Asi estaba o dia de feira este 16 de Novembro a rúa Costa Rica, aínda que podía ser calquera outro dia... imos ver se imos os toxos e estramos un chisco como se facía antes nas aldeas, porque outra solución non vemos.

O ciclo de humor Carballiño Comedy, que chega á quinta edición, contará cun plantel dos máis prestixiosos monologuistas no panorama nacional e internacional actual.
Trátase de Leo Bassi, Moncho Borrajo, Grison Beatbox & Jaime Caracavaca, Agustín Giménez e Carlos Blanco, que actuarán no auditorio municipal Manuel María caa mes, de decembro a abril.
O prezo dos espectáculos é de 12 euros en venta anticipada e de 15 euros en taquilla, agás o de Moncho Borrajo, cuxo prezo será de 16 euros en venta anticipada e 18 euros en taquilla.
As entradas xa se poden adquirir de xeito anticipado na páxina web woutick e dentro duns días de modo físico no restaurante Comonacasa do Carballiño.
O programa de actuacións é o seguinte:
-Sábado, 21 de decembro: 21,00 h. Grison Beatbox & Jaime Caravaca, do programa La Resistencia, que estarán por primeira vez xuntos en Galicia.
-Sábado, 18 de xaneiro: 21,00 h. Agustín Jiménez.
-Sábado, 15 de febreiro: 21,00 h. Leo Bassi.
-Domingo, 15 de marzo: 19,00 h. Moncho Borrajo,
-Xoves, 30 de abril: 21,00 h. Carlos Blanco.
O programa presentárono esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o representante da compañía Moita Merda Producions, Indalecio Caballero, que promove a iniciativa.
Diego Fernández agradeceu á produtora a aposta que fai polo Carballiño para que siga sendo un ano máis unha das vilas e cidades de Galicia co mellor plantel de monologuistas, superando o listón en cada tempada.
Indalecio Caballero asegurou que se trata dun gran cartel, e que espera acadar o mesmo éxito das anteriores campañas, que foron extraordinarias. E agradeceu ao concello e a Diego Fernández a súa colaboración no evento.

A plaza de abastos comezou a campaña de promoción do Nadal 2019, na que sorteará entre a súa clientela nove cestas con produtos naviñedos, por valor 70 euros cada unha, e dúas caixas de viño Pazo Tizón.
A campaña prolongarase ata o 23 de decembro, cando terá lugar o sorteo. Dende hoxe e ata ese día, haberá cinco urnas para depositar os boletos cubertos, que se entregarán nos distintos postos da plaza polas compras efectuadas ata entón.
A iniciativa foi presentada este mediodía pola concelleira de promoción do Comercio, Silvia Baranda; o presidente da asociación de placeiros, Eligio González; a representante da bodega Pazo Tizón, Raquel Cabo; a vicepresidenta da asociación de placeiros, Concha Gallardo, e o placeiro Manuel Fernández.
Silvia Baranda destacou a celebración do 90 aniversario da plaza como un aliciente máis para acudir a mercar a esta instalación durante estas datas, e salientou a campaña de Nadal como unha das máis importantes do ano. Asimesmo, asegurou que se seguiría apoiando desde o concello as actividades na plaza con diversas actuacións musicais, e animou aos veciños a facer as compras nos distintos postos.
Eligio González expresou a sua ledicia por presentar unha nova campaña de dinamización da plaza e agradeceu á clientela a confianza depositada nos postos. De feito, dixo que o sorteo de nove cestas e dúas caixas de viño era, sobre todo, un xeito de premiar a súa fidelidade.
Asimesmo, anunciou que ía haber unha actuación musical do grupo Anda Soa o 21 de decembro ás 12,00 h., e de que o sorteo tería lugar o 23 de decembro ás 13,00 h. Tamén dixo que os produtos incluidos nas cestas de Nadal, que teñen un valor de 70 euros cada unha, foron adquiridos en establecementos do Carballiño como un xeito de promocionar o comercio local.

A XXII Festa do Viño Novo de Cabanelas celebrarase o domingo 24 de novembro, e está previsto que ese día se consuman arredor de 300 litros de viño tinto da última colleita, que é de boa calidade Así o manifestou o presidente da asociación de veciños que organiza esta festa, Delfín Borrajo, durante o acto de presentación do cartel e do evento que tivo lugar na histórica adega do pazo dos Quiroga.
Á presentación asistiu o alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira de Medio Rural, Rosa Fuentes. Francisco
Fumega agradeceu o traballo da asociación de veciños de Cabanelas na organización da festa, que cualificou de entrañable, e na que, ademáis de poder degustar o viño, pódese disfrutar dunha paisaxe e patrimonio excepcionais. E por eso animou á xente a achegarse o domingo 24 de novembro a esta parroquia para compartir cos veciños un día de lecer.
Rosa Fuentes referiuse á festa como un xeito de dinamizar a vida no rural e unha homenaxe á longa tradición vinícola de Cabanelas, e asegurou que “seguiremos apoiando este tipo de iniciativas, porque contribúen a animar a vida nas parroquias”. Finalmente, recordou que o concello ofrecerá de xeito gratuito o servizo dun microbús que sairá cada hora de fronte á casa consistorial entre as 11,00 e 14,00 h., e de 16,00 a 19,00 h., e regreso desde Cabanelas no mesmo intervalo.
Como en anos anteriores, haberá unha gran carpa para acoller á xente que acuda á festa, e prevese a asistencia dun grupo numerosos de persoas de Bueu, según confirmou Delfín Borrajo.
Reservas: As persoas que desen efectuar reservas para o xantar, poden facelo chamando ao teléfono 699 976 630.
PROGRAMA
O programa previsto é o seguinte:
11,00 Misa na igrexa parroquial.
11,30 Pasarrúas coa Charanga Castro Vello.
12,00 Degustación do viño novo e castañas asadas.
14,00 Xantar no campo da festa a prezos populares. Menú: pulpo, carne ao caldeiro, chourizos novos con cachelos, viño novo de Cabanelas, castañas asadas, café de pota e licor café.
18,30 Merenda no campo da festa a presos populares. Mesmo menú que ao mediodía.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que se analizaron novos proxectos para impulsar o tecido empresarial e o emprego no municipio ourensán. Así, avaliáronse iniciativas como o desenvolvemento do futuro parque empresarial, e tamén se sinalou que o Concello estuda optar á convocatoria de obradoiros de emprego para 2020, cuxa convocatoria se publicará nos próximos meses.
Nos últimos anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou ao Concello, empresas e veciños de Beariz con axudas por máis de 500.000 euros que permitiron realizar investimentos de arredor de 700.000 euros.
Estes apoios poderanse ver reforzados nos próximos anos, xa que o municipio pertence á rede de Concellos Emprendedores. Pertencer a esta iniciativa permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética.
A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio.

En menos dun mes o millón do Euromillóns volve caer no Carballiño, se o pasado 16 de Outubro foi nun boleto validado no bar Lérida, no sorteo deste martes 12 de Novembro a sorte visitou o restaurante Fuchela.
Asi o certifica o escrutinio do Euromillóns, dando conta que o boleto acertante do millón, único premio para toda España, foi validado no despacho receptor sito na Avenida 25 de Xullo nº 48 do Carballiño, que se corresponde co Restaurante-Pulpería Fuchela.
O código do boleto gañador é ZDF41073.

O integrante do círculo de Podemos no Carballiño, Manuel Nogueira, ven de ter unha xuntanza co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.
Nesta entrevista, o que foi nas eleccións xerais deste pasado domingo candidato ao Senado por En Común Unidas Podemos deulle traslado "de presuntas irregularidades e unha total opacidade á hora de dar información por parte da oficina de catastro e de certos concellos da Provincia de Ourense".
Según Nogueira, ano tras ano a veciñanza ve como o seu recibo do IBI se incrementa pese a que concellos como Boborás, San Amaro ou Beariz, entre outros, anuncian que o tipo de gravame está ao mínimo (0,4% en bens inmobles e 0,3% en bens rústicos). Este incremento na contribución urbana, "vense dando en algúns concellos dende o ano 1990 en base a última aprobación da ponencia de valores, e case tódolos anos dende os grupos de goberno de estes concellos teñen solicitado a suba dos coeficientes de actualización, incrementando así o valor catastral das casas e dos diferentes inmobles sen ter motivos para elo", subliña Manuel Nogueira.
Isto fai que "pese a que concellos como o de Boborás teña xa o IBI urbano ao mínimo, ano tras ano, teñamos que pagar máis no recibo da contribución", remarcou o representante de Podemos O Carballiño.
Manuel Nogueira suxeriu ao subdelegado da necesidade de coñecer as motivacións polas que se incrementan os coeficientes de actualización, e da urxencia de estudar as notificacións recibidas pola veciñanza afectada de esta subida e ver que teñen tódolos requisitos que esixe a lei. Asemade, tamén constatou que existe certa variación, sempre con tendencia á alza, á hora de realizar esas regularizacións de valores catastrais e as múltiples neglixencias cometidas a hora de calcular ditos valores catastrais.
Nos casos e reclamacións feitas, Nogueira di que hai evidentes indicios de deficiencias ou presuntas ilegalidades na aplicación dos coeficientes de actualización nos distintos concellos e na deputación a hora de proceder ao seu cobro.
Según informa Podemos O Carblliño, ambos acordaron que unha vez se dea traslado de toda a documentación a subdelegación do Goberno en Ourense, esta mesma solicitará información a oficina de catastro e aos distintos concellos para aclarar estas subidas do IBI e as súas motivacións.

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará este venres, 15 de novembro, a Beariz.
O especialista en toponimia Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), impartirá unha charla ás 19: 00 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A intervención conta coas achegas, na parte relativa á orixe e significado dos nomes dos municipio e das súas parroquias e aldeas, do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Alén de profundar no coñecemento dos nomes dos lugares habitados, o público poderá familiarizarse coa aplicación colaborativa que permitirá proximamente que a cidadanía participe na preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización.
Tamén se ensinará como consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada e validada no "Visor de topónimos" do novo portal da Toponimia de Galicia. Ademais, explicarase con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro...), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos.

O alcalde do Carbaliño, Francisco Fumega; a coordinadora institucional para Lugo e Ourense da Fundación Galicia Obra Social, Beatriz Fernández García, e o coordinador de negocio institucional en Ourense de Abanca, Mateo Alonso San Román, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre a institución municipal carballiñesa e a entidade bancaria e a súa fundación da obra social, coa finalidade de colaborar no desenvolvemento de actividades enmarcadas no programa interxeracional de Afundación “O valor da experiencia”.
Como primeira actividade deste convenio atópase a realización da obra de teatro “Os vellos namorados”, que correrá a cargo do grupo Teatro Sénior de Afundación. A representación será este mesmo xoves, 14 de novembro, ás 20,00 h., no auditorio municipal Manuel Maria, e coa entrada totalmente de balde ata completar o aforo.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 399
- 400
- 401
- 402
- 403
- 404
- 405
- 406
- 407
- …
- seguinte ›
- última »