14, Maio 2025

Por terceiro ano consecutivo, o Festival Internacional Pórtico do Paraiso ten entre os seus escenarios o mosteiro de Santa María A Real de Oseira.

Será este próximo domingo dia 18 de maio, coa actuación do grupo valenciano "Spanish Brass", con 35 anos de traxectoria musical, sendo un dos grupos de cámara máis consolidados do panorama musical internacional.

Para a compra anticipada de entradas (15 euros)e máis información do festival, preme na seguinte ligazón: https://www.porticodoparaiso.com/

Aquí podes escoitar a entrevista a Juan Enríque Miguéns (Director) e Conchi Dasilva (Coordenadora de xestión)do festival.

14, Maio 2025

Son moitísimos os veciños e veciñas deste pobo que cada día se dirixen a nós con multiples queixas por culpa dun Concello desnortado e que castiga co abandono e o desleixo á meirande parte dos mesmos.

Semellaba case imposible pero a entrada do PP no goberno xunto co PSOE só fixo que empeorar a situación.

11 concelleiros, case 200.000 euros en soldos e dietas e ningún deles é quen de garantir uns mínimos en servizos tan básicos coma a limpeza viaria.

Anuncios, fotos e fume a domicilio temos o que queremos e máis pero a realidade é a que padecemos cada día os que vivimos aquí.

Sirva como exemplo a rúa Castelao, na contorna dos Catro Camiños. Unha zona densamente poboada e das de maior crecemento dos últimos anos que está no estado que acreditan as fotos que nos fan chegar varios veciños da zona.

Dende aquí demandamos ao goberno PPSOE que se deixen de darse autobombo con anuncios vacuos e que se poñan a traballar polo menos no básico.

Asdo: Espazo Común, Concello do Carballiñoo

13, Maio 2025

O presidente provincial, Luis Menor, lembrou no Carballiño que a de Ourense é a única Deputación galega con xestión directa na recollida de lixo, “un servizo no que temos implicación máxima para mellorar o medio ambiente”, e lembrou que o esforzo da ciudadanía á hora de xestionar os biorresiduos “ten recompensa, neste caso fiscal”, lembrando as bonificacións implantadas na ordenanza provincial que regula o servizo.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, agradeceu á Deputación de Ourense o seu compromiso co axeitado tratamento dos refugallos e a aposta por estender a compostaxe polos concellos da provincia, contribuíndo á implantación dun sistema sostible de xestión de residuos, “un exemplo a exportar”, recalcou

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, manifestou o seu agradecemento á Deputación e á Consellería “a súa implicación nesta aposta como proxecto piloto que será un elemento substancial no noso servizo de recollida de lixo".

A Deputación de Ourense é beneficiaria dunha axuda económica de 540.550,93 € a través da Xunta de Galicia, cofinanciada polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation EU, para a posta en marcha de diversos proxectos destinados á implantación e mellora da recollida separada e o tratamento de biorresiduos na provincia. Precisamente, un dos lugares onde se implantará este sistema mediante é a urbanización da Uceira, no Carballiño, ao que hoxe acudiron os responsables das tres administracións implicadas: Luis Menor, presidente da Deputación; a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

O presidente provincial, Luis Menor, lembrou que a de Ourense é a única deputación de Galicia beneficiaria destas axudas, xa que é a única das catro institucións provinciais con xestión directa no servizo de recollida de lixo. Un servizo, recalcou, “co que temos implicación máxima, non só na súa mellora operativa, senón tamén para mellorar o medio ambiente”. Ademáis, puxo en valor que o esforzo da cidadanía á hora de xestionar os biorresiduos que xeren “ten recompensa, neste caso fiscal”, lembrando as bonificacións implantadas na ordenanza fiscal que regula o servizo e que pretende avanzar cara un modelo de xestión de residuos máis sostible e eficiente.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, agradeceu á Deputación de Ourense o seu compromiso co axeitado tratamento dos refugallos e a aposta por estender a compostaxe polos concellos da provincia, contribuíndo á implantación dun sistema sostible de xestión de residuos, “un exemplo a exportar”, recalcou.

Pola súa banda, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, manifestou o seu agradecemento á Deputación e á Consellería “a súa implicación nesta aposta como proxecto piloto que será un elemento substancial no noso servizo de recollida de lixo”.

A proposta da Deputación articúlase en dúas liñas de actuación principais:

A primeira liña está centrada na sensibilización e captación de grandes produtores de materia orgánica. Céntrase na consolidación e expansión da recollida selectiva de biorresiduos (contedor marrón) entre os grandes produtores de materia orgánica naqueles 14 concellos da provincia de Ourense con máis de 2.000 habitantes que teñen delegado o servizo nesta administración. O obxectivo é dobre: reforzar a concienciación e participación dos usuarios actuais e captar novos grandes xeradores de residuos orgánicos interesados en sumarse a esta práctica.

A segunda liña persigue o impulso da separación e reciclaxe na orixe mediante compostaxe doméstica e comunitaria. Engloba dous proxectos clave para fomentar a autoxestión de biorresiduos a nivel local. Así, o primeiro deles é a nova campaña de compostaxe doméstica: Prevese a entrega de 3.000 composteiros nos 59 concellos que teñen delegada a competencia da recollida de residuos, acompañada dun manual informativo e formación para os participantes. Esta acción duplica o número de composteiros distribuídos en campañas anteriores, dando unha maior cobertura á provincia.

Áreas de compostaxe comunitaria

O segundo proxecto da segunda liña céntrase na mellora da compostaxe comunitaria: A Deputación de Ourense xa conta con seis áreas de compostaxe comunitaria en urbanizacións de tres municipios de máis de 5.000 habitantes. Con esta axuda, realizaranse melloras para facilitar o uso aos veciños, como a instalación de sumidoiros nas billas para a limpeza dos caldeiros nos que se levan os biorresiduos e o establecemento de pechaduras nominativas nos módulos abertos á cidadanía. Este último punto permitirá rexistrar aos usuarios e aplicarlles de oficio a redución da taxa de lixo, tal como se recolle na ordenanza fiscal provincial (BOP Nº 249, venres, 27 de decembro de 2024).

En definitiva, estas iniciativas, que abarcan tanto a recollida selectiva do contedor marrón en grandes produtores a grande escala, como a compostaxe a nivel doméstico e comunitario, forman parte da Estratexia Provincial para a implantación dun sistema sostible de xestión dos biorresiduos, nun territorio coas particularidades da provincia de Ourense. E, máis aló do cumprimento da normativa e a redución do impacto ambiental, estas medidas buscan ofrecer aos cidadáns ferramentas efectivas para a xestión dos seus residuos orgánicos e a posibilidade de beneficiarse das reducións fiscais que inclúe a ordenanza fiscal provincial, como novidade.

12, Maio 2025

Lilian Cerdeira (na foto  o dia do debate electoral de 2023 en COPE O Carballiño) presentou un escrito no rexistro do concello de Avión no que comunica ao pleno municipal que abandona VOX, a formación política pola que resultou elexida nas eleccións municipais de 2023, convertíndose no único cargo electo de VOX en Galicia.

No escrito, no que alude a motivos persoais para tomar esta decisión,  tamén comunica que seguirá formando parte da corporación municipal de Avión, polo que pasará a formar parte do grupo de non adscritos neste concello no que goberna o Partido Popular con maioria absoluta.

11, Maio 2025

Cun espectacular final de liga na que as rapazas de Alba Rodríguez gañaron os seis últimos partidos desputados, as verdes ascenden xunto co San Roque Casablanca vigués á Primeira División Galega do fútbol feminino, e serán o máximo representante da provincia de Ourense no fútbol feminino para a próxima tempada.

O Arenteiro certificou o seu ascenso no derradeiro partido do campionato na Segunda División Galega, xogado este domingo no campo  vigués da Gándara, onde as carballiñesas impuxerónse ás locatarias do Valadares por 0-2, con goles de Maria Juan e Sara Fernández, ambos no úlitmo cuarto de hora do partido.

Ficha do partido:

https://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodA...

10, Maio 2025

Este é o aspecto que presenta o "Punto Limpo" de Longoseiros dende hai dúas ou tres semanas. Semella que en vez de vivir no século 21 vivimos no século 15. Esta é unha situación que se produce reiteradamente nos últimos anos.

En anteriores ocasións, son algúns dos propios veciños os que proceden á limpeza da zona con mangueiras e cepillos, xa que ninguén de Concello ou Mancomunidade fai nada ó respecto.

A falla de civismo por parte dalgúns veciños, unido á deixadez por parte de Concello e Mancomunidade, provoca esta falla de hixiene que conleva riscos para a saúde pública inaceptables.

Temos os veciños de Longoseiros que seguir soportando esto? As autoridades sanitarias non actúan de oficio en estas situacións? Esta exposición dos veciños a graves riscos de enfermedades infecciosas, e caldo de cultivo de bacterias, fungos e demáis microorganismos nocivos para a saúde, non lle compete ou importa a ningúen? 

 

9, Maio 2025

Manuel Rodríguez, voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro, lamenta que o alcalde insista en cuestionar a súa lexitimidade como concelleiro polo feito de non residir no municipio, cando a súa elección como concelleiro cumpre estritamente coa normativa electoral, que permite presentar candidatura noutro municipio sempre que se cumpran os requisitos legais, como é o seu caso.

“A miña responsabilidade coas veciñas e veciños de Leiro non depende do lugar onde estea censado, senón do traballo que desenvolvemos cada día tanto o meu compañeiro Pedro Jose como eu mesmo, do control e fiscalización constante que fagemos do goberno municipal e das nosas propostas que presentamos en beneficio do noso concello e dos nos@s veciñ@s,” sinala Rodríguez.

O voceiro socialista subliña ademais a contradición do alcalde, que mantén no seu grupo de goberno dúas persoas censadas en Leiro pero con residencia habitual fóra do municipio —un en Ourense e outra concelleira en Celanova—, sendo unha delas ademais beneficiaria dun salario público a tempo parcial por exercer responsabilidades de goberno.

“Se aplicamos o criterio do señor alcalde, entón deberiamos dubidar tamén da súa vinculación con Leiro? Ou só vale para intentar desacreditar á oposición?”, pregunta Rodríguez.

Desde o Grupo Municipal Socialista esíxese respecto institucional, coherencia política e o fin dunha actitude claramente hipócrita, que só pretende desviar o debate das cuestións importantes do pleno e do dia a dia cara a ataques persoais que non achegan nada aos intereses da veciñanza.

“O PSdeG seguirá traballando para defender os dereitos da veciñanza e exercer unha oposición útil, firme e construtiva, a pesar das provocacións dun alcalde máis preocupado por desacreditar ca por gobernar,” conclúe o comunicado.

9, Maio 2025

Na Tertulia deste venres 10 de maio participan Sebas Lamazares, Fátima Gómez, Manuel Nogueira e José Antonio Barge, xunto a Xan Pinal.

Como cada venres en COPE O Carballiño neste repaso comentado á actualidade informativa da semana, sempre en clave local e comarcal.

Escóitaa aquí:

 

8, Maio 2025

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia “graves” deficiencias por parte do goberno municipal do Partido Popular durante a recente limpeza levada a cabo en varias rúas do centro urbano do municipio. As e os socialistas consideran que durante a limpeza das rúas “non se cumpriron cunhas mínimas condicións de seguridade” e optouse pola “improvisación”, sen avisos previos á veciñanza destas actuacións.

O grupo municipal socialista en Leiro, a través dos seus concelleiros, Pedro José González e Manuel Rodríguez Vázquez, vén de presentar unha queixa formal dirixida ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, ante o que cualifican como “proceder caótico, inseguro e pouco profesional”, en relación a última limpeza viaria realizada polo consistorio no centro urbano de Leiro.

Os edís socialistas relatan que durante os traballos de limpeza “houbo numerosas eivas e deficiencias e non se tivo en conta as condicións mínimas de seguridade”. Neste senso González e Rodríguez explican que “se empregou unha desbrozadora sen as proteccións regulamentarias, poñendo en risco a viandantes e vehículos á proxección de pedras e restos varios”. Tamén denuncian o uso dun soprador de aire “sen ningún tipo de control, que levantou po e residuos, afectando a establecementos, vivendas e coches”.

Para os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro “é primordial que se informe previamente á veciñanza, mediante carteis ou a través das canles oficias de estas limpezas, algo que non sucedeu nesta ocasión”. Pedro José González e Manuel Rodríguez consideran que este tipo de actuacións improvisadas “non son aceptables”. Tal e como apuntan “estamos a falar de saúde pública, de seguridade cidadá e de respecto á veciñanza”.

Ante esta situación dende o PSdeG-PSOE de Leiro esixen “a revisión urxente do protocolo de limpeza, o emprego de medios seguros e axeitados, a obrigatoriedade de realizar avisos previos nas canles oficiais e a depuración de responsabilidades ante esta mala praxe”. Asemade, tamén conclúen sinalando que “Leiro merece uns servizos públicos planificados, seguros e acordes coa dignidade que debe ter calquera municipio”.

7, Maio 2025

O alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, explicou en COPE O Carballño os motivos que levaron ao concello a  recomendar á veciñanza que se abstivese de consumir auga procedente da rede municipal de abastecemento.

O problema estivo no apagón eléctrico da pasada semana, o que motivou o estancamento da auga no principal depósito distribuidor do Outeiro Grande, e provocou que se alteráse un dos valores sanitarios. Un problema, dixo o alcalde, que xa está superado.

Ademáis, o rexedor municipal tamén contestou a varias preguntas da audiencia de COPE O Carballño, e valorou moi positivamente a entrevista do pasado venres co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que ambos mandatarios acordaron reactivar o proxecto de erradicación do chabolismo na Fontela.
Escóitao aquí:

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS