
A xunta directiva provincial do Partido Popular de Ourense reuniuse para facer análise dos resultados electorais obtidos o pasado domingo e nomear ao comité de campaña para as eleccións autonómicas de outono. Unha convocatoria que tivo como escenario o edificio multiusos do Concello de Avión, onde os populares ourensáns acadaron a maior porcentaxe de apoio ao partido co 88,17 % dos votos.
Esta cita en Avión, sinalou o presidente provincial, “ten como fin recoñecer os impresionantes resultados alcanzados neste concello, pero tamén poñer en valor o traballo desenvolvido polos outros 91 representantes locais do partido que fixeron unha gran campaña”.
O PP, engadiu, “é un partido por e para a provincia, que só traballa en positivo na construción de Ourense e cunha solidez clave no éxito electoral do domingo”. Neste sentido, Manuel Baltar lembrou que a provincia tiña un claro protagonismo no programa de intencións co que se presentou á presidencia do partido en marzo pasado, propostas das que citou en concreto a celebración de xuntanzas itinerantes dos órganos do partido polo territorio ourensán, sendo está a segunda das convocatorias que se realizan fora da sede logo da celebrada en Cea na estrea da xunta directiva elixida no congreso provincial.
Baltar non deixou pasar a ocasión de lanzar unha mensaxe de agradecemento aos case que 30.000 afiliados ourensáns ao Partido Popular, pero tamén aos 508 concelleiros que representan á formación por toda a provincia. “Se o domingo celebráramos eleccións municipais –dixo en alusión á extrapolación dos datos- tería que felicitar a preto de 600 concelleiros de 87 concellos e iso sísería unha verdadeira demostración da fortaleza deste partido”.
Para o presidente provincial, o éxito do PP radica na capacidade de traballo das persoas que o integran e a súa continua actividade política, “características que nos diferencian doutros partidos, fatalistas e agoreiros, que aínda hoxe están a pensar nas causas do seu estrepitoso fracaso, procurando calquera tipo de xustificación agás facer unha profunda reflexión das súas mensaxes, baleiras de contido e co único propósito de derrotar a outro partido. E iso non é política”.
Trala intervención do presidente, os membros do órgano de goberno popular tiveron ocasión de analizar os resultados do domingo a través dun completo documento no que se recollen todo tipo de datos e extrapolacións por concellos, xuntas electorais e institucións.
Na orde do día da xunta directiva tamén figuraba a constitución do comité de campaña para as eleccións autonómicas de outono, del tal xeito que o Partido Popular de Ourense convértese na primeira formación popular de Galicia en formar este órgano electoral, encargado da organización e desenvolvemento.
O comité, integrado por vinte e cinco persoas, non presenta variacións con respecto ao constituído para as eleccións do pasado domingo, xa que segundo afirmou Manuel Baltar “o equipo de campaña fixo un magnífico traballo que, non me cabe dúbida, repetirá para conseguir os mellores resultados nas autonómicas”.

O Campo da Saleta acollerá este domingo 3 de xullo unha nova edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano cumpre o seu 25 aniversario e para celabralo ten organizado un amplo programa de actividades.
A presentación do mesmo tivo lugar no Centro Cultural da Deputación de Ourense e contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; do secretario da IXP, Ricardo Losada; do presidente do ente provincial, José Manuel Baltar; e do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares.
Carlos Rodríguez salientou que esta 25 edición da festa será unha celebración moi especial e, por iso, contará cun amplo programa co que IXP e o Concello agarda incrementar o número de persoas que, ano tras ano, participa na Festa de Exaltación do Pan de Cea. A previsión é que se poidan degustar durante o domingo arredor de 2.700 pezas deste produto con Indicación Xeográfica Protexida. Ademais, está confirmada a participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, e o seu homólogo no Parlamento, Miguel Santalices, e o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.
Pola súa banda, o presidente da IXP aproveitou para explicar que “as vendas do Pan de Cea non paran de medrar. De feito, no 2015 aumentaron un 5%, superando as 700.000 pezas.
Esta maior demanda prodúcese en especial fóra de Galicia e, en concreto, en restaurantes e tendas delicatessen”.
Ruta dos fornos e cociña en vivo
Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 3 de xullo, xa para o sábado 2 de xullo están preparadas varias iniciativas. Entre elas, a xa consolidada Ruta dos Fornos pola vila de Cea, entre as 19 h e 22 horas, contará coa animación de “Vai de Baile”. Ademais os catro fornos tradicionais -o da Parapeta, o do Santo, o do Abade e o do Lodaira ou Panadeira- disporán de pinchos e viño para os visitantes.
Tamén, un ano máis, terá lugar a cociña en vivo da man da chef ourensana, Emma Pinal, quen ás 17.30 h na Praza Maior elaborará diferentes pratos cos máis pequenos, quenes despois deixarán paso os maiores que poderán probar a súa arte nos fogóns ás 19.15 horas ou ás 20.30 horas no mesmo lugar. A xornada do sábado pecharase cun concerto de LICHIS (ex-Cabra Mecánica), a partires das 23 horas na Praza Maior.
Un pregoeiro para a ocasión
A xornada grande, da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que nesta edición celebra o 25 aniversario, o domingo 3 de xullo, comezará ás 10.00 horas, cos tradicionais pasarrúas a cargo de charangas.
Ás 12.30 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. O pregón chegará ás 13.00 horas da man de Óscar Pereiro, ciclista galego e gañador do Tour 2006, que nesta especial ocasión será o encargado de pronunciar o discurso que inaugurará oficialmente a festa.
A continuación, terá lugar o acto de homenaxes ás panadeiros xubilados e finalmente actuarán as Pandereteiras de Cea e charangas. Veciños e visitantes poderán participar na degustación popular de produtos galegos con distintivos de calidade, que tamén serán os protagonistas do menú do tradicional xantar da Festa de Exaltación do Pan de Cea. Dito xantar comezará ás 14.30 horas.
A sesión vermú e a verbena de fin de festa correrá a cargo da orquestra Fin de Siglo.
O Partido Popular incrementa o seu apoio electoral en todas as mesas do municipio carballiñés. O resto das candidaturas perden votos.
Na comparativa, poden verse os resultados de cada candidatura, tanto os correspondentes ao 20D como ao 26X.
Para acceder ao mapa electoral no concello do Carballiño prema no arquivo adxunto:
Vaise perfilando unha desas festas medievais tan repetidas por todas partes e neste caso nesta nosa vila que pouco máis ten que dous intensivos séculos de vida arredcor dunha encrucillada e dos camiños. Sempre a rastro das boas e trunfantes ideas culturais de Ribadavia.
Festas medievais que se venden por catálogo: os mesmos telderetes ofrecendo ghastronomías, artesanías, as máis destas de Marrocos ou da china...Todo confeccionado pro consumidor e por medio algún argumento de que si Oseira, Beade....
Hai anos que naceu e se expresa con esforzo e agarimo unha trentativa que nace no barrio de Flores, nese barrio marxinal situado no cu du concello, con solainas, eiras e cabaceiros maltratados (mirese o da Eira, atado por transformadores e cables, pese a ser un Ben protexido....
Referímonos o apoio á FEIRA DE PEPA LOBA ¿cómo non se intensifica isa idea do Carballiño do século XIX, o da "Xuventude de Pepa Loba? e se ofrecen os productos orixinais da terra, que son os gastronómicos da feira, potenciar canta pouca artesanía queda....

Os Socialistas de Leiro queren expoñer perante a opinión pública, a cidadanía en xeral e a veciñanza en particular, a lamentable situación do colexio público Emilia Pardo Bazán de Leiro. O Grupo Municipal Socialista e, nomeadamente, o seu Portavoz, Manuel Rodríguez, recibiron numerosas queixas dos pais dos nenos e nenas que alí reciben aulas, ante a preocupante situación. A falta de limpeza, tanto exterior coma interior, é alarmante, producindo un grave risco para a saúde pública e para o benestar dos meniños e meniñas que alí acoden diariamente.
Por outra banda, os socialistas, fanse eco da falla absoluta de mantemento das instalacións educativas por parte do Concello e da Xunta de Galicia, última responsable das mesmas.
En verbas do Portavoz: “Dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro, queremos destacar a desidia, desleixo e pouca sensibilidade do Alcalde, quen segue de xira turística para asegurarse un posto no Senado nos vindeiros comicios xerais, namentras os nenos e nenas de Leiro teñen que padecer as lamentables condicións do centro escolar. Os rapaces e rapazas están a sufrir o pasotismo deste señor máis preocupado polo seu futuro político e, sobre todo, económico, que polo benestar xeral do Concello.
O Alcalde está, continuamente, a desatender as súas obrigas coma máximo xestor municipal e non é merecente da confianza que nel depositaron os veciños e veciñas”. Cómpre destacar que hai unha empresa, en réxime de concesión, que recibe do erario municipal uns 58.000 €, pola limpeza viaria e dos edificios municipais, por un periodo de 18 meses, tendo en conta que pode haber prórrogas e modificacións ao respecto.
As funcións desta empresa inclúen a limpeza do colexio, de luns a venres, nos meses de actividade escolar, despois do horario de clases; o que vén a incluír o varrido dos corredores, escaleiras, aulas, oficinas, baños e laboratorio, así coma o fregado semanal das aulas, laboratorio e biblioteca. Do mesmo xeito, agárdase desta empresa que realice unha limpeza trimestral, alomenos, dos vidros das ventás e o varrido do ximnasio, unha vez ao mes.
Tal coma destacan os socialistas de Leiro, esto non está a suceder, ben ao contrario, tal como se pode comprobar, hai un nivel de suciedade intolerable, tanto exterior coma interior, papeleiras que levan meses sen recoller e maleza inundando o edificio. Respecto do mantemento do edificio, é facilmente comprobable que se están a caer os azulexos e que as persianas non funcionan. Por todo esto, o Grupo Municipal Socialista de Leiro, esixe a limpeza inmediata da escola, así coma as tarefas de mantemento e solicita ao señor Alcalde que faga honra ao seu cargo e esixa os servizos polos que todos os veciños e veciñas de Leiro están a pagar.

Máis de vinte artistas afeccionados pintarán este domingo as prazas, os monumentos e os lugares emblemáticos do Carballiño.
Trátase da I Mostra de Pintura na Rúa, que organiza a concellería de Cultura en colaboración con artistas, obradoiros de pintura, como o de Mari Carmen, e a librería Escolma, que agasallará aos artistas máis novos con estuches de debuxo.
Precisamente, das 22 persoas inscritas, máis da metade son nenos e mozos de entre 11 e 16 anos.
A Fonte do Concello, a Fonte de Flores, diversas perspectivas do Balneario (dende o sendeiro do Arenteiro, dende o estanque de San Roque, dende o Lavadoiro de Toscaña, dende a ponte de Toscaña), a escultura dos Irmáns Prieto no Parque e a Piscifactoría son algúns dos monumentos e lugares que se van a pintar. E incluso hai uns horarios establecidos, así, as fontes, entre as 10,00 e as 11,30 h.; o Balneario, a partir das 12,00 h., e pola tarde a partir das 16,00 h; a escultura dos Irmáns Prieto, entre as 18,00 e as 20,00 h., e a Piscifactoría, a partir das 19,00 h. Sen embargo poderanse ver artistas pintando ou debuxando noutras prazas da vila a partir das 10,00 h., e ata as 20,00 h.
A iniciativa pretende dar a coñecer e levar á rúa a arte pictórica e, ao mesmo tempo, desenvolver unha actividade solidaria, xa que as obras donaranse ao centro de Aspadisi.
Asemade, de entre todas elexirase unha pintura que será o cartaz da II Mostra de Pintura na Rúa e quedará exposta no concello permanentemente. Asemade, con todas as obras realizarase unha exposición que se poderá ver durante todo o mes de xullo na casa consistorial.

O Servizo para a Internalización Educativa (SEPIE) ven de facer pública a relación de Centros Educativos que contarán con bolsas ERASMUS+ Acción K102 para que alumn@s de Formación Profesional realicen prácticas formativas en empresas de la Unión Europea.
Por cuarto ano consecutivo o proxecto O CARBALLIÑO EN EUROPA do IES MANUEL CHAMOSO LAMAS foi seleccionado. Contará con 4 Mobilidades para o curso 2.016/17, sendo un dos dous Centros da provincia de Ourense con proxecto propio, non necesitando polo tanto participar no Consorcio da Xunta de Galicia para ofertar tales mobilidades.
Só 14 Centros Educativos da Comunidade foron elexidos directamente pola SEPIE, e entre eles o IES MANUEL CHAMOSO LAMAS que terá mobilidades para prácticas nos Ciclos Medios. Tamén dende o curso actual o IES Chamoso Lamas leva a cabo un proxecto conxunto coa Escola Profissional de Braga, chamado Contabilidade em duas linguas na que o alumnado de Administrativo de ambos centros poidan coñecer a través dun aula virtual as diferencias e semellanzas entre os sistemas fiscais, contables e laborais de España e Portugal.
Nestes tres anos ata 18 alumn@s do Chamoso dos Ciclos de Administración, Electromecánica de vehículos e Electricidade fixeron mobilidades de case tres meses en Italia (Perugia, Venosa e Bari), Portugal (Braga e Vila do Conde) e Malta. Esta experiencia permitiúlles mellorar as súas competencia profesionais en empresas doutros países cun impacto favorable na súa empregabilidade, así como coñecer unha lingua estranxeira, outra cultura e facer amistade con xente doutros países.
En definitiva, non deixa de ser una boa nova para os alumnos dos Ciclos Formativos Medios e Superiores, xa que poderán vivir en primeira persoa a experiencia de coñecer outo país, outra lingua e outra cultura mentras realizan as súas prácticas de traballo no estranxeiro, tendo en conta ademáis que na actual convocatoria só se lle presentará esta oportunidade en toda a provincia de Ourense ós estudantes do IES Manuel Chamoso Lamas.

A I Feira Medieval do Carballiño terá como lema “A Liorta”, e representa o conflicto xurdido entre as distintas xurisdiccións de finais do século XV polo traslado da feira de Cea ao Carballiño e os dereitos da mesma. De aí que se deseñase un anagrama coa Cruz de Malta da Ode de San Xoán; a cruz San Matiño Pinario e a pegada dun oso, como símbolo de Oseira.
A I Feira Medieval do Carballiño celebrarase do 8 ao 10 de xullo e contará cun mercadiño de arredor de 80 postos, actividades de animación de rúa, exposicións temáticas, zona de xogos infantís, representacións teatrais, malabares, cetrería, combates a cabalo, música e pirotecnia pola noite.
A feira extenderase dende a Praza dos Liborianos ata a praza da Veracruz, pasando pola Praza Emilia Pardo Bazán, Praza Maior, Praza Irmáns Prieto e rúa do Paseo, cunha conexión entre todas, e terá unha ambientación e decoración acorde coa época que representa.
O acto de presentación contou coa asistencia do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, e un representante da empresa “Rivendel Mercados Temáticos”, Pablo Llorente.
Fernández dixo que o concello do Carballiño tiña moita ilusión neste evento novidoso para a vila, e que esperaba que a experiencia fose positiva para a hostalería e o turismo.
Asemade, anunciou unha representación teatralizada dos feitos que provocaron “A Liorta” a finais do século XV.
Pablo Llorente, pola súa parte, asegurou que a montaxe do mercadiño e a realización de actividades contan co aval de compañías de eventos moi contrastadas e con moita experiencia, polo que se garanten uns bos espectáculos e unha feira dun gran atractivo turístico.

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, vén de denunciar o lamentable estado no que se atopan os contedores do lixo, que se ven obrigados a usar todos os veciños e veciñas. Segundo puideron observar, os contedores levan sen limpar máis de 2 anos, o que conleva un estado de insalubridade insoportable. A veciñanza do Concello ten que lidiar, día a día, ao tirar o lixo, cunha imaxe, olor e condicións que son intolerables. Dase a circunstancia, tal como denuncia o Portavoz socialista, Manuel Rodríguez, que o Concello de Leiro destina uns 70.000 Euros ao ano ao servizo de recollida do lixo por parte da Mancomunidade do Ribeiro, servizo no que está incluido o mantemento e limpeza dos contedores. A pesares desa cantidade de recursos públicos, aportados por todos os veciños e veciñas mediante o pago dos seus impostos, os contedores teñen un aspecto lamentable e insalubre, puidendo ocasionar poblemas de saúde pública. Agora que imos para o verán, a pesares da inestabilidade climatolóxica destes días, a situación non vai facer máis que empeorar. Así mesmo, cómpre destacar, que o Alcalde de Leiro é, á súa vez, Presidente da mencionada Mancomunidade, sen que este feito axude, no máis mínimo, a que poña unha especial dedicación aos servizos que debe dar ao Concello que preside. No canto de antender as súas obrigas para cos habitantes de Leiro, o Alcalde dedícase, nestos días, a facer campaña e viaxes pola provincia enteira co obxecto de acadar, de novo, o posto de Senador nas vindeiras eleccións e así perpetuar o seu bo status político e económico. Dende o Partido Socialista, queren lembrarlle a Paco Fernández que a súa prioridade debe ser Leiro e os seus veciñas e veciñas,que, relixiosamente, pagan os seus tributos municipais para manter servizos que lle son dados dun xeito nefasto, sen respecto polos seus dereitos coma cidadáns.

O Cartaz anunciador desta edición da festa reproduce ducias de rabos de pulpo e trata de ser unha alegoría que fai o autor do mesmo, Xesus Carballido "un efecto multiplicador deste símbolo da gastronomía do Carballiño, como é o pulpo á feira", subliñou o alcalde no acto de presentación na casa do concello.
Fumega estivo acompañado por representantes de institucións, entidades e patrocinadores da festa carballiñesa, e ante eles anunciou que a edición deste ano estará dedicada ás vilas e cidades galegas e portuguesas que integran a asociación do Eixo Atlántico, da que forma parte o concello carballiñés.
Aínda que esta dedicatoria terá dous rrefrentes principais: a cidade portuguesa de Vilanova de Gaia, dunha poboación de 300.000 habitantes na área metropolitana do Porto, e Pontevedra, como capital das Rías Baixas. Ademáis, tamén se desenvolverán actos promocionais da festa noutras dúas cidades hístoricas portuguesas, como son Braga e Viana do Castelo.
A Festa do Polbo deste ano contará por primeira vez cun tríptico promocional escrito en cinco idiomas: inglés, francés, portugués, castelán e galego, en palabras do alcalde "é un xeito de ir cara a consecución da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional".
Nos próximos dias presentaráse a totalidade da programación festiva que se iniciará a principios do mes de agosto e culminará coa gran "pulpada" o domingo 14 no parque municipal.
A programación incluirá máis de cincuenta actividades diferentes, culturais, deportivas, lúdicas e gastronómicas, que se desenvolverán nas dúas primeiras semanas do mes de agosto.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 570
- 571
- 572
- 573
- 574
- 575
- 576
- 577
- 578
- …
- seguinte ›
- última »