Os carballiñeses adiantabanse no marcador cun gol de Iago no primeiro tercio do partido e mediada a primeira parte empataba o Lalín. O marcador xa non se movería en toda a segunda parte, na que o Arenteiro tivo varias ocasións para resolver o partido ó seu favor, pero non pudo ser, xa que -igual que co Celanova-volveuse fallar nos últimos metros. De todas as maneiras, comezaron a verse cousas positivas, notandose a incorporación de xogadores como o autor do gol, Iago, ou José Juan, que deixaron destellos de calidade. A seguinte cita da pretemporada no Municipal de Espiñedo será este vindeiro domingo dia 16 de agosto a partir das seis da tarde, co triangular que xogarán os verdes cos dous equipos de primeira autonómica da Comarca. Maside F.C. e C.D. Cea. Os partidos terán unha duración de 45 minutos.
(Redacción. Belén González) Este vindeiro martes, 11 de agosto, inaugúrase na Sala de Exposicións do Concello de Beariz unha exposición cultural da pintora francesa Danielle Segalat. A inauguración da exposición terá lugar a partir das 19.00 horas e nela haberá un aperitivo e viño para tódolos asistentes. Esta actividade coincide coa semana das festas patroais da localidade e está organizada polo Concello de Beariz e a Casa Rural "Casa da Laxa". Esta artista procede de Francia e realiza esta exposición pola súa estadía por terras de Magros e Beariz. Esta viaxe foi decisiva á hora de pintar estas obras, tanto pola súa cor, como paisaxe e patrimonio arquitectónico. Segalat declara que "traballei segundo as fotos tomadas nas vacacións de agosto do 2004 e decembro do 2006. Xa tiven o orgullo de mostrar Galicia a través das miñas exposicións en Francia e alégrome de dispoñer desta oportunidade que me permite poder presentárvolas agora aquí". A exposición permanecerá entre o 10 e o 20 de agosto.
(Redacción. Belén González) A vítima do accidente corresponde coa identidade de Abel García Gulías de 26 anos e veciño de O Carballiño. O mozo, que viaxaba só en dirección a Ribadavia, faleceu practicamente no acto do accidente despois de adiantar a varios coches nas inmediacións de Gomariz, á altura da pista de frenado. Pasadas as 22.00 horas tiña lugar o sinistro na estrada OU-504, estrada que une Ribadavia con Cea -coñecida tamén como eixo de O Ribeiro-. Nun dos adiantamentos o mozo perdeu o control do vehículo, chocou contra o lateral dereito da estrada e envorcou varias veces. O automobil foi valorado como sinistro total. O funeral terá lugar mañá martes día 11, ás 19.00 horas no templo da Veracruz e logo recibirá sepultura no panteón familiar da Igrexa Parroquial de Arcos.
(Redacción. Belén González) O domingo 23 de agosto, Avión celebra a súa primeira andaina popular coa que os participantes percorrerán as rutas de sendeirismo habitilitadas polo Concello de Avión. Tódolos interesados poderánse inscribir por 10 euros ata o 20 de agosto na Casa do Concello, na Biblioteca Municipal ou no Pabillón Polideportivo; ademáis será habilitada unha páxina web para que se poida realizar a inscripción. A andaina comezará ás 08.30 horas da mañá e contará cun percorrido de 17´5 quilometros; os asistentes partirán dende a Praia Fluvial de Avión e o remate do traxecto será no mesmo punto de partida. Ó longo de todo o paseo haberá dous puntos de avituallamento que contará con auga, bebidas isotónicas e alimentos enerxéticos. Durante o traxecto, os asistentes poderán ver lugares curiosos desta localidade como eiras de canastros, a zona fluvial, o antigo castro celta e un longo etcétera. ó finalizar a andaina, os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa, un bocadillo, froitas e bebidas.
Montes recibíu ás portas do Concello ó representante do Goberno Mexicano
Sen incidencias reseñables e con normalidade, mesmo no tráfico, tanto no casco urbano como nos principais accesos ó Carballiño, asi é como está a desenvolverse esta xornada festiva con motivo da XLVII edición da festa do polbo. Diversas fontes consultadas por esta emisora de radio calculan que a afluencia de persoas chegadas desde toda a xeografía galega para disfurar deste dia de festa no Carballiño poden situarse arredor das cincuenta mil, o que converten a este evento na maior concentración gastronómica de Galicia. No acto institucional, que tivo lugar ó mediodia na Casa do Concello, o Alcalde Carlos Montes manifestou "o orgullo que para todos os carballiñeses é poder realizar a representación cultural máis importante que tén Galicia, a festa máis antiga, máis popular e que exalta e resalta o plato gastronómico máis internacional de Galicia". Montes tamén dixo que "a festa é unha homenaxe ás pulpeiras que traballan promocionando este manxar e O Carballiño, e tamén é este ano unha homenaxe a un país que recibíu a tantos paisanos nosos, traballadores e exiliados". O rexidor municipal adicaba estas palabras a México ante o Agregado Cultural de México en España, que encabezaba a representación da Embaixada Mexicana que acudíu atá O Carballiño. Na súa interverción, o representante do Goberno Mexicano destacou a hospitalidade que caracterizou sempre ó seu país e dixo que "tanto Galicia e España como Méjico eran recoñecidos pola súa gran riqueza cultural-gastronómica, dous países de altísima cultura moi por enriba de outras que o único que inventaron foi a carne asada". Tamén acudiron a esta xornada festiva representantes da comunidade galega en México, entre eles o Vicepresidente do Centro Galego en México e o Presidente da Asociación de Empresarios galegos en México.
(Redacción. Belén González) Este vindeiro domingo, día 9 de agosto, O Carballiño está de festa, xa que celébase a XLVII da Festa do Pulpo. No Parque Municipal de O Carballiño espéranse 60.000 persoas, feito polo que as forzas de seguridade e sanitarias veñen de firmar un protocolo de previsión para posibles accidentes e contratempos que poidan surxir pola celebración. Ante tanta expectación, as forzas de seguridade e os organizadores recomendan que os asistentes accedan ó Carballiño polo cruce de Godás, na N-541. As zonas de aparcamento estarán habilitadas nas inmediacións do Parque Municipal como na Avenida del Arenteiro, na Avenida de Vigo e na explanada das Barcias, onde se adaptará un espazo para os autobuses que acudan á festa. Neste novo protocolo para esta cuadraxésima sétima edición, as autoridades competentes de velar pola seguridade terán delimitada a súa labor e estarán autorizadas para trasladar ós feridos e axudar a todos aqueles que o precisen. Este dispositivo estará composto por 45 axentes da Garda Civil, 10 persoas da Policía Autonómica, 18 axentes da Policía Local, un médico, 35 voluntarios da agrupación de Protección Civil. Ademáis contaráse cun técnico provincial que apoiará as xestións de coordinación dos operativos e 15 voluntarios da Cruz Vermella. Tamén se contará cun hospital de campaña e unha zona prevista para un helicóptero se se precisase.
Noutro orde de cousas e co que respecta a gastronomía, para esta edición cóntanse con máis de 200 postos inscritos -máis postos que en edicións anteriores- polo que a crise non se deixa notar neste ano da Festa do Pulpo. En total serán 28 pulpeiras as que estarán espalladas polo Parque Municipal e pola vila; ademáis haberá 14 restaurantes nas inmediacións do Parque e este ano ofrecerán os seus pratos dous novos restaurantes de comida mexicana e 10 bares nos que os asistentes poderán atopar todo tipo de bebidas.
(Redacción. Belén González) O Clube Deportivo Arenteiro está de pretempada para intentar voltar á 3ª división, un desexo que fai que o Clube teña unha nova ilusión. Para esta tempada, o Clube de Espiñedo conta cun orzamento de 162.000 euros, dos cales 36.000 euros irán destinados a pagar a débeda de tempadas anteriores. O proxecto parece sólido e serio despois de que a directiva traballáse arreo para conformar un novo plantel que permite soñar cun curso de alegrías. Despois de rematar a tempada poderánse ver se se cumpliron as expectativas ou, pola contra, hai que rendirse a unha nova decepción. Esta vez a afición está chea de ilusión e expectante cun novo plantel que inspira confianza despois das nove fichaxes realizadas. Este próximo sábado, 8 de agosto, a partires das 19.00 horas, o plantel verde xoga o seu primeiro partido de pretempada contra o Sporting Celanova e isto servirá para comprobar como se pode presentar este curso 2009-2010. Ó Clube do Arenteiro chegaron novos reforzos dende o Verín como Xurxo, Nacho Currás, Fran, José Juan, Iago e Nicol e que proceden de 3º División. Para seguir reforzando o equipo de Marquitos -entrenador do C.D. Arenteiro- chegaron ó Carballiño os futbolistas Victor Oliveira, Marcos Castro e o porteiro Iván González. Ademáis destas caras novas continúan no equipo Tacón, Martin, Diego Soto, Alfredo e outros xogadores que seguirán loitando polo ascenso do clube á terceira. A pesar desta ilusión, hai proxectos que non se remataron a cabo como o famoso muro que segue derrubado a menos dun mes do inicio da competición e da falta de iluminación. Xa veremos como se arranxan estes atrancos, porque en xogo está a imaxe do Clube e da vila.
O alcalde, a educadora social e o técnico de deportes con Xan Pinal
(Redacción. Belén González) O programa de hoxe venres, 7 de agosto, estivo adicado ó Concello de Carballedo, na provincia de Lugo. Un Concello que ten a súa capitalidade muncipal na localidade de A Barrela.Malia a súa pertenencia a outra provincia, a verdade é que está intimamente ligada co Carballiño, tanto na súa raíz toponímica como na escasa media hora que separa a capital do Arenteiro da poboación de Carballedo. Ambos concellos fan honor ó seu nome, xa que están bañados por intensas fragas de carballos e demáis vexetación típica de Galicia. Un dos convidados foi o seu alcalde, Julio Yebra Pimentel que declarou que ve unha profunda confusión no tema das competencias e nos orzamentos. Pimentel reclama máis diñeiro para os medios rurais xa que os pobos máis pequenos son os que menos cartos perciben e, sen embargo, son os que máis recursos e máis gastos teñen debido a distancia entre eles. O seu alcalde tampouco se esqueceu das 175 explotacións, que hoxe en día hai nos 139 quilometros cadrados que ten Carballedo e, na problemática que vive o sector do leite ó no recibir un pago axeitado conforme o traballo desenrolado na gandería. Este ano, tódolos concellos recibiron a axuda do Plan E; en Carballedo están aproveitando esta subvención para reparar os 300 quilometros de estradas que ten todo o concello, ademáis de que están solucionando o problema do canon eléctrico que houbo fai un tempo. Outro proxecto que aínda non está rematado é o nexo entre O Ribeiro e Carballedo, é decir, a estrada A Grela- A Barrela e que se prevé que sexa rematada en pouco tempo. O tramo de autovía denominado San Martiño - A Barrela estará rematado en 2011; un traxecto que unha vez que se abra ó público comunicará Carballedo e Carballiño e apenas 20 minutos. Un polígono industrial é a principal ilusión do alcalde, xa que levan catro anos intentando sacalo adiante e que verá a súa luz cando se remate a autovía e se solucionen tódolos problemas burocráticos. Di Pimentel que o asentamento deste polígono será "un pulo importante no desenrolo deste pobo" e que axudará ó asentamento de poboación qué é o que o pobo precisa.
Nun concello como Carballedo é fundamental a boa comunicación e para iso está Silvia Vázquez, outra das convidadas, que ofreceu unha ampla visión do que son os medios de comunicación nun medio rural. Silvia é a dinamizadora da sociedade da información e a encargada de achegar as novas tecnoloxías a aquela parte da sociedade que ten máis problemas para achegarse á sociedadade da información. Nun medio rural, o acceso a Internet é limitado pero están loitando para ofrecer tódalas facilidades de acceso á rede e proba disto é a boa acollida que tivo por parte da xente maior. Este sector aproveita os servizos que lle ofrece o concello para comunicarse cos seus familiares e seres queridos. Hoxe en día, o concello ofrece dúas salas con oito ordenadores cada unha e á que poden acudir gratuitamente tódolos veciños que o desexen. Ó longo de todo o ano, Silvia leva a cabo diversos talleres e obradoiros nos que pode participar toda a poboación que participa de forma activa. A instalación da banda ancha é outra das preocupacións, xa que na Barrela a cobertura é óptima, mentres que nos núcleos rurais máis pequenos a cobertura non é a axeitada.
A Educadora Familiar, Raquel Vázquez, é a encargada de realizar diversas actividades e de axudar ós máis cativos. En Carballedo pódese achar un PAI (Punto de Atención Infantil) ó que acoden uns 15 nenos de entre 0 e 3 anos en horario de mañá e de tarde. Alí realizan actividades coa axuliar e coa responsable do PAI. O programa de Preescolar na Casa deste ano acolleu a dez nenos que recibían a unha profesora no domicilio; con esta iniciativa as familias quedaron moi contentas e están desexando que se repita para o ano que ven. As actividades que se realizan están relacionadas coa época do ano na que se atopen os máis novos: nadal, carnavais, campamentos rurais en verán... Outro programa levado a cabo pola Consellería de Sanidade é o denominado Concellos Saudables; durante xullo e agosto leváronse a cabo actividades físicas. Para isto, os participantes acoden ó Clube Náutico de Taboada no que realizan xogos e actividades náuticas. Para os maiores, Caballedo ofreceu dous tallleres de hipertensión e unha carpa de medición da complexión corporal.
María Fernández, a responsable de turismo, ofrecéunos unha viaxe polo Concello de Carballedo. María falou dunha ruta románica como San Estevo de Chouzán e San Xoán da Cova que foron declaradas monumento histórico en 1950. A igrexa de San Estevo conserva unhas pinturas na ábside que foron restauradas fai pouco; a igrexa de Santa María de Temes alberga un sarcófago do seculo IV e que se considera unha das principais testemuñas do cristianismo en Galicia. Tamén se achan numerosos cruceiros, muíños e pontes que completan o patrimonio artístico; polo que respeta á paisaxe pódese atopar o Canón do Sil, onde se pode coller o catamarán. As citas gastronómicas como as feiras teñen lugar tres veces ó mes no pobo de Castro cada 17 e 29 de mes e na Barrela celébrase o día 13 mensualmente. Ademáis, está a Festa da carne ó caldeiro o terceiro domingo de abril. As festas santorais concéntranse en xullo e agosto como a de Santiago Apostol e a Ascensión o 15 de agosto. Un dato anecdótico é o do carballo que conta ó redor de 1500 anos e que se considera o avó de Europa. O único que lle fai competencia é unha árbore en Suíza que conta con 950 anos. Este carballo pódese visitar no Pazo de Cartelos, aínda que se atopa nunha finca privada para a cal é preciso pedir cita.
Tamén houbo tempo para o deporte con Iñaki Muñoz que é o Técnico de Deportes e colaborador de actividades xuvenís. As actividades que está levando a cabo son dúas: con maiores e con cativos. Cos máis novos traballa ó longo de todo o curso e coa xente maior realiza actividades de mantemento. Un dato a resaltar por Iñaki foi a boa acollida e a gran participación por parte do sector feminino nas actividades deportivas. "A muller está ocupando basicamente o 60% das instalacións deportivas, chámense públicas ou privadas. De feito, aquí en carballedo, a actividade de mantemento está dominada polo sector feminino", declarou Iñaki. A muller está tomando conciencia do deporte como actividade para favorecer a súa saúde; nas actividades para nenos a porcentaxe de participación feminina está equilibrada con respecto ós nenos. No que respeta ás infraestructuras, o técnico de deportes non se queixa porque contan cos espazos adecuados, aínda que sempre se pode mellorar.
Raquel Castro é unha das cociñeiras dun restaurante e hotel que leva nove anos de traxectoria; o Hotel Río Bubal áchase á entrada da Barrela indo dende Carballiño. Podemos atopar un menú do día moi variado dende uns callos ata un caldo de grelos; como segundo prato hai bacallao ou carne á brasa. Ademáis este restaurante ten un menú especial para celíacos, xa que hai moita xente que chega con este problema. A parte tamén é un hotel e ofrece comidas, convencións, servicios para bodas, comunións, bautizos...
Un xornada radiofónica que abarcou tódalas perspectivas do Concello de Carballedo dende a xestión pasando por turismo, gastronomía, servizos e deportes. Unha localidade a escasa media hora de Carballiño que alberga entre os seus límites xeográficos unha historia relixiosa, arquitectónica e paisaxística. Un pobo que recorre as primeiras pegadas do cristianismo, posúe a árbore máis lonxeva de Europa e arquitectonicamente conta con un percorrido do románico, visigodo e paleocristiá.
(Redacción. Belén González) A reunión entre o Presidente Provincial, José Luis Baltar, e a executiva local do Partido Popular para tratar a política dentro do partido e a política municipal no Carballiño chegou ata dúas horas. O congreso local deberá renovar a presidencia do Partido Popular no Carballiño, posto que algúns dos integrantes do executivo reclaman este cambio. Outro dos temas tratados foi a situación política vivida no Carballiño dende que PSOE e BNG iniciaron as negociacións para poder firmar un pacto de goberno. Baltar ratificou ante a xunta local que dende un principio autorizou a Argimiro Marnotes para apoiar a envestidura de Manuel Amil -actualmente voceiro do BNG- como alcalde do Carballiño. O Presidente Provincial tamén recoñeceu que o lugar do PP no Carballiño é estar na oposición para lograr a alcaldía nas eleccións municipais que terán lugar no 2011. O último congreso celebrado tivo lugar en 2003, ano no que accedeu a presidencia local do PP municipal Guillermo Fernández despois de someterse a unha votación con Jesús Rodríguez -candidato máis próximo ó aparato do partido que lideraba naquel momento a deputada María Dolores Seijas-. Este congreso local xa tivera que haberse celebrado no 2007, pero foi retrasado e convocaráse para o vindeiro mes de novembro ou decembro despois de que teña lugar o congreso provincial.
(Redacción. Belén González) Ás 13.00 horas daba comezo o pleno en sesión extraordinaria para tratar diferentes puntos que atañen ó Concello de O Carballiño. A orde do día foi a seguinte: 1. Aprobación da Acta da sesión anterior. 2. Dación de conta das resolucións de Alcaldía. 3. Dación de conta da liquidación do presuposto xeral do 2008. 4. Corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores celebrado no Pleno do día 2 de xullo. 5. Proposta de alcaldía de participación do Concello de O Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA.
Despois de ler a orde do día, o alcalde daba paso ó pleno que se centrou nos puntos catro e cinco - corrección de erros e proposta de participación en AEDEA. O punto 4 de corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores foi aprobado polo grupo do BNG ó afirmar que "a nosa prioridade é que os proveedores que están pendentes de cobrar poidan facelo". Aínda así, Manolo Amil -o seu voceiro- dixo que había que "tirarlle das orellas" a aquel que non fixo ben os seus deberes. Ademáis, o BNG contemplou que hai facturas que teñen erros graves como a duplicación destas, "feito co que hai que ter moita exquisitez", recalcou Amil. O grupo presidido por Argimiro Marnotes manifestou a súa abstención como no anterior pleno. Marnotes declarou que esta abstención serve para que se poida levar a cabo unha boa coordinación por parte do grupo de goberno local e pedíulle a Carlos Montes que explicase cómo está actualmente o pago ós proveedores (un pago que ascende a 1.160.523 euros). A esta cuestión, Montes dixo que as débedas están case pagadas e que está previsto que se salden na súa totalidade este vindeiro xoves 6 de agosto. Con respecto ó punto 5, sobre a proposta da alcaldía de participación do Concello do Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA, o BNG e o PP manifestaron o seu voto afirmativo. A pesar do seu voto a favor, Marnotes, líder do grupo popular, reclamou que se conte con eles para novos proxectos e que aqueles proxectos que se leven a cabo polos presupostos enviados repercutan no ben da sociedade carballiñesa. Para rematar este pleno, Montes declarou que actualmente están coparticipando no proxecto do Eixo Atlántico os concellos de Melide, Lalín, Monforte e O Carballiño para facer unha analítica da situación socioeconómica do concello e resaltou a participación do Carballiño nos pasados Xogos Atlánticos cun equipo de fútbol. Desta maneira dábase como finalizado o pleno extraordinario que deu como resultado o apoio do BNG ós dous puntos tratados e a abstención por parte do PP ó punto 4 no que se contemplaba a corrección de erros observados no expediente de aprobación de proveedores e a aprobación do punto 5 que recollía a proposta de alcaldía de participación do Concello de O Carballiño na agrupación europea de cooperación territorial AEDEA. .
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 763
- 764
- 765
- 766
- 767
- 768
- 769
- 770
- 771
- …
- seguinte ›
- última »