29, Agosto 2009

Un veciño da parroquia carballiñesa do Varón atopou o cadáver dun home, mentres realizaba traballos de limpeza no lugar desta mesma parroquia coñecido co nome do Pedregal, a poucos metros do antigo camiño dos arrierios. As primeiras hipóteses apuntan a que pode tratarse do cadáver dun veciño de Leiro residente na localidade de San Cristovo, en Ribadavia, que desaparecera en decembro de 2007, e que durante varias semanas fora buscado sen éxito polas agrupacións de Protección Civil do Carballiño e Ribadavia. A garda Civil procedeu o levantamento do cadáver despois de que o houbese ordenado o Xulgado nº 2 do Carballiño, a quen corresponden as dilixencias.

28, Agosto 2009

O Alcalde de Maside coa autora da exposición, Trinidad Pérez

(Redacción. Belén González) A Casa Consistorial de Maside alberga estos días unha exposición da evolución do cálculo ó longo da historia realizada por unha licenciada en Matemáticas, Trinidad Pérez Gómez, veciña de Santa Coma. O alcalde, Celso Fernández, foi o encargado de inaugurar esta exposición e definiuna como "unha exposición de gran interese e única case en todo o mundo". Esta mostra estivo en diferentes centros de ensino e en diversas universidades, xa que a súa autora decidiu facela para darlle resposta a tódolos alumnos que se preguntan para qué serven as matemáticas. Ademáis, nesta exposición vése como as matemáticas foron resolvendo problemas de contabilidade e de administración. "Calcular non foi sempre tan sinxelo, porque non había ordenadores nin calculadoras", afirma a súa autora. A exposición está dividida en dúas partes: unha parte histórica que versa sobre a evolución dos aparellos como calculadoras, ordenadores, máquinas... As primeiras calculadoras naceron ó redor do ano 1910 e só sumaban e restaban; posteriormente creáronse as que multiplicaban e dividían. Tamén se poden ver regras de cálculo, e diferentes aparellos que foron facendo máis sinxela esta labor. Outra parte da exposición é a evolución dos números romanos ata o que son hoxe en día, porque "facer unha división cos´números romanos, hoxe sería moi difícil".

28, Agosto 2009

Un momento do programa, con Ramón Alvarez

(Redacción. Belén González) Este vindeiro domingo, 30 de agosto, o Concello de Leiro celebra a vixésima edición da Festa da Vendima. Unha celebración con gran tradición que conta con vinte anos grazas á iniciativa dos veciños de Leiro. A tan só un día da festa, tivemos a oportunidade de falar co seu alcalde, Francisco José Fernández, que nos ofreceu unha visión ampla do que acontece no concello e, por suposto, deste festexo ó que acoden centos de persoas. O Concello de Leiro está declarado como Ruta do Viño do Ribeiro; esta ruta do viño é unha asociación formada por 14 concellos que pertencen á Denominación de Orixe. Ademáis, esta ruta está homologada e conta con 30 establecementos asociados; Francisco José Fernández di que esta ruta "é o primeiro paso para facer o turismo do viño e levar  a xente ás adegas". Explotar o enoturismo é clave, porque unha vez que se consiga na súa totalidade esta certificación, isto repercutirá no pobo. Esta ruta do viño favorece á hostelería, ó balneario e a tódalas instlacións turísticas. Outro dos proxectos, xa feito realidade, para facer do Ribeiro un punto de encontro dos turistas é a Mancomunidade Turística da que forman parte Ribadavia, Boborás, O Carballiño e Leiro. O cargo de Presidente desta mancomunidade recae tamén en Francisco José Fernández que declarou que nestes momentos esta mancomunidade leva a cabo un plan director, o cal indica por onde teñen que ir estes concellos para facer deles un atractivo turístico clave. A pesar deste descenso de turistas, o Concello de Leiro sitúase nun cuarto posto no ranking de afluencia de foráneos. O Producto Interior Bruto (PIB) de Leiro pasa polo viño, porque alí atópanse adegas moi importantes. Aproximadamente hai sete adegas punteiras tanto en producción como calidade, o que demostra que o viño no Concello de Leiro é un producto fundamental para sacar adiante esta comarca. Noutra orde de cousas, este verán a crise tamén se deixou caer por Leiro, posto que o mes de xullo deixou un mal sabor de boca na zona, porque a visita de turistas mermou. Pola contra, este presente mes resulta máis positivo en canto a visitantes, o que favorece a situación dos empresarios; moitos dos visitantes optaron por pasar o seu tempo de lecer no río, bañándose ou relaxándose na zona do Salgueiral.

En pouco tempo comezará a construcción dunha casa de turismo rural que terá 17 habitacións, o que se significa que os empresarios seguen apostando por Leiro como atractivo turístico. Con respecto ó Balneario de Berán, as bases xa están aprobadas e agora só queda sacar o proxecto á venda e que un empresa o colla e o saque adiante.

Outro dos convidados foi o Coordinador da Festa da Vendima, Ramón Álvarez, que nos ofreceu as novidades que incorpora este ano a celebración da festa da vendima. O ano pasado participaron vinte carrozas e este ano esperan achegarse a elas. A día de hoxe hai carrozas que chegarán dende o San Amaro, Cameixa -no concello de Boborás- e algunha de Pontevedra. Os premios deste ano aumentaron con respecto a outros anos e a carroza gañadora recibirá 1.000 euros, fronte ós 900 euros do ano pasado. A posición de prata levará 750 euros e a carroza que quede en terceira posición recibirá 500 euros. Só por participar, as carrozas serán premiadas con 300 euros.

Os máis cativos non quedan fora deste festexo e a mellor carroza recibirá 450 euros, a segunda levará 350 e a terceira, 250 euros; 150 euros será o que leven só por presentarse. A xornada festiva e de lecer comezará ás 10.00 da mañá coa recepción de acios na Praza do Cruceiro, os cales se presentan a concurso; o mellor acio recibirá un premio de 90 euros, o segundo mellor acio levará 60 euros e o acio de bronce quedará con 30 euros. Aqueles que queiran participar no concurso de acios terán que presentarse con acios autóctonos ou do Ribeiro.

Ás 11.30 horas darase a benvida a autoridades e convidados na Casa Consistorial; ás 12.00 horas D. Jesús Vázquez, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, leerá o pregón na Praza do Cruceiro e ás 12.30 horas faráse o desfile de carrozas e charangas dende a Rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Festa.  Para ver máis cousas haberá no paseo fluvial a VII Edición do Mercado Artesanal, con 27 artesáns, e unha exposición agrícola. Ademáis, todos aqueles que queiran poderán comer, a partir das 14.00 horas, nunha carpa habilitada para acoller a mil persoas no Salgueiral. As entradas aínda están a venda e pódense retirar en calquera bar de Leiro.  O menú terá un coste de 23 euros e inclúe pulpo, carne ó caldeiro, pan, bica, refrescos, auga, melindres, empanada e queimada. Seguidamente faráse entrega dos premios ós gañadores dos concursos de acios e carrozas.  Despois do xantar, ás 18.00 horas celebraráse un partido de fútbol entre o Leiro e o Ourense B. Ás 20.30 horas, as corais de Val do Avia, Meis e Portugal darán un concerto na Igrexa de San Pedro de Leiro. A partir das 22.00 horas, unha orquestra amenizará a verbena.

Outro dos invitados foi o director da Coral Polifónica Val do Avia, Celso Domínguez. Esta coral ofrecerá un concerto na vixésima edición da festa da vendima xunto coa coral "Canto e encanto" de Portugal e a Coral de Meis na Igrexa de Leiro. Ó remate do concerto, as tres corais cantarán xuntas unha peza. Celso Domínguez mostrouse partidario de cambiar o repertorio cantado polas corais, porque se fai moi repetitivo pero ás veces estas pezas non se poden cambiar, porque hai, según o presidente da Coral Val do Avia, pezas que se fan difíciles de cantar para os grupos; Celso defende a interpretación de cancións enxebres como alalás, foliadas.. porque afirma que "o noso cantar é moi bonito". Ademáis de dirixir esta coral, Celso Domínguez adicase ó cultivo de viñas. "Antes nas vendimas cantábase, pero esa tradición foise perdendo porque agora hai menos xente". Con respecto á colleita, este ano preséntase variable, aínda que a maduración do viño está sendo moi irregular. A caste de treixadura aportará este ano pouca cantidade pero moita calidade, mentres que no xerez a producción é bastante boa en canto a cantidade.

 

28, Agosto 2009

Desta vez, a inquietude levou ó propietario do Bar Cunqueiro, sito na estrada N-541 no cruce coa rúa do Irixo, a chamar á Policia Local do Carballiño para dar conta da existencia dunha maleta que fora abandoada neste local por unhos clientes descoñecidos. Acontecía no transcurso da tarde de onte xoves, tras tomar unhas consumicións, os clientes marcharon e deixaron no bar unha maleta plástica de cor negra. Tralo aviso á Policia Local Carballiñesa, púxose en marcha o protocolo de protección e seguridade que hai establecido para estos casos, e trasladousea sopeitosa maleta atá un descampado no monte da Saleta, onde permaneceu atá que os articifieiros da garda Civil comprobaron que simplemente se trataba dunha maleta que contiña diversa ferramenta. É a segunda vez, neste mes de agosto, que unha maleta provoca alama no Carballiño, xa que o pasado dia 11 fora na rúa Xoán de León, ónde tivera lugar este mesmo sucedido. Daquéla, a maleta contiña roupa vella.

27, Agosto 2009

O Xurado Provincial de Montes Veciñais e Man Común ven de resolver o expediente de clasificación tramitado polos veciños da parroquia de Veiga, rexistrando ó seu favor os montes da Costa, o Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa e Escoirede, todos eles -no seu conxunto- dunha extensión de 33 hectáreas, das que a maioría -case 20 hectáreas-, corresponden ó chamado monte da Costa e o resto ós de Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa, e Escoirede. O Xurado Provincial de Montes Veciñais resolve así o expediente que comezou a tramitarse no ano 2005. No edicto no que se recoñece a propiedade dos veciños de Veiga sobre estes montes, maniféstase que está acreditado o carácter de veciñal mediante as testemuñas dos veciños solicitantes e as actuacións realizadas polo Servizo Provincial de Montes e no que durante a tramitación do expediente se tivera producido reclamación ningunha de titularidade distinta. Así pois, os comuneiros da parroquia de Veiga pasan a ser os lexitimos propietarios de todos estos montes. Nalgúns deles, como o de Escoirede, a maior superficie foi ocupada por edificios públicos como o Centro Comarcal do Carballiño ou a Residencia de Maiores. Tamén forma parte destas parcelas a zona onde se construíu a Pavillón Polideportivo e as piscinas municipais.

27, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) Esta asociación ecolóxica non entende o rumor que circula sobre o posible peche da canceira municipal e pídelle ó Concello do Carballiño algunha explicación ó respecto. Fai días que este rumor circula pola vila e en caso de que isto se faga realidade, demostraríase que o elevado presuposto que alí se invertiu foi "para xustificar o gasto de elevadas subvencións a favor doutros intereses". Ademáis, este feito confirmaría a falta de interese da corporación municipal polos cans que se achan na canceira. "Matar por matar, non" tamén lle pregunta ó concello por qué aínda non se organizou a fundación que debería levar a canceira dende o pasado mes de xuño, a cal foi aprobada nun pleno. Esta fundación tería que haber solucionado os problemas de atención dos animais e "descargado ó concello dunha responsabilidade que é incapaz de atender". A asociación ecolóxica califica de burla e desprezo das normas democráticas o acordo daquel pleno; ademáis pregúntase qué foi da comisión de investigación que se ía crear para aclarar as contas, a inversión realizada e a morte violenta que sufriron os cans recollidos. Dende "Matar por matar, non" manifestan que se a canceira se chegase a pechar, isto "sería un insulto contra a sensibilidade" daqueles que desexan unha vida digna para os animais abandoados e critican o emprego dos fondos públicos no beneficio de terceiros e non na mellora da vila. Tamén lle reclaman ós grupos políticos restantes que tomen medidas para acabar cos abusos, as arbitrariedades e as deficiencias democráticas qe acontecen no Carballiño. A asociación ecolóxica declara: "Pedimos que se aclare mediante un pleno espcecial ou os mecanismos oportunos, se está sendo proxectado o peche da canceira municipal co conseguinte desperdicio dos voluminosos fondos alí invertidos".

25, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) O Clube Fluvial de Avión cumpre un ano de existencia e xa conta con 25 nenos e adultos federados ademáis dun monitor titulado. Este Clube está acadando éxitos importantes en competicións como a Regata de Infantiles de Baños de Molgas; nela conseguiu uns resultados inmellorables: o primeiro posto foi para Paula Moreira Casal en Alevín feminino e o posto de prata recaeu en Diana Santos Araújo en Infantil Feminino. O día 23, este clube participaba na Copa Deputación celebrado en Allariz e conseguindo os seguintes resultados en categorías femininas: o primeiro posto foi para Diana Santos Araújo en Infantil A, un segundo posto para Paula Moreira Casal en Alevín; o posto de bronce foi parar a Carla Cadaya Estévez na mesma categoría e en Benjamin C, Marielena Márquez Barreiro conseguiu un segundo posto. O sector masculino acadou un cuarto posto en infantil representado por Xosé María Iglesias Ogando e en Alevín, Xoan Miguel Iglesias Ogando tamén alcanzou un posto similar. Ademáis de todo isto, na mesma competición de Allariz, o Clube Fluvial de Avión quedou como segundo clasificado no que respeta a clubes participantes.

25, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) Os días 27 e 28 de agosto o Concello de Maside está en festas na honra do San Vitorio. O xoves 27 ás 10.00 horas da mañá tirarán bombas de palenque e o pasarrúas correrrá a cargo da Banda de Música. Ás 12.30 horas celebraráse a misa e a procesión cantada pola Coral A Torre de Maside e ás 13.30 horas a Banda de Música ofrecerá un concerto no Campo de San Antonio. A verbena dará comezo ás 22.00 horas coa tirada de bombas de palenque e coas orquestras Gran Parada e Ciclón. Ás 01.00 horas haberá a tirada de fogos de luces na Fonte da Praza e continuación da verbena. O venres, 28 de agosto a Banda de Música percorrerá as rúas e ás 12.30 horas terá lugar a misa e a procesión cantada polo Coro Parroquial. Ás 13.30 horas a Banda de Música dará un concerto na Alameda. A partir das 22.00 horas as orquestras Televisión de Galicia e Noche de Estrellas amenizarán a verbena ata as 01.00 horas, momento no que se tirará o folión e seguidamente continuarán os festexos. O día 29 os festexos tamén continúan coa romería e xantar popular na Rañoa; esta romaría estará amenizada por un dúo musical. Xa o domingo día 30 celebraráse a 2ª Andaina e a 3ª Carreira Popular do Concello de Maside.

24, Agosto 2009

O Concelleiro Socialista de Piñor, David Fernández Ojea, terá que declarar en sede xudicial sobre o caso da axente electoral do PSOE que viaxou a Buenos Aires entre o 2 de abril ó 23 de maio de 2007, xusto antes de celebrarse as eleccións munipais dese ano. O Xulgado de Instrucción nº 1 de Corcubión, que leva o caso, e investiga se se pagou con fondos públicos a viaxe a Argentina da axente electoral, citou a declarar a varias persoas, entre elas, ó concelleiro de Piñor na súa condición de representante legal da asociación "Viticultores do Castro", a entidade que contratou a suposta axente electoral. O Partido Popular, que viña denunciando o feito desde fai dous anos, mantén que a viaxe a Buenos Aires pagouse con fondos públicos da Consellería de Traballo que foran concedidos a través dunha subvención a esta Asociación, da que é o responsable legal o Concelleiro Delegado do sector agrogandeiro e forestal do Concello de Piñor. Xunto a Fernández Ojea, tamén foron citados a declarar no Xulgado o vindeiro dia 2 de setembro, o máximo responsable de "Viticultores do Castro", Dario Rodríguez, e dous ex-altos cargos do Goberno Bipartito, o Ex-Secretario Xeral de Emigración Manuel Luis Rodríguez e o Ex-Director Xeral de Promoción do Emprego, Alvaro Ánsias.

24, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) As residencias de tempo libre da Xunta van ofertar nos próximos meses actividades con carácter social e cultural. Preto de mil persoas serán as beneficiarias desta iniciativa que oferta a Consellería de Traballo e Benestar que comezará en setembro e rematará en decembro. O obxectivo deste programa é favorecer a comunicación, a participación persoal e o ocio familiar; ademáis celebraráse un programa de termalismo e un encontro de emigrantes procedentes de Venezuela, Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai. A Xunta oferta na Residencia do Carballiño un programa de turismo social na modalidade de termalismo entre o 12 de setembro e o 1 de novembro en catro quendas de 11 días e cunha participación de 120 persoas en cada unha. O mes de novembro acollerá dous programas adicados a emigrantes con quendas de 14 días; haberá dous grupos de 140 participantes cada un. A primeira tanda recibirá a persoas de Venezuela, Brasil, Arxentina, Cuba e Uruguai que poderán voltar á súa terra despois de moitos anos. Na segunda tanda chegarán emigrantes de distintos lugares de Europa e persoas que se atopan en diferentes cidades do país. Un grupo de 150 maiores chegarán a Carballiño en decembro dende diferentes puntos de Galicia para pasar as festas navideñas cos seus familiares a través da iniciativa "Xuntos por Nadal". Esta residencia está pendente da ocupación da quenda do 1 ó 11 de setembro e á que acudirán 155 persoas. As actividades que se levan a cabo neste centro de tempo libre son: coñecemento do entorno, excursións, explicacións sobre gastronomía, cultura e ocio.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS