9, Agosto 2009

Montes recibíu ás portas do Concello ó representante do Goberno Mexicano

Sen incidencias reseñables e con normalidade, mesmo no tráfico, tanto no casco urbano como nos principais accesos ó Carballiño, asi é como está a desenvolverse esta xornada festiva con motivo da XLVII edición da festa do polbo. Diversas fontes consultadas por esta emisora de radio calculan que a afluencia de persoas chegadas desde toda a xeografía galega para disfurar deste dia de festa no Carballiño poden situarse arredor das cincuenta mil, o que converten a este evento na maior concentración gastronómica de Galicia. No acto institucional, que tivo lugar ó mediodia na Casa do Concello, o Alcalde Carlos Montes manifestou "o orgullo que para todos os carballiñeses é poder realizar a representación cultural máis importante que tén Galicia, a festa máis antiga, máis popular e que exalta e resalta o plato gastronómico máis internacional de Galicia". Montes tamén dixo que "a festa é unha homenaxe ás pulpeiras que traballan promocionando este manxar e O Carballiño, e tamén é este ano unha homenaxe a un país que recibíu a tantos paisanos nosos, traballadores e exiliados". O rexidor municipal adicaba estas palabras a México ante o Agregado Cultural de México en España, que encabezaba a representación da Embaixada Mexicana que acudíu atá O Carballiño. Na súa interverción, o representante do Goberno Mexicano destacou a hospitalidade que caracterizou sempre ó seu país e dixo que "tanto Galicia e España como Méjico eran recoñecidos pola súa gran riqueza cultural-gastronómica, dous países de altísima cultura moi por enriba de outras que o único que inventaron foi a carne asada". Tamén acudiron a esta xornada festiva representantes da comunidade galega en México, entre eles o Vicepresidente do Centro Galego en México e o Presidente da Asociación de Empresarios galegos en México.

7, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) Este vindeiro domingo, día 9 de agosto, O Carballiño está de festa, xa que celébase a XLVII da Festa do Pulpo. No Parque Municipal de O Carballiño espéranse 60.000 persoas, feito polo que as forzas de seguridade e sanitarias veñen de firmar un protocolo de previsión para posibles accidentes e contratempos que poidan surxir pola celebración. Ante tanta expectación, as forzas de seguridade e os organizadores recomendan que os asistentes accedan ó Carballiño polo cruce de Godás, na N-541. As zonas de aparcamento estarán habilitadas nas inmediacións do Parque Municipal como na Avenida del Arenteiro, na Avenida de Vigo e na explanada das Barcias, onde se adaptará un espazo para os autobuses que acudan á festa. Neste novo protocolo para esta cuadraxésima sétima edición, as autoridades competentes de velar pola seguridade terán delimitada a súa labor e estarán autorizadas para trasladar ós feridos e axudar a todos aqueles que o precisen. Este dispositivo estará composto por 45 axentes da Garda Civil, 10 persoas da Policía Autonómica, 18 axentes da Policía Local, un médico, 35 voluntarios da agrupación de Protección Civil. Ademáis contaráse cun técnico provincial que apoiará as xestións de coordinación dos operativos e 15 voluntarios da Cruz Vermella. Tamén se contará cun hospital de campaña e unha zona prevista para un helicóptero se se precisase.

Noutro orde de cousas e co que respecta a gastronomía, para esta edición cóntanse con máis de 200 postos inscritos -máis postos que en edicións anteriores- polo que a crise non se deixa notar neste ano da Festa do Pulpo. En total serán 28 pulpeiras as que estarán espalladas polo Parque Municipal e pola vila; ademáis haberá 14 restaurantes nas inmediacións do Parque e este ano ofrecerán os seus pratos dous novos restaurantes de comida mexicana e 10 bares nos que os asistentes poderán atopar todo tipo de bebidas.

7, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) O Clube Deportivo Arenteiro está de pretempada para intentar voltar á 3ª división, un desexo que fai que o Clube teña unha nova ilusión. Para esta tempada, o Clube de Espiñedo conta cun orzamento de 162.000 euros, dos cales 36.000 euros irán destinados a pagar a débeda de tempadas anteriores. O proxecto parece sólido e serio despois de que a directiva traballáse arreo para conformar un novo plantel que permite soñar cun curso de alegrías. Despois de rematar a tempada poderánse ver se se cumpliron as expectativas ou, pola contra, hai que rendirse a unha nova decepción. Esta vez a afición está chea de ilusión e expectante cun novo plantel que inspira confianza despois das nove fichaxes realizadas. Este próximo sábado, 8 de agosto, a partires das 19.00 horas, o plantel verde xoga o seu primeiro partido de pretempada contra o Sporting Celanova e isto servirá para comprobar como se pode presentar este curso 2009-2010. Ó Clube do Arenteiro chegaron novos reforzos dende o Verín como Xurxo, Nacho Currás, Fran, José Juan, Iago e Nicol e que proceden de 3º División. Para seguir reforzando o equipo de Marquitos -entrenador do C.D. Arenteiro- chegaron ó Carballiño os futbolistas Victor Oliveira, Marcos Castro e o porteiro Iván González. Ademáis destas caras novas continúan no equipo Tacón, Martin, Diego Soto, Alfredo e outros xogadores que seguirán loitando polo ascenso do clube á terceira. A pesar desta ilusión, hai proxectos que non se remataron a cabo como o famoso muro que segue derrubado a menos dun mes do inicio da competición e da falta de iluminación. Xa veremos como se arranxan estes atrancos, porque en xogo está a imaxe do Clube e da vila.

7, Agosto 2009

O alcalde, a educadora social e o técnico de deportes con Xan Pinal

(Redacción. Belén González) O programa de hoxe venres, 7 de agosto, estivo adicado ó Concello de Carballedo, na provincia de Lugo. Un Concello que ten a súa capitalidade muncipal na localidade de A Barrela.Malia a súa pertenencia a outra provincia, a verdade é que está intimamente ligada co Carballiño, tanto na súa raíz toponímica como na escasa media hora que separa a capital do Arenteiro da poboación de Carballedo. Ambos concellos fan honor ó seu nome, xa que están bañados por intensas fragas de carballos e demáis vexetación típica de Galicia. Un dos convidados foi o seu alcalde, Julio Yebra Pimentel que declarou que ve unha profunda confusión no tema das competencias e nos orzamentos. Pimentel reclama máis diñeiro para os medios rurais xa que os pobos máis pequenos son os que menos cartos perciben e, sen embargo, son os que máis recursos e máis gastos teñen debido a distancia entre eles. O seu alcalde tampouco se esqueceu das 175 explotacións, que hoxe en día hai nos 139 quilometros cadrados que ten Carballedo e, na problemática que vive o sector do leite ó no recibir un pago axeitado conforme o traballo desenrolado na gandería. Este ano, tódolos concellos recibiron a axuda do Plan E; en Carballedo están aproveitando esta subvención para reparar os 300 quilometros de estradas que ten todo o concello, ademáis de que están solucionando o problema do canon eléctrico que houbo fai un tempo. Outro proxecto que aínda non está rematado é o nexo entre O Ribeiro e Carballedo, é decir, a estrada A Grela- A Barrela e que se prevé que sexa rematada en pouco tempo. O tramo de autovía denominado San Martiño - A Barrela estará rematado en 2011; un traxecto que unha vez que se abra ó público comunicará Carballedo e Carballiño e apenas 20 minutos. Un polígono industrial é a principal ilusión do alcalde, xa que levan catro anos intentando sacalo adiante e que verá a súa luz cando se remate a autovía e se solucionen tódolos problemas burocráticos. Di Pimentel que o asentamento deste polígono será "un pulo importante no desenrolo deste pobo" e que axudará ó asentamento de poboación qué é o que o pobo precisa.

Nun concello como Carballedo é fundamental a boa comunicación e para iso está Silvia Vázquez, outra das convidadas, que ofreceu unha ampla visión do que son os medios de comunicación nun medio rural. Silvia é a dinamizadora da sociedade da información e a encargada de achegar as novas tecnoloxías a aquela parte da sociedade que ten máis problemas para achegarse á sociedadade da información. Nun medio rural, o acceso a Internet é limitado pero están loitando para ofrecer tódalas facilidades de acceso á rede e proba disto é a boa acollida que tivo por parte da xente maior. Este sector aproveita os servizos que lle ofrece o concello para comunicarse cos seus familiares e seres queridos. Hoxe en día, o concello ofrece dúas salas con oito ordenadores cada unha e á que poden acudir gratuitamente tódolos veciños que o desexen. Ó longo de todo o ano, Silvia leva a cabo diversos talleres e obradoiros nos que pode participar toda a poboación que participa de forma activa. A instalación da banda ancha é outra das preocupacións, xa que na Barrela a cobertura é óptima, mentres que nos núcleos rurais máis pequenos a cobertura non é a axeitada.

A Educadora Familiar, Raquel Vázquez, é a encargada de realizar diversas actividades e de axudar ós máis cativos. En Carballedo pódese achar un PAI (Punto de Atención Infantil) ó que acoden uns 15 nenos de entre 0 e 3 anos en horario de mañá e de tarde. Alí realizan actividades coa axuliar e coa responsable do PAI. O programa de Preescolar na Casa deste ano acolleu a dez nenos que recibían a unha profesora no domicilio; con esta iniciativa as familias quedaron moi contentas e están desexando que se repita para o ano que ven. As actividades que se realizan están relacionadas coa época do ano na que se atopen os máis novos: nadal, carnavais, campamentos rurais en verán... Outro programa levado a cabo pola Consellería de Sanidade é o denominado Concellos Saudables; durante xullo e agosto leváronse a cabo actividades físicas. Para isto, os participantes acoden ó Clube Náutico de Taboada no que realizan xogos e actividades náuticas. Para os maiores, Caballedo ofreceu dous tallleres de hipertensión e unha carpa de medición da complexión corporal.

María Fernández, a responsable de turismo, ofrecéunos unha viaxe polo Concello de Carballedo. María falou dunha ruta románica como San Estevo de Chouzán e San Xoán da Cova que foron declaradas monumento histórico en 1950. A igrexa de San Estevo conserva unhas pinturas na ábside que foron restauradas fai pouco; a igrexa de Santa María de Temes alberga un sarcófago do seculo IV e que se considera unha das principais testemuñas do cristianismo en Galicia. Tamén se achan numerosos cruceiros, muíños e pontes que completan o patrimonio artístico; polo que respeta á paisaxe pódese atopar o Canón do Sil, onde se pode coller o catamarán. As citas gastronómicas como as feiras teñen lugar tres veces ó mes no pobo de Castro cada 17 e 29 de mes e na Barrela celébrase o día 13 mensualmente. Ademáis, está a Festa da carne ó caldeiro o terceiro domingo de abril. As festas santorais concéntranse en xullo e agosto como a de Santiago Apostol e a Ascensión o 15 de agosto. Un dato anecdótico é o do carballo que conta ó redor de 1500 anos e que se considera o avó de Europa. O único que lle fai competencia é unha árbore en Suíza que conta con 950 anos. Este carballo pódese visitar no Pazo de Cartelos, aínda que se atopa nunha finca privada para a cal é preciso pedir cita.

Tamén houbo tempo para o deporte con Iñaki Muñoz que é o Técnico de Deportes e colaborador de actividades xuvenís. As actividades que está levando a cabo son dúas: con maiores e con cativos. Cos máis novos traballa ó longo de todo o curso e coa xente maior realiza actividades de mantemento. Un dato a resaltar por Iñaki foi a boa acollida e a gran participación por parte do sector feminino nas actividades deportivas. "A muller está ocupando basicamente o 60% das instalacións deportivas, chámense públicas ou privadas. De feito, aquí en carballedo, a actividade de mantemento está dominada polo sector feminino", declarou Iñaki. A muller está tomando conciencia do deporte como actividade para favorecer a súa saúde; nas actividades para nenos a porcentaxe de participación feminina está equilibrada con respecto ós nenos. No que respeta ás infraestructuras, o técnico de deportes non se queixa porque contan cos espazos adecuados, aínda que sempre se pode mellorar.

Raquel Castro é unha das cociñeiras dun restaurante e hotel que leva nove anos de traxectoria; o Hotel Río Bubal áchase á entrada da Barrela indo dende Carballiño. Podemos atopar un menú do día moi variado dende uns callos ata un caldo de grelos; como segundo prato hai bacallao ou carne á brasa. Ademáis este restaurante ten un menú especial para celíacos, xa que hai moita xente que chega con este problema. A parte tamén é un hotel e ofrece comidas, convencións, servicios para bodas, comunións, bautizos... 

Un xornada radiofónica que abarcou tódalas perspectivas do Concello de Carballedo dende a xestión pasando por turismo, gastronomía, servizos e deportes. Unha localidade a escasa media hora de Carballiño que alberga entre os seus límites xeográficos unha historia relixiosa, arquitectónica e paisaxística. Un pobo que recorre as primeiras pegadas do cristianismo, posúe a árbore máis lonxeva de Europa e arquitectonicamente conta con un percorrido do románico, visigodo e paleocristiá.  

5, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) A reunión entre o Presidente Provincial, José Luis Baltar, e a executiva local do Partido Popular para tratar a política dentro do partido e a política municipal no Carballiño chegou ata dúas horas. O congreso local  deberá renovar a presidencia do Partido Popular no Carballiño, posto que algúns dos integrantes do executivo reclaman este cambio. Outro dos temas tratados foi a situación política vivida no Carballiño dende que PSOE e BNG iniciaron as negociacións para poder firmar un pacto de goberno. Baltar ratificou ante a xunta local que dende un principio autorizou a Argimiro Marnotes para apoiar a envestidura de Manuel Amil -actualmente voceiro do BNG- como alcalde do Carballiño. O Presidente Provincial tamén recoñeceu que o lugar do PP no Carballiño é estar na oposición para lograr a alcaldía nas eleccións municipais que terán lugar no 2011. O último congreso celebrado tivo lugar en 2003, ano no que accedeu a presidencia local do PP municipal Guillermo Fernández despois de someterse a unha votación con Jesús Rodríguez -candidato máis próximo ó aparato do partido que lideraba naquel momento a deputada María Dolores Seijas-. Este congreso local xa tivera que haberse celebrado no 2007, pero foi retrasado e convocaráse para o vindeiro mes de novembro ou decembro despois de que teña lugar o congreso provincial.

4, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) Ás 13.00 horas daba comezo o pleno en sesión extraordinaria para tratar diferentes puntos que atañen ó Concello de O Carballiño. A orde do día foi a seguinte: 1. Aprobación da Acta da sesión anterior. 2. Dación de conta das resolucións de Alcaldía. 3. Dación de conta da liquidación do presuposto xeral do 2008. 4. Corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores celebrado no Pleno do día 2 de xullo. 5. Proposta de alcaldía de participación do Concello de O Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA.

Despois de ler a orde do día, o alcalde daba paso ó pleno que se centrou nos puntos catro e cinco - corrección de erros e proposta de participación en AEDEA. O punto 4 de corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores foi aprobado polo grupo do BNG ó afirmar que "a nosa prioridade é que os proveedores que están pendentes de cobrar poidan facelo". Aínda así, Manolo Amil -o seu voceiro- dixo que había que "tirarlle das orellas" a aquel que non fixo ben os seus deberes. Ademáis, o BNG contemplou que hai facturas que teñen erros graves como a duplicación destas, "feito co que hai que ter moita exquisitez", recalcou Amil. O grupo presidido por Argimiro Marnotes manifestou a súa abstención como no anterior pleno. Marnotes declarou que esta abstención serve para que se poida levar a cabo unha boa coordinación por parte do grupo de goberno local e pedíulle a Carlos Montes que explicase cómo está actualmente o pago ós proveedores (un pago que ascende a 1.160.523 euros). A esta cuestión, Montes dixo que as débedas están case pagadas e que está previsto que se salden na súa totalidade este vindeiro xoves 6 de agosto. Con respecto ó punto 5, sobre a proposta da alcaldía de participación do Concello do Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA, o BNG e o PP manifestaron o seu voto afirmativo. A pesar do seu voto a favor, Marnotes, líder do grupo popular, reclamou que se conte con eles para novos proxectos e que aqueles proxectos que se leven a cabo polos presupostos enviados repercutan no ben da sociedade carballiñesa. Para rematar este pleno, Montes declarou que actualmente están coparticipando no proxecto do Eixo Atlántico os concellos de Melide, Lalín, Monforte e O Carballiño para facer unha analítica da situación socioeconómica do concello e resaltou a participación do Carballiño nos pasados Xogos Atlánticos cun equipo de fútbol. Desta maneira dábase como finalizado o pleno extraordinario que deu como resultado o apoio do BNG ós dous puntos tratados e a abstención por parte do PP ó punto 4 no que se contemplaba a corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores  e a aprobación do punto 5 que recollía a proposta de alcaldía de participación do Concello de O Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA. .

4, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) O Concello de O Carballiño e a Consellería de Política Territorial e Obras Públicas ven de asinar un novo convenio sobre a obra do entorno da Veracruz. O convenio asinado fai dous anos, xa foi modificado en tres ocasións para establecer as pautas de financiamento e os prazos de remate das obras. Volve asinarse por cuarta vez unha nova modificación para poder cumplir os prazos de entrega das obras. Despois destes cambios, Carlos Montes espera que o proxecto poida comezar en outubro; o orzamento co que se conta para este ano é de 500.000 euros do millón que se tiña asinado nun principio para esta obra. No 2010 prevése un orzamento de 816.000 euros e para rematar o proxecto, no 2011 contaráse cun presuposto de 132.000 euros. A cantidade total ascende a 1.488.000 euros para poder acabar estas obras tan esperadas polo goberno municipal, según declarou Carlos Montes. Ademáis, Montes resaltou que a comisión de goberno levou un importante traballo a cabo coa expropiación dos terreos para poder poñelos a disposición da Xunta de Galicia. Con todo isto, o goberno municipal espera que con esta cuarta adenda se finalice completamente o proxecto e as obras do entorno da Veracruz.

31, Xullo 2009

Manuel Penedo falando para Cope O Carballiño

(Redacción. Belén González) No seu entorno pódense atopar numerosas arquitecturas que datan de diversos séculos como é a Ermita de San Bartolomeu e Virxe do Rosario, en Segade que data do século XVII; a igrexa de San Cosme de Cusanca do século XVIII e do pleno barroco e outras moitas máis decoran o Concello ó que esta semana se trasladou Cope O Carballiño. O Concello de O Irixo, que é o terceiro máis grande en extensión da provincia de Ourense, acolle un amplo abanico de posibilidades para non aburrirse. O seu alcalde corresponde co nome de Manuel Penedo Paradela, o cal está realizando proxectos para impulsar ó pobo. Entre as súas últimas obras está a ampliación da Casa Consistorial hacia o que foi a antiga Cámara Agraria e que hoxe en día funciona como Edificio Multiusos e almacén. Penedo tivo tempo para falar das obras do AVE, que tanto afectaron ó concello, do Plan E e de diversas actuacións que se farán nos diferentes pobos. Nestes momentos, o alcalde espera unha reclamación patrimonial pola auga de Cangues, ademáis de que a empresa concesionaria levará a cabo numerosas reparacións dos estragos causados no alcantarillado, a limpeza do cauce do río e o aglomerado das rúas. O Concello tamén se atopa pendente dunha reclamación feita no pleno que solicita o cambio do centro de transformación cara a zona norte do Outeiro. Os proxectos que aínda ten pendentes O Irixo son a base de montaxe que expropiará terreos ós veciños. A liña do AVE collerá uns 70.000 metros cadrados e esta base de montaxe vaille servir como unha liña de mantemento ó ADIF na estación do tren.

As obras que se van levar a cabo nos vindeiros meses son: o Plan E que está pendente da construcción dun muro de contención en Condomiña, asfaltar tódalas carreteras, executación da pista que vai dende A Ponte. Os plans provinciais realizarán un reforzamento da traída da auga a Parada de Laviote, entrada ó pobo por preto do Centro Social e a traída da auga a Casares. Un proxecto que aínda está no aire é a solicitude dunha gardería para o pobo, xa que nestes últimos anos tivo lugar un pequeno repunte demográfico.

Manuel Cerdeira -Lito- con Belén González nunha entrevista do programa

Outra das entrevistas foi a Manuel Cerdeira, o vicealcalde do Concello, que falou da IX Edición da Festa do Cabalo. Este ano, o programa ven repleto de actividades para esta xornada festiva o vindeiro 2 de agosto na Carballeira do Tellado.  Esta festa está organizada pola Asociación de Cabaleiros do Irixo que está composta por 30 persoas. Ás 12.00 horas comezará o concurso de beleza e estampa pura raza española; ás 12.30 horas celebraráse o concurso de beleza e estampa de cabalos cruzados e ás 13.00 horas haberá o concurso de beleza e estampa de potros/as. Despois desta exhibición haberá o xantar popular na carballeira onde os asistentes poderán degustar pulpo, carne ó caldeiro, empanada... A xornada continuará a partir das 17.00 horas co concurso de andadura galega de dous tempos; ás 17.30 horas celebraráse o concurso de andadura galega de catro tempos. Ás 18.00 horas terá lugar o concurso de andadura de cabalos trotóns. Ás 18.30 horas serán repartidos os trofeos e para rematar a partir das 19.00 horas actuará un dúo musical. Nesta edición haberá cabaleiros do Carballiño, de Maside, da Asociación de Cabaleiros do Deza e da zona da Barrela. Este mesmo día haberá unha exposición dos traballos realizados nos distintos obradoiros a partir das 10.00 horas e que estará aberto todo o día. Ademáis, non podería faltar o Verán Cultural que terá lugar entre o 3 e o 7 de agosto. Este campamento urbán celebraráse na Carballeira do Tellado, onde haberá monitores dende as 10.00 horas ata as 13.00 horas. Para que os máis novos sigan desfrutando da época estival, a IX Festa do Neno, o día 8, fará as delicias deles a partires das 16.30 horas no Colexio do Irixo. Haberá xogos populares, paiasos, xogos de escuma...

Outro dos convidados foi Antonio García Reinoso, Presidente da Asociación de Cazadores do Irixo (a esta asociación pertencen 252 socios), que manifestou as numerosas actuacións que está facendo o TECOR (Terreos Cinexéticamente Ordeados) para recuperar e protexer a biodiversidade que hai nos montes do Irixo. Despois dos incendios que tiveron lugar no ano 2006, Reinoso declarou "sempre tratamos de evitar lumes facendo cortalumes para a súa prevención". Ademáis, "cando arde máis dunha hectárea de monte, os cazadores non poden cazar durante un período de tres anos", según a nova lei de incendios. Dende o 2003, a Asociación traballa para ordear o terreo e aumentar as especies de caza menor, as cales se viron moi afectadas pola vaga de lumes. "Recuperamos moitas hectáreas de monte financiado polo programa AGADER"; tras varias reunións o programa foi aprobado no 2006 e que se levou a cabo entre o 2007 e o 2008. Dende o cumprimento deste proxecto, o Presidente da Asociación de Cazadores do Irixo confirmou que "estamos moi satisfeitos e témolo máis que cumprido. Hoxe pódese ir a pé polo monte sen ter que baixar a ningunha pista".

Un programa que abarcou diferentes puntos dende o acontencer na Casa Consistorial ata as actividades lúdicas que se van celebrar e os proxectos que está levando a cabo a Asociación de Cazadores do Irixo.

30, Xullo 2009

(Redacción.Belén González) Xa pasaron seis anos dende que se comezou a realizar o Festival Senuncan. Este venres día 31 e sábado 1 de agosto, Senuncan celebra o seu sexto aniversario que congregará a tódolos asistentes no Parque Muncipal. Despois da polémica xurdida ó coincidir con outro evento no mesmo lugar, o espectáculo comezará mañá venres e continuará o sábado; todos aqueles que queiran poderán acampar libremente. O cartel deste ano trae ó Parque Municipal ós grupos Gran Treboada, Rumborrachera, Muyayos de Raíz, Phantom Club, Os Chiquilicuatres, Kambotes, Fracasados de Antemano, Os Perqtores, Suzie Q´s, Banda Desarmada e Demetrius. Ademáis haberá obradoiros e xogos de sempre coa Asociación Cultural Os Serandeiros. A tan só un fin de semana da Festa do Pulpo, O Carballiño ofrece boa musica con acento xenuinamente galego e do entorno da comarca.

28, Xullo 2009

A Concelleira de Cultura do Carballiño, Inmaculada Ucha, deu a coñecer as dificultades coas que está a afrontar a organización das Xociviga na súa edición para este verán do 2009, xa que a estas alturas do ano está pendiente a finaciación para o certame cinematográfico carballiñés. Dunha banda, os cámbeos na Xunta de Galicia levaron a Dirección Xeral do Audiovisual a deixar sen efecto as convocatorias polas que se subvencionaban este tipo de festivais, e dentro da política de austeridade e recorte de gastos que veñen anunciando os novos responsables autonómicos. Asi e todo, a Concelleira asegurou que a Xunta está "en predisposición de contribuir a financiar as Xociviga´" a través de axudas que espera recibir por medio da Seretaría Xeral de Medios. O mesmo acontece coa petición de axuda tramitada polo Concello do Carballiño ante o Ministerio de Cultura, ón de o cámbeo do seu titular, tamén motivou a tardanza na resposta á solicitude presentada para as Xociviga. Asi as cousas, e de non concretarse estas axudas, as Xornadas de Cine que veñen celebrandose no Carballiño desde a década dos oitenta do século pasado terían moitos problemas para completar a súa financiación e poder levar a cabo a programación prevista. De todas as maneiras, a concelleira amosouse optimista e confia en que o programa cinematográfico poida desenvolverse a finais de agosto, tendo ademáis como aliciente a estrea das novas equipacións das que foi dotado o auditorio do Carballiño para acoller proxecións cinematográficas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS