29, Novembro 2009

Espiñedo viviu unha nova tarde de derrota para o Arenteiro, esta vez foi o Estradense quen se levou os tres puntos, a cuarta vez no que vai de liga, 14 xornadas, antes xa o fixeron Barbadás, Portonovo e Caselas. Se ás catro derrotas sumamos o empate ante ó Cruceiro de Hio, estamos segurante ante o pior Arenteiro como local das últimas temporadas. O equipo segue sendo incapaz de dar unha alegría á sufrida parroquia carballiñesa, e eso que desta vez o Arenteiro púxose por diante no marcador grazas a un gol de Diego Soto e atá conseguíu irse ó descanso por diante no marcador. E incluso nos primeiros vinte minutos da reaunudación, o Arenteiro foi controlando o partido, aínda que os da Estrada, moito mellor posicionados no campo, xa avisaran da súa perigosidade en varias ocasións. Sen embargo, e despois de que Martín fallase cando tivo  a oportunidade de sentenciar o partido, todo se veu abaixo tras unha desgraciada xogada na que Valeiras marcou en propia meta e empatou o partido. A partir de entón, o Arenteiro desapareceu do partido e un Estradense con maior oficio aproveitou para gañar o partido con dous novos goles. Con este resultado, os da Estrada abren unha brecha de seis puntos sobre o Arenteiro, que descende atá o séptimo posto na táboa de clasificación.

27, Novembro 2009

Técnicos da Xunta de Galicia achegaronse esta mañá atá as instalacións da canceira do Carballiño, sita na Medela, onde realizaron varias fotografias das instalacións, e posteriormente solicitaron no Concello diversa documentación sobre a execución desta obra, según confirmou a esta emisora de radio o concelleiro de medio ambiente do Carballiño, Bernardo García. O proxecto de construcción da canceira fora financiado pola conselleria de medio ambiente da Xunta de Galicia, sendo Pachi Vázquez o seu titular, con diversas achegas económicas por importe de 250.000 euros, por medio de convenios asinados có concello carballiñés. Sobre a execución deste proxecto, viñeronse producindo durante os últimos anos varias denuncias públicas por parte de grupos ecoloxistas, poñendo de manifesto diversas deficiencias observadas na execución da obra.

26, Novembro 2009

O Concello do Carballiño dispón do prazo dun mes para concretar as actuaciós necesarias para a demolición dos áticos do edficio do antigo hotel Rogelia, esto é, a redacción do proxecto e a súa posterior contratación, para dar así cumprimento a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ven de ser notificada ós actuais reponsables municipais. Ademáis, a sentencia tamén require ó concello para que ordene ós veciños que ocupan os aticos, pisos e locais, o desaloxo necesario do edifcio para a execución da demolición, e para que o desaloxo se leve a cabo nun prazo máximo de 6 meses, e apercíbese ó Alcalde do Carballiño de que "no caso de incumplir os requerimentos poderá deducirse testimonio por delito de desobediencia". Finalmente, o TSXG solicita á Alcaldia para que informe con frecuencia mensual sobre a execución da sentencia. O Concelleiro de obras e urbanismo Manuel Amil e o Alcalde Carlos Montes deron a coñecer os extremos do dictámen xudicial no transcurso dunha reunión que a última hora da tarde mantiveron cós propietarios afectados, tras ese encontro, as familias afectadas xa adiantaron os mandatarios muncipais que "iniciarán acciós legais contra o Concello". Nunha posterior comparecencia ante os medios, Montes dixo que as posilbles solucións eran moi complicadas e recoñeceu a gravidade da situación "tendo en conta a capacidade económica e patrimonial do Concello, e tamén son consciente da responsabilidade que se deriva do feito que como Alcalde non poida facer efectivo o que manda a sentencia, o que é moi probable". O rexidor municipal, que recordou como "foi outra corporación e outro grupo de goberno os responsables da licencia concedida",  e afirmou sentirse ante un "trauma social para as familias e para o Carballliño". Pola súa parte, Manuel Amil fixo un recorrido por este conflicto urbanístico e xudicial que se remonta ó ano 1989 cando o Concello concede a licencia de obra para a construcción deste edficio á promotora "Fanjol"´. Posteriormente, un grupo de veciños dun edficio colindante recurren esa licencia, que consideran non se axusta ás normas urbaísticas daquéla en vigor no concello do Carballiño, primeiro ante o Concello e ante o silencio déste, acuden ó contencioso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que estima o recurso dos demandantes e xa a finais dos anos noventa  recoñece que a quinta planta excede a altura permitida en 54 cms, e ordena a demolición dos áticos do edficio. A partir de entón sucedense unha série de recursos por parte do Concello do Carballiño, conseguindo que o TSXG estime parcialmente a inexecución da sentencia no que respecta o exceso de altura dos 54 cms. da quinta planta, que na practica siñificaría tamén a súa demolición, pero non así dos áticos que agora ordena novamente derrubar.

25, Novembro 2009

Punxín e Maside xa teñen plan de igualdade

No Carballiño, a praza Emilia Pardo Bazán acolleu un acto organizado pola concellería de igualdade e no que mulleres dos tres grupos políticos con representación municipal recitaron poemas alusivos a esta data porque "a condición de ser muller está por enriba de calquera ideoloxía" manifestou Aúrea Francisco. A concelleira nacionalista, que citou a Gabriel Celaya "a poesia é unha arma cargada de futuro", adicou a lectura dos poemas "ás mulleres do pasado que morreron sen saber porqué". Un monolito que recorda ás victimas da violencia de xénero, e que fai un ano  fora ubicado na parte traseira do auditorio municipal, foi trasladado coincidendo coa conmemoración desta data  a esta praza Emilia Pardo Bazán por considerarse máis axeitada e porque leva o nome "dunha feminista decimonónica tan vencellada con estas terras do Carballiño", explicou a concelleira de igualdade, que ademáis organizou unha mesa redonda na que se abordou esta probemática da violencia de xénero desde os ámbitos xurídico, sanitario e xornalístico.

Mentres, en Maside, o Alcalde da localidade Celso Fernández, acompañado da concelleira de servizos sociais masidá Maria Joséfa Vázquez e o Alcalde de Punxín Alfredo Cruz, presentaron o "plan de igualdade de homes e mulleres" que conxuntamente promoven ambos Concellos, e co obxetivo de "mellorar a situación social da muller aplicando o principio de igualdade, cunha política igualitaria en todas as actividades abertas á poboación en xeral", suliñou o rexidor municipal masidao. Fernández tamèn puxo de manifesto que "tanto o Concello de Punxín coma o de Maside xa prredicamos có exemplo, se temos en conta que as mulleres representan o 63% do cadro laboral e de traballadodres de ambos Concellos", e tamén destacou o feito de que por primeira vez na historia da democracia e durante o presente mandato municipal,  varias mulleres forman parte da brigada de obras do Concello de Maside.

23, Novembro 2009

O que era un antigo camiño de carro nunha boa parte do seu percorrido, a rúa Alexandre Bóveda, pasará a convertirse nun novo vial apto para a circulación de vechículos en ambos sentidos, cun ancho de 3,5 metros para cada carril e 1,5 para as beirarrúas, e unha vez que se remate a obra de ensanche e acondicionamento que está executando o Concello do Carballiño. As previsións municipais apuntan ó vindeiro mes de decembro para a súa apertura ó tráfico, según avanzou o Concelleiro José Antonio Barge, que  ademáis considera de vital importancia para a mellora da circulalción este novo vial, que comunica a rúa Alberte Vilanova coa estrada de Ribadavia, bordeando o barrio de Flores, de tal maneira que facilitará o tráfico rodado dun a outro extremo do Carballiño, sen necesidade de facélo polo centro urbano. O Concelleiro de tráfico tamén deu a coñecer outras previsións do seu departamento para a mellora da seguridade vial, como sería a construcción dunha rotonda na rúa Ourense, a altura do cruce de interseción coa rúa Antón Fraguas, de feito xa encargou un estudio á Policia Local para examinar a súa viabilidade.Doutra parte, Barge anunciou a instalación de novos pasos de peóns sobreelevados, que se ubicarán na rúa Conde Vallellano, a altura da escalinata de acceso á praza da Veracruz, e o outro no cruce de Enríquez Parrondo con Martinez Avellanosa. O responsable municipal de tráfico e seguridade cidadán destacou a efectividade destos dispositivos para evitar os excesos de velocidade e asegurou que "os veciños aínda me piden se poden ser máis altos". En relación, precisamente, o control da velocidade no ámbito urbano, o Xefe da Policia Local do Carballiño Francisco Valeiras, adiantou que a partir de mediados do mes de decembro van dispoñer dun radar móbil cedido pola DXT, que lles permitirá mellorar as prestacións para o control da seguridade do tráfico nas vias carballiñesas.

 

21, Novembro 2009

A imposiblidade de reunir once xogadores, ante a avalancha de baixas na plantilla, unhos por lesión e outros por enfermidade, levou o C.D. Arenteiro a solicitar a suspensión do partido de liga que este domingo dia 22 tiña que desputar ante o líder Porriño Industrial, no campo do Lourambal de Porriño. Atá catorce baixas no parte médico das últimas horas obrigou o equipo carballiñés a solicitar ante o Porriño e a Federación Galega de Fútbol a suspensión deste encontro correspondente á 13ª xornada do campionato ligueiro, que queda pendiente de nova data para a súa desputa.

20, Novembro 2009

Blanco e Nogueira presentaron a campaña

A campaña iniciase este martes 24 de novembro e rematará o vindeiro 18 de decembro. Durante este tempo, os 86 establecementos do Centro Comercial Aberto do Carballiño que participan nesta campaña de nadal, repartirán os "rascas" -en total 45.000- entre os clientes que realicen unha compra, por un importe que estará exposto en cada establecemento participante. Os premios serán directos e consistirán en vales de compra que van dos 2 atá os 200 euros, que poderán canxearse en compras en calquera establecemento pertecente ó  Centro Comercial Aberto do Carballiño, agás onde o rasca obtivo premio. No caso dos premios de 200, 100 e 50 euros, os rascas poderán cambearse polo mesmo valor en vales de 10 euros, na oficina da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Carballiño. Manolo Blanco e Adolfo Nogueira presentaron no nome do colectivo este nova campaña "que pretende ser un complemento de animación do comercio local nas datas previas ó nadal, unha campaña sinxela, e concebida coma un xogo". O orzamento total da campaña, incluidos todos os gastos, ascende a 14.000 euros, que se financian cos propios recursos do Centro Comercial Aberto e as axudas económicas de diversas Entidades e Institucións Públicas.

18, Novembro 2009

Dende a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello do Carballiño, a súa titular, a concelleira do BNG Aúrea Francisco ven de emitir un escrito no que manifesta a "súa repulsa e malestar pola subvención municipal á 2ª subida a Cabanelas", que se vai celebrar esta vindeira fin de semana. O motivo desta protesta ten que ver coas publicacións deste acontecemento automobilístico que organiza unha escudería carballiñesa. A Concelleira critica como ó lado de distintas empresas e entidades, entre as que figuran a Deputación de Ourense, A Xunta de Galicia e o propio Concello do Carballiño, aparecen "anuncios de negocios ou empresas que teñen como actividade principal, precisamente vivir do fomento de actitudes e comportamentos sexistas". Ademáis, manifesta que "sen querer entrar a valorar máis en profundidade estas actividades", recorda como na propia lexislación sobre igualdade especifícase que nos proxectos e actividades sufragadas total ou parcialmente con diñeiro público debese garantir que a linguaxe ou os contidos sexan non sexistas. Finalmente, a Concelleira carballiñesa "lamenta profundamente estes feitos, que se producen a poucas datas de celebrarse o dia internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, e por iso instamos a todos os organismos de carácter público a que revisen os espazos ou publicacións onde figure propaganda institucional, para que estes despropósitos non se repitan". Áurea Francisco é a Concelleira de Igualdade e Benestar no goberno municipal bipartito do Carballiño, que desde o pasado mes de outubro forman PSOE e BNG.

17, Novembro 2009

Con motivo da “Campaña de sensibilización e fomento da reciclaxe dos Residuos Sólidos urbanos” levada a cabo pola Deputación Provincial de Ourense, convídase ós veciños desde o Concello de San Cristovo de Cea convidase a toda a veciñanza a asistir ás charlas informativas que terán lugar nos centros sociais das distintas localidades do municipio, entre o 19 de novembro e o 4 de decembro de 2009. 

-Cea.19 de novembro.as 18:30 horas - Lugar Multiusos
-S. Facundo.20 de novembro ás 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Vales. 23 de novembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Bustelo. 24 de novembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-A Grela. 25 de novembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Casasnovas. 26 de novembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Pereda. 27 de novembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Fatón.27 de novembro 20 horas –Lugar Bar de Fatón
-Faramontaos de Viña. 30 de novembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Toubes. 1 de decembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Lamas. 2 de decembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Oseira. 3  de decembro 18:30 horas - Lugar Centro Social
-Cea. 4 de decembro – Lugar Multiusos – CHARLA DE REMATE cunha conferencia sobre medidas de aforro da auga  e repartiranse embudos para botar o aceite doméstico en botellas de plástico para logo levalos ós novos contedores de aceite situados na Praza Maior e ó remate da Rúa España.
Así mesmo, nos pequenos núcleos do Concello nos que haxa contedor amarelo, dous monitores visitarán porta a porta ós veciños informando da importancia da reciclaxe e da existencia do punto limpo.

17, Novembro 2009

Visiblemente afectada, e tamén "sorprendida de que sexa Marnotes quen fale deste tema, porque aquí todos nos coñecemos", a concelleira socialista do Carballiño Asunción Rivero, a quen o PP involucrou nun fraude de lei por "regalarlle un contrato de traballo para liberala coma concelleira", compareceu esta mañá ante os medios e despois de pasar unhos dias fora do Carballiño, para dar resposta as acusacións do Partido Popular. Rivero confesou sentirse orgullosa da súa humilde orixe familiar e de "terse feito a sí mesma" e nese sentido o que máis lle molestou foron "as dudas sobre a miña valía profesional". Tamén engadiu a concelleira socialista que sobre a súa vida profesional non tén por qué dar explicacións a ningúen, e que tratou e tratará de seguir compaxinando a súa vida profesional coa actividade pública que desenvolve no Concello do Carballiño. Preguntada sobre si a súa relación laboral tivera que ver coa Xunta de Galicia, Asunción Rivero recoñeceu que "evidentemente sí, pero creo que me avala a miña valía profesional".

Lo siento tu navegador necesita flash para ver este contenido

Asunción Rivero concelleira socialista no Carballiño

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS