19, Marzo 2019

Ana Patricia Torres Madureira (Caracas, 1984) será a nova cabeza de lista da candidatura que o Partido Popular presentará en Boborás, reto que afronta “como un mandato no que a veciñanza sexa a protagonista e participe na construción dun concello en clave futuro”. Torres toma o relevo de Cipriano Caamaño, alcalde desde 1991 “e que culmina una etapa de goberno exitosa, sempre revalidando maiorías absolutas”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, que tamén agradeceu á candidata que se puxera a disposición do partido aproveitando a súa ampla experiencia no equipo de Caamaño”.

Patricia Torres forma parte do goberno de Boborás desde 2011, asumindo, entre outras, as competencias de cultura e turismo, onde procurou a recuperación de diferentes tradicións, a posta en valor do patrimonio ou a festa da Batalla, sen deixar de citar outras responsabilidades no ámbito social como o servizo de conciliación ou a construción do edificio sociocultural.

Torres afirma estar moi ilusionada e agradecida “porque teño a oportunidade de levar a cabo un proxecto moi ambicioso para Boborás, con proxecto e un equipo cheo de gañas por traballar”. Como declaración de intencións, a candidata asegura que loitará “pola construción de novas infraestruturas que melloren a calidade de vidas dos veciños e daqueles que veñan no futuro, humanizando cada vez máis os pobos e conseguindo que Boborás non só sexa un referente turístico, senón tamén pola recuperación do seu patrimonio social e cultural”.

A candidatura de Patricia Torres “foi unha decisión tomada por unanimidade porque Patricia nos superou a todos en interese, xestión e traballo”, asegurou pola súa banda Cipriano Caamaño, para quen Boborás ten na candidata “a unha persoa con todas as garantías de servizo, formada e cunha gran sensibilidade cara o patrimonio e a cultura”. O propio Caamaño explicou que decidiu dar un paso ao lado “porque vexo que hai xente comprometida e competente, polo que creo que debo dar o relevo, agradecendo aos meus veciños todo o cariño demostrado e o apoio maioritario en cada mandato".

Tamén o presidente provincial, Manuel Baltar, quixo agradecer “o traballo, o compromiso e a lealdade demostrada en todo este tempo por Cipriano Caamaño”, unha etapa, insistiu, “marcada sempre pola confianza dos veciños con maiorías absolutas en todos os comicios nos que se presentou e noutras convocatorias electorais”.

Agora, declarou, “ábrese unha nova etapa con Patricia Torres, que ten experiencia dabondo de goberno, con especial vocación pola cultura, por poñer en valor o importante significado que ten Boborás en ámbitos como o turismo ou mesmo o termal”. Para Manuel Baltar, a candidata sabe que o seu concello “está chamado a xogar un importante papel na comarca, pero aínda máis na provincia, por iso saudamos e agradecemos que puxera a disposición do partido a súa experiencia e iniciativa”.

18, Marzo 2019

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a presentación do programa de actividades que a "Ruta do Viño do Ribeiro" vai desenvolver durante o ano 2019 baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense e que reúne por primeira vez a catro entidades -Deputación, Consello Regulador da denominación de Orixe Ribeiro, Ruta do viño e Xeodestino O Ribeiro-Carballiño-, que colaboran conxuntamente para potenciar o territorio histórico do Ribeiro.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou na presentación "a aposta da Deputación de Ourense pola asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e pola visualización do enoturismo nunha comarca fundamental da provincia de Ourense, como é a do Ribeiro". Baltar salientou "as grandes posibilidades que se abren para Ourense coa próxima chegada da alta velocidade e en vésperas do Xacobeo 2021".

"Estamos a falar do viño por excelencia de Galicia e da segunda denominación de orixe máis antiga de España, o Ribeiro, así como do primeiro viño de Galicia que se internacionalizou, un viño de excelente calidade que afronte neste século XXI unha andaina máis que importante da man das institucións para potenciar a posta en valor desa parte tan representativa de Ourense como é a comarca do Ribeiro, onde se une non só viño senón o termalismo e a súa riqueza histórico-artística", afirmou Baltar.

A presentación contou, ademais, co presidente da asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares; e co presidente do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, Francisco José Fernández.

O obxectivo desta colaboración é facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e impulsala como destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.

O presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, dixo que outros retos son "espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado." Asemade apuntou que "queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos".

Actividades

As actividades a desenvolver durante o ano 2019 se concretan nunha campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro. Farase unha presentación en Santiago da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto a Compostela.

Unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español daralle unha dimensión nacional á estratexia, e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro. Finalmente, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará no mes de xuño a VIII edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.

A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 como unha entidade destinada á promoción do territorio ribeirán e os seus recursos cunha finalidade turística. Hoxe en día conta con 52 socios entre os que hai 19 adegas, 7 establecementos de restauración, 9 aloxamentos, balnearios e termas. Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén), así como co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que ostenta a presidencia.

Durante o ano 2018 se foron tecendo redes de cooperación entre a Ruta do Viño do Ribeiro e o xeodestino O Ribeiro-Carballiño promocionando o turismo neste territorio. Puxéronse en marcha actividades como o "Bus do Viño" durante os meses de xuño a setembro e tamén se desenvolveu unha misión inversa con medios xornalísticos galegos especializados no mes de novembro.

Segundo Francisco José Fernández, "o éxito acadado nestas accións nos animou a ir un pouco máis alá e propoñer unha cooperación con máis entidades. Deste xeito, por vez primeira na historia do Ribeiro, catro entidades con obxectivos e intereses comúns (Deputación, Consello Regulador, Ruta do viño e Xeodestino) establecen unha estratexia conxunta e poñen en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela".

As catro entidades deseñaron un paquete de actividades que se acubillan baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", que quere trasladar a idea do Ribeiro como unha zona con historia desde os romanos ata hoxe, pasando polas grandes ordes monacais, os fidalgos ou señores da terra e a figura dos arrieiros.

Segundo Casares, "o Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia".

De xeito principal, apunta Francisco José Fernández Pérez, "identificar a Ruta do Viño do Ribeiro co "Camiño do Viño" fundaméntase na importancia da figura dos arrieiros e dos percorridos que, pouco a pouco, se foron definindo en función de cal era o destino do viño (do Ribeiro) que transportaban".

O certo é que a existencia de granxas vitivinícolas dependentes de ordes eclesiásticas establecidas en Compostela, fixo que un dos destinos principais destes "comerciantes" sexa Santiago. Esta relación comercial Ribeiro – Compostela, tórnase estratéxica para o desenvolvemento económico dos dous territorios fundamentalmente polo comercio do viño do Ribeiro, que tivo repercusións a nivel social e cultural. Pontevedra foi o outro gran punto de negocio do Ribeiro xa que era o porto de mar desde onde este viño se comercializaba a outras zonas de España e ao estranxeiro. O Ribeiro foi o primeiro viño que chegou a América e o primeiro viño galego que se internacionalizou.

18, Marzo 2019

Este domingo pouco antes da tardiña ía paseando cun amigo polo paseo do Arenteiro cando de repente, entre a ponte da estrada de Ponevedra e o viaducto do tren, apareceu un xabaril adulto de gran tamaño transitando tranquilamente polo paseo como si tal cousa. Ao percatarse da nosa presencia este porco bravo, posiblemente asustado, deteuse e quedouse mirando para nós durante un intre. Tras asegurarse de que nós non constituíamos unha ameaza para el o xabarín reanudou a súa marcha avanzando dereitiño ata onde estábamos.

Para evitar problemas con este animal o meu amigo e máis eu decidimos saír do paseo e subir a unha costa para deixarlle o paso libre, pero para a nosa sorpresa o xabaríl tamén fio a mesma manobra que nós e acercándose cada vez máis. Por sorte este animal, quen sabe se levado polo medo que nos tiña, decidiu esquivarnos subindo por un terraplén para internarse nunha arboleda.

Aínda que non pasou nada e todo quedou nun susto, sobre todo para o xabarín, poño estes feitos en coñecemento de quen corresponda para que tome as medidas oportunas, pois como comprenderán a presenza dun xabaril de gran tamaño neste paseo supón un perigo para as persoas que a diario transitan por el para pasear e facer deporte. De feito a poucos metros de onde tivemos o encontro co xabaril había unha parella paseando cunha nena pequena. Non sei se esta parella se topou co xabarín, pero concidirán comigo que de atoparse con xemellante animal, por moi pacífíco que fora, este presentaría un perigo para eles e, sobre todo, para a neniña.

17, Marzo 2019

Asi o confirmou este domingo a comisión federal de listas do PSOE, Marina Ortega Otero será a cabeza de lista ao congreso na provincia de Ourense para as eleccións xerais do 28 de Abril.

Psicóloga de profesión, Marina Ortega Otero compatibiliza na actualidade o seu cargo como Xefa de Gabinete na Subdelación do Goberno en Ourense co de concelleira de Benestar Social, Igualdade e Sanidade no goberno municipal de Francisco Fumega no concello do Carballiño.

Ademáis, no PSdeG  forma parte da dirección autonómica, e agora con esta designación como nº 1 da lista ao congreso a carballiñesa continúa coa súa fulgurante carreira política.

15, Marzo 2019

Pachi Vázquez presentou o seu novo proxecto político no Carballiño rodedado, igual que o fixo dias atrás na súa presentación en Ourense, por varios exsocialistas, que no transcurso das últimas semanas foron anunciando a súa baixa no PSOE.

Foi nun acto conducido polo exsecretario local da Agrupación Socialista Carballiñesa Adolfo Nogueira no salón do Aparthotel Arenteiro ante unha concurrencia que dende a propia organización eleva a "máis de 350 persoas".

A concelleira no Carballiño, Charo González dixo sentirse “moi ilusionada co proxecto ao que podo aportar a experiencia adquirida nos últimos anos en aspectos como as necesidades concretas que afectas ao medio rural e ás parroquias do Carballiño, en particular”.

Gonzalo Rodríguez Conde, concelleiro en San Amaro e activista veciñal no Carballiño mostrou ante o auditorio“as ganas de traballar para establecer un correcto diagnóstico das necesidades do pobo do Carballiño e da realidade da comarca”.

A tamén edil en Maceda, a tamén exsocialsita Ana María Rodríguez Blanco animou a que, “a que as persoas com inquedanzas por mellorar o seu entorno social, de calquera tipo, veciñal, educativo, se incorpore a este movimento cidadán de acción política para conquerir cousas útiles para a veciñanza”.

Francisco Fraga, deputado provincial e exalcalde de Piñor expresou "a necesidade de apostar polos concellos do rural desde o fondo coñecemento da súa realidade e a definición de modelos adecuados á mesma que garantan a correcta prestación dos servizos públicos nestas áreas, en pé de igualdade".

Tras as intervecións da ourensana Maria Quintas e a concelleira carballiñesa Érika Paz, despedíu o acto o promotor desta nova formación política, Pachi Vázquez,subliñando que Espazo Común “non nace contra ninguén nin contra nada, nacemos en positivo, é un proxecto no que teñen cabida homes e mulleres que queiran traballar polos seus pobos”.

Finalmente, avanzou que se está a traballar na composición de candidaturas en diversos lugares tanto da provincia de Ourense como noutros lugares de Galícia.

14, Marzo 2019

O concello do Carballiño adxudicará nos próximos días dous proxectos de renovación do pavimento en varias rúas do casco urbano, así como en Mesego do Cabo e Seoane. A contía global da licitación supera os 225.000 euros, e finánciase con fondos do concello, cuxo orzamento forma parte do acordo alcazado na aprobación dos presupostos a finais do pasado ano entre o grupo municipal de goberno e o grupo do PP.

Trátase das rúas Marcelino Parrondo, Catro Camiños, Rega, Cornuval, Carballa, Vicente Risco, Xosé Fariña Jamardo e Mesego do Cabo, cuxo orzmento de licitación supera os 125.000 euros, así como diversas rúas na parroquia de Seoane, cuxo orzamento é de 100.000 euros.

Estes proxectos enmárcanse no plan de mellora das infraestruturas no casco urbano e nas parroquias, iniciado hai dous anos e que se intensificou nos últimos meses, a raíz da aprobación do orzamento do 2018.

Recentemente, asfaltáronse as rúas Alberto Vilanova, Aller Ulloa e tramo da estrada de Señorín a Treboedo, cuxo orzamento foi de 115.00 euros. E neste intre, renóvase o pavimento da rúa de acceso á igrexa de Mesego, campo da festa e rúa de acceso á estrada de Mesego, así como a continuación da beirarrúa ao Instituto Chamoso Lamas pola avenida do Parque, cuxo orzamento é de máis de 100.000 euros.

Tamén comezou hai unha semana a reforma das rúas do casco urbano, Cuba e Brasil, dentro dun proxecto que inclúe tamén as rúas Uruguay, Venezuela e República Arxentina, e cuxo orzamento global é de 270.000 euros.

Así pois, as obras que se realizan dentro deste plan neste comezo de ano superan un orzamento de 700.000 euros.

Anteriormente, o concello, xunto coa Deputación Provincial e Xunta de Galicia, procedeu á renovación do pavimento de diversas rúas e estradas do municipio, entre as que se atopan Ponterriza, Veiga, Pavillón de Deportes, Partovia e Señorín, no ámbito rural, e Aquilino Sánchez no casco urbano do Carballiño, esta última mediante o acordo dos orzamentos alcanzado con AV-SON, ao igual que a continuación da beirarrúa da avenida do Parque ata o Instituto Chamoso Lamas.

14, Marzo 2019

O Pleno do Irixo prolongouse dende as 9.30 h da mañá ata pasadas as 11:00 h, no que destacou unha vez máis o traballo do concelleiro da oposición PSdeG-PSOE, Iago Fariñas Valiña, que defendeu as únicas 13 mocións presentadas das que foron aprobadas 12 por unanimidade.

Os socialistas lamentan que "o goberno aprobe tódalas súas mocións para despois deixalas durmindo o sono eterno no caixón mentres o Irixo esmorece pouco a pouco, si ben, continuaran achegando propostas para que quede constancia do seu traballo e propostas de cara a un futuro goberno de progreso no Irixo a partir do próximo ano".

MOCION REXEITADA COS VOTOS DO GRUPO DE GOBERNO

- Moción para transparencia e fiscalización da mancomunidade de concellos da Comarca do Carballiño da que forma parte O Irixo.

MOCIÓNS SOCIALISTAS APROBADAS:

- Moción para adopción de medidas disuasorias para previr accidentes/atropelos con xabarís nas estradas do Irixo.

- Moción para a posta en marcha dun plan de rehabilitación, conservación e posta en valor das fontes dos pobos do Irixo.

- Moción para crear un transporte público municipal, especialmente os dias de feira, entre O Irixo e O Carballiño.

- Moción para a creación dun arquivo fotográfico histórico de O Irixo. - Moción para a conservación e posta en valor da cultura inmaterial no Irixo.

- Moción para o recoñecemento cultural da figura de Rosalía de Castro no Irixo.

- Moción para a creación dun espazo para o estacionamento e pernoctación de autocaravanas no Irixo.

- Moción para a protección da saúde da cidadanía fronte ó gas radón no Irixo.

- Moción para a creación dunha agrupación de voluntarios de protección civil no Irixo.

- Moción para axudas a retornados de Venezuela en estado de necesidade no Irixo.

- Moción para a mellora do financiamento dos concellos galegos incluído O Irixo.

- Moción para o fomento da recuperación e rehabilitación de vivendas e edificacións no Irixo.

13, Marzo 2019

Está ben eso de criticar a move por moverse e participar no "proxecto" de Sánchez (de concretarse ). Pero alguén me pode explicar os photocall de Baltar??? Pode explicar alguén se supón algunha nova este pasteleo con candidatos (algúns que levan máis de 30 anos, outros postos a dedo por xente que leva na tarta máis de 30 anos) ou se supón unha mellora pra calidade de vida dos veciños???

Un amigo e máis eu temos un xogo. Recientemente atopou a cara de Baltar 14 veces no mesmo día nun mesmo diario. E non por facer nada senon polas súas fantasías de ourensanía, ourense termal, e todo ese bla, bla, bla...

E nada, non hai xeito de desintoxicarnos de tanta caspa. O champú que vende Baltar é moi casposo.

13, Marzo 2019

Dende SOS O Carballiño fan balance do traballo feito nestes case 6 meses dende quese diron os primeiros pasos para constituír esta plataforma orientada a recoller as demandas cidadás que entenden importantes para O Carballiño, entre as que destacan as seguintes:

- Beirarrúas e mellora da iluminación no entorno do IES Chamoso Lamas coa finalidade de mellorar a deficitaria seguridade vial na zona

 - Estudo sobre a presenza de gas Radón en edificios públicos e en diferentes zonas da comarca.

- Melloras na sinalización viaria, facendo especial fincapé na sguridade dos peón.

- Eliminación de tuberías vellas (con amianto) no sistema de canalización de augas e separación de augas residuais e pluviais nas rúas nas que se fagan obras.

- Ampliación da atención pediátrica no PAC. -

Melloras no parque municipal e nos ríos da comarca, coa finalidade de convertilos nun motor de dinamización económica e social.

 Apuntan dende esta Platarforma que "a día de hoxe observamos con mágoa que as nosas demandas foron atendidas con pouco ou nulo interese por parte dos nosos representantes políticos", e poñen como exemplos os seguintes:

- O alumnado do Chamoso Lamas segue a desprazarse a pé por unha estrada que carece de beirarúas para poder acceder ao seu centro de ensino, continuando ademáis a mesma insuficiente iluminación.

- As persoas que traballan en edificios públicos como o concello ou os colexios seguen sen saber a que niveis de exposición de gas Radón está sometidos na súa xornada laboral. Igualmente ocurre cos alumnos deses centros de ensino. - Os vecinos seguimos cruzando as rúas por pasos de peóns mal sinalizados e iluminados, o que os converte en inseguros. - Seguen asfaltándose rúas sen que se substitúan as tuberías vellas.

- Seguimos sen ter servizo de pediatría polas tardes, o que implica para moitos pais pagar unha consulta privada ou desprazarse a Ourense cando os cativos se atopan mal. - O parque municipal segue a esperar por un plan que nunca chega. - As árbores mortas seguen caendo nos leitos dos ríos, amoreándose en pontes e presas, algunhas cun valor patrimonial a protexer. - O río Carrás segue a ser unha cloaca na que verte á rede de sumidoiros sen control.

 Manifestan "crer que moitos deses problemas non foron solucionados por falta de tempo e que os nosos políticos están a traballar para solucionar estes e outros moitos problemas que sufre o noso concello".

A pesar de que os problemas en moitos casos continúan estando aí, a valoración que fan da inciativa é positiva por unha serie de razóns que que explican asi:

- que en boa mediada acadamos a finalidade principal coa que naceu esta plataforma, que non é outra que o dereito que temos os cidadáns a agruparnos e participar na vida pública e política do noso concello dende fóra das institucións.

- Ao mesmo tempo, reivindicáronse nestes meses unha serie de melloras que repercutirían de xeito positivo na vida dos veciños á marxe de individualismo e personalismos.

- Conseguiuse neste curto periodo de tempo instaurar no pobo unha certa cultura do ben común, que consideramos imprescindible para conseguir que O Carballiño e comarca prospere e se convirta en aquilo que todas e cada unha das persoas veciñas queremos que sexa.

Tras facer balance anuncian que "agora toca facer unha pausa. Esta plataforma decide abrir unha paréntese nas súas demandas respectando os tempos democráticos para non interferir directa ou indirectamente nos procesos electorais abertos" En todo caso, engaden que a "Plataforma manterase viva na sociedade carballiñesa e retomará a súa actividade pública tan pronto como a entendamos necesaria".

E finalmente, fan un chamamento "aos veciños e veciñas que se presenten nas listas das diferentes candidaturas políticas que aspiran a gobernar este concello. Demandarlles que o fagan escapando de personalismos e de intereses individuais de calquera tipo e que pensen que o presente inmediato e sobre todo o futuro do noso concello pasará polas súas mans, e polo tanto o futuro de todas as xentes que aquí vivimos. Esixirlles pois que traballen por un Carballiño mellor", remarcan.

12, Marzo 2019

Pasmado! Atonlondrado se queda un cado lee o que acontece con parte de política comarcal, bueno con parte dos políticos. Que a política ainda queles non o saiban nin o pratiquen, é outra cousa.

Despois da espantada do Ernesto de San Amaro, a falla de renovación na meirande parte dos concellos da contorna, a titiritada de Adolfo, Pachi e Cia, mira ti por onde os de Move Boborás non podían ser menos que claramente uns "cambia chaquetas" pero estes con nocturnidade e alevosía, pois non están nin no primeiro intento e nin no primeiro feito! Parece un chiste, primeiro foron concelleiros polo PP en Boborás, enfadaronse ou botaronos (quen sabe) e montaron un dubidoso partido que nin de aquí nin dacolá. Os que eran practicamente de dereitas....agora van fichar para o Psoe querendo hai pouco fichar con Pachi.

Que vergonza! Vaia polichinelas temos. 

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS