sororidade entre mulleres para compartir vivencias, afeccións e pasar o tempo en boa compañía. Nesta ocasións as mulleres seleccionadas para ilustrar esta iniciativa son as “Supermulleres de Boborás” .
Son un grupo de cinco mulleres que se reúnen no concello de Boborás. Está composto por Leontina Vázquez, Mª Dolores González, Rosa Mª Pérez, Concepción García e Rocío Sobrado. Catro delas da parroquia de Sta. María de Xuvencos e unha de San Xulián de Antreses.
Este colectivo xurdiu a raíz de coincidir nun curso ofertado polo Concello de Boborás para as mulleres do rural, e co tempo consolidouse en reunións habituais. Nestas xuntanzas, fundamentalmente realizan diferentes manualidades (ganchillo, calceta, bonequiñas...), e todas elas son doadas á Asociación Española Contra o Cancro.
Ademáis da súa labor solidaria, elas mesmas comentan que usan este espazo para socializar, intercambiar ideas, libros, risas e apoio moral, creando dese xeito unha gran acción social na contorna.
Destaca tamén a Área de Igualdade que dirixe a deputada provincial Teresa Barge, que as agrupacións de mulleres, coma as “Supermulleres” de Boborás, “son moito máis que simples encontros; son fogares da alma onde o tempo se detén para dar paso á complicidade, ao apoio incondicional e á forza compartida. Nestes espazos, cada palabra, cada risa e cada man tendida entrelazan unha rede invisible pero poderosa que sostén a quen a precisa”.
Compartir vivencias, afeccións e momentos de vida converte estas reunións nun refuxio cálido onde o silencio nunca pesa e onde os soños, en lugar de esmorecer, multiplícanse, explica a deputada de Igualdade. “Son fíos invisibles que tecen lazos de sororidade, eses que fan que ningunha muller se sinta soa, que cada historia conte e que cada pequeno xesto de solidariedade transforme o mundo, un punto de ganchillo, unha aperta ou unha gargallada á vez”, conclúe Teresa Barge.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »