
Dúas das orquestras de moda e con máis tirón popular na actualidade en Galicia, "La Fórmula" e "El Combo Dominicano" (Na foto) forman a programación musical estelar destas festas de Santa Rita 2016 que se celebran en Dacón do sábado 21 ao lúns 23.
As actividades programadas pola comisión de festas comezan ás 6 da tarde do sábado cunha festa infantil animada polo paiaso Tanito e o seu espectáculo "Sonrisas máxicas". Pola noite, celebraráse unha cea-xuntaza popular, que estará amenizada polo Showman Carlos Padrón e o pregón festivo, a cargo de Manuel Dominguez, chef estrela Michelín. Un folión de lucería completará a programación sabatina.
O dia de Santa Rita, o domingo 22, iniciaránse as misas na igrexa parroquial ás 7,30 da mañá, e sucederánse durante toda a xornada matinal ata que ás 12:30 do mediodia sairá a procesión, seguida de misa solemne. Ofrecerá pasarrúas e concertos a banda de música de Vilanova dos Infantes. Para a festa e a verbena estarán "La Fórmula" e Disco Móvil co DJ Charlie.
Xa finalmente, o lúns 23 haberá alborada coa charanga Castro Bello e o grupo de gaitas "Os achegados". Pola noite, amenizarán a verbena o DJ Lino e actuación estelar de "El Combo Dominicano"
Levamos días sen que o sr. alcalde de Maside diga nada dos "postos de traballo" que se prevían nese concello co gallo da fábrica de "reciclaxe limpa" de neumáticos. E unha mágoa porque somos moitos os que, guiados polas suas verbas e polas suas promesas sempre o apoiamos, votamos, e contábamos con que agora tivésemos unha oportunidade de acadar un posto de traballo dese grande invento de reciclar neumáticos que xa existe en Seseña y en varias localidades de Galicia. http://www.laregion.es/articulo/galicia/cementerio-90-000-neumaticos-ala...

O portavoz do Partido Popular no concello do Carballiño presentou o contido dunha moción que tratará no próximo pleno a Deputación de Ourense e para a que os populares agardan o apoio unánime do resto dos grupos políticos.
A iniciativa ten por obxecto instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España á mellora, con carácter inmediato, dos servizos públicos de transporte entre O Carballiño e a capital ourensá, aínda que tamén se solicita de modo xeral a revisión da situación das outras vilas máis poboadas da provincia.
“Non podemos permitir que contando con vías de altas prestacións e estando a 15 minutos de Ourense sexan os propios servizos públicos de transporte os que nos estean a alonxar do mundo”, afirmou o voceiro do PP no Carballiño na súa intervención, na que agredeceu a sensibilidade amosada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, “cunha vila e comarca na que residen 30.000 ourensáns”.
Marnotes puntualizou que todos os grupos políticos con representación no Concello do Carballiño, ademais de toda a veciñanza, están unidos na demanda dun mellor transporte público, unanimidade que tamén reclamou aos grupos políticos na Deputación xa que, segundo dixo, “esta moción so debe ser enriquecida, nunca rexeitada, e moito menos motivo de desunión na nosa provincia”.
O voceiro popular no Carballiño foi máis aló ao sinalar que a reunión da semana pasada entre o presidente da Deputación e os representantes políticos municipais carballiñeses “non só axudou a ver a problemática que o transporte público está a xerar no noso territorio, senón que amosou que é un problema fácilmente trasladable a outros lugares da provincia”.
Argimiro Marnotes engadiu que con esta moción dase inicio “a unha aposta firme, a prol dun transporte público provincial e de calidade”, lembrando que así figura no Plan 15-19 da Deputación, xunto con outras iniciativas como o servizo de transporte á demanda ou o metro de superficie.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, publicou un bando municipal para render homenaxe á lingua galega, a Manuel María e ao Cantigueiro de Orcellón.
Asemade, convida á veciñanza a participar mañá nos actos do Día das Letras Galegas. Neste bando, amósase orgullo e gratitude hacia Manuel María por terlle dedicado ao Carballiño e á comarca unha escolma de cantigas sobre os lugares máis senlleiros, os persoeiros e os oficios tradicionais, e lémbranse as iniciativas desenvolvidas polo concello en homenaxe ao poeta e á súa obra dende o pasado mes de abril.
Así, recóllese a reedición do Cantigueiro de Orcellón e o acto de presentación do mesmo; unha exposición e a lectura de cantigas e poemas o Día Internacional do Libro; unha pintura mural na Praza Maior; a edición dun marcapáxinas e o nomeamento de Fillo Adoptivo da Vila do Carballiño. Por outra parte, xa está instalada, a carón da fonte de Flores, unha nova placa no monolito coa cantiga que Manuel María lle dedicou a esta fonte e que estaba completamente deteriorada por causa de actos incívicos.
Así, o itinerario do Cantigueiro de Orcellón, creado no ano 2005, volta a recuperar o seu aspecto orixinal. En concreto, son sete os monolitos instalados: Praza Maior, Fonte do Concello, Fonte de Flores, Eira de Flores, A Feira (na praza das Galiñas), o Templo da Veracruz e a Pena dos Namorados. Este itinerario vai ser o protagonista dos actos organizados polo concello para festexar mañá o Día das Letras Galegas.
Comezará ás 12,30 h., e desenvolverase na Praza Maior. Neste acto colabora Aspadisi, que será protagonista da homenaxe a Manuel María e ao Cantigueiro de Orcellón. Asemade, está previsto realizar a continuación un percorrido por este itinerario do Cantigueiro de Orcellón.
O Grupo Municipal Socialista no Concello de San Amaro, faise eco dunha denuncia veciñal da Asociación de Veciños das Neves de Grixoa, respecto do desfrute do local multiusos da parroquia. Os veciños/as das Neves, a través da súa Asociación, canalizaron unhas queixas dirixidas ao Concello de San Amaro, polo trato recibido respecto ao uso do mencionado local que está a ser remodelado para destinalo a Velorio da parroquia. Tal como relatan no escrito, dende hai máis dun ano, os veciños e veciñas das Neves de Grixoa, recibiron autorización expresa do Alcalde do Concello, Ernesto Pérez, para facer uso do local para as súas actividades, con chave incluída para poder acceder. Cando estaban desenvolvendo a súa actividade de ximnasia, o pasado martes de 10 de maio, como cada martes e xoves, outro grupo de veciños/as da citada parroquia, persoouse no local e comunicaron que con motivo da habilitación do local para usalo como Velorio, tiñan que retirar os seus obxectos de ximnasia e outros útiles de alí, para que os obreiros puideran traballar. O Presidente da Asociación, non amosou, en ningún momento, a súa oposición á petición realizada, se ben, comunícoulles que non podería facelo ata o xoves 12, por motivos laborais. Cal non é a súa sorpresa, cando chega ao local e atopa a fechadura cambiada, imposibilitando o seu acceso e todos os enseres da Asociación, ciscados na entrada. Ata os propios obreiros que andaban a facer a adaptación do local, dixeron que non molestaban en absoluto.
Os membros desta asociación non entende como, despois de amosar a súa disposición a retirar os enseres, se lles trata deste xeito, sen notificarlles nin a retirada nin o cambio de fechadura, cando sempre tiveron autorización para usar o local, sempre sen problemas. Postos en contacto co Alcalde de San Amaro, para pedirlle as explicacións oportunas e que se persoase no local para ver o que estaba a acontecer, en troques, só recibiron por resposta que el non sabía nada do cambio de fechadura e que estaba canso do tema e non quería saber nada. Interpelado por se consideraba os feitos coma algo normal, a súa única contestación foi que el non era quen para valorar a normalidade ou anormalidade dos feitos relatados polos veciños/as. Ante tal deixadez de funcións, os veciños/as da asociación, procederon a rexistrar o escrito do que se da conta neste comunicado do Partido Socialista, porque atopan inxusto o trato recibido. Os membros da Asociación de Veciños das Neves de Grixoa, xamais amosaron oposición algunha á habilitación do local para velorio, se ben nunca foron consultados pola Asociación de nova creación, impulsada polo señor Alcalde, para asinar ou contribuir coa cota veciñal para acometer tal obra. En todo momento, a nova Asociación deixou fóra aos veciños/as que facían uso do local ata o de agora. A inoperancia, irresponsabilidade e deixadez de funcións do Alcalde, chegou ata o punto de non facerse cargo da situación e non tentar, alomenos, a mediación entre uns veciños e outros.
Así pois as cousas, os veciños e veciñas da Asociación de Veciños das Neves de Grixoa, ven no trato recibido por parte do Concello, unha clara discriminación en favor doutra Asociación. Non saben se están en pé de igualdade á hora de usar o novo Velorio que se está a facer nin se están considerados veciños da parroquia con todos os dereitos, vistos os acontecementos. Así mesmo, pediron, no seu momento, explicacións ao Alcalde sobre a pertinente licenza de obras para acometer reformas no local, sendo respostados que non se lles ía dar permiso por escrito algún, que podían comezar as obras cando quixeran, desentendéndose, novamente, das súas responsabilidades. Polo que, vistos estos antecedentes, os veciños/as da AAVV Neves de Grixoa, esixe saber se a nova Asociación conta cos permisos municipais oportunos para acometer as obras que xa comezaron e esixen do Concello, as medidas oportunas para sancionar os actos levados a cabo (cambio de fechadura e retirada de enseres sen permiso nin supervisión).
Os veciños e veciñas da AAVV Neves de Grixoa, considera que ten que ser dende a xestión municipal, dende onde se actúe e se medie para establecer o uso compartido dun local multiusos que pertence a todos os veciños e veciñas da parroquia e non só a uns cantos. Reiteran que o local da para moitas actividades, máis aló do Velorio e que se pode garantir un uso compartido, regrado e civilizado. Así mesmo, solicitan do Concello que lles acheguen as copias da licenza de obra e planos da habilitación do local en velorio así coma a pertinente sanción a quen fixo un uso privativo das instalacións.
O pasado 28 de abril, os socialistas de Leiro, solicitamos unha serie de documentación para poder fiscalizar e exercer o seu labor de control do grupo de goberno do PP de Leiro, socilitude que só recibiu resposta no día de onte, 13 de maio, a sabendas de que están a cometer unha ilegalidade, posto que a Lei de Bases de Réxime Local, establece un máximo de 5 días para emitir resposta.
Entre as peticións realizadas, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, solicitou a revisión dunhas facturas duns traballos realizados uns días antes das Eleccións Municipais do ano pasado, casualidade temporal que aos socialistas lle resulta, cando menos, extraña. De todos os xeitos, o que máis fai desconfiar ao Partido Socialista, das intencións do goberno do PP, é a resposta recibida á solicitude para coñecer a canto ascenden os custos xudiciais do proceso, dende o seu inicio, para as novas instalacións do Balneario de Berán; gastos cos que corren as Arcas Municipais do Concello.
A resposta recibida, por parte do Alcalde, é que descoñecen, nestes momentos, a canto ascenden a totalidade dos gastos realizados, porque seica hai servizos que aínda non foron facturados polos letrados que levaron os pleitos. A contestación recibida, a teor dos socialistas de Leiro, trátase dunha auténtica tomadura de pelo, tanto cara á oposición coma para os veciños e veciñas de Leiro, que son os que, verdadeiramente están a correr cos gastos xurídicos.
Dende o Partido Socialista, consideran moi sospeitoso que os letrados aínda non facturaran ao Concello polos traballos realizados e que leven tanto tempo sen cobrar os seus honorarios; polo que amosan, os socialistas, unha desconfianza lóxica cara á xestión do goberno do PP, neste proceso. A actitude do rexedor municipal, da a entender que quere ocultar algo sobre os gastos realizados, algo que non se pode permitir, ao tratarse de cartos públicos. Por todo o anteriormente mencionado, os socialistas de Leiro están a barallar e consultar cos servizos xurídicos do partido, a adopción de medidas legais ao seu alcance para evitar que se cometa unha ilegalidade. Os socialistas acudirán á Xustiza e á Fiscalía, se así o consideran necesario, para aclarar este tema, xa que estamos a falar dos cartos públicos de todos os veciños e veciñas do Concello de Leiro.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 575
- 576
- 577
- 578
- 579
- 580
- 581
- 582
- 583
- …
- seguinte ›
- última »