
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto Nº1 do Carballiño para coñecer de preto o funcionamento dos programas de diversificación curricular dirixidos ao alumnado da ESO que presenta dificultades de aprendizaxe e para o que esta vía pode supoñer unha oportunidade de acadar o título de graduado.
Estes programas de atención á diversidade están organizados en currículos de ámbitos específicos (lingüístico-social e científico-tecnolóxico) que complementan as materias comúns da etapa educativa. Trátase dunha medida extraordinaria deseñada para cursarse en 3º e 4º da ESO, cunha duración dun ou dous anos, en función das necesidades do alumnado.
O Instituto Nº1 do Carballiño é un dos 167 centros galegos que participaron no curso 2024/25 neste programa, do que se beneficiaron 2.323 estudantes grazas a un investimento global de 8,2 millóns de euros, dos cales 4,9 millóns proceden de fondos europeos FSE/FSE+. Durante a xornada tamén participaron por videoconferencia Mohamed Saho Drammeh e Patricia Pérez-Gómez Delaunay, membros da Comisión Europea, que mantiveron un encontro co alumnado e o profesorado participante no programa de diversificación curricular e resaltaron os bos resultados de Galicia.
Grazas a esta colaboración, os centros dispoñen de maior respaldo na planificación horaria, recursos de apoio e materiais específicos, reforzando así o acompañamento educativo do alumnado que máis o precisa. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subliñou que estes programas “están directamente ligados a un dos obxectivos prioritarios da Unión Europea: reducir o abandono escolar temperán e avanzar na inclusión educativa real”.
Nesa liña, salientou que Galicia é actualmente un referente estatal neste ámbito, cun 93,3% do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fronte á media estatal do 85%. A directora xeral destacou tamén que a Xunta continúa reforzando este compromiso a través da Estratexia de inclusión educativa, que incorpora iniciativas pioneiras como os ciclos de FP Básica Adaptada, os programas de acompañamento educativo, os itinerarios formativos adaptados ao alumnado en risco de abandono escolar temperán (como estes) ou a mellora da formación docente en materia de atención á diversidade.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o Torques de Honra 2025 á Dra. Mª Generosa Souto Figueroa en recoñecemento á súa traxectoria no estudo químico-analítico das augas termais e mineiromedicinais, en especial as da provincia de Ourense, impulsando a súa valorización como recurso terapéutico e patrimonial.
Doña María Generosa Souto Figueroa, coñecida popularmente como Marita Souto, é un referente internacional en hidroloxía médica e termalismo científico, e en febreiro deste mesmo ano ingresou como Académica de Número na Real Academia Europea de Doctores.
Asemade, no Carballiño, gárdaselle un grato recordo da súa etapa como directora e docente do IES nº 1 da vila na década dos anos oitenta.
Este galardón, que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual “en recoñecemento do labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro”, seralle entregado á premiada nun acto aberto ao público que se celebrará o sábado 13 de decembro, ás 20,30 h, na Casa da Cultura do Carballiño.
TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA
O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de once galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o undécimo, tres de xeito extraordinario e oito con carácter ordinario e bianual:
Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola.
En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra.
En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.
En decembro do 2023 concedeuse o décimo Torques de Honra ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que recolleu o seu director, Pablo Sánchez Ferro.
O PSdeG-PSOE de Leiro considera “inaceptable” a sucesión de resolucións de cambios de candidatos e renuncias a un proceso financiado con fondos europeos para a contratación do programa “limpeza forestal xuvenil 2025”. As e os socialistas piden ao goberno municipal que asuma “as súas responsabilidades políticas” neste proceso ante o que consideran unha “tomadura de pelo”. Denuncian que o proceso “é un caos”, no que a transparencia “brilla pola súa ausencia”.
Dende o grupo municipal socialista explican que este programa de contratación xuvenil está financiado pola Xunta de Galicia, a través de fondos europeos, e a selección debe realizarse mediante oferta pública, a través da oficina de emprego. Asemade, tal e como apuntan, o concello, neste tipo de programas “debe limitarse a cumprir o procedemento establecido e respectar a orde e criterios da administración competente, sen interferencias, nin decisións arbitrarias”.
Tal e como explican os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González González e Manuel Rodríguez Vázquez, “o 4 de novembro, o concello aprobou unha resolución de contratación e o día 5 rexistrouse xa unha renuncia e substitución inmediata da persoa seleccionada”. Neste senso, os edís socialistas apuntan que a resolución posterior “nomea outro candidato sen aclarar se se respectaron as listas oficiais, nin os criterios da oficina de emprego”.
Ante esta situación, os edís socialistas teñen claro que esta cadea de decisións “irregulares” xera dúbidas sobre “a transparencia e o control do proceso, e podería supor unha desviación dos obxectivos do programa europeo”. González e Rodríguez destacan que “non se pode xogar coa ilusión da mocidade, nin cos cartos europeos que debería servir para garantir un emprego digno e transparente”. Ambos teñen claro que o concello está actuando a base de “improvisación e con total opacidade”.
Ante a situación xerada, dende o PSdeG-PSOE de Leiro veñen de solicitar o expediente completo e tódalas comunicacións coa oficina de emprego, darán traslado a Valedora do Pobo, á consellería de Emprego e ao Consello de Contas de Galicia, e esixen responsabilidades políticas se se confirma trato de favor ou manipulación no proceso. “Leiro necesita decencia e non dedazos”, afirman dende o PSOE, antes de apuntar que “non podemos permitir que os programas xuvenís se convertan en ferramentas de propaganda ou recompensa pública”.
Por último, dende o PSdeG-PSOE de Leiro lembran que tanto o artigo 23.2 da Constitución Española como o artigo 53 do Estatuto Básico do Empregado Público “garanten o acceso ao emprego público en condicións de igualdade, de mérito e de capacidade”.
O RAPOSO, A XINETA E O TEATRO DE SUSANA
“De quen fixo da alcaldía un escenario e agora se queixa do guión.”
“O raposo no galiñeiro”, dis ti.
Pois se hai algún, fuches ti quen lle abriu a porta cando fixeches da alcaldía o teu propio corral particular. Peor có raposo é a xineta: escóndese, róubao todo e logo fai ver que non foi ela. O Irixo xa sabe ben o que é terte gobernando: personalismo, prepotencia e un Concello bloqueado pola túa incapacidade para entenderte nin co teu propio grupo nin cos demais concelleiros.
Escoitarte falar de “falta de traballo” ou de “proxectos herdados” é como ver a quen deixa un papel en branco e logo quere que lle dean as grazas por escribir o libro.
O que ti chamas proxectos eran simples anuncios e propaganda de bar. As obras que hoxe se están vendo no Irixo son resultado do traballo do actual goberno, que tivo que proxectar, tramitar e executar o que ti deixaches sen orzamento, sen documentación e, nalgúns casos, sen sentido.
Dicir que non se convocaron plenos en dez meses é outra falsedade máis: houbo dous plenos extraordinarios, e ademais o secretario municipal estivo de baixa, polo que houbo que incorporar un novo. Pero ti, que nin sabes como funciona a administración, prefires manipular antes que informarte e dicir a verdade.
Tamén falas de obras “mal feitas” que nin sequera fuches ver. Opinas de oídas, porque pasar tantas horas no bar non deixa moito tempo para comprobar as cousas. E o máis curioso é que agora andas vendendo, ou cando menos dando a entender, que a obra de Alemparte foi idea túa, cando desde que fuches buscar os votos por alí non volviches máis. Se che interesa tanto, vai vela: aglomerado en quente, ben feita, e non a trapallada de firme que deixaches en Rivela e Santiso. Alí a Deputación fixo a obra e, ademais, concedeu unha subvención de 40.000 euros, cos que ti fixeches un simple rego asfáltico vendido como se fora unha gran obra. E xa sabemos todos que esa chapuza non vale nin de lonxe o que custou.
E xa que falas de “intereses persoais”, cómpre lembrar quen mandou hormigonar para si mesma o acceso á súa casa turística do río e á súa eira privada que ten detrás, mentres deixaba en terra as entradas doutros veciños do mesmo camiño. Despois buscaches a escusa de sempre: que era “para o chilote que ten alí ao lado o Concello”. Outra mentira máis. E xa que estamos, outro día falamos tamén dalgunhas facturas de traballos sen executar ou con importes inflados para xustificar pagos e favores a cargo do diñeiro do Concello… porque diso tamén houbo, e todos sabemos que un simple "xogo para nenos" non vale case dez mil euros.
Do raposo falas ti… pero no galiñeiro xa deixaches máis dun burato.
Igual a Fiscalía tiña que pedir as facturas do teu ano de goberno. ¿Dicímosllo?
E iso de que vas ir “casa por casa” tamén fai graza. Igual querías dicir “bar por bar”, que é onde pasas máis tempo contando as túas versións e repartindo culpas. Mira que agora xa non podes cobrar dietas por andar por aí… que seica as chegaches a cobrar ata por ir ós enterros.
O señor Cerdeira —por moito que che pese— gañou as eleccións e quedou a unha ducia de votos da maioría absoluta. Ti quedaches con tres concelleiros, pero se non chegaras a levar na túa lista ao concelleiro de Corneda, que tanto utilizaches para chegar á alcaldía e despois che sobrou cando deixou de servirche, terías quedado con dous, a metade dos que sacou o Partido Popular. Esa é a túa maneira de facer política: usar ás persoas mentres che son útiles e apartalas cando xa non che valen.
E xa que tanto che gusta poñer exemplos, poderías aprender algo do que foi o teu propio socio de goberno do PSOE, o tenente de alcalde que dimitiu cando viu que non eras quen de respectar nin as súas competencias nin o acordo de goberno. Ti si deberías aprender a asumir responsabilidades, sobre todo despois de fracasar dúas veces seguidas ao tentar aprobar uns orzamentos que nin o teu número dous quixo apoiar.
Non sabemos quen será alcalde ou alcaldesa dentro de dous anos, pero o que si parece cada día máis claro é que ti non.
Cando che convén, pos voz conciliadora e falas de unión; cando non, insultas e atacas. Tes un don para manipular, para aparentar o que non es, e iso xa non engana a ninguén. Porque quen te coñece sabe ben o que se agocha detrás desa voz doce e dese ton de vítima.
O tempo das mentiras, das escusas e dos teatros xa pasou. O Irixo merece seriedade, non política de taberna. E mentres ti segues co teu papel de vítima, outros —sen ruído— seguen traballando polos veciños e poñendo o Concello a funcionar
Entre o bar, a radio e as mentiras, non che queda tempo nin para traballar.

O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga arrancará o mércores 19 de novembro coa estrea mundial da peza “As maos da pulpeira”, dirixida por Silvia Cachafeiro, a primeira produción audiovisual protagonizada por mulleres pulpeiras.
A obra rodouse integramente na comarca do Carballiño a finais de 2024 e foi producida pola recoñecida compañía Matriuska Producciones. Ademais, conta con financiamento do ICAA, Deputación de Ourense e Agadic e coa colaboración do Concello do Carballiño.
A curta presenta a Concha e Ramona, dúas pulpeiras do Carballiño dos anos 50 que están traballando nunha romaría. A través delas, o público coñecerá o traballo das pulpeiras naqueles anos de pobreza e emigración, así como a importancia da sororidade e do apoio entre as mulleres. “A idea xurdiu dunha conversa cunha pulpeira, cando descubrín como era o oficio das pulpeiras nos anos 50 e 60, e como actualmente está a cambiar”, explica a directora, Silvia Cachafeiro.
O elenco está formado por actrices e actores profesionais, como Miguel de Lira ou Susana Sampedro, pero tamén por pulpeiras do Carballiño que actuaron diante das cámaras por primeira vez. “Foi unha experiencia vital meterme nunha personaxe e verme nun escenario con toda a montaxe e a produción”, explica Emma del Rosario, actriz protagonista e de familia pulpeira.
“A curta é unha aposta polo oficio desta terra, un xeito de proxectar e visibilizar á muller matriarcal daqueles anos, que pode con todo, e un convite para que as mulleres se replantexen esa forma de vivir sen pedir axuda, tirando para adiante soas”, engade. Sally Iglesias, actriz coprotagonista, tamén pon en valor a experiencia da rodaxe.
“Foi espectacular, tanto coa produtora, a directora, o guionista, vestiario, maquillaxe… Fomos como unha familia e aprendimos moitísimo”, asegura. A directora e as actrices convidan á veciñanza do Carballiño, así como á poboación da contorna, a achegarse o día 19 á estrea. “Creo que é bonito como figura galega que é a muller pulpeira vir apoiar o proxecto e ver como se representa no cine. Case todas as actrices son pulpeiras, e tamén estivemos asesorados por mulleres que traballaban naquela época”, detalla a directora, quen tamén destaca o traballo do guionista, Duarte Caseiro.
A proxección será ás 20,30 horas o día 19 no Auditorio Manuel María, e estará seguida dun coloquio aberto co público, no que participará o equipo técnico e artístico da película.
Prazas esgotadas para o obradoiro infantil
O obradoiro infantil de foley e dobraxe enmarcado nas Xociviga, que se celebrará o sábado 15 de novembro, completou xa o seu aforo en tempo récord. A organización agradece a enorme acollida e o interese das familias, que confirman o éxito desta proposta educativa destinada a achegar o cinema aos máis pequenos.
Por outra banda, a semana próxima dará comezo a competición de videoclips en liña, que contará coa votación do público a través de Instagram. As obras seleccionadas son “Hibernarse”, de Fillas de Cassandra; “Aquí Sempre Tes Casa”, de Dani Cornes; “Equilibrar”, de Hugo Guezeta e Guadi Galego, “Perdín a Memoria”, de MJ Pérez; “Metamorfose”, de Peitoescuro, e “Ontes fun moi malo”, de Grande Amore.
O público poderá visualizar os vídeos e participar activamente na elección do Mellor Videoclip XOCIVIGA 2025, reforzando así o vínculo directo entre o festival e a súa comunidade.

A partir de hoxe acaba unha era no Carballiño. A estación de autobuses pechou para sempre. Agora a mollarse e pasar frío na rúa. Por certo, primeiro día do cambio e xa con problemas. Autobuses parados no medio da rúa interrompendo o tráfico. Así imos ben. Botando de menos o que tiñamos involucionamos como sociedade.

Nos estudos de COPE O Carballño celebrouse unha nova entrega do espazo máis lonxevo desta emisora de radio, a deste venres 7 de novembro, coa participación como contertulios de José Antonio Barge, Sebas Lamazares, Fátima Gómez, Manuel Nogueira e Gonzalo Rodriguez, e con Xan Pinal como moderador.
Escóitao aquí:

A corporación municipal do Irixo reuníuse esta mañá na primeira sesión de pleno que se celebra en varios e tamén a primeira que se convoca tras o acordo entre a alcaldesa Rosa María Dalama e o Partido Popular.
Precisamente, nesta sesión oficializouse ante o pleno a nova situación política no concello do Irixo, dándose conta ao pleno da delegación de competencias feita pola alcaldía a favor dos concelleiros do grupo popular, e o nomeamento como primeira tenenta de alcadesa de María José Villanueva, tamén concelleira do Partido Popular.
A exalcaldesa Susana Iglesias, e agora na oposición como portavoz do grupo “Xuntos polo Irixo” achegou á audiencia de COPE O Carballiño o seu punto de vista sobre esta nova etapa política.
Aquí podes escoitala:

A Deputación de Ourense, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, e a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, promove un ano máis un proxecto de harmonía dos viños coa arte e coa música na que vai ser a undécima edición de “CataArte”.
A presentación desta iniciativa contou coa presenza do vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; co director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; e presidenta do CRDO Ribeiro, Concha Iglesias; e a presidenta da Asociación Diabética Auria, Paz Gómez del Valle. Esta iniciativa, altamente consolidada ao longo dos anos, desenvolverase os xoves 13, 20 e 27 de novembro.
CataArte consiste na cata de viños dunha adega pertencente á D.O. Ribeiro no entorno dunha exposición artística e complementada cun concerto musical de entre 30 e 40 minutos.
No eido vinícola, os colleiteiros Pousadoiro e Casal do Canteiro serán os protagonistas da primeira xornada, o 20 de novembro será o momento de coñecer máis polo miúdo o proxecto de Bodegas Casal de Armán e o broche final, na derradeira sesión, virá da man de Bodega Alanís.
O apartado musical desta edición correrá a cargo de The Lie’s project (13 de novembro), Álvaro Alonso DJ Verbena (20 de novembro) e Besbellos (27 de novembro).
Novamente, esta edición contará co acceso en forma entrada solidaria, cun prezo de 5€ por sesión que se deberá adquirir unicamente a través do portal electrónico Entradium.com, sendo un ano máis un evento solidario que destinará todo o diñeiro recadado á Asociación Diabética Auria.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, salientou o aspecto de compromiso social corporativo tanto do Ribeiro como da Deputación para apoiar esta iniciativa durante máis dunha década e puxo de manifesto que “o gran éxito de CatArte demostra que viño da D.O. Ribeiro, a arte e a música harmonizan á perfección”.
A presidenta do Consello Regulador D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, tamén incidiu no compromiso das adegas con esta vertente social e na absoluta consolidación desta actividade ao longo dos anos. “Dende o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e agardamos seguir traballando xuntos en moitas máis edicións”, dixo a presidenta.
Paz Gómez del Valle, presidenta da Asociación Diabética Auria, agradeceu o apoio e a visibilización que con esta acción se conseguirá cara a asociación que dirixe, constituída no ano 2002 e que ten por misión reunir ás persoas con diabetes da provincia de Ourense e as súas familias, a fin de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.
Esto que está pasando en el Instituto de Señorin es por culpa de la Falta de Educación de los PADRES, de los HIJOS y en tercer lugar de los PROFESORES.
Es mucho más comodo estar en una sala leyendo el periódico o de chachara que estar vigilando al alumnado, cuando yo estudiaba habia siempre entre 2 o 3 profesores vigilando por el patio y uno de guardia vigilando por dentro. Siempre habia un profesor de guardia que vigilaba el interior del colegio, por lo cual todo estaba abierto no habia nada cerrado y estas cosas no pasaban
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »