
A edición deste ano está dedicada aos zoqueiros e zapateiros, e desenvolveráse do venres 6 ao domingo 8 no barrio de Flores.
A inauguración e apertura da feira, con exposicións e venda de artesanía, terá lugar ás 6 da tarde do venres, e a esa mesma hora comezarán na Praza Maior os xogos populares do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, da Deputación Provincial.
Ás oito da tarde, na Eira de Flores, será a intervención de Felipe-Senén López Gómez coa presenza de vellos zoqueiros e zapateiros, e de seguido concerto de música en vivo a cargo do grupo Andasoa. Completaráse a programación da primeira xornada, á medianoite na Fonte de Flores, onde haberá exconxuro, queimada popular e ofrecemento da Auga Máxica.
O sábado 7, ao mediodia e coincidindo coa apertura dos postos, haberá demostración en vivo de vellos oficios, e un obradoiro de zocos e cestería. Ás 13 horas comezará a lectura de "La Juventud de Pepa Loba", de Aurelio Miras Azor.
Pola tarde, haberá campionato femenino de brisca e as 7 será o momento culminante coa baixada da bandoleira Pepa Loba e a súa gavilla, cos felos de Maside e a teatralización a cargo do grupo Dar Trrela. Despois, escoitaránse cantares de cego.
Finalmente, o domingo 8 na Fonte está programada un recital poético de Quico Valeiras, haberá obradoiro de oleiros, campionato de chave, música tradicional co grupo Os Serandeiros e ás 14 horas un xantar popular.

A Audiencia Provincial ven de ratificar, e por unanimidade dos tres maxistrados, a sentenza emitida anteriormente polo Xulgado de 1ª Instancia nº 1 de Ourense na que se estimaba a acción declaratoira de dominio interposta pola Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Cristimil e A Torre, onde se ubica tanto o castro da cidade como o edificio do parque arqueolóxico da cultura castrexa.
Esta sentenza fora recurrida pola Xunta de Galicia, e agora a Audiencia Provincial ratifica a sentenza anterior, recoñecendo a todos os efectos os dereitos dos comuneiros.
Non obstante, esta sentenza da Audiencia ainda podería recurrirse ante o TSXG no prazo de 20 dias.
A resolución xudicial volve, polo tanto, considerar que as 15 hectáreas que o concello de San Amaro cedeu á Xunta forman parte do monte comunal dos veciños de Cristimil e A Torre dende tempo inmemorial en rexime de aproveitamento colectivo.
Tamén recolle a sentenza que o asentamento do castro non impide recoñecer a titularidade comunal, e tamén que a posesión por parte do concello de San Amaro e a cesión que fixo á Xunta quedan polo tanto "inoperantes xuridicamente".
A sentenza ordena ao Rexistro da Propiedade do Carballiño a cancelar as inscripcións contradictorias sobre a titularidade do monte.

O concello do Carballiño traballa no prego de bases administrativas para sacar a concurso público á licitación do servizo de recollida de lixo, que pasará a xestionar unha empresa privada, para elo será preciso resolver o contrato que mantén na actualidade o concello carballiñés coa Deputación Provincial.
Según os cálculos de Fumega esta privatización do servizo vai supoñer unha mellora e tamén abaratará o seu custo económico "xa que vimos abonando á Deputación sobre 850.000 euros e creemos que podemos facélo por 900.000 euros anuais, incluindo o servizo de limpeza viaria, que non fai a Deputación".
O rexedor municipal recoñeceu no transcurso da súa intervención nesta emisora de radio a deficiente xestión da limpeza nas rúas e prazas do Carballiño "porque estamos en precario e non podemos contratar novo persoal", unha situación que pretende resolver favorablemente coa futura privatización do servizo "xa que temos previsto que na licitación entren sete varredores e tres máquinas aspiradoras e varredoras".
Fumega manifestou que a mellora da limpeza nos espazos púbicos, asi como da recollida do lixo, será unha das prioridades do goberno municipal carballiñés para este mandato, e recordou que a privatización do servizo xa figuraba no seu programa electoral.

O PSdeG-PSOE de Leiro impulsará unha iniciativa co fin de activar a instalación dunha rede de fibra óptica neste municipio. Nesta iniciativa, os socialistas reclaman ó grupo de gobernó local do PP que “se interese e execute a instalación da fibra óptica utilizando todos os medios ó seu alcance”, para que Leiro “deixe de ser de outro século no sector das telecomunicacións”, insistindo “unha vez máis en que este feito impide o crecemento e fomenta o atraso e o illamento”.
Tamén demandan que se estude a posibilidade de manter conversas con empresas subministradoras para estender esta rede, e que se dean algún tipo de facilidades ou incentivos para que a acometida destas obras sexa “interesante” para estas empresas. Igualmente piden solicitar algún tipo de axuda ou subvención á Xunta de Galicia, ó Goberno Central ou á Deputación de Ourense para así facilitar a implantación da fibra.
O portavoz do grupo municipal, Manuel Rodríguez, salienta que “as telecomunicacións son imprescindibles para o desenvolvemento e crecemento de calquera comunidade no século XXI, polas múltiples aplicacións que teñen para a vida diaria”. “É incomprensible que un municipio como o noso, tan próximo a núcleos de poboación importantes que sí teñen redes de fibra óptica en funcionamento, estea ancorado no século pasado por culpa do desleixo do actual goberno local do PP”, denuncia antes de recordar que “non fixeron absolutamente nada para sacar ó noso municipio deste atraso que prexudica importantemente á veciñanza e empresas de Leiro”. “É imprescindible actuar xa para mudar este situación”, destaca.
Rodríguez recorda que “o abandono do rural ten moitas facianas e unha delas é a fenda dixital que se comporta coma un círculo vicioso, no que as administracións non garanten un acceso ás novas tecnoloxías de xeito igualitario e, por iso, a xente moza e os emprendedores non van asentarse nos municipios que non son cidades ou grandes vilas”.
Os socialistas recordan que “hai moitos profesionais que traballan vía Internet, e mozos e mozas que utilizan a rede para os seus estudos”, polo que, sinalan, “ó acceso á información a unha velocidade rápida é imprescindible, sen esquecer que as redes sociais forman parte da vida de moitas persoas para comunicarse”. “A fibra óptica é a tecnoloxía idónea para mellorar a calidade destes servizos”, insisten antes de recordar que estas redes tamén son importantes para diversificar a oferta ofrecida polo sector audiovisual, xa que permiten ofrecer gran variedade de servizos en liña, a prezos máis asequibles que os contidos accesibles vía satélite.
O PSdeG-PSOE de Leiro conclúe recordando que “unha vez máis somos os socialistas os que traballamos polos intereses reais da veciñanza”. “De feito fomos abordados por numerosos veciños e veciñas que, ante a parálise do goberno popular e do alcalde con este asunto tan demandado, reclamaban ós socialistas información sobre a instalación desta necesaria fibra óptica, xa que na actualidade están a sufrir numerosas deficiencias derivadas da actual pésima rede de telecomunicacións ordinaria”.
A finales de marzo, Luis Jorge e os seus maricahis comezaban unha prometedora campaña antivelutínica. A proximidade dos comicios electorais atisbaban que desta vez xa podiamos contar co superhéroe que desterraría ás vilanas velutinas da faz das terras masidás.
Promesas de novos descubrimentos contra estas vilanas deberon ser a causa do abandono dos selfies electorais, dado que nunca máis repuxeron de líquido azucarado as botellas de plástico dotadas de tecnoloxía de vanguardia.
Supoño que a estas alturas un dos novos descubrimentos é que a loita contra estas vilanas corresponde á Consellería de Medio Rural, e tendo en conta que Luis Jorge presume de ser amigo íntimo persoal do mismísimo Feijóo, e que o titular de Medio Rural é de Maside, é de entender que estarán movendo os fios pra sustituir tan avanzada tecnoloxía.
Mentras tanto farían ben en retirar este lixo que é testigo da desidia e o cacao mental de persoas talluditas xogando a cazavelutinas. As abellas, moscas, mosquitos e quizáis algunha velutina que caeu na mortal trampa merecen mellor destino que permanecer desecadas na praza do concello sedentas dun líquido azucarado que disimule o esperpéntitico cacao mental do PP masidao. Por favor, retíren este chiste convertido en lixo, ou rechéeno de líquido azucarado.

O Carballiño volve acoller unha nova edición do Festival de Teatro Galego, organizado pola asociación FETEGA, que lidera a actriz carballiñesa Josi Lage.
O Festival conta coa colaboración económica de AGADIC, Deputación e Concello do Carballiño, e está este ano dedicado á memoria do actor galego Celso Parada, falececido recentemente, e durante moitos anos un fixo no programa do certame teatral carballiñés.
As obras de teatro que se representarán no Auditorio Municipal do Carballiño, ás 22.00 horas, comezarán o luns 2 de setembro coa obra "Anatomía dunha serea", da Compañía Iria Pinheiro -A Berbechería-Chévere; o martes 3 de setembro, será a quenda para a obra "Compañeira de piso", da compañía Contraproducións; o mércores 4 de setembro subirá ao escenario a companía Chévere coa obra "Curva España"; e ao día seguinte, o 5 de setembro, actuará a compañía Redrum Teatro coa obra "Idiota". O venres 6 de setembro, pecharán a programación do Festival a compañía Enconarte Producciones, coa obra "Monstruación". Será tamén nesa mesma xornada a Gala e entrega dos premios FETEGA "Dorotea Bárcena", conducida e presentada por Marían Bañobre.
O Anfiteatro será outro dos escenarios das actividades programadas para esta XXX edición do Festival, que darán comezo o luns 2 de setembro coa actuación "Catro 4'' segundos" (Novo Circo da Compañía ÍO; o 3 de setembro será a Compañía Dani García a que protagonice "Don Gelati" (Maxia Clown); o 4 de setembro tocaralle á compañía Excéntricas con "Cartoóns" (Comedia Clown); o 5 de setembro será a quenda para a compañía Asacocirco co espectáculo "Lume" (Circo Performático); e o venres 6 de setembro pechará as actuacións no Anfiteatro a compañía Sue Moreno co espectáculo "Sue Moreno 4.0" (Circo acrobático). Os espectáculos serán todos ás 19.00 horas.
Como actividades paralelas, haberá animación de rúa, un coloquio de creadoras baixo o título "Arte con nome de muller", obradoiros, monólogos cómicos e actividades infantís.
O prezo das entradas para as funcións no Auditorio é de 5 euros, e para os monólogos é de 3 euros, mentres que o resto das actividades serán de balde.
Mirade como están as aceras na Avenida de Compostela, e eso que os donos teñen que limpar as fincas...e o concello ¿onde está? para non ver esto.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu no Pazo Provincial, a sesión constitutiva da Rede Provincial de Concellos Termais, "cumprindo anticipadamente co contemplado no Plan de mandato "Ourense 7273", poñemos en marcha hoxe este órgano co obxectivo de manter un diálogo fluído e participativo cos municipios que forman parte desta provincia e que teñen singularidade termal, algúns deles inscritos na Sección de Vilas Termais da FEMP, sendo a provincia de España con maior número de concellos recoñecidos como vilas termais", explicou Manuel Baltar.
Na reunión constitutiva participaron os alcaldes dos 15 municipios que integran a Rede (Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Ourense, Ribadavia e Verín), a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; o redactor do Plan Termal Provincial, Mario Crecente; e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen expuxo as liñas básicas do Proxecto de Lei de Usos Lúdicos das Augas Termais.
Na xuntanza "falamos de cuestións que atinxen á xestión municipal, á promoción e á proxección da imaxe termal da provincia, como pode ser a celebración, os días 19 e 20 de setembro, de Termatalia. Ademais, hoxe, tivemos a oportunidade de escoitar ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria que nos falou do contido do Proxecto de Lei de Usos Lúdicos das Espazos Termais, que é o punto primeiro do Plan "Ourense a provincia termal" que vimos a desenvolver coa Xunta de Galicia", dixo o presidente do goberno provincial.
A Rede é un órgano que permitirá que desde a Deputación de Ourense se manteña "un contacto directo cos concellos termais, no que se falarán de propostas nese ámbito, que servirá tamén de apoio aos concellos para temas como infraestruturas termais, difusión do turismo termal e, todo elo, con vistas ao 2020 no que se producirá a entrada da Alta Velocidade en Ourense", salientou Baltar.
Este órgano, que hoxe constituímos, será tamén "o foro axeitado para escoitar o que pensan facer outras administracións en relación co termalismo como hoxe coa participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, quen nos falou desa regulación, pioneira en España e en Europa, e que responde a unha das demandas do termalismo ourensán, pois forma parte do Plan "Ourense a provincia termal", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, quen sinalou que esa condición de pioneira en Europa "pódese dicir sen problema, tendo en conta a miña condición de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, e pode marcar un camiño a seguir por outros territorios termais de Europa onde Ourense leva o liderado".
Pola súa parte, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria agradeceu á institución provincial a súa iniciativa para constituír esta Rede que permite "a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, a Deputación e os propios concellos termais de Ourense, e afianzar esa alianza para seguir traballando en defensa do termalismo e situar a Galicia e a Ourense como destino único, potenciando o turismo e as actividades lúdicas e terapéuticas que se desenvolven vinculadas ao termalismo".
"Trátase, polo tanto, dunha oportunidade máis para continuar a crecer, para seguir xerando riqueza, fixando poboación no rural e promovendo o desenvolvemento económico e social de tódolos concellos que en Galicia e na provincia de Ourense desenvolven esta actividade termal", dixo Francisco Conde.
A lei presentada hoxe na reunión constitutiva desta Rede vai a permitir que se regule non só o uso terapéutico senón tamén o uso lúdico das augas termais.
Este marco normativo permitirá que os cidadáns "teñan esa garantía de seguridade, de hixiene no emprego de tódolos servizos que se ofertan a través dos espazos termais e, polo tanto, estamos a reforzar a política termal, o termalismo, os balnearios e esta oferta de servizos que nos están a permitir que hoxe, en Galicia, nos visiten máis de 150.000 usuarios nos diferentes centros termais, e que haxa unha facturación de 60 millóns de euros ó ano", engadiu Francisco Conde.
A posta en marcha desta Rede foi "saudada positivamente por tódolos membros porque permitirá: ter un contacto directo cos alcaldes e alcaldesas, coñecer a problemática termal e ser conscientes de que Ourense e o seu territorio teñen unha singularidade termal", engadiu o presidente do goberno provincial.

Pachi Vázquez cualificou hoxe de “engano” o cobro da taxa de lixo ós veciños de Arcos e salienta que “estanse tomando unha serie de decisións con afán de enganar”.
O líder de Espazo Común e concelleiro en O Carballiño precisa que “existe un acordo entre os veciños de Arcos e o Concello dende fai 40 anos polo que se cedía o monte comunal de Arcos a cambio dunha exención fiscal”.
Pachi Vázquez afirma que sempre se respectou esa exención fiscal e que, agora, o alcalde decidiu anulala “sen realizar ningún expediente e culpando ó interventor municipal”.
Manifesta que “Espazo Común vai defender dúas opcións: que se manteña a exención da taxa ou que se lle devolva o monte comunal ós veciños de Arcos”, e engade que “o que non vale é enganar á xente coa mentira de que todos os montes comunais son do Concello”.
Neste sentido, Espazo Común pedirá un pleno extraordinario para “poñer un pouco de orde neste desorde”, así como un informe xurídico sobre a titularidade de tódolos montes comunais do concello de O Carballiño porque, segundo afirma Pachi Vázquez, “da mesma forma que hoxe se quere expropiar este dereito ós veciños de Arcos, mañá poderase aplicar o mesmo criterio a outros montes comunais da rexión”.
Pachi Vázquez afirma que “trátase do inicio de lexislatura máis desorganizado da historia de O Carballiño”, cunha “xestión caótica” na que “os bandazos do sistema de ingresos resultan moi preocupantes de cara á aprobación dos orzamentos”.
Pachi Vázquez precisa, ademais, que “estamos ante o goberno máis caro e con maior número de persoas liberadas con diñeiro público da historia de O Carballiño” e apunta que, dende Espazo Común, “só lle pedimos unha cousa ó Concello: orde e traballo” porque “estamos nunha situación na que parece que ninguén sabe nada, e que ninguén ten a culpa de nada”.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 413
- 414
- 415
- 416
- 417
- 418
- 419
- 420
- 421
- …
- seguinte ›
- última »