10, Xullo 2024

O pleno extraordinario da corporación do Irixo celebrado esta mañá solicitado a instancias do Partido Popular desenvolveuse sen sorpresa, e a alcaldesa Susana Iglesias rexeitou someterse a unha cuestión de confianza.

A corporación solicitoullo por maioriía, tras contabilizarse 5 votos a favor (4 do PP e 1 do concelleiro Juan Manuel Villanueva) e 2 abstencións do grupo socialista, que está integrado no goberno municipal con Xuntos polo Irixo. Polo que os únicos votos en contra foron o da propia alcaldesa e a concelleira Tamara Civeira.

O portavoz popular ofrece "unha segunda oportunidade á alcaldesa para a aprobación dos orzamentos", aínda que Manuel Cerdeira advirte que "de agora en adiante, o vitimismo xa non ten sentido".

Escóitaoo no PODCAST de COPE O Carballiño.

9, Xullo 2024

Loterías e Apostas do Estado dedica o décimo de Lotería Nacional do xoves 25 de xullo á Festa do Polbo do Carballiño. A presentación do décimo tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello, coa asistencia do concelleiro de Cultura, Diego Fernández;a concelleira de comercio, Diana Fumega; o delegado de Loterías en Ourense, Juan Carlos Rodríguez; e a secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, María del Mar Lage.

O décimo do 25 de xullo está ilustrado cunha fotografía do monumento ás pulpeiras, obra da escultora Laura Rodríguez, que rende homenaxe a este oficio artesanal tan representativo do Carballiño, onde todos os anos celébrase unha das máis importantes festas gastronómicas de Galicia.

Como empresa pública, Loterías está firmemente comprometida coa difusión da cultura e as tradicións, en especial naqueles casos nos que estas se converteron en auténticos acenos de identidade que nos definen e nos cohesionan como sociedade ao redor dunha historia e uns valores comúns, que Loterías comparte co conxunto da cidadanía.

Por parte do Concello, o concelleiro Diego Fernández, agradeceu o recoñecemento de Loterías á asociación carballiñesa, que é ao mesmo tempo un recoñecemento ás pulpeiras e á propia Festa do Polbo, que hoxe conta con carácter internacional e é unha das grandes celebracións gastronómicas de España. No mesmo sentido manifestouse Diego Fernández, concelleiro de cultura, que afirmou que o décimo deseñado recolle perfectamente a arte da escultura de Laura Rodríguez, pero tamén a arte do oficio das pulpeiras, labrado durante séculos, elemento diferenciador e un dos grandes reclamos turísticos da vila. Pola súa banda, María del Mar Lage, secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, recoñeceu o traballo das xeracións anteriores e presentes por manter viva a tradición.

Para o sorteo de Lotería Nacional do 25 de xullo poñeranse á venda 6 millóns de décimos na rede comercial de Loterías, o que permitirá que a Festa do Polbo do Carballiño sexa coñecida en toda España. Este sorteo repartirá 12,6 millóns de euros en premios, entre os que destacan un primeiro premio de 300.000 euros por serie e un segundo premio de 60.000 euros por serie.

9, Xullo 2024

O portavoz do grupo municipal de Espazo Común analizou en COPE O Carballiño a nova situación política no concello tras consumarse o acordo de PSOE e Partido Popular para gobernar xuntos os próximos 3 anos.

Podes escoitar a intervención radiofónica de Adolfo Nogueira no seguinte PODCAST:

8, Xullo 2024

O novo concelleiro de deportes do Carballiño, Pepe Castro-Gil Seijas, ven de presentar un programa para fomentar a práctica deportiva durante os meses de verán, recuperando aquél chamado "Verán Deportivo" de anos atrás, e incorporando algunhas novidades.

Serán actividades todas elas gratuítas e que darán inicio a partir deste próximo dia 15 de xullo, as máis especialmente dirixidas á rapazada terán carácter competitivo e son as únicas para as que será preciso a insripción no departamento municipal de deportes.  A competición dividiráse en 3 categorias segundo as idades dos participantes, e as modalidades que se ofertan son as de fútbol sala, baloncesto e balonmán. Desenvolveráse na segunda quincena deste mes de xullo desde as seis da tarde en adiante na Pista Roxa.

E xa para todas as idades, sen necesidade de incripción previa, as actividades serán as seguintes:

-Zumba, todos os lúns ás 20:00 horas na Praza Maior.

-Ioga, os martes ás 10:30 horas no parque municipal.

-Circuíto HIT, os venres ás 10:30 no parque municipal.

-Aquagym, os mércores ás 12:00 horas na piscina pública.

-Pilates, os xoves ás 10:30 na Praza da Veracruz.

8, Xullo 2024

"Todo para mellorar O Carballiño", un  sobado e baleiro concepto no discurso do grupo municipal do PP para tentar ocultar a súa mediocridade e incompetencia política.

                Este PP, que na campaña electoral se proclamaba como a única alternativa seria para facer fronte ao que cualificaban de desgoberno do PSOE, cunha candidatura de persoas sensatas e capaces, dician, comezou a súa xestión como oposición de forma incongruente e inexplicable ao premiar ao alcalde e aos concelleiros responsables de tal desgoberno coa subida das súas asignacións salariais.  

                O mesmo PP que seguiu co bodebil protagonizado polo seu cabeza de Lista, Lino González, condicionando a súa acción municipal aos seus intereses persoais, terminando por abandonar o seu cargo ao pouco tempo ao non ver cumpridas as perspectivas económicas que, segundo el, lle foran prometidas polos dirixentes do PP de Ourense .

                Para colmo, nun alarde de candidez política, o portavoz municipal do PP do Carballiño, José Castro, ante a decisión da posibilidade de moción de censura ao equipo de goberno do PSOE,  confesaba aos medios de comunicación que se debían á submisión e á prioridade dos intereses do partido a nivel provincial e autonómico por enriba dos que realmente se deben, que son os dos veciños do Carballiño, entregándose ás estratexias e manobras do dirixente provincial do PP, Luís Menor, na súa política de control da Deputación.

                Así se encargaba de confirmalo o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o PP provincial, que raudamente se apresuraron a defender publicamente o insólito pacto entre o PP carballiñés e o PSOE, ao mesmo tempo que o comité provincial e nacional dos socialistas de Galicia o desautorizaban e anunciaban a apertura de expediente sancionador ao Alcalde e aos concelleiros que firmasen o pacto.

                No pleno municipal, ademais do populacheiro recurso de  "todo para mellorar O Carballiño", o portavoz do PP non dixo apenas nada dos verdadeiros motivos que xustifiquen esta extraordinaria decisión que contradí gravemente as promesas electorais e a súa moción de reprobación ao equipo de goberno que presentara meses antes, recorrendo ao acostumado e demagóxico xuramento de deixar a Corporación  no caso de que o tempo non lles dea a razón. Pois, xa están tardando.    

8, Xullo 2024

Referente al tema de las piscinas municipales, y a que la gente del pueblo se va a otras, de otros municipios, no es de extrañar...

Yo fui el viernes, acompañado de una persona que no era de aquí, y, después de tener que soportar una completa incapacidad de control sobre el baño y lo que sucedía alrededor de las piscinas, aún tuvimos que soportar el comportamiento, de ciertas, diría bastantes personas no de carballiño , pero si cercanos,fumando marihuana, cuando yo creía que se debe abandonar el recinto para fumar tabaco...

De vergüenza, y por supuesto, no volveré.

8, Xullo 2024

O grupo municipal de Espazo Común levará ao próximo pleno da Corporación unha moción na que propón un acordo plenario para que o acceso ás piscinas públicas do Carballiño sexan gratuítas para todos os usuarios.

Espazo Común manifesta que trátase dunha "infraestructura que, dada a inversión feita nos últimos anos debera ser un referente provincial e motor de atracción turística e que, como case todo neste pobo, quédase nun pudo ser o que non foi".

Refírense ás "numerosas eivas que presentan e ocasionan problemas un ano tras outro, o que hai que engadir a competencia de piscinas situadas ben preto que ofrecen mellores prestacións e por riba son de suso gratuíto" e mesmo aseguran desde Espazo Común que "no canto de de vir xente de fora á piscina do Carballiño, son os veciños deste pobo os que marchan para disfrutar das de Boborás, Cea, Maside, Oira ou Lalín". Para evitar esta "fuga" a outras localidades,

Espazo Común demandará que o acceso ás piscinas municipais do Carballiño pase a ser gratuíto "como xa o é" noutros concellos

8, Xullo 2024

Espazo Comun outra vez pedidndo cafe poara todos e gratuidade das piscinas, como se se mantuvesen solas, o dos outros concellos onde goberna o Pp esta todo ben e aqui todo mal, vostedes son mais unha filial encuberta do Pp que outra cousa

7, Xullo 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo na inauguración da XXI Festa de Exaltación da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, de interese turístico de Galicia, onde cualificou esta festividade como un referente do turismo gastronómico do verán.

Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia que ten esta celebración para poñer en valor un “produto galego diferenciado como é o pan de Cea” e tamén as técnicas ancestrais da zona para a súa elaboración. Tamén fixo referencia ao papel estratéxico destas festividades gastronómicas no modelo turístico galego, que aposta pola gastronomía, cultura e natureza.

Tamén salientou que a Xunta ten en marcha varias liñas de traballo para poñer en valor os produtos gastronómicos con iniciativas como o Plan de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta con fondos europeos e que está a incluir accións en máis de 80 concellos galegos que contan cos seus plans de sostibilidade en destino ao redor de produtos gastronómicos.

Ademais do director de Turismo, tamén asistiron o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Trátase dnha xuntanza que reuniu a autoridades, produtores e veciños para salientar a calidade dos produtos agroalimentarios galegos, neste caso, unha marca recoñecida internacionalmente da que o ano pasado se chegaron a producir preto de 400.000 kg, o que supuxo un valor económico de máis dun millón de euros.

Este evento pon de relevo un produto que se elabora segundo as técnicas ancestrais da zona, mediante un laborioso proceso artesanal, e que se coce en fornos de leña, dando como resultado un pan de sabor único e identificador da calidade alimentaria galega e da óptima materia prima da comunidade.

O Pan de Cea é una das tres Indicacións Xeográficas Protexidas de panadaría e repostaría rexistradas na nosa comunidade, xunto coa IXP Pan Galego e a IXP Tarta de Santiago. Unha certificación que sinala que os produtos posúen unha calidade determinada, reputación ou característica que pode atribuírse a unha orixe xeográfica e algunha fase da súa produción ten lugar nunha zona delimitada da que toma o seu nome.

Nos últimos dez anos, a Consellería do Medio Rural concedeu ao Consello Regulador da IXP Pan de Cea, que controla e favorece o elevado nivel de rigorosidade necesario nas tarefas de seguimento das denominacións de calidade, axudas ao funcionamento, control e promoción da IXP. O 2023 foi o ano no que se destinou un maior investimento a esta indicación, con preto de 60.000€.

IXP Pan de Cea

O Pan de Cea elabórase con fariña de trigo, auga potable e sal comestible, ao que se engade para a súa fermentación masa nai. Posúe características comúns cos produtos das IXP Pan Galego, pero ten trazos peculiares que fundamentaron o rexistro dunha indicación propia con anterioridade, no ano 2005.

A obtención do produto consta de sete fases: un amasado dunha hora de forma manual, o tempo de repouso, a división da masa segundo o formato a realizar, o reamasado ou tendas, o enfornado e a cocción e finalmente, a etapa de rever.Todo isto supón un traballo practicamente artesanal de longa duración.

As características principais do Pan de Cea son a súa forma, caracterizada por unha fenda transversal no centro, as súas dúas presentacións posibles (peza ou molete), unha codela grosa de consistencia dura e ríxida, con tendencia a facer láminas e o seu miolo, de textura esponxosa, fibrosa e firme.

6, Xullo 2024

A doutora Marisa Crespo é, desde hoxe, Filla Predilecta da provincia, logo do acto solemne onde se lle fixo entrega a esta cardióloga, oriunda de San Cristovo de Cea, do título honorífico con esta distinción institucional outorgada pola Deputación de Ourense. Súmase así a otros recoñecementos institucionais como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2019); a Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio de Médicos de A Coruña (2020); Filla Predilecta do Concello de Cea (2020); Premio ao “Médico Hipocrático” da Sociedade Española de Cardioloxía (2021); Premio “Agora do Orcellón”, promovido por o Instituto de Estudios Carballiñeses, (2021).

O presidente provincial, Luis Menor, recalcou ante o ateigado salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, que “estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense, unha eminencia nun ámbito tan especializado como a Cardioloxía” e recalcou que “grazas ao traballo, á traxectoria, á excelencia e a calidade humana e profesional de Marisa, facemos un Ourense máis grande, unha provincia mellor”.

Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento da Deputación, e articulou un discurso centrado nos seus grandes piares: a súa terra, a súa profesión e a súa xente. Lembrou que é natural de Santrós, parroquia de San Martin de Lamas, no concello de Cea, de fama internacional polo seu pan “onde o pan é arte”.

Tivo un recordo para os seus pais Mº Generosa Leiro e Modesto Crespo. “Parecese que os seus nomes dalgunha maneira ensináronnos á miña irmá Maria e a min o camiño da entrega e da discreción. A miña nai mestra, filla de mestres e moi vocacional. No seu obituario díxose dela “que puxo en práctica todas as benaventuranzas. O meu pai, Modesto, industrial madeireiro (que non puido ter estudos superiores) mostrounos a relevancia dos valores: honestidade, afán por aprender e capacidade de gozar coa tarefa diaria. A miña irmá Maria, médico do centro penal de Pereiro Aguiar, un exemplo de compromiso e entrega cos demais”.
Lembrou que a súa primeira escola foi no medio dun monte e sen luz eléctrica, en contacto pleno coa natureza. Logo, interna no colexio carmelitas de Ourense, estudou Medicina en Santiago de Compostela.

No hospital Cristal-Piñor fixo prácticas de medicina coa Dra Pilar Lamela, e o curso rotatorio de 6º medicina no Hospital Santa Maria Nai, co Dr Manolo de Toro, no servizo de Medicina Interna que dirixía o Dr Jose Fernández. Especialista en Cardioloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid, destacando ao seu mentor Luis Pulpón. Tras apenas 1 ano de traballo en Toledo, como cardiólóga, desde 1993 traballa no CHUAC (A Coruña) , onde dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante cardíaco.

A importancia do traballo en equipo

Quixo referir Marisa Crespo no seu discurso a importancia do traballo en equipo. “O éxito do programa de transplantes do CHUAC na Coruña é o traballo en equipo. Somos unha cadea, que é tan forte como en máis débil dos seus elos. O noso traballo é dunha enorme complexidade. Non só é necesario que un cirurxián sexa moi experto ou un médico moi traballador e sabio. Nun só transplante traballan moitísimas persoas con diferentes responsabilidades, todas importantes, por sinxelas que parezan. Calquera erro nalgunha delas pode levar ao fracaso e a morte do paciente. De aí a importancia de coidar a todo o equipo”, expilicou, ao tempo que deixou claro que “sen doantes non hai transplantes. E Ourense merece un recoñecemento público por ser unha provincia cunha alta taxa de doazón de órganos para transplante, por encima da media nacional”.

“A Medicina ensinoume moitas cousas, unha delas foi a de tratar de empatizar co paciente, a persoa que sofre. E entender sempre á outra parte, á súa familia, á súa contorna, ás súas circunstancias. Isto é unha aprendizaxe continua. O meu obxectivo resúmoo nunha frase: tratar ao paciente como a min me gustaría ser tratada.
Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento provincial: “Grazas á Deputación de Ourense, na persoa do seu presidente, Luis Menor, que me outorga este recoñecemento que non pode ser máis motivador para min. Agora síntome máis obrigada que nunca a continuar a senda de traballo, investigación e entrega a unha profesión que naceu claramente para axudar aos demais”.

Lecturas do expediente e da laudatio

Logo da lectura do expediente a cargo da instructora do mesmo, a deputada provincial Patricia Torres, o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUAC, José Manuel Vázquez Rodríguez, deu lectura á laudatio da homenaxeada destacando a calidade humana e a excelencia no exercicio da súa profesión da Filla Predilecta da provincia: “Marisa exemplifica de un modo moi preciso a evolución da nosa sociedade ourensana dende as últimas décadas do século XX, dende un medio rural máxico, pero atrasado, ata os contornos sociais mais avanzados do mundo. Ela é una verdadeira embaixadora dos valores galegos de solidariedade, traballo duro e compaixón”. Neste senso, tamén proclamou que a doutora Crespo “é unha profesional de prestixio mundial, que é profundamente ourensana, orgullosa da súa terra, que trata de lla mostrar a toda persoa que coñece. Ela fainos ver que non é incompatible ser cidadá do mundo e ao mesmo tempo ter unhas fortes raíces en Ourense. O moito que ela presume da súa terra é probablemente un motivo mais para ser merecedora de esta homenaxe que hoxe lle fai o pobo de Ourense”.
No ámbito estrictamente profesional, o xefe de Servizo de Cardioloxía do CHUAC deixou patente que “a relevancia da súa presencia internacional significa que a doutora Crespo é recoñecida coma unha das mellores cardiólogas do mundo e é reclamada para formar parte do equipo que elabora as directrices que aplicamos todos os demais cardiólogos para atender aos pacientes con doenzas do corazón”.

Unha traxectoria de excelencia

Marisa Crespo é a xefa de sección da Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco do CHUAC, que atende pacientes de toda Galicia e os seus resultados son motivo de orgullo para o Servicio de Cardioloxía do CHUAC. Precisamente, no ano 2017 esta Unidade de Insuficiencia Cardíaca Especializada e Avanzada foi acreditada como excelente pola Sociedad Española de Cardiología.

A doutora Crespo coordina o Grupo de Investigación de IC avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), sendo tamén a Xefa de Grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular (CIBERCV), do Instituto de Salud Carlos III. Marisa Crespo ten presentado máis de 500 comunicacións en congresos e case 450 artigos científicos publicados nas revistas máis prestixiosas da especialidade, tamén é autora de unha patente e 3 deseños industriais.

Sobre a súa vocación docente, foi profesora asociada de Medicina USC (1996- 2016). profesora asociada de Medicina UDC (2016-2919) e actualmente é profesora titular de Medicina de la Universidade de A Coruña (UDC). A Unidade de Insuficiencia Cardíaca participa na formación MIR do Servizo de Cardioloxía e recibe con frecuencia médicos en formación de outros hospitais de España o de outros países.

Participou tamén na elaboración do currículo de enfermeiras de insuficiencia cardíaca da Sociedade Europea de Cardioloxía e é a directora do curso de enfermeira experta en insuficiencia cardíaca que ten alumnos de toda España. Entre o ano 2018 e 2020 foi Membro do Comité de Educación da Sociedade Europea de Cardioloxía e participou no desenvolvemento do currículo formativo de Cardioloxía, e dicir, en decidir que coñecementos e habilidades ten que ter un cardiólogo en calquera país europeo.

Pero o que realmente acrecenta a figura profesional da doutora Marisa Crespo é o seu importante papel fora de Galicia, tanto nacional como internacional, no campo da Cardioloxía. A nivel nacional é unha cardióloga moi prestixiosa e con moita presenza no campo da insuficiencia cardíaca e o transplante cardíaco. Foi secretaria da sección de transplante cardíaco e mais tarde, en 2003-2006, presidenta da Sección de Insuficiencia cardíaca e transplante da Sociedade Española de Cardioloxía onde puxo en marcha e coordina (dende 2006) o Rexistro Español de tumores post-transplante cardíaco. Asimesmo, foi membro fundador da Sociedade Española de Transplantes.

No panorama internacional, dende o ano 2007 tivo unha participación crecente na Sociedade Internacional de Transplante Cardíaco e Pulmonar (ISHLT por as súas siglas en inglés) na que foi Coordinadora do Consello de Transplante Cardíaco e Insuficiencia Cardíaca Avanzada e membro de varios Comités. Entre 2010 e 2012 foi a primeira persoa española membro da xunta directiva e tamén a única española autora das Guías de Práctica Clínica de esa Sociedade Científica no ano 2010, guías que fan recomendacións de alcance mundial.

Entre 2013 e 2018 foi membro da Xunta Directiva da Asociación de Insuficiencia Cardíaca da Sociedade Europea de Cardioloxía (Heart Failure Association of the ESC), unha sociedade científica de ámbito europeo pero de repercusión mundial, na que coordinou o rexistro europeo de insuficiencia cardíaca e contribuíu a varios fitos dentro da Asociación: trouxo por vez primeira a España, en Sevilla, o Congreso de esta Asociación e a doutora Crespo foi codirectora xunto co Dr. Franz Ruschitzka de Zurich; formouse nese tempo un Comité de insuficiencia cardíaca avanzada e a doutora Crespo foi a Coordinadora do Documento de Posicionamento científico da insuficiencia cardíaca avanzada da Sociedade Europea de Cardioloxía (ESC). En 2021 foi o único profesional español coautor das Guías de Práctica Clínica da Sociedade Europea de Cardioloxía e tamén da actualización levada a cabo o ano pasado.

Mais alá de esta participación nas Sociedades Científicas mais prestixiosas do mundo, Marisa ten sido invitada a dar conferencias nos mellores hospitais como a Clinica Mayo en Rochester (Estados Unidos), o Instituto Karolinska en Suecia, Hospital St. Bartolomew ́s en Londres, Rabin Medical Center en Israel. Tamén é invitada a participar en reunions de Sociedades Científicas por todo o mundo: Alemania, Mexico, Serbia, Croacia, Argentina, Colombia, Chile, Lituania, Emiratos Árabes, China, Singapur.... Dende 2017 e profesora do curso de post-grado de Insuficiencia cardíaca do hospital Universitario de Zurich en Suiza, probablemente o mellor curso do mundo no seu tema.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS